sábado, 8 de novembro de 2014

633

Isidoro
misviajesconhistoria.blogspot
Abu Bark comeza unha campaña contra a tribo árabe de Kindah, na rexión de Iemen.

marzo, 18: a península Arábiga está unificada baixo Abu Bark.

abril: un exército musulmán (18000 homes) baixo Khalid ibn al-Walid invade Mesopotamia. Obtén vitorias decisivas na batalla de Chains (Kuwait) e na batalla do Río (Iraq).

maio: na batalla de Walaja, Khalid derrota os persas e os seus aliados cristiáns.

batalla de Ullais: Khalid derrota un enorme exército persa (70000 homes) cerca do Éufrates e asedia a cidade de Hira. Os asediados non tardan moito en renderse e ofrecer agasallos a Khalid.

xuño, 3: tratado de reconciliación (nove artigos) entre católicos e monofisitas redactado polo patriarca Kyros. Logo das reservas de Sophronios de Xerusalem, o patriarca de Constantinopla Serxio I publica o pséphos (‘decreto’), que prohibe os debates sobre a natureza de Cristo.

xullo: no asedio de Anbar, Khalid fai que se renda o gobernador persa, que é autorizado a retirarse.

batalla de Ein ut Tamr: o exército musulmán ataca un posto de control na fronteira persa.

agosto: batalla de Dumat al-Jandal, na que un exército musulmán (10000) baixo Khalid derrota árabes cristiáns en rebeldía contras os musulmáns.

outubro, 12: batalla de Hatfield Chase: Penda de Mercia e Cadwallon ap Cadfan de Gwynedd vencen a Edwin de Northumbria, que morre no combate. Northumbria volve separarse en Deira e Bernicia. Osric, sobriño de Edwin, é rei de Deira e o fillo de Aethelfrith, Eanfrid, que retorna de territorio dos pictos é rei de Bernicia, ambos pagáns.

Paullinus de Iork foxe cara Kent coa raíña Aethelburga e a súa filla Eanflaed (7 anos), onde se converte en bispo de Rochester. Eanflaed medra baixo a protección do rei Eadbald de Kent, tío seu.

Dagoberto I alíase cos saxóns contra os eslavos.

Khalid ibn al-Walid reprime unha rebelión de varias tribos árabes e impide que abandonen o islam. Tamén consegue someter os lahkmidas.

inverno: Cadwallon é asediado por Osric en Eboracum pero consegue saír da cidade coas súas tropas por sorpresa e destrúe o exército de Osric.

novembro: Khalid coordina ataques nocturnos contra os árabes cristiáns nas batallas de Muzayyah, Saniyy e Zumail.

Li Chung Feng constrúe un ‘globo celestial’.

Songtsen Gampo, rei de Tibet, establece a súa capital en Lhassa.

decembro, 5: IV concilio de Toletum, presidido por Isidoro e no que Sisenando é recoñecido rei lexítimo e Suintila é condenado por ladrón, asasino e corrupto; establécese como obrigatoria a elección do rei polos nobres e a igrexa, sendo o rei unxido por Deus e, polo tanto, inviolable.

Xermán, mencionado como bispo de Dumio.

Caliabria, sé episcopal. O bispo Servus Dei asina as actas do IV concilio de Toledo. O lugar é unha ceca goda, como resultado da imposición de tributos na zona. A existencia de moedas de ouro na zona representa a expresión da afirmación simbólica e efectiva do poder central. Os bispos eran axentes recadadores do poder central, con influencia non só sobre cuestións relixiosas. Que Caliabria fose bispado pode deberse á influencia de Witerico (rei godo, 603-610), cabeza dun grupo nobiliario lusitanos con importantes bens na zona logo da conquista do reino suevo.

a caída de Xerusalem en mans de Heraclio e a presión deste sobre os xudeus ocasiona unha nova diáspora que chega, en parte, a Hispania. Sen embargo, tamén aquí existe xa gran presión sobre esta etnia como testemuñan as resolucións do IV concilio de Toledo: ‘todos os nenos xudeus deben ser arrebatados a seus pais e recluídos en mosteiros, ou en mans de relixiosos para ser formados no cristianismo’, ou ‘se un converso trata con algún xudeu pode ser escravizado e o xudeu publicamente lacerado’.

o reino britano de Strathclyde ten Dumbarton como capital.

Dagoberto I casa con Nantechilda logo de repudiar a Gomatruda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario