Amosando publicacións coa etiqueta Sisenando. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sisenando. Amosar todas as publicacións

venres, 11 de setembro de 2015

Argimundus: rebelde suevo?

malalanahistoria.wordpress.com
extracto da Crónica do Biclarense

14 Iohan. Bicl. Chron. a. 590.3: Reccaredo ergo orthodoxo quieta pace regnante domesticae insidiae praetendeuntur. nam quidam ex cubiculo eius, etiam prouinciae dux nomine Argimundus aduersus Reccaredum regem tyrannidem assumere cupiens, ita ut, si posset, eum et regno priuaret et uita. sed nefandi eius consilii detecta machinatione comprehensus et in uinculis ferreis redactus habita discussione socii eius impiam machinationem confessi condigna sunt ultione interfecti. ipse autem Argimundus, qui regnum assumere cupiebat primum verberibus interrogatus, deinde turpiter decaluatus, post haec dextra amputata exemplum omnibus in Toletana urbe asino sedens pompizando dedit et docuit famulos dominis non esse superbos

Argimundus
ex cubiculo eius – destacado membro da Aula Rexia de Recaredo
etiam prouinciae dux – duque provincial
machinatione – autor dunha conspiración
tyrannidem assumere cupiens, ita ut, si posset, eum et regno priuaret uita – apoderarse do reino e acabar coa vida do rei
maiestas – delito de lesa maxestade

a incorporación de Callaecia foi un asunto grave para os godos; solucionado en varias etapas:
- UN, de bloqueo da expansión territorial sueva que finaliza coa submisión e conquista do reino (anos 573-585);
- DOUS, de conquista con Leovixildo, dende 585 (conquista do reino suevo) a 589 (III Concilio de Toledo), de relativo éxito no militar e fracaso rotundo no relixioso coa conversión á morte do rei.
- TRES, de sometemento militar, dende Recaredo (586-601) a, cando menos, Sisebuto (612-621) e Suintila (621-631); cunha posible consolidación de vínculos familiares entre as nobrezas sueva e goda.
- e CATRO, de reorganización provincial durante Recesvinto (653-672) e Wamba (672-680), na que, aparte de diminuír o antigo dominio territorial suevo, ocupan cargos militares aristócratas godos con lazos de sangue coa corte toledana.

a numismática confirma campañas militares na rexión durante os reinados de Leovixildo (BRACARA, PORTOCALE), Recaredo (CALABACIA, PINCIA, TORNIO, BERGANCIA), Witerico (TUDE), Sisebuto (LVCVS) e Suintila (LVCVS); é dicir, durante o primeiro terzo do s. VII. A partir de Sisenando (631-636) non hai máis novas de acuñacións de tipo triunfal na zona.

Argi – mundus

o tema -mundus aparece na toponimia derivada de antropónimos xermanos, en confusión cultista co tema de orixe latina “munde/monte”. Semella privativo da Callaecia, sendo excepcional no resto de Hispania, excepción feita de Tarraconensis e tamén en Septimania (xa en Gallia). Certamente, non toda esta toponimia se remonta aos ss. VI-VII; boa parte dela sería plenamente medieval.

Freitemunde, Estremondo, San Jamonde e variantes: toponimia cun elemento secundario derivado dun posesor xermánico (Aldemunde, Baamonde, Bermún, Camonde, Castramonde, Gallamonde, Racamonde, Sesmonde, ...).

tamén na onomástica real sueva, onde se documentan casos: Requimundus, Remismundus, Veremundus, e Theodemundus.

tamén exemplos no estamento relixioso: Onemundus (bispo de Salamanca), Tructemundus de Elbora e Commundus, titular da sé egiditana, cátedras todas elas próximas a Callaecia o nalgún momento pertencentes ao reino suevo e á diocese metropolitana de Bracara.

o tema arge-/argi- (<germ. *harjia, 'exército'), inda que menos frecuente, pero do mesmo modo máis habitual na área occidental da península, atópase documentado nos nomes de dous bispos de Porto (Argionitus e Argebertus) e nun dos titulares da sede de Egitania (Argesindus). Quizá tamén o rei Ariamiro (559-566).

fóra destes casos, o tema arge-/argi- atopámolo outra volta no xa citado Argemundus, rebelde contra Wamba en Narbo, en dous Argibadus (un, bispo de Narbo e outro de Iliberris). Tamén en tres nomes documentados en varias pizarras da provincia de Salamanca: Argefredus, Argeredus e Argivindus.

a conclusión parece obvia: Argimundus ten un nome con compoñentes ben representados na onomástica sueva ou da zona limítrofe cos suevos, pero que son, sen embargo, pouco habituais na onomástica goda. Deste modo, o mapa de distribución desta onomástica apoia a idea de que o duque Argimundus debeu ter unha orixe sueva. Ademais, se temos en conta que o radical –mundus era usual na onomástica real sueva e case descoñecido na dos reis godos, así como que o dux era membro do officium palatinum, é moi probable que Argimundus pertencera á liña do rei Miro e que desempeñara o alto cargo de dux prouinciae Gallaeciae durante o reinado de Leoxigildo e/ou Recaredo, quizá como recompensa por ter formado parte dese sector da nobreza sueva que apoiou a Leovixildo na súa campaña de submisión do reino suevo. É máis, é probable que Argimundus fora un dos duques que sufocaron a revolta de Malaricus en 585 cuxos nomes Xoán de Biclaro preferiu manter no anonimato. E esta sospeita en relación da orixe sueva de Argimundus faise inda máis firme se temos en conta que, a pesar de ser un membro destacado da Aula Rexia, Argimundus non se atopa entre os nobres godos que abxuraron do arianismo no III Concilio de Toletum, circunstancia que induce a pensar que se trataba dun católico.

as moedas atopadas no sur de Callaecia e acuñadas en Totela, Calabacia, Bergancia, Pincia, Tornio, Tude e Luco terían a ver coas vitorias militares nas campañas represivas contra a rebelión aristocrática dirixida polo dux Argimundus.

considerando os feitos aquí expostos, tanto certos (dux prouinciae, membro do cubiculum, acuñacións monetarias galaicas, ocultacións de tesouros en Callaecia e zonas limítrofes, provincia non pacificada na súa totalidade) como hipotéticos (orixe sueva de Argimundus, partidario de Leovixildo, quizás emparentado coa dinastía derrocada), parece lóxico concluír que debeu ser tamén en Callaecia onde Argimundus se alza en rebeldía contra Recaredo.

o tráxico final de Argimundus, exposto á ira do populacho da regia sedes, é a proba definitiva de que a súa rebelión non foi unha simple conspiración de palacio, mais unha auténtica sublevación que tivo como escenario unha das provincias do reino. Unha rebelión en toda regra que fixo necesaria unha campaña militar e un desfile triunfal que servira de escarmento aos rebeldes tanto como aviso para futuros conspiradores.

é posible que Argimundus quedara a cargo de Callaecia co mandato expreso de pacificala, pois, aparte do seu cargo de cubicularius, era tamén dux prouinciae e que a rebelión tivera lugar ao inicio do reinado de Recaredo, pouco despois da reunión do III Concilio de Toletum (a. 589). Neste sentido, e inda que por desgraza resulte imposible determinar este extremo, a intención de Argimundus podería non ter sido a usurpación do trono toledano senón a restauración do reino suevo, territorio onde debía ter os seus principais apoios (inda que puideron darse as dúas opcións de forma consecutiva), de aí a omisión do lugar onde tivo lugar a rebelión por parte de Xoán de Biclaro.

o único seguro é que no momento da rebelión unha parte importante do exército godo debía estar acantonada en Callaecia, pois só así se explica que Segga, a cabeza da conxura de 587, fora enviado a esta provincia logo de ter sido condenado. Esta interpretación dos acontecementos atopa o seu apoio arqueolóxico na distribución de tesouros na parte sur de Callaecia e na aparición de emisións de moeda con lendas triunfais datadas.

as lendas VICTOR/VICTORIA dos tremisses acuñados por Recaredo son o reverso triunfal da parodia de pompa triumphalis con que Argimundus e a súa camarilla foron presentados ante os cidadáns da regia urbs. Ditas acuñacións con lenda triunfal deben relacionarse con cuestións relativas á propaganda bélica e as necesidades da campaña, e coas celebracións nas cidades onde se emitía a moeda logo do triunfo militar.

indicios que suxestionan que Argimundus quería restaurar o reino suevo:
1/ a provincia fora recentemente conquistada grazas en parte a un enfrontamento entre dúas faccións da nobreza sueva, a unha das que pertencería o rebelde
2/ o clamoroso silencio do Biclarense en torno ao desenvolvemento dos feitos, que contrasta cos detalles que aporta para outros sucesos análogos.
3/ a maneira de ser castigados os rebeldes, cunha cabalgata final a lombos dun asno polas rúas de Toletum, un triunfo burlesco da cerimonia de investidura, certamente máis propia dun triunfo militar que dunha conspiración de palacio, que se resolvían con xuízos sumarísimos e execucións das sentenzas (Segga en Emerita e Uldila en Toletum).

a rebelión de Argimundus marca un fenómeno típico da Callaecia goda: a súa militarización. A súa incorporación ao reino godo foi un proceso longo e gradual, con dificultades e éxitos, que determinou unha importante presenza militar na zona. E isto fixo aparecer unha potente aristocracia suevo-gótica que co tempo se fará co poder en Toletum. Neste sentido, de confirmarse a orixe galaica dos reis de Toletum na segunda metade do x. VII, comprenderíanse mellor os mecanismos que levaroa á aparición dun núcleo de resistencia política e militar á dominación musulmá no norte de Península, na Callaecia.

REFERENCIAS:
BARROSO CABRERA, Rafael - MORÍN DE PABLOS, Jorge & SÁNCHEZ RAMOS, Isabel Mª Gallecia Gothica: de la conspiración del Dux Argimundus a la integración en el Reino visigodo de Toledo. Idanha-a-Vella. Serie Histórica. AUDEMA, Madrid, 2015
GARCÍA MORENO, L.A. Prosopografía del reino visigodo de Toledo Ediciones Universidad Salamanca, 1974
es.wikipedia.org: Argimundo
callaecia: 589

domingo, 9 de novembro de 2014

636

rei Chintila
www.datuopinion.com
primavera: os musulmáns evacúan Damasco e Emesa e retíranse ata Jabiya.

morren Sisenando e Isidoro. Chintila, rei godo por elección de bispos e nobres en cumprimento do canon 75 do IV concilio de Toletum.

morre Ariwaldo, rei lombardo, sucedido por Rothario, anterior duque de Brescia, que casa coa súa viúva, Gondeberga.

o duque alamano Gunzo reside en Überlingen e a súa filla Fridiburga é prometida a Sixeberto III. Gunzo convida os cregos a un sínodo e procura que o diácono Johannes sexa elixido bispo de Constanza.

maio: un exército bizantino parte de Antioquía e marcha contra posicións musulmás.

xuño, 30: inicio das sesións do V concilio de Toletum na igrexa de Leocadia, no que Chintila ver reforzada a súa autoridade. Os bispos aceptan que só un nobre godo, un militar, poderá ser rei.

Heraclio reúne un enorme exército (100000 homes) formado por bizantinos, eslavos, francos, xeorxianos, armenios e árabes cristiáns. Establece unha base en Yaqusah, cerca dos Altos do Golán, protexendo a principal vía de Exipto a Damasco. A base é protexida por vales profundos e ben abastecida de auga e pastos.

verán: Heraclio convoca unha asemblea da igrexa en Antioquía e diagnostica a situación. Acepta o feito de que a ‘desobediencia bizantina’ a Deus ten a culpa do desastre cristián en Syria. Heraclio marcha a Constantinopla dicindo: ‘a paz sexa contigo Syria, que fermosa terra serás para o teu inimigo’.

agosto, 15-20: batalla de Yarmuk, na que a cabalería pesada bizantina é derrotada pola cabalería lixeira musulmá. Por tres veces os bizantinos rompen as liñas árabes pero estes dispérsanse e vólvense xuntar ata esgotar o inimigo. O exército bizantino é totalmente aniquilado ao acabar as operacións. Khalid ibn al-Walid faise con toda Syria e Palestina. As operacións militares teñen lugar ao longo do río e os musulmáns utilizan 25000.

Honorio I escribe a Braulio de Zaragoza, que lle contesta.

novembro, 16-19: batalla de al-Qadisiyya, no sur de Mesopotamia, na que o imperio persa sasánida sofre unha derrota decisiva. Inicialmente os dous exércitos teñen aproximadamente o mesmo número de efectivos pero os musulmáns reciben un substancial reforzo de Syria. Unha tormenta de area favoréceos, pois o vento sopra cara o fronte persa, facendo que as tropas retrocedan e finalmente teñan que fuxir desorganizados ao ser atacados. O xeneral Rostam Farrokhzad é derrotado por Saad ibn Abi Waqqas e morre na loita. Os persas deben evacuar Mesopotamia e Ctesiphonte mesma está seriamente ameazada.

novembro: os musulmáns de Khalid comezan o asedio de Xerusalem.

o califa Umar funda Basra, no Shatt al-Arab, na cabeza do Golfo Pérsico. O porto será un lugar para apoiar e desenvolver rutas comerciais e tamén unha base militar.

Yuknoom Ch’een II, chamado o Grande, é soberano de Calakmul.

constrúese a pagode Xumi de Zhending (China).

os textos históricos libro do Qi norte, libro de Chen, libro de Sui son compilados.

Birinus, bispo de Dorchester, bautiza tamén a Cwichelm, fillo do rei Cynegils de Wessex. Morre ao pouco.

decembro: os musulmáns recuperan Damasco.

sábado, 8 de novembro de 2014

633

Isidoro
misviajesconhistoria.blogspot
Abu Bark comeza unha campaña contra a tribo árabe de Kindah, na rexión de Iemen.

marzo, 18: a península Arábiga está unificada baixo Abu Bark.

abril: un exército musulmán (18000 homes) baixo Khalid ibn al-Walid invade Mesopotamia. Obtén vitorias decisivas na batalla de Chains (Kuwait) e na batalla do Río (Iraq).

maio: na batalla de Walaja, Khalid derrota os persas e os seus aliados cristiáns.

batalla de Ullais: Khalid derrota un enorme exército persa (70000 homes) cerca do Éufrates e asedia a cidade de Hira. Os asediados non tardan moito en renderse e ofrecer agasallos a Khalid.

xuño, 3: tratado de reconciliación (nove artigos) entre católicos e monofisitas redactado polo patriarca Kyros. Logo das reservas de Sophronios de Xerusalem, o patriarca de Constantinopla Serxio I publica o pséphos (‘decreto’), que prohibe os debates sobre a natureza de Cristo.

xullo: no asedio de Anbar, Khalid fai que se renda o gobernador persa, que é autorizado a retirarse.

batalla de Ein ut Tamr: o exército musulmán ataca un posto de control na fronteira persa.

agosto: batalla de Dumat al-Jandal, na que un exército musulmán (10000) baixo Khalid derrota árabes cristiáns en rebeldía contras os musulmáns.

outubro, 12: batalla de Hatfield Chase: Penda de Mercia e Cadwallon ap Cadfan de Gwynedd vencen a Edwin de Northumbria, que morre no combate. Northumbria volve separarse en Deira e Bernicia. Osric, sobriño de Edwin, é rei de Deira e o fillo de Aethelfrith, Eanfrid, que retorna de territorio dos pictos é rei de Bernicia, ambos pagáns.

Paullinus de Iork foxe cara Kent coa raíña Aethelburga e a súa filla Eanflaed (7 anos), onde se converte en bispo de Rochester. Eanflaed medra baixo a protección do rei Eadbald de Kent, tío seu.

Dagoberto I alíase cos saxóns contra os eslavos.

Khalid ibn al-Walid reprime unha rebelión de varias tribos árabes e impide que abandonen o islam. Tamén consegue someter os lahkmidas.

inverno: Cadwallon é asediado por Osric en Eboracum pero consegue saír da cidade coas súas tropas por sorpresa e destrúe o exército de Osric.

novembro: Khalid coordina ataques nocturnos contra os árabes cristiáns nas batallas de Muzayyah, Saniyy e Zumail.

Li Chung Feng constrúe un ‘globo celestial’.

Songtsen Gampo, rei de Tibet, establece a súa capital en Lhassa.

decembro, 5: IV concilio de Toletum, presidido por Isidoro e no que Sisenando é recoñecido rei lexítimo e Suintila é condenado por ladrón, asasino e corrupto; establécese como obrigatoria a elección do rei polos nobres e a igrexa, sendo o rei unxido por Deus e, polo tanto, inviolable.

Xermán, mencionado como bispo de Dumio.

Caliabria, sé episcopal. O bispo Servus Dei asina as actas do IV concilio de Toledo. O lugar é unha ceca goda, como resultado da imposición de tributos na zona. A existencia de moedas de ouro na zona representa a expresión da afirmación simbólica e efectiva do poder central. Os bispos eran axentes recadadores do poder central, con influencia non só sobre cuestións relixiosas. Que Caliabria fose bispado pode deberse á influencia de Witerico (rei godo, 603-610), cabeza dun grupo nobiliario lusitanos con importantes bens na zona logo da conquista do reino suevo.

a caída de Xerusalem en mans de Heraclio e a presión deste sobre os xudeus ocasiona unha nova diáspora que chega, en parte, a Hispania. Sen embargo, tamén aquí existe xa gran presión sobre esta etnia como testemuñan as resolucións do IV concilio de Toledo: ‘todos os nenos xudeus deben ser arrebatados a seus pais e recluídos en mosteiros, ou en mans de relixiosos para ser formados no cristianismo’, ou ‘se un converso trata con algún xudeu pode ser escravizado e o xudeu publicamente lacerado’.

o reino britano de Strathclyde ten Dumbarton como capital.

Dagoberto I casa con Nantechilda logo de repudiar a Gomatruda.

martes, 4 de novembro de 2014

631

Sisenando
www.zaragoza.es
logo de ser atacados comerciantes francos, Dagoberto I decide iniciar accións militares contra Samo, rei dos vendos (eslavos do norte), que rexeitan a autoridade franca.

Dagoberto parte de Metz e vai recollendo aliados (nas accións militares participa o duque alamano Chrodoberto; tamén un continxente lombardo) no camiño pero é derrotado en Wogastisburg logo de tres días de combates. Dagoberto ten que retirarse e morren moitos homes.

Samo invade Turinxia e comete accións de pillaxe sen número. Consegue afianzar a súa independencia, cun territorio que vai do Elba a cerca do Adriático.

marzo, 26: Suintila abdica. Sisenando, gobernador de Septimania, é apoiado por Dagoberto, que destina a Hispania un continxente franco que chega a Caesaraugusta. Os nobres godos ofrécenlle presentes de ouro a cambio do seu apoio. Sisenando faise co trono. Téntase unha damnatio memoria contra Suintila.

Sigebert de East Anglia protexe o cristianismo e permite que o misioneiro Felix sexa bispo de Dunwich.

Cariberto II, rei de Aquitania derrota e conten os vascos.

Borandukht é sucedida por súa irmá Azarmedukht. Á súa vez, meses despois, esta é sucedida por Cosroes IV, que ten que ceder ante Hormizdas VI, que se proclama shah en Nisibis.

Kyros, patriarca de Alexandría, nomeado por Heraclio e con poder para actuar con plenos poderes (dioikesis) en Exipto, inicia unha persecución contra os coptos que non aceptan Chalcedonia.

a cidade maia de Calakmul ataca Naranjo, derrotando e deportando ao seu soberano.

en China demóstrase que a cola dun cometa sempre queda de costas ao sol.

os saxóns apelan a Dagoberto para que alixeire o tributo que pagan anualmente (500 cabezas de gando vacún).

Edwin de Northumbria consolida as fortificacións de Eboracum, probablemente incluíndo a edificación da denominada ‘torre dos anglos’.

o emperador chinés Taizong envía unha embaixada aos Xueyantuo, vasalos do khaganato turco do este; os seus homes levan ouro e seda para tentar liberar prisioneiros chineses capturados durante a transición da dinastía Sui á dinastía Tang. 80000 homes e mulleres son liberados e retornan salvos ás súas casas.

Taizong establece unha nova abadía daoísta en gratitude polos sacerdotes que ‘curan’ ao príncipe herdeiro dunha grave enfermidade.

Benxamín I, patriarca copto de Alexandría, escapa durante as persecucións do patriarca Kyros e agóchase no mosteiro de Macario, no alto Exipto.

Xuanzang, monxe budista chinés, cruza o Indo en Hund e viaxa a Cachemira (‘ceo na terra’), no NO de India.

Dagoberto visita Austrasia; toma unha concubina, Ragnetruda; teñen un fillo, Sixeberto.