xoves, 4 de setembro de 2014

595

'non angli, sed angeli'
commons.wikipedia.org
xaneiro, 1: Gregorio I reprocha ao patriarca de Constantinopla que se proclamara ‘patriarca ecuménico’.

febreiro, 28: asemblea de Colonia, onde Childeberto II ordena que as decisións tomadas nas asembleas de marzo precedentes sexan transcritas; publica un edicto que modifica a lei sálica.

primavera: terceira campaña de Priscus, quen dirixe unha forza de refresco que segue o Danubio ata Novae para socorrer Singidunum, asediada e saqueada polos avaros e abandonada cando se acercan as forzas imperiais.

primavera: Wendi ordena confiscar as armas en posesión de particulares, que deben ser destruídas; a única excepción afecta as provincias de fronteira.

verán: os avaros atacan a Dalmacia.

(suposta) anécdota ‘laudatoria’ sobre Gregorio I: pasa diante dun posto de venda de escravos e ve un grupo de mozos fermosos e de longos cabelos louros; pregunta de onde son, ‘anglos’ e replica ‘non angli, sed angeli’. De aquí partiría o seu interese por ‘evanxelizar’ a ‘angla terra’ (Britannia pasa a ter unha denominación alternativa), misión que encomenda a Agostiño de Canterbury.

xuño: Agostiño de Canterbury sae de Roma acompañado de monxes beneditinos a Britannia, a ‘cristianizar’ a Aethelberht e Kent. Leva cartas para os bispos e acompáñanos intérpretes francos.

agosto, 12: Gregorio I dirixe a carta ‘o quam bona’ sobre a simonía ao bispo Virxilio de Arelate.

Childeberto II guerrea contra os varnos, que se rebelan en Turinxia e son practicamente aniquilados (non volven aparecer nas fontes escritas).

setembro, 2: morre Xoan IV, patriarca de Constantinopla, logo de mediar sen éxito cos monofisitas.

Muhamad casa con Khadija.

outubro: Childeberto II morre; súa nai Brunequilda tenta asumir o poder como rexente dos seus netos, Teodeberto II e Theuderico II.

os lombardos saquean Terracina, importante punto de apoio militar bizantino.

Gaidoaldo, duque de Trento.

Bernicia conquista o reino britano de Hen Ogledd (‘o vello norte’), nos Penines. O rei Dynod Bwr morre na loita e a súa familia foxe a Powys.

Supratisthita Varman sucede a seu pai Susthita Varman como rei da dinastía Varman en Assam (NE de India).

iníciase a construción da ponte Zhaouzhou (‘ponte de paso seguro’) na provincia Hebei durante a dinastía Sui.

K’inich Hix Chapat, soberano da cidade maia Toniná.

Heraclio acompaña a seu pai (Heracilo o vello) ou visítao cando este é magister militum per Armeniam. O que ve e aprende serviralle no futuro; perfecciona a súa educación literaria: probablemente é bilingüe (grego e armenio).

carta de Liciniano de Cartaxena a Vicente de Ibiza, proba do mantemento do bispado da illa; este feito e o elevado número de edificios relixiosos en Mallorca e Menorca probaría que tamén permanecían bispos alí durante a presenza bizantina.

a carta de Liciniano responde a unha previa de Vicente non conservada; Vicente informáralle da que lle chegara una ‘carta caída do ceo’, escrita por Cristo, que lera no púlpito, e na que se exhortaba a gardar o domingo, do mesmo xeito que os xudeus gardan o sábado; isto é, sen realizar ningún tipo de traballo, nin viaxe, …

Liciniano non concorda con Vicente e amoéstao por ter dado crédito a tal cousa, indicando cal debe ser o comportamento dos fieis en domingo: traballar como de costume e non dedicarse a “bailar, danzar e retorcer de mala maneira os membros que Deus formou harmoniosos e cantar cancións lixeiras que excitan a lascivia”.

da carta podemos deducimos: 1/ os bispos de Baleares están vinculados á sé metropolitana de Cartaxena durante a soberanía bizantina (carácter amoestador de Liciniano); 2/ a credulidade de Vicente testemuña a escasa formación doutrinal e teolóxica do clero das illas; Liciniano queixarase posteriormente a Gregorio I de que lle era imposible atopar xente apta para o sacerdocio, só atopaba bígamos e xente que non sabía máis que o ‘painoso’; 3/ o carácter xudaizante da carta ‘caída do ceo’, procedente de Ibiza, vólvenos a falar da xudería balear, que estaría en boa convivencia coa comunidade cristián, situación que mudará no s. VII en conxunción coa ameaza islámica, de que se lles ve como colaboradores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario