Amosando publicacións coa etiqueta Cosroes II. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cosroes II. Amosar todas as publicacións

sábado, 1 de novembro de 2014

629

Heraclio recibindo embaixadores
www.elapasionado.com
febreiro, 2: Jomei, 34º emperador de Xapón, en sucesión de Suiko, tía avoa súa.

febreiro: umra (peregrinación) dos musulmáns á Meca, logo do ‘pacto de al-Hodaibijah’. Muhammad toca a ‘pedra negra’ e fai o tawaf, as sete voltas arredor de rigor.

Heraclio pacta con Sharhbaraz apoio para conseguir o trono persa.

marzo, 21: Heraclio autotitúlase ‘basileus’ e non ‘augustus’ nunha novella publicada en Constantinopla.

tratado de paz entre Bizancio e Persia, que debe devolver todos os territorios conquistados.

abril, 27: Ardashir III (nove anos) é asasinado. Shahrbaraz usurpa o trono.

Chorpan Tarkhan, xeneral dos jázaros, invade e devasta Armenia, derrotando unha forza de cabalería de 10000 homes enviados por Shahrbaraz para repeler a invasión.

verán: Muhammand consegue unificar as tribos nómades da península Arábiga, convérteos ao islam e prepara expedicións contra os xudeus.

xuño: acordos de Arabissos entre Heraclio e Shahrbaraz. Bizancio recupera os seus territorios. Logo de vinte anos de guerra Persia está totalmente desorganizada e o seu poder político quebrado. A guerra civil ábrese paso.

xuño, 9: Shahrbaraz é asasinado por unha conxura nobiliaria. Sucédeo a raíña Borandukht, irmá de Cosroes II. En parte do reino tamén exerce a súa autoridade o sasánida Cosroes III, e tras el Hormizdas V.

agosto: Xuanzang, monxe budista e cronista chinés, parte cara India desde a capital Tang, Chang’an, como peregrino. Atravesa Pamir en busca dos textos sagrados budistas. A súa historia é testemuña de que os reinos da conca do Tarim está plenamente influenciados polo budismo.

inicio do reinado de Songtsen Gampo, unificador de Tibet.

desbórdanse o Éufrates e o Tigris e os diques resultan afectados. Sumer resulta inundado.

batalla de Khaybar: Muhammad e os seus seguidores derrotan os xudeus no oasis fortificado de Khaybar, a 150 kms de distancia de Madinat.

batalla de Mu’tah: Muhammad fracasa no intento de apropiarse de terras ao este do Xordán, cerca de Mu’tah (mar Morto), é derrotado polos ghassánidas.

setembro: os bizantinos ocupan Xerusalem logo de quince anos ocupada polos persas. Iníciase unha ‘idade de ouro’ para Bizancio

setembro, 15: Heraclio entra triunfalmente en Constantinopla levando en persoa a ‘vera cruz’ e recíbeo o seu fillo Constantino III Heraclio.

outubro, 18: morre Clotario II. O seu fillo Cariberto II, presente en París, intenta apoderarse do trono co apoio de seu tío paterno Rodulfo. Dagoberto I reúne un exército en Austrasia e faise recoñecer rei en Soissons polos nobres e bispos de Borgoña e pola maioría de Neustria. Cariberto II recibe finalmente o título de rei de Aquitania.

Dagoberto establece capital en París aconsellado por Arnulfo de Metz e Pipino de Landen, mordomo de palacio. Cariberto II establécese en Tolosa.

os períodos de rexencia e o deterioro das comunicacións causan unha maior autonomía dos señores francos, que imparten xustiza baixo os seus criterios e incluso non pagan impostos. Gran parte da poboación prefire esta descentralización xa que os señores locais tenden a protexer os seus servos e procúralles un relativo benestar para mellorar as súas propias rendas, mentres un señor débil ao servizo do rei acostuma a esquilmar os súbditos obedecendo as esixencias dun monarca que non está no lugar para saber se esixe o debido ou non. O fenómeno é máis agudo en Austrasia, onde nunca tiveran peso o xeito de goberno romano e a igrexa e por ende a estrutura social está máis xermanizada.

Dagoberto I proponse frear o proceso de descentralización. Viaxa a Neustria e Borgoña (Langres, Dijon, Losne, Chalon, Autun, Auxerre e Sens), os seus novos dominios, para impartir xustiza, recuperar bens anexados por predecesores e trata de reavivar o extinto comercio mediante unha feira anual en Saint Dennis. Tenta restablecer a orde e asegurar as fronteiras e ordena que os xudeus se bauticen ou se exilien.

Heraclio ordena a construción de Nikopolis en Moesia, na ribeira do Danubio para tentar recuperar o control dos Balcáns contra os eslavos.

Eochaid I morre e sucédeo Connad Cerr en Dál Riata, que morre tres meses despois na batalla de Fid Eoin, derrotado por Dál nAraidi, soberano de Cruthin (Hibernia), sendo sucedido por seu irmán Domnall Brecc.

Tical funda a cidade ‘Dos Pilas’ baixo Balaj Chan K’awill (4 anos), irmán do rei. A intención é controlar os fluxos comerciais na zona.

Dido, bispo de Poitiers.

Arnulfo de Metz retírase ao mosteiro de Remiremont.

Taizong lanza unha campaña contra o khaganato turco oriental.

Muhammad coñece a al-Khansa, poetisa árabe, e convértea ao islam.

venres, 31 de outubro de 2014

628

heptarquía anglo-saxona
en.wikipedia.org
a aristocracia persa quere asinar a paz con Heraclio o antes posible, pero Cosroes II trata de continuar a guerra.

xaneiro, 4: os bizantinos toman Dastgird, residencia de verán de Cosroes II, e obteñen un enorme botín (tamén recuperan ata 300 estandartes de unidades bizantinas capturadas e aniquiladas). Ctesiphone, ben defendida, aguanta o asedio.

ultimátum de Heraclio a Cosroes II, ofrecendo termos de paz moi xenerosos, que o persa rexeita.

febreiro, 24: Khavad II, fillo do segundo matrimonio de Cosroes II, depón a seu pai e pono baixo custodia.

febreiro, 25: pouco despois fai que o executen xunto cos fillos do seu primeiro matrimonio. Khavad II inicia negociacións de paz con Bizancio.

marzo: Muhammad conclúe cos mecanos a ‘paz de al-Hodaibijah’, que inclúe unha tregua por 10 anos e a autorización da peregrinación a Meca por parte dos musulmáns ao ano seguinte.

Muhammad establece relacións diplomáticas con Ctesiphonte, Constantinopla, o negus de Etiopía e o gobernador de Exipto.

abril, 3: Heraclio recibe unha embaixada de paz dos persas, antes de dirixirse a Armenia.

maio, 15: as novas da vitoria de Heraclio chegan a Constantinopla.

maio/xuño: os musulmáns atacan os oasis fortificados de Chaibar e Fadar, ao norte de Madinat, en mans de tribos xudías.

setembro: Khavad é obrigado a retornar todos os territorios conquistados durante a guerra. Os persas deben devolver todos os trofeos capturados, incluíndo a reliquia da ‘vera cruz’. Tamén se inclúen unha forte indemnización financeira. Unha vez concluído o tratado de paz, Heraclio regresa a Constantinopla.

setembro, 6: Ardashir III (seis anos) é o novo rei ao morrer seu pai Khavad II de peste.

Iemen pasa á órbita musulmá cando o sátrapa persa se converte ao islam.

batalla de Cirencester: Penda de Mercia derrota de Cynegils de Wessex e seu fillo Cwichelm e logra o control do val do Severn e o pequeno reino de Hwicce.

Penda logra independizar Mercia de Northumbria. Isto termina por configurar a denominada ‘heptarquía’ (división de Britannia en sete reinos: Kent, Sussex, Essex, Wessex, East Anglia, Northumbria e Mercia). Os galeses (britanos) conservan algúns reinos pequenos que nunca formarán parte dos reinos dos anglo-saxóns.

Penda é un excelente guerreiro pero mal político. Despreza o credo cristián pero tampouco frea o seu avance por Mercia. Emprende preparativos militares contra Edwin e toma como escusa a conversión deste. Alíase con Cadwallan (britano pero cristián).

Xonás de Bobbio acompaña a Bertulfo a Roma con motivo da disputa xurisdicional do abade contra o bispo Probus de Tortona. Bertulfo apela a Ariwaldo, rei lombardo e ariano, quen insiste que a cuestión ten que ser decidida pola igrexa e fai provisión para unha apelación ao papa. Ariwaldo causara problemas anteriormente ao mosteiro de Bobbio e o seu apoio a Bertulfo contrasta co acoso dun bispo católico coma Probus.

a apelación ao papa Honorio I resulta un suceso para o mosteiro, que é posto baixo a xurisdición de directa de Roma e pola ningún bispo pode ter autoridade nel a non ser que sexa convocado polo prior, nin sequera para oficiar misa alí. O prior debe ser responsable dos seus monxes aos que debe dirixir con amor paternal. Bertulfo case morre na viaxe de regreso de Roma a Bobbio.

o matemático hindú Brahmagupta publica Brahmasphutasiddhanta, que entre outras cousas trata do ‘cero’ e o cálculo con números negativos.

os turcos occidentais baixo Tong Yabghu arrasan Tbilisi. Os defensores persas son executados ou mutilados e o khan envíalle a Heraclio o cranio de Stephanos de Iberia, que dirixía a defensa da cidade. Yabghu nomea gobernadores (tuduns) para manexar as diversas tribos baixo a súa autoridade.

a shariah require tanto de homes como mulleres obter formación leiga e relixiosa. Prohibe comer porco, burro domesticado e outras carnes negadas aos xudeus pola ‘lei mosaica’.

xoves, 30 de outubro de 2014

627

batalla de Nínive
Piero della Francesca, s. XV
es.wikipedia.org
primavera: Heraclio atravesa o sur de Armenia con 50000 homes e captura a maioría das fortalezas perdidas dez ou quince anos antes.

Shahrbaraz e o seu exército, inda en Anatolia, están completamente illados. Ao ter novas de que Cosroes II (cartas que lle mostran axentes bizantinos), descontento co seu fracaso á hora de capturar Constantinopla, planea executalo, negocia a súa rendición con Heraclio, pero rexeita unirse aos bizantinos.

marzo, 31 (ata abril, 15): os musulmáns continúan os seus ataques desde Madinat ata que os mecanos asedian a cidade coa intención de rematar con Muhammad e os seus seguidores. Pero os defensores usan un sistema defensivo de foxos e terrapléns, de inspiración persa, que frustra o ataque; é a chamada 'batalla dos foxos', onde os mecanos dirixidos por Abu Sufyan ibn Harb son derrotados.

abril, 20-22: Muhammad asedia e vence a tribo xudía Banu Quraiza; executa os homes e vende mulleres e nenos como escravos. Logo marcha á Meca cun gran continxente militar e obriga os mecanos a pactar unha tregua de dez anos.

constitución de Madinat: Muhammad crea unha confederacións de seguidores do Islam en a Meca e outros oito clans árabes da península Arábiga.

o rei de Wessex tenta matar a Edwin de Northumbria durante unha embaixada pero un servo interpón o seu corpo entre o rei e o asasino. Paullinus aproveita para dicir que o deus cristián salva a vida do rei para protexer a raíña. Edwin non da moito creto a isto pero afirma que se derrotan a Wessex e volve san e salvo si crerá estar protexido polo deus dos cristiáns e se bautizará.

abril, 12: Edwin vence a Wessex, Paullinus constrúe unha igrexa de madeira nos antigos cuarteis romanos de Eboracum e bautiza a Edwin de Northumbria como o primeiro rei cristián do norte de Britannia. Honorio I nomea a Paullinus bispo de York, que rivaliza con Canterbury.

Edwin é agora o rei máis poderoso de Britannia e goberna o territorio máis extenso. No extremo norte levanta un castelo para dirixir a loita contra os escotos, a ‘cidade de Edwin’; é dicir, Edinburgh.

maio, 26: na asemblea de Clichy, que reúne os notables de Neustria e Borgoña, Aegina, nobre saxón do Bessin, fai asasinar a Erminarius, mordomo de palacio de Cariberto II, segundo fillo de Clotario II. Para evitar ulteriores problemas, Clotario ordena que Aegina se retire a Montmartre. Cariberto e o seu tío Brodulfo, sen embargo, prepáranse para atacar a Aegina.

Cuniberto, sucesor de Remedius como bispo de Colonia, que impulsará o monaquismo en Austrasia.

Honorius sucede a Justus como arcebispo de Canterbury.

sínodo de Macon, que recoñece a regra de Columba.

o emperador chino morre e é sucedido polo seu fillo Li Shimin, (logo Taizong). O sur cobra gran importancia económica e cultural, florece o comercio, especialmente o do té, desenvólvese o uso da moeda e os impostos deixan de cobrarse en especie. Os comerciantes crean bancos e comeza a usarse unha especie de letra de cambio.

os turcos e os jázaros (40000 homes) acércanse ás ‘portas do Caspio’ e capturan a fortaleza persa de Derbent (o actual Dagestán).

Heraclio marcha cara o alto Tigris e invade o corazón de Persia deixando que Tong Yabghu Qaghan continúe o asedio de Tbilisi.

Berthoaldo, duque saxón, ataca Austrasia. Dagoberto I intervén pero é derrotado sobre o Wesser. Apela a Clotario II, que derrota e mata a Berthoaldo, e logo masacra os saxóns.

durante unha peregrinación a Roma, Amando, orixinario de Aquitania, ‘recibe a revelación da súa vocación apostólica dunha visión de Pedro’.

verán: o khan dos turco Yabghu atravesa o paso de Derbent cun exército e únese a Heraclio. Asedian Tbilisi. Heraclio promételle a súa filla Eudocia e acompañado de 40000 turcos e jázaros marcha cara Mesopotamia.

outubro, 9: Heraclio entre no val do gran Zab.

decembro, 1: as tropas de Heraclio cruzan o gran Zab.

decembro, 12: Heraclio finxe retirarse e desencadéase unha batalla cerca das ruínas de Nínive que se prolonga ata a posta de sol. Inda que ferido, Heraclio rexeita abandonar o campo de batalla e nunha carga de cabalería final mata el mesmo o xeneral persa Rhazates.

Heraclio avanza e devasta o territorio, como fixeran os persas no seu avance.

logo diríxese cara o NE, a Albania do Cáucaso para que descanse o exército. Cosroes II foxe ás montañas de Susiana para xuntar apoios na defensa da capital, Ctesiphonte.

decembro, 23: Heraclio está en Kirkouk. Logo de Nadal volverá cara Ctesiphonte para capturar a Cosroes II.

Eorpwald de East Anglia é asasinado e sucedido por Ricberht, membro da elite do reino, que restablece o paganismo.

os karlukos rebélanse contra os turcos.

fundación do convento de Debra-Egziabehèr no lago Haik, en l’Amhara (Etiopía).

xoves, 23 de outubro de 2014

626

sección das murallas de Constantinopla
elocasodebizancio.blogspot.com
os arianos logran envelenar a Adaloaldo, demente, e elixen rei a Ariwaldo, cuñado seu, que encerra a muller de Adaloaldo nun mosteiro acusándoa de tramar contra el xunto con Grasfulfo II de Friuli.

Ariwaldo fixa a corte en Ticinum e reorganiza a administración seguindo o exemplo bizantino.

o duque alamano Berohartus publica o ‘pactus alemannorum’, o primeiro código lexislativo alamano, coa pretensión de conter os feudos frecuentes entre a poboación.

Edwin de Northumbria derrota a Cynegils, rei de Wessex, que tentara quebrar a súa crecente fortaleza asasinándoo e obrígao a recoñecer a súa autoridade.

abril, 19: Eanflaed, filla de Edwin, nace na residencia real onde o río Derwent. Paullinus bautízaa.

abril, 20 (Pascua): Edwin de Northumbria escapa a un atentado e promete converterse ao cristianismo, cousa que se decide nunha asemblea de nobres (witan) reunida en Goodmanham.

Edwin invade a illa de Man e logo Anglesey. Cadawallon, o rei, é derrotado en batalla e asediado na illa Puffin.

maio, 14-15: motíns de soldados da garda imperial (scholae) en Constantinopla, furiosos pola supresión das distribucións de annona e o aumento do prezo do pan. O patriarca cálmaos sacrificando o tesoureiro Xoán Seismos.

xullo, 2: Li Shimin viaxa a Chang’an para despedir a seu irmán Li Yuanji, cunha encomenda militar contra os turcos orientais. Li ten noticia de que o queren matar e toma a entrada norte ao palacio imperial con varios fieis, tende unha emboscada e elimina os seus irmáns Li Yuanji e Ji Jiancheng, que están detrás do atentado, celosos do seu poder.

xullo, 29 (ata agosto, 7): Cosroes II acorda unha alianza cos avaros, que cruzan o Danubio e chegan a Constantinopla (arredor de 80000 homes, incluídos grandes continxentes de eslavos, búlgaros e outros ‘bárbaros’), atacando as murallas da cidade. Un pequeno continxente persa chega ao Bósforo. Úsanse as máquinas de asedio máis potentes e modernas, moitas delas cubertas con peles para protexelas dos defensores.

a defensa da cidade (12000 homes ben adestrados) está en mans de Serxio I e Bonus, magister militum.

xullo, 31: os avaros e os persas lanzan un ataque que cubre a totalidade dos ‘muros de Teodosio’ (uns 5,7 kms) concentrando esforzos na parte central, particularmente o mesoteichion, de menos altura. Logo de duros combates de infantería nos propios muros os bizantinos repelen moitos asaltos á cidade. Heraclio ordena a seu irmán Theodoro tratar de distraer os persas no O de Anatolia mentres el volve ao seu propio exército en Pontus.

agosto, 7: nas augas do ‘Corno de Ouro’ a flota persa é destruída mentres transporta reforzos. Os avaros, logo de sufrir terribles perdas e quedar sen comida e subministracións, queiman as súas propias máquinas de asedio e abandonan o sitio e retroceden aos Balcáns. Os bizantinos logran unha gran vitoria, decisiva, en Blaquernae ‘baixo a protección’ da Virxe María.

Heraclio, con menos de 30000 homes está á defensiva en Pontus. Simula deixar un continxente poderoso en Trapezus e retírase en dirección NE ao longo do Mar Negro ata Colchis, onde contén os persas mediante unha combinación de ataques e repregues ao longo do río Phasis.

Cosroes II planea un ataque definitivo contra Constantinopla, volve a Anatolia con dous exércitos – quizás máis de 50000 homes cada un, e un posiblemente mandado por el mesmo. Un debe conter a Heraclio en Pontus e outro baixo Shahin Vahmanzadegan é derrotado por Theodoro.

Heraclio convida os croatas, eslavos procedentes de Galitzia, Silesia e Bohemia a asentarse en Illyricum; dánselles terras entre o Drave e o Adriático para así facer contrapeso fronte ós avaros. Aos serbios permíteselles trasladarse desde as súas terras ao norte dos Cárpatos aos territorios ao leste dos croatas. Heraclio solicita a Honorio I que envíe misioneiros a ambos grupos.

Heraclio alíase con Tong Yabghu Qaghan, khagan dos turcos occidentais, para unha invasión conxunta contra os persas na primavera seguintes. Promete a súa filla Eudoxia Epiphania (15 anos) en matrimonio ao khagan e envíaa cunha forte escolta e numerosos agasallos.

Heraclio recupera Anatolia e Exipto para o imperio, e logo ataca directamente Mesopotamia previa alianza cos jázaros, nómades ao N do mar Negro e descendentes dos hunos desprazados polos turcos desde as fronteiras orientais de Persia.

os jázaros atacan os avaros.

os monxes de san Xurxo de Cyzicus, con eles Máximo Confesor, foxen cara o sur lonxe do exército persa e a devastación que está a causar.

Romanus, bispo de Rouen como sucesor de Hidulfo.

sínodo de Clichy: regulación da división de poder entre os reis merovinxios.

Godinus, fillo do mordomo Warnachar casa coa súa sogra Bertha, a raíz do que Clotario II inicia contra el preparativos militares. Godinus foxe con Bertha onde Dagoberto I pero Clotario atrápaos e mátao a el en Chartres.

Dagoberto I constrúe unha abadía (futura saint Denis) sobre a tumba de Dionysius.

setembro, 4: Gaozu abdica en Li Shimin, que reina co nome de Tang Taizong.

setembro, 23: os turcos orientais asedian Chang’an. Taizong sae da cidade á cabeza das súas tropas e proponlle un combate singular, á maneira das guerras da estepa. A paz asínase ao día seguinte.

Clotario II reúne en Troyes os grandes de Borgoña, que rexeitan nomear un novo mordomo de palacio.

martes, 21 de outubro de 2014

624

Mogadouro
moviespictures.org
testemuña epigráfica dun casamento entre un hispano-romano e unha sueva en Mogadouro, o que proba dúas cousas: 1/ existe unha identidade sueva separada da goda ou hispanorromana inda nesta época, e 2/ a tolerancia sueva aos casamentos entre etnias distintas; ao contrario da exclusión practicada polos godos.

Suintila expulsa definitivamente os bizantinos de Hispania.

os musulmáns de Madinat atacan e derrotan unha caravana de infieis, causando 63 vítimas na súa primeira acción bélica.

marzo, 15: con 300 fieis Muhammad derrota a 900 adversarios mecanos (coraichitas) na batalla de Badr, ao SO de Madinat, ao seu regreso de Syria. Logo de oír que o líder Abu Sufyan escolta unha rica caravana, Muhammad enche de area os pozos de auga ao longo da súa ruta para atraelos á loita. A continuación derrotan a tribo xudía dos Banu Qainuqa.

promúlgase o Tanglu Shuyi, primeiro código legal chino que se conserva completo.

Máximo Confesor xa reside no mosteiro de Xurxo en Cyzicus (costa sur do Mar de Mármara), onde escribe as súas primeiras obras: unha serie de cartas, incluíndo catro a Xoan Cubicularius (eunuco imperial), e algúns dos seus tratados espirituais coma ‘a vida ascética’ e as catro ‘centurias sobre o amor’. Durante esta estancia tamén coñece a Xoán, bispo de Cyzicus, a que dedica ‘libros de dificultades’, en base a conversas entre os dous e que escribe cando chega a Africa.

Suintila ataca os territorios vascos.

Justus sucede a Mellitus como arcebispo de Canterbury. Dispón o envío de misioneiros a Northumbria.

inverno: Cosroes II, retira a maioría das súas forzas de Chalcedonia e xunta tres exércitos para atrapar e destruír as forzas de Heraclio, que os ataca Tigranakert (oeste de Armenia); desorganiza as forzas dos xenerais Shahin Vahmanzadegan e Shahraplakan e destrúe o tren de subministracións persa.

Eorpwald sucede a seu pai Raedwald como rei (bretwalda) de East Anglia.

o calígrafo chinés Ouyang Xun completa a enciclopedia Yiwen Leiju.

Dagoberto I elimina o bávaro Chrodoaldo.

623

Dagoberto I
marzo, 25-27: Heraclio sae de Constantinopla, onde deixa a Constantino III Heraclio e Bonus coa encomenda de defender a capital contra os persas inda en Chalcedonia. Pasa por Nicomedia, onde celebra a pascua cos seus fillos e a súa muller Martina. Logo da pascua, acompañado da emperatriz, desembarca en Trebisonda para invadir Armenia. Leva consigo 5000 homes de reforzo para unirse ás tropas en Trapezus, recruta máis tropas en Pontus e atravesa as montañas de Armenia e as rexións do Cáucaso.

abril, 7 (entre … e xaneiro, 20): baixo a presión da nobreza franca Clotario II nomea a Dagoberto I (20 anos) rei de Austrasia, mentres el se reserva Neustria e Borgoña, inda que conserva a rexión ao oeste das Ardenas e dos Vosgos e as partes de Aquitania baixo mando austrasiano. Dagoberto I é posto baixo a tutela de Arnulfo de Metz.

abril, 20: Heraclio penetra en Media Atropatena.

algúns grupos eslavos alcanzan as illas gregas, Creta entre elas.

codifícase, con autorización de Clotario II as leis dos francos do Rhenus (lex ribuaria) e dos alamanos (pactus legis alamannorum).

c., Isidoro publica as etimoloxías.

Samo, un comerciante franco, acaudilla tribos eslavas que se rebelan contra os avaros e funda un reino eslavo occidental no territorio da actual república Checa.

batalla de Gansu: os exércitos da dinastía Tang derrotan o reino Tuyuhun; segundo a tradición coa axuda dunha danza exótica.

Muhammad fai preparativos militares contras os mecanos e casa con Aischa bint Abi Bakr.

xuño, 21: vitoria de Heraclio sobre os persas en Ganzak. Cosroes II fuxe do país, que é arrasado por mercenarios isauros. Heraclio retírase con 50000 prisioneiros para invernar sobre o Koura, no Cáucaso, onde recruta tropas entre os cristiáns de Armenia e o Cáucaso.

a comunidade xudía en Madinat rexeita a Muhammad como líder xudeu. El e os seus seguidores deixan de mirar a Xerusalem durante as súas oracións e comezan a facelo cara a Kaaba. Muhammand abandona a celebración do ‘sabbath’.

xoves, 9 de outubro de 2014

620

Pulakesi II recibe unha embaixada dos persas
en.wikipedia.org
durante a festa de peregrinación á Meca, Muhammad mantén contactos con xente de Yatrib (500 kms ao N), onde viven tribos xudías, árabes xudaizadas e árabes pagáns que loitan polo dominio da cidade. Pensan que Muhammad pode pacificar a cidade e tratan de atraelo, pero rexeita a oferta.

os eslavos atacan Thesalonicca pero non logran conquistar a cidade, que se converte nun enclave bizantino rodeado por territorio eslavo. A vida urbana desaparece como tal e moitas vilas da península dos Balcáns mudan en aldeas.

Clotario II establece o ducado de Turinxia baixo a autoridade de Radulfo.

terminan de escribirse Tennoki e Kokki, libros que recollen a historia de Xapón.

Cosroes II conquista Ancyra (Ankara), en Anatolia central. O imperio persa ten agora a mesma extensión que en tempos de Darío I.

os anglos baixo Edwin de Northumbria invaden Rheged (‘o vello norte’) e expulsan o rei Llywarch Hen, que foxe a Powys e faise un bardo famoso. Os exércitos de Edwin loitan contra Gododdin e Strathclyde.

Pulakesi II derrota o exército de Harsha nas ribeiras do río Narmada. Harsha perde unha parte substancial da súa forza de elefantes e retrocede. Un armisticio establece Narmada como o límite norte do reino Chalukya.

agosto: Li Shimin asedia Luoyang, a segunda capital de China, defendida polo resto de pretendentes ao trono, Dou Jiande e Wang Shichong.

619

Isidoro de Hispalis
traianeum.blogspot.com
morren Khadiya e Abú Talib, muller e tío de Muhammad, que intenta predicar en Taif e entre os nómades pero sen éxito. Volve á Meca, onde casa con outra viúva, Sauda. Inmediatamente toma como segunda esposa a Ayesha, filla de Abú Bakr, á que seguirían outras sete mulleres. Estes matrimonios teñen unha finalidade política, para lograr contactos e influencias.

c., Isidoro compón historia gothorum e historia sueborum, a petición de Sisebuto; herda de Xoán de Biclaro a súa adhesión á monarquía goda coma sostén do catolicismo hispano, e a hostilidade cara os inimigos dos godos; e tamén a propensión a medir os logros godos cos bizantinos. Pero onde Xoán é fan do imperio, Isidoro mostra hostilidade. Para Xoán Hispania emula un imperio que logra feitos loables, para Isidoro os godos superan o Imperio coetáneo, desprezado: os bizantinos posúen o único territorio hispano non sometido aos godos; ademais, a súa familia semella ter tido unha longa historia de oposición á presenza bizantina en Hispania. E ademais, el tiña unha opinión máis desfavorable da ortodoxia bizantina que Xoán de Bíclaro.

contrasta romanos e godos: debilidade contra fortaleza, derrotas contra vitorias (o saco de Roma e a conquista de Hispania, a xoia do mundo). Segundo el, moitas nacións existen como regalo ou resultado da oración, os godos só como resultado da súa fortaleza na guerra; o imperio está inmerso nunha gravísima crise: ameazado polos avaros no oeste e os persas no leste. Os romanos recorren a pagar aos avaros para frealos, fuxindo de enfrontamentos abertos, unha vella política romana pero para Isidoro síntomas de debilidade: os romanos, pagando tributo, puxéranse á altura dos insignificantes suevos.

primeiro ataque dos avaros sobre Constantinopla logo dunha batalla en Heracleia, onde o Mármara.

xuño: os persas conquistan Alexandría. Nicetas e o patriarca Xoán V foxen a Chipre. Cosroes II vai instalando postos de control ao longo do Nilo en dirección sur.

os persas desisten de avanzar cara Carthago. Cosroes II quizás pensa que supuña alongar en exceso as liñas de comunicación; algo moi perigoso sen unha flota.

Heraclio comeza a reconstruír a flota imperial con fondos das igrexas.

novembro, 2: un khagan dos turcos occidentais é asasinado nun palacio chinés por rivais orientais coa aprobación do emperador Gaozu Tang.

novembro, 13: II concilio de Hispalis, presidido por Isidoro, que reafirma o credo de Chalcedonia das dúas naturezas de Cristo nun só corpo.

decembro, 23: Bonifacio V, novo bispo de Roma.

Mellitus sucede a Laurentius como arcebispo de Canterbury.

algunhas tribos eslavas rebélanse contra os avaros e fundan os seus propios dominios en Moravia e partes da actual Austria.

os persas derrotan os turcos na súa fronte leste.

os cálculos do calendario chinés comezan a usar os verdadeiros movementos do sol e da lúa.

os chineses comeza a usar grandes orquestras.

embaixada dun xefe búlgaro a Constantinopla que recibe a dignidade de patricius e é bautizado co seu séquito. O líder búlgaro pode ser o khan Organa ou Ohran. Deixa como refén ao seu sobriño Kubrat.

reforma tributaria Tang en China. A imposición non é sobre as propiedades senón sobre as persoas. Son definidos tres tipos de impostos: tsu (pagado en gran), yung (unha especie de tarefa) e Tião (pagado en pano).

xoves, 25 de setembro de 2014

610

sólido de ouro coa efixie de Heraclio
www.numismall.com
Benxamín, mencionado coma bispo de Dumio.

Muhammad (40 anos) retírase a meditar a unha cova no monte Hira, cerca de a Meca, onde seica soña que o arcanxo Gabriel o chama a converterse no profeta de Allah para liberar o seu pobo da idolatría.

Allah, o todopoderoso, é o único deus que xulgará a todos os mortais o último día. Para gañar o seu favor e alcanzar o paraíso, os homes deben ser humildes e xustos, e dar parte da súa fortuna aos pobres e orfos. Denuncia os comerciantes ricos de a Meca e obrígaos a someterse aos ditados de Allah.

abril, 18: Serxio I, patriarca de Constantinopla, sucede a Thomas I.

abril/maio: os católicos conxuran contra Witerico e envelénano nun banquete en Toletum. Elixen rei a Gundemaro, duque de Narbona, que reúne o chamado concilio de Gundemaro, onde se restablece o catolicismo como relixión do estado. Gundemaro fíxase como política combater a vascos e bizantinos.

Eusebio, asina “ego Eusebius Tarraconenses” no Decretum de ecclesia Toletana de Gundemaro.

setembro: a comunidade xudía de Antioquía provoca graves disturbios na cidade; morre o patriarca Anastasio.

Columba e os seus compañeiros irlandeses (entre eles Gallus) fundan mosteiros en territorio franco; a súa regra é máis estrita que a beneditina e insiste no ascetismo. Brunequilda expúlsao de Burgundia e pasa á Suiza actual, onde funda un mosteiro xunto ao lago Constanza.

outubro, 4-5: Heraclio o Novo dirixe unha flota de guerra cara Constantinopla. Ao ter novas de tal feito o pobo lánzase contra o palacio imperial e a garda non fai gran cousa para impedir que Phocas sexa torturado ata morrer.

outubro, 6: Heraclio é proclamado emperador polo patriarca Serxio I. Modifícanse as normas sucesorias: xa non se elixe un césar como era costume desde a ‘tetrarquía’ de Dioclecio. O título imperial pasa a ser basileus.

o seu primeiro acto de goberno importante é facer o grego lingua oficial do imperio en substitución do latín. O grego era a lingua nai da inmensa maioría da poboación.

en teoría, Cosroes II debería estar agora satisfeito pero decide continuar a guerra. Prosegue con operacións militares en Syria e Anatolia.

Máximo Confesor traballa como xefe da chancelería imperial de Heraclio, protoasecretis. Posteriormente renunciará e profesará coma monxe en Chrysopolis, na outra ribeira do Bosphorus; quizás incómodo coa situación relixiosa na corte imperial e polo desexo de levar unha vida dedicada á oración.

batalla de Wangas (próximo á actual Berna): os alamanos baixo Berohartus arrasan a rexión de Avenches e vencen os condes francos da alén do Jura, ocupando o país. A villa romana de Aventicum resulta abandonada.

Teodeberto II fai asasinar a súa dona Bilichildis.

os avaros penetran en Friuli e arrasan o ducado, que actúa como protección lombarda contra os eslavos. Tasso sucede a Xisulfo II como duque, ao morrer este en combate contra os invasores.

c., Georgius Cuprios, xeógrafo bizantino, escribe descriptio orbis romani en grego e enumera as cidades do imperio. Quizás non é un documento oficial pero si deben ser datos tomados dalgún tipo de catálogo oficial. Menciona Spania:

670. Eparquia Mauritania II:
671. Septem, en Hispania
672. Mesopotamenoi, en Hispania
673. Mallorca, isla
674. Minorca, isla

a eparquia está dirixida desde Cartaxena (carta de Liciniano a Vicente de Ibiza); curiosamente Ibiza non se cita (tampouco Córcega, na parte correspondente), posiblemente por erro dos copistas.

os búlgaros do Volga logran independizarse dos eslavos.

Selyf ap Cynan sucede a seu pai Cynan Garwyn como rei de Powys.

a fabricación de papel chega a Xapón importada polo sacerdote budista Dam Jing.

Bonifacio IV celebra un concilio en Roma para tentar afianzar a disciplina monástica. Mellitus, bispo de Londres, está entre os asistentes.

Xoán V, patriarca de Alexandría.

outubro, 23: o bispo de Toledo é recoñecido como metropolitano polos bispos de Spania.