Amosando publicacións coa etiqueta Xustiniano. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xustiniano. Amosar todas as publicacións

martes, 12 de maio de 2026

ávaros en Hispania

casco ávaro
Landesmuseum
Wüttemburg
os ávaros procedían das estepas asiáticas, sucesores dos hunos, e establecéronse no este de Europa a partir do VI. na península Ibérica nom había trazas deles ata que María Teresa Ximénez de Embún (Museo Arqueolóxico de Alicante) e o seu equipo comezaron a traballar no xacemento de Cabezo del Molino (Rojales, Alicante). nun alto de 31 metros sobre o nivel do mar, e adxacente ao río Segura, localizaron unha necrópole con 46 tumbas e 87 individuos no seu interior. cinco dos varóns poderían ser, case con total seguridade, xinetes ávaros, inda que este pobo en teoría nunca atravesara os Pireneos. que facían alí eses restos?

tardaron sete anos en atopar sentido a este enigma arqueolóxico (en colaboración coa Universidade Isabel I e o Instituto Max Planck - Jena, Alemaña). o primeiro que lles chamou a atención foi que a porcentaxe de nenos entre 6 e 14 anos na necrópole superaba con moito o habitual na época.

os inhumados compartían, ademais, dous riscos epixenéticos moi particulares: o moño occipital (unha protuberancia na parte traseira do cranio) e os tubérculos mentonianos (coñecidos como coviños no queixo). os esqueletos das mulleres soterradas confirman que eran persoas gráciles, sen demasiadas patoloxías e que nom superaban os 1,55 metros de altura, como correspondía a unha poboación local de orixe peninsular, pero que, logo do paso do mundo romano, xa se atopaba moi mesturada xeneticamente.

pero o que deixou estupefacta á arqueóloga foi descubrir que enterrados neste osario había dous tipos de homes: uns enormemente musculados e de 1,80 de altura (para identificalos, os arqueólogos bautizáronos con nomes de superheroes de Marvel) e outros cinco que nom alcanzaban o 1,65. a maioría deles parecían ter sufrido caídas importante evidenciadas por patoloxías relacionadas con fracturas de brazos, pernas e, sobre todo, clavículas. nada tiña sentido.

ata que Ximénez de Embún foi coñecedora da brutal caída do piloto de MotoGP Marc Márquez na que se fracturou a clavícula, 'exacto, eran xinetes!'. as análises xenéticas levadas a cabo no Instituto Max Planck nom deixaban dúbidas: tratábase de individuos procedentes das estepas asiáticas.

os ss VI e VII caracterizáronse por un fortísimo enfrontamento militar entre as tropas visigodas, que dominaban o centro peninsular, e os bizantinos, que se estableceran na costa mediterránea e que conformaron o que eles denominaban Spania. en 552 Atanaxildo solicitou a Xustiniano tropas para derrocar a Axila. a mediados do VI chegaron esas tropas e establecéronse nas actuais provincias de Alacante, Murcia e na Andalucía oriental. os bizantinos si estaban en contacto cos ávaros no este europeo, polo que os cadáveres dos xinetes das estepas atopados en Alacante podían pertencer a soldados recrutados ou a escravos levados polos bizantinos á península; 'inda nom o sabemos,' admite Ximénez de Embún.

a solución ao complexo enigma del Cabezo del Molino atopouse ao analizar o corpo dunha moza local e a súa filla de dous ano, xa que ambas contaban con evidencias dun mesmo patóxeno: a bacteria yersinia pestis, a temíbel peste de Xustiniano, que decimou a poboación de Europa a partir de 541. os expertos comprobaron entón que o resto dos individuos tamén poderían  ter morto por peste bubónica. estaban ante un cemiterio de apestados. por iso, había enterrados máis nenos, menos resistentes á bacteria.

se este foi un cemiterio aberto ex professo para enterrar ao finados pola peste, agora, di Ximénez de Embún, falta atopar o do resto da poboación; 'niso estamos,' afirma. 

REFERENCIA: VICENTE G. OLAYA 'halladas las tumbas de cinco jinetes ávaros'. EL_PAÍS, 12mai2026

martes, 5 de agosto de 2014

565

solidus coa efixie de Xustino II
de.wikipedia.org
xaneiro, 22: Eutychius é deposto como patriarca de Constantinopla ao rexeitar os criterios doutrinais de Xustiniano I.

abril, 12: Iohannes III Scholastikos é o novo patriarca de Constantinopla.

morre Belisarius.

Bayan, khan dos avaros.

maio, 2: Ahkal Mo’ Nahb II, soberano de Palenque, en sucesión de K’an Joy Chitam I (morto o 6 de febreiro).

novembro, 11: morre Xustiniano I, “o emperador que nunca dorme”. Dedicou toda a vida ao goberno e abstívose de toda clase de praceres. Non tivo fillos nin deixou designado sucesor. Ten sete sobriños pero so un está na capital cando morre o emperador; faise coroar polos gardas de palacio e corre ao Hipódromo a ser aclamado polo pobo, co nome de Xustino II, alcumado Curopalate; está casado con Sofía, sobriña de Teodora.

Gao Wei sucede a seu pai Wu Cheng Di como emperador Qi do norte.

os uigures son derrotados polos turcos, que se expanden por Asia central.

Agathias comeza unha crónica; relatando a partir de onde rematou Procopio.

a peste rebrota en Italia, onde Narsés goberna con man dura. Xustiniano non parara de recibir queixas sobre el pero sempre declinou actuar. Xustino quere asegurarse a lealdade de Italia cambiando a situación e destitúe o home de confianza de seu tío. Faino de xeito brutal, enviándolle unha mensaxe na que o insta a deixar a guerra en mans de homes e a que se una ás mulleres de palacio, limitándose a tecer, en alusión á súa condición de eunuco. Finalmente Narsés retírase cunha pensión a unhas propiedades en Neapolis, sen volver a Constantinopla.

Vaefar, líder alamano.

Carentinus, bispo de Colonia.

Columba de Iona visita as Orkneys.

Venancio Fortunato emprende unha peregrinación desde Italia cara a tumba de Martiño de Tours e fai altos no palacio de Sixeberto I e onde Sidonius, bispo de Mogontiacum; será futuro acompañante de Radegunda.

luns, 4 de agosto de 2014

563

Numidia
es.wikipedia.org
xaneiro: revolta en Numidia que obriga a traer tropas desde Constantinopla.

xullo, 19: Xustiniano perdoa a Belisarius e libérao de prisión. Devólvelle propiedades e honores e ordénalle vivir con discreción cunha pensión de ‘veterano’.

Narsés conquista Verona e Brescia. Italia enteira está xa en mans bizantinas.

Marius Aventicensis describe o tsunami que se orixina no lago de Xenebra por mor dun corremento de terras e que alcanza a cidade con máis de oito metros de altura causando gran destrución e mortalidade.

Columba recibe do rei de Dalriada unha pequena illa llamada Iona, na costa escocesa. Alí levanta unha igrexa e un mosteiro, desde onde se dedica a convertir ao cristianismo aos pictos.

562

ruínas de Tikal
www.imperioromano.com
o Yamato xaponés é expulsado de Corea. Desde entonces China e Xapón dispútanse influír na península. O reino de Paikche acepta a Xapón como aliado, mentres que Silla busca o apoio de China contra Kokuryo.

Silla, co rei Jinheung, ataca Gaya e conquístaa.

arrestos en masa, burlas, torturas e execucións dos pagáns helenos en Atenas, Antioquía, Palmira e Constantinopla.

primavera: Xiao Ming Di (20) sucede a seu pai Xuan Di como emperador da dinastía Liang.

abril: os kutrigures penetran en Thracia.

maio, 1: o estado maia de Caracol (Belize) derrota o rei Wak Chan K’awiil (dobre paxaro) de Tikal.

Belisarius é xulgado por corrupción en Constantinola, posiblemente con Procopio no papel de praefectus urbi; é declarado culpable e enviado a prisión.

decembro, 23: Xustiniano reconsagra Hagia Sophia logo da reconstrución da súa cúpula. Paulo o silenciario escribe un poema épico (Ekphrasis). A nova Hagia Sophia custa 20000 libras de ouro.

os avaros atacan Austrasia e Sixeberto I derrótaos cerca de Castra Regina (Regensburg); traslada a súa residencia de Reims a Metz.

Taiyuan, capital secundaria de Qi norte, é reconstruída e convértese nun centro budista.

561

Ariamiro con Lucrecio, Andrés e Martiño
codex Vigilianus (s. X)
es.wikipedia.org
Xustiniano enferma e comezan as conspiracións entre os aspirantes á sucesión. Varios familiares de Belisarius están implicados nunha conxura; cando se recupera o emperador son torturados e executados.

marzo, 4: morre Pelaxio I e é elixido Catelino (xullo, 17), que é bispo co nome de Xoán III. Trata en vano de resolver o cisma de Aquilea, orixinado a raíz dos ‘tres capítulos’.

Clotsvinda, filla de Clotario I, casa con Alboino, rei lombardo.

maio, 1: I Concilio de Braga: asisten oito bispos da Callaecia: Lucrecio, Andrés, Martiño, Coto, Hilderico, Lucecio, Timoteo e Malioso. O rei que figura nas actas recibe o nome de Ariamiro.

Lucrecio, metropolitano de Bracara, levaba certo tempo desexando organizar o concilio pero non puidera ser debido á prohibición real, do mesmo xeito que fixeran os reis godos dende tempos de Axila, que introduciu a prohibición entre 549 e 555, como reacción á invasión bizantina de 552 para previr a posibilidade de que se usara o catolicismo contra os godos e instigar alianzas entre francos, suevos e os hispano-romanos católicos.

o concilio condena o priscilianismo.

Hibernia: batalla de Cúl Drebene entre os Uí Néill do norte e do sur.

inverno: Wu Cheng Di sucede a seu irmán Xiao Zhao Di como emperador chinés do Qi norte. Morre de feridas de caza.

Jnanagupta, un monxe budista de Gandhara comeza a traducir textos budistas ao chinés.

outubro, 12: lume en Constantinopla.

novembro, 29: Clotario I morre e deixa sete fillos de diferentes mulleres. Os catro maiores asasinan a dous e conseguen excluír da herdanza ao outro, Gramna. Dividen o reino en catro partes e sortéanas: Cariberto, o maior, queda coa parte oeste, con capital de París; Gontrán, o segundo, Borgoña, con capital en Orleáns; Chilperico I, con Neustria, con capital en Soissons; Sixeberto I herda Austrasia, con capital en Reims.

novembro: os verdes atacan os azuis no hipódromo de Constantinopla.

decembro: tratado de paz de cincuenta anos entre persas e bizantinos. Acórdase en Dara entre o magister militum Pedro e Izadh-Gouchnasp. Conclúe a guerra lazica. Xustiniano paga un tributo de 30000 pezas de ouro a Cosroes I a cambio da evacuación de Lazica e liberdade culto para os cristiáns.

Narsés ataca os francos inda instalados ao norte do Po.

os avaros aparecen na fronteira do Danubio. Invaden a Besarabia e executan ao xefe local, Mesamer.

revolta dos taifales ao oeste do Poitou contra as imposición do duque Austrapius. É a última vez as fontes os mencionan; darán nome ao país de Tiffauges.

sábado, 2 de agosto de 2014

558

retrato de Clotario I
Jean Du Tillet, Recueil des rois de France
es.wikipedia.org
os avaros penetran en Pannonia cada vez en maior número. Isto empurra os lombardos cara Italia.

Xoán de Biclaro, un mozo xa ordenado, godo e católico, é enviado a Constantinopla, onde estudará tanto en latín coma grego.

maio, 7: a raíz dos tremores de terra a cúpula de Hagia Sophia acaba colapsando; Xustiniano ordena reconstruíla.

Conall mac Comgaill, rei de Dál Riata (costa oeste de Escocia).

decembro, 13: Childeberto morre sen descendencia, polo que todo o reino franco queda unificado de novo baixo Clotario I, alcumado ‘o vello’.

xoves, 31 de xullo de 2014

556

Martiño de Dumio
Codex Albeldensis, 976
es.wikipedia.org
febreiro, 21: morre Maximianus de Ravenna.

abril, 5: Martiño, bispo de Dumio.

abril, 16: logo de nove meses de ‘sé vacante’ Xustiniano impón a Pelaxio I, apocrisiarius en Constantinopla, como bispo de Roma, quen, pese a ser romano, é moi mal aceptado na cidade, acusado incluso de ter envelenado a Vixilius. Pelaxius trata de aproximar posturas entre Roma e Constantinopla pero sen éxito.

Xustiniano ordena a Amancio que vaia a Antioquia para encontrar, arrestar, torturar e exterminar os últimos pagáns da cidade así como para queimar todas as bibliotecas privadas.

Clotario I ataca saxóns e turinxios e somete os bávaros, que pasan a depender de Austrasia. Impón un tributo anual de 500 vacas.

ante os rumores de que Clotario I morreu en campaña Childeberto I aproveita para devastar a rexión en torno a Reims.

Cynric e o seu fillo Ceawlin de Wessex loitan contra os britanos en Baranburh (Wiltshire).

Narsés derrota un exército de herulos que penetra en Italia.

guerra lázica: un continxente bizantino ao mando de Xustino retoma Archaeopolis e derrotan o exército persa. Tamén son derrotados polos bizantino que defenden Phasis.

Cosroes I decide abrir negociacións de paz con Xustiniano.

martes, 29 de xullo de 2014

554

Spania bizantina
www.gibralfaro.uma.es
Atanaxildo derrota a Axila cerca de Hispalis, pero non pode evitar a consolidación das posicións bizantinas na costa leste e no sur; (probablemente) a maioría da Baetica queda en mans orientais, ou gozando dunha ampla autonomía.

primavera: batalla de Volturnus: Butilin marcha cara o norte pero o seu exército xa está infectado de disentería e só consta de arredor de 30000 homes. Os bizantinos contan cuns 18000 (incluíndo godos baixo Alixerno) e marchan cara o sur para cerrarlles o paso en Casilinum. Narsés envía un continxente de cabalería ao mando de Chanaranges para destruír o tren de subministracións franco-alamano. A disposición é semellante á empregada en Taginae. Logo dunha carga sobre o centro bizantino os francos e alamanos son aniquilados.

mentres, no norte Leuthario I e o seu exército tamén so vítimas dunha epidemia. É derrotado en Fanum e morre finalmente no Véneto.

‘Amr III ibn al-Mundhir sucede a Al-Mundhir III ibn al-Nu’man como rei dos lakhmidas ao morrer o primeiro nunha batalla contra os ghassanidas.

Mugan Qaghan sucede a seu irmán Issik Qaghan coma khagan turco.

constrúese o segundo (e de maior tamaño) buda de Bamyan en Afganistán central.

agosto, 13: Xustiniano publica a Pragmática Sanción, mediante a que se restablece oficialmente o dominio imperial efectivo sobre Italia, logo de 75 anos de dominio godo. Nela Liberius obtén propiedades en Italia como premio aos seus servizos. Calcúlase que a conquista de Italia custa ao imperio arredor de 300000 libras de ouro.

decembro: Gong Di sucede a seu irmán Fei Di como emperador occidental de Wei pero é deposto e executado polo xeneral Yuwen Tai.

a continuación, Jiangling (China central) é capturada e os seus habitantes (100000) son escravizados e distribuídos a xenerais e oficiais.

luns, 28 de xullo de 2014

553

represantación romántica da morte de Teia (aprox 1830)
www.wenner.net
batalla de Mons Lactarius: Teia xunta forzas con seu irmán Alixerno en Campania. Marchan para levantar o asedio de Cumae, onde Totila depositara o tesouro real godo, pero Narsés espéraos en Mons Lactarius. Godos e bizantinos combaten durante dous días cerca do Vesubio e o continxente godo resulta completamente derrotado. Teia morre loitando e Alixerno escapa pero renderase meses máis tarde.

esta batalla supón o final do reino godo de Italia. Aos superviventes permíteselles retirarse en paz. Uns 7000 retíranse a Campsas (sur de Gallia) e con certa axuda franca, logran resistir uns meses.

maio, 4 (ata xuño, 2): concilio de Constantinopla: Xustiniano cede ante o papa e condena nun novo edicto os ‘tres capítulos’; ordena aos bispos excomungados que lle presten obediencia ao papa, causando así máis cismas (ou herexías): o monoenerxismo e o monotelitismo. Vixilius ten que seguir os debates desde Calcedonia por medio de intérpretes, xa que non sabe grego.

un dos membros do officium de Vixilius, que sabe latín e grego, é o seu sobriño Rusticus: queda en Constantinopla, no mosteiro Akoimetan, durante moito tempo para transcribir ao latín as actas dos concilios de Éfeso (431) e Calcedonia (451), traducindo ou seguindo copias gregas.

xuño: Butilin e Leuthario I, condes alamanos, invaden Italia ao mando dun continxente alamano e franco (75000 homes): vencen un pequeno exército bizantino nas proximidades de Parma. Únenselle restos do exército godo, chegando a totalizar 90000 homes.

Narsés reúne as súas forzas pero non lles pode facer fronte. En Samnium os francos e alamanos dividen as súas forzas: Leuthario baixa pola costa este e logo retorna ao norte para pasar o inverno no val do Po e Butilin a costa oeste chegando ata o estremo sur de Italia, o estreito de Mesina, onde pasa o inverno, comezando a sufrir moitas baixas debido ás enfermidades.

Seong de Baekje ataca os reinos de Goguryeo e Silla; sen embargo, segundo un acordo segredo, as tropas de Silla atácano cando o seu exército acusa o esforzo realizado e toman posesión de todo o val do río Han.

morre Xelimer, que fora o último rei vándalo.

xoves, 24 de xullo de 2014

552

esquema da batalla de Taginae
weaponsandwarfare.com
febreiro, 9: Vixilius protesta nunha encíclica escrita en Calcedonia contra o trato dispensado por Xustiniano.

xullo, 1: Narsés cruza os Apeninos cun exército de 25000 homes e é bloqueado por Totila en Taginae (ou Busta Gallorum), un val de montaña estreito. Narsés dispón unha formación de cuña, desmonta os mercenarios de cabalería lombardos e herulos e colócaos coma falanxe no centro. Nos flancos coloca unha forza mixta de arqueiros a pe e a cabalo. Os godos abren a batalla cunha carga de cabalería pero son freados polos arqueiros que lles disparan desde ambos lados do desfiladeiro e obríganos a retirarse sobre a súa propia infantería. Nese momento os catafractos bizantinos toman a iniciativa e esmagan o continxente godo. Morren máis de 6000 godos, incluído Totila.

xullo, 9: ano I da era armenia.

os restos do exército godo foxe e Narsés diríxese cara Roma, que cae logo dun breve asedio.

os godos que logran reagruparse elixen a Teia en Ticinum, que trata de reconstruír o seu exército.

o continxente bizantino en Hispania ao mando de Liberius remata a conquista de Carthago Espartaria e outras cidades na costa sureste. Estes territorios serán a provincia Spania, dependente de Constantinopla.

chegan a Constantinopla os primeiros ovos de vermes de seda agochados en cañas de bambú.

batalla de Asfeld: os lombardos baixo Audoino, aliados dos bizantinos, derrotan os xépidos de Thorisindo en Pannonia.

Cynric, rei de Wessex, captura Old Sarum.

en Hibernia fúndase o bispado de Meath.

Yuan Di sucede a Yu Zhang como emperador da dinastía Liang.

Eutychius, novo patriarca de Constantinopla.

mércores, 23 de xullo de 2014

551

Narsés (supostamente)
en Vitale de Ravenna
en.wikipedia.org
morre Gallus de Auvernia e os seus restos son transportados á basílica de Lourenzo, os xudeus únense á procesión, o que proba o trato correcto entre bispos e comunidade xudía.

primavera: guerra en Lazica: o exército bizantino e o seus aliados (uns 6000 homes) ao mando de Bessas recuperan a estratéxica fortaleza de Petra, no Mar Negro. Bessas ordena que se derruben as murallas da cidade.

Xustiniano nomea a Narsés comandante militar de Italia. Este reúne unha forza expedicionaria en Salona (entre 20000 e 30000 homes, apoiados por foederati, nomeadamente lombardos, herulos e búlgaros).

Narsés chega a Istria pero atopa coas forzas coaligadas de Totila e Teudebaldo, que bloquean a ruta ao val do Po. Busca unha maneira de non enfrontarse a eles e consegue chegar a Ravenna sen oposición usando barcos e pasadizos nas lagoas da zona.

xullo, 9: Petra resulta moi afectada nun tremor de terra que produce moitos danos por todo o levante, especialmente en Galilea: Tyros, Sidon, Biblos, Xerusalem, Gerasa. Berytus resulta tremendamente afectada polo tremor e polo tsunami que o seguiu. Estímase que a magnitude foi de entre 7.2 ou 7.6 e segundo Antoninus de Piacenza, peregrino, morreron unhas 30000 persoas.

xullo: Apollinario, patriarca melquita de Alexandría.

Narsés ataca e derrota os godos de Ariminum.

agosto, 14: Vixilius excomunga o arcebispo de Cesarea, o patriarca Mennas e os seus adeptos, que aprobaran o decreto dos ‘tres capítulos’.

outono: batalla de Sena Gallica: a flota bizantina (50 barcos) destrúe a forza naval goda ao mando de Indulfo, a unhas 17 millas ao norte de Ancona.

os eslavos atacan Illyricum, e ao retirarse os xépidos axúdanos a cruzar o Danubio.

outono: Xiao Dong, descendente do xeneral rebelde Hou Jing, sucede a Jianwen Di como emperador da dinastía Liang. Hou Jing é quen controla o goberno imperial na capital, Jiankang.

os turcos, dirixidos por dous irmáns, Bumin Khagan e Issik Khagan, rebélanse contra os Yuan Yuan, que teñen que desprazarse cara occidente; as fontes occidentais chámanlle avaros, que fan presión á súa vez sobre os eslavos e estes sobre as fronteiras dos Balcáns.

as fontes mencionan os bávaros por primeira vez.

Vítor de Tununa, bispo africano crítico coa política relixiosa de Xustiniano de condena dos chamados “tres capítulos”, é desterrado a Baleares; na crónica que escribe conta como sufriu varios exilios: primeiro nas Baleares.

as Baleares son, por tanto, unha zona habitual de destino de desterrados. É un feito típico do mundo antigo e tardoantigo que as illas cumpran esta función.

Xustiniano aproveita o chamamento de Atanaxildo na súa loita civil contra Axila para facerse con diversos territorios en Hispania, nas costas andaluzas e levantinas, desde o estreito ata Denia.

as Baleares deberon servir de escala e lugar de fondeo e aprovisionamento dos barcos que se dirixían a Hispania, a Carthago Spartaria, que acabará por ser a sede do goberno imperial na península.

o rexistro arqueolóxico indicaría que a conquista bizantina estimulou a vida das illas: serían escala básica de rutas comerciais no Mediterráneo occidental, agora controlado na súa totalidade polo imperio.

decembro, 23: Vixilius debe refuxiarse en Calcedonia, fuxindo de Xustiniano, que pretende detelo.

martes, 22 de xullo de 2014

550

catedral de Ourense
www.montanesa.es
segundo Gregorio de Tours (de uirtutibus sancti Martini, 11) Carrarico, rei suevo, ten un fillo leproso e envía unha embaixada ao sepulcro de Martiño de Tours para conseguir reliquias que o poidan curar; os enviados volven sen elas pero, ao relatar milagres por intervención do santo, o rei manda erixir unha igrexa (segundo a tradición a catedral de Ourense, baixo a advocación de Martiño de Tours) e envía outra embaixada para conseguir agora si as reliquias, prometendo a conversión do seu reino ao catolicismo se o santo opera a súa curación. Cando isto acontece o rei cumpre a súa palabra.

Totila envía unha flota a saquear as costas gregas.

abril: novos enfrontamentos no hipódromo de Constantinopla entre faccións.

Xustiniano nomea a Xermanus rexente de Italia e cásao co Mataswintha, viúva de Witixes, pero morre de camiño a Italia.

os isauros que defenden Roma abren as portas da cidade cando non reciben a súa paga. Totila invade e conquista Sicilia, Córcega e Cerdeña.

Chen-la (Cambodia), ata o momento tributaria de Fu-nan, rebélase.

Xordanes compón Getica ou de origine actibusque getarum; é un godo romanizado, comisionado por Casiodoro, quen lle manda resumir a súa de rebus geticis, escrita 20 anos antes. Seu avó fora secretario (notarius) dun caudillo alano (Candac), e seu pai Alanoviamut e el mesmo secretarios de Guntixis, xefe militar de orixe ostrogoda.

a perda do texto de Casiodoro fai da Getica un texto illado e difícil de interpretar: en parte loubanza cara o reino ostrogodo en Italia, incluso durante os ataques imperiais; en parte celebración da vitoria de Xustiniano; non é posible verificar ningunha destas dúas interpretacións.

a obra de Casiodoro sería unha mostra máis da produción literaria da Constantinopla de Xustiniano, na que tamén se escriben a Chronica de Marcelinus Comes, e as obras de Procopio de Cesárea, que neste ano escribe a Historia segreda.

xunio, 26: Vixilius reconcíliase con Xustiniano e inclúe o nome do emperador nas súas actas.

xunio, 28: consagración da igrexa do Apóstolos en Constantinopla.

Britannia está sumida no caos: os xutos asentados arredor de Kent; os saxóns con varios reinos: Essex (East Seaxe, saxóns do leste) con capital en Londinium, Sussex (South Seaxe, saxóns do sur) con capital en Chichester, e Wessex (West Seaxe, saxóns do oeste) con capital en Winchester; os anglos forman Anglia Oriental con capital en York, e Bernicia con capital en Bamburgh.

Cosroes I reorganiza a administración, dividíndoa en catro distritos. Establece un sistema de impostos baseado no censo de propietarios, restaura o sistema de canles de auga de Mesopotamia e protexe a cultura (hai un considerable intercambio comercial e cultural coa India, a literatura e os tratados médicos entran en Persia e difúndese o xadrez, de orixe hindú: a palabra persa para "rei" é Shah, de onde deriva "xaque" e a expresión xaque-mate tamén procede do persa (shah mat, morreu o rei).

o segredo da seda chega a Constantinopla. Xustiniano suborna uns monxes chineses que regresan a Ceilán coa misión de que traer uns ovos de vermes de seda.

aparece a cruz na imaxinería da arte cristián.

inicio da cultura Vendel en Escandinavia.

en Nampsis (noroeste do deserto Negev), a porta norte é destruída nun lume e o lugar é abandonado. Na Decápolis as cidades deterióranse con rapidez: Gerasa, Scythopolis, … En Asia Menor, asentamentos antes florecentes, coma Sagalassos e Anemurium son agora abandonados. As tres causas principais deste proceso son: o cambio climático, os desastres naturais e a praga da peste.

(ata ss. vii-viii) o nivel do mar Morto descende dende –400 ata –412 ms. O nivel máis baixo do que se teñen rexistros.

finaliza a dinastía Wei do leste e Wen Xuan Di convértese en emperador do norte Qi. Obriga a Xiao Jing Di a ceder o trono. Wen Xuan Di adopta unha política defensiva cara as tribos hostís do norte coa construción de mil millas de muros ao longo da fronteira.

cae o imperio Gupta e a India volven aparecer os reinos rexionais.

comeza a construción de Quiriguá (Guatemala).

última erupción coñecida do Chimborazo (Ecuador).

Os matemáticos hindús dan ao ‘cero’ (0) unha representación numérica no sistema de anotación posicional.

os rabinos Ravina e Ashi supervisan a redacción do Talmud babilónico.

en Hibernia fúndase a diocese de Tuam.

Corduba rebélase contra Axila, que encabeza unha expedición de castigo na que figura o seu primoxénito e o tesouro real, pero resulta derrotado polos rebeldes na proximidade da cidade e o primoxénito morre na propia batalla; tamén se perde parte do tesouro real.

Axila foxe a Emerita e Hispalis tamén se rebela con parte de nobres godos dirixidos por Atanaxildo para destronar a Axila pero este recibe reforzos e desátase unha guerra civil entre partidarios e rebeldes a Axila, chegando as hostilidades á Septimania.

os itzáes fundan a cidade maia de T’Hó.

luns, 21 de xullo de 2014

549

representación de Axila
en.wikipedia.org
os filósofos gregos que marcharan a Persia logo da clausura da ‘Academia’ de Atenas non están a gusto e moitos desexan volver a Grecia. Cosroes I negocia a súa volta con Xustiniano para que este llelo permita. Volven a casa pero o emperador mantén a prohibición de que ensinen; con eles morrerá gran parte do legado pagán grego.

a comunidade xudía participa no funeral de Cesarius de Arelate.

marzo: importantes reparacións na presa de Ma’rib (Iemen), testemuñadas por inscricións do reinado de Abraha.

abril, 24: o xeneral chinés Hou Jing devasta Nankin, capital Liang do sur.

maio, 9: Maximianus de Ravenna consagra Apolinar-en-Classe.

verán: Totila asedia Roma por terceira vez e ofrece un tratado de paz a Xustiniano, que o rexeita.

Totila conquista Peruggia e deixa nela un destacamento godo. Fai prisioneiro ao bispo, Herculanus, e ordena que lle arrinquen ata o último anaco da pel. O soldado que o fai apiádase del e decapítao.

celébranse as últimas carreiras de carros no circus maximus en Roma.

Bessas, comandante bizantino, combina forzas con Gubazes II e derrotan os persas en Lazica nun ataque sorpresa.

Jianwen Di sucede a seu pai Wu Di, como emperador da dinastía Liang.

outubro, 28: concilio de Orleáns: nove arcebispos e corenta e un bispos, presididos por Sacerdos de Lugdunum, pronuncian un anatema contra os ‘erros’ de Nestorio e Eutychius.

fúndase a diócese de Ossory en Hibernia.

decembro: Teudiselo morre asasinado nun banquete en Hispalis. Sucédeo Axila.

continxentes eslavos penetran en Thracia e vencen forzas bizantinas na proximidade de Adrianopolis.

domingo, 20 de xullo de 2014

548

Teudiselo
es.wikipedia.org
primavera: batalla dos campos de Calo: Xoán Troglita consegue controlar a situación en Byzacena.

xuño, 28: morre Teodora (48), quizás vítima dun cancro de peito (Vítor de Tununna).

Vixilius ratifica a condena de Xustiniano. Pero pouco despois un concilio en Carthago excomúngao. Asustado, Vixilius retráctase pero non evita que os bispos de Aquileia e Mediolanum se aparten da disciplina papal. A morte de Teodora detén momentaneamente o conflito.

Belisarius, falto de recursos, solicita volver a Constantinopla, onde se fai cargo da Garda Imperial.

tremor de terra en Constantinopla.

Teudis morre asasinado por man de Teudiselo, que se fai co trono godo en Hispania.

Guzabes II rebélase contra os persas e solicita axuda a Xustiniano, que envía 8000 homes a Lazica. Guzabes asedia Petra pero os persas baixo Mermeroes derrotan un pequeno continxente bizantino e liberan Petra. Mermeroes deixa 3000 homes na cidade e marcha cara Armenia.

abril, 13: o emperador Ly Nam De (Vietnam) é morto por tribos laosianas mentres se retira polas terras chas onde o río Hong. Sucédeo seu irmán maior, Ly Thien Bao.

Cosmas Indicopleustes, comerciante alexandrino, escribe ‘topografía cristián’: describe a importancia do comercio das especias (cravo e áloes) en Ceilán e a colleita da pementa en India.

os eslavos entran en Illyricum ata Dyrrachium.

fúndase o mosteiro de Catalina en Sinaí.