Amosando publicacións coa etiqueta Pelaxio II. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pelaxio II. Amosar todas as publicacións

venres, 29 de agosto de 2014

590

Gregorio I, por Pedro Berruguete
arte-paisaje.blogspot.com
Mauricio derrota as forzas persas baixo Bahram Subin en Nisibis e fai que se retiren a Armenia.

febreiro: Hormizdas IV desexa ser tolerante cos cristiáns como Cosroes I; iso aumenta o malestar dos sacerdotes mazdeístas, que tampouco consideran que estea á altura de seu pai e conxuran contra el. Gañan para a súa causa a Bahram Subin, quen organiza o asasinato de Hormizdas IV co consentimento do fillo deste (Cosroes) e marcha cara Ctesiphonte.

febreiro, 7: Pelaxio II morre vítima da peste que devasta Roma. Gregorio I, bispo de Roma. Di que non quere o cargo, chegando a pedir a Constantinopla que non ratifique a elección, pero o mensaxeiro é interceptado e ‘obríganlle’ a aceptar

febreiro, 15: Hormizdas é deposto e asasinado por nobres persas en Ctesiphonte. O seu fillo coróase como Cosroes II; sen embargo, Bahram Subin decide ser el mesmo shah de Persia e rebélase.

marzo, 9: Bahram Subin derrota as forzas de Cosroes II cerca de Ctesiphonte e proclámase rei co nome de Bahram VI.

Mauricio decide axudar a Cosroes II a recuperar o seu trono como maneira de ter máis control e diminuír os problemas na fronteira oriental.

Comentiolus, magister militum per Orientem, recibe o rei lexítimo Cosroes II como refuxiado na súa base en Hierapolis.

marzo, 26: Teodosio, primoxénito de Mauricio, é proclamado coemperador e herdeiro de seu pai

Estevo I sucede a Guaram I como rei de Iberia (Xeorxia).

Francos e burgundos baixo Gontran invaden Italia e conquistan Mediolanum e Verona, pero declárase a peste no val do Po e teñen que retirarse. Sen embargo, volven e capturan Modena e Mantua. Varios duques lombardos desertan. Xisulfo I, duque de Friuli, é derrotado polo seu fillo Xisulfo II.

Aethelberht sucede a seu pai Eormenric como bretwalda de Kent.

asedio de Lindisfarne: unha coalición de britanos asedia o rei Hussa de Bernicia.

Owain mab Urien sucede a seu pai Urien como rei britano de Rheged no N de Britannia.

Aegidius, bispo de Reims é sometido a xuízo en Metz por un concilio de bispos por conspiración contra Childeberto II e é condenado ao exilio en Estrasburgo.

Columba obtén de Gontran o castelo de Luxovium, futura abadía de Luxeuil.

Waroch II invade de novo Rennes e Nantes. Gontran envía os duques Beppoleno e Ebrachairo. O primeiro é derrotado e morto. O segundo entra en Vannes e obtén a submisión do xefe bretón. Ao retorno o exército franco é derrotado nunha emboscada.

setembro 5; morre Authario (envelenado ou vítima da peste, que volve arrasar Italia). A súa viúva, Teodelinda, conserva o poder, pero os condes ínstana a volver casar.

Gregorio I tamén establece contactos con Childeberto II, por se necesitase a súa intervención.

o kaghan turco recibe como esposas varias princesas chinesas.

Liciniano de Cartaxena (554-602, Constantinopla), de orixe goda, bispo de Carthago Spartaria, onde nacera. Leovixildo condenárao ao desterro. Consérvanse tres epístolas súas: ad epiphanium diaconumes (582) é a máis interesante e versa sobre a natureza da ánima. Isidoro (descriptoribus ecclesiasticis, cap. XLIII) di que perfecciona as doutrinas dos seus predecesores, inda que a súa visión da espiritualidade no queda completamente nítida.

Xoán de Bíclaro, novo bispo de Girona, acaba a súa Chronica á luz da recente conversión do monarca godo, que sería o seu apoxeo final. Iníciase en 565 coa morte de Xustiniano. Nesa data Xoán estaba en Constantinopla e por tanto os asuntos imperiais teñen un lugar central na primeira metade da súa obra. O seu punto de vista é moi favorable ao imperio. A política relixiosa dos últimos anos de Xustiniano tivera sido moi mal vista en occidente, pero Xoán, ao principio da súa obra, disipa as dúbidas sobre a ortodoxia dos bizantinos; para el o imperio é un estado esencialmente cristián que tenta levar a verdadeira fe a todo o mundo. Retrata aos pobos bárbaros converténdose e aliándose ao imperio. Xustifica a guerra contra Persia pola agresión desta contra os Iberia e Armenia, glorifica as vitorias romanas e minimiza as derrotas, coma a sufrida fronte aos lombardos en Italia.

trata ben a Leovixildo, ariano convencido e militante, quen o exiliara; sen embargo, o seu obxectivo é loar a Recaredo. A obra pode verse como un panexírico, xa que Recaredo é un novo Constantino, que rescata aos godos da súa persistencia milenaria na herexía; resaltando as súas vitorias sobre inimigos internos (rebelións arianas) e inimigos externos (vitoria do seu xeral Claudius, con 300 godos, contra 40000 francos).

Kagudon, rei de Pandyan, no sur de India.

xoves, 28 de agosto de 2014

589

Recaredo no iii concilio de Toledo
historiageneral.com
Xoán, bispo de Dumio.

terceira rebelión contra Recaredo apoiada polo bispo Uldilda e Golsvinta, viúva de Leovixildo; tamén sufocada. Argimundus, un dos rebeldes é desterrado en Callaecia.

febreiro, 10: o xeneral Heruo Bi conquista Jiankang, sede da dinastía Chen, facendo de Sui Wendi emperador de toda China. Continúa coa campaña de obras públicas para facilitar as comunicacións entre norte e sur: vías fluviais e estradas imperiais para as que os traballadores eran recrutados á forza entre a poboación.

marzo, 1: as monxas da Santa Cruz de Poitiers rebélanse contra a abadesa Leubovera, e chegan a Tours levadas pola princesa Chrodielda e súa curmá Basina. Chrodielda provoca unha entrevista con Gontran durante o verán, quen lles ordena reunirse para examinar o conflito.

abril, 10: Mauricio renuncia a reducir as soldadas e iso frea as revoltas das tropas na fronte persa. Philippicus é aceptado como comandante.

primavera: Bahram Subin conquista Martyropolis grazas á traizón de Sittas.

maio, 8: III concilio de Toletum presidido por Leandro, onde Recaredo se bautiza católico e abxura publicamente do arianismo xunto con outros nobres e altos xerarcas da igrexa. Anuncia a devolución de bens confiscados durante o período ariano. O concilio decreta que os fillos dun matrimonio mixto (cristián – xudeu) serán bautizados á forza.

os anteriores concilios de Toledo tiveran menos relevancia pero a partir de agora serán asembleas fundamentais para tomar decisións políticas e relixiosas; participarán tanto bispos como nobres, que se retiran unha vez tratados os asuntos civís.

maio, 15: en Verona Authario casa con Teodelinda, filla do duque bávaro Garibaldo I e Walderada, quen en realidade estaba namorada de Childeberto II. Sen embargo, tivera que fuxir de Gallia cara Italia en compaña de seu irmán Gundobaldo. Teodelinda é católica e vai influíndo na corte lombarda.

a igrexa católica é unha potencia económica e política. Moitos propietarios doaran os seus bens para evitar que caeran en mans da aristocracia franca ou goda e a igrexa acaba sendo propietaria de terras, gando, casas, …

a administración dos bens eclesiásticos funciona a base de parroquias, dependentes dos bispos. O traballo realízano escravos e unha parroquia con menos de dez é consideraba pobre. En occidente a renda dunha parroquia divídese en catro partes: unha para o bispo, outra para os cregos, outra para a conservación dos bens e a cuarta para os pobres; nalgunhas, esta última considérase superflua e suprímese.

primavera: expedición de Authario cara Samnium e en Calabria, ata Reggio. Os lombardos fan de Benevento a capital dun poderoso ducado.

xuño: Xoán IV, patriarca de Constantinopla, proclámase ecuménico nun sínodo. Pelaxio II protesta e prohibe que Gregorio, apocrisiarius, se comunique con el.

verán: Philippicus asedia Martyropolis, pero é rexeitado cando chegan reforzos persas.

Mauricio planifica a invasión de Azerbaijan polas tribos do Cáucaso, baixo a dirección de Guaram I de Iberia.

Fredegunda fracasa na tentativa de asasinar a Rigunthis, filla de Chilperico I.

Childeberto II tenta impor impostos aos cidadáns de Tours e o bispo Gregorio logra que desista facendo alusión á inmunidade outorgada por Fredegunda.

outubro, 17: o río que pasa por Verona sáese da súa canle, inunda a igrexa de Zenón e deteriora as murallas.

Smaragdo enferma dalgún tipo de demencia e substitúeo Romanus en Ravenna. A súa chegada inicia unha contraofensiva imperial contra os lombardos. Nordulf, xeneral lombardo a soldo do imperio, regresa a Italia e ponse ás ordes do exarca. Concértase un plan conxunto cos francos para vencer a resistencia lombarda.

tres columnas francas entran en Italia e avanzan cara o sur tomando e destruíndo moitas fortalezas e Romanus escribe a Childeberto en agradecemento por colaborar na ‘liberación’ de Italia.

Romanus lanza o seu propio ataque no val do Po e captura Módena, Altinum e Mantua; Parma, Rhegium e Placentia son entregadas polos seus propios duques lombardos e Xisulfo, fillo de Grasulfo de Friuli, un ‘home ansioso por mostrarse mellor do que fora seu pai’ (Romanus), pásase ao imperio cos seus homes. Algunhas cidades fronteirizas son tomadas por Nordulf e Osso, outro xeneral.

sen embargo, os francos e as forzas imperiais non fan fronte común e os francos non poden presentar batalla aos lombardos porque estes se retiran a lugares seguros e ben fortificados. Authario mesmo permanece en Ticinum. Pasan tres meses e a disentería comeza a causar estragos entre os francos; o seu comandante, o duque Chedin, acampado cerca de Verona acorda con Authario una retirada durante dez meses e marcha de Italia.

Childeberto II e Germanus cúlpanse mutuamente da situación; o exarca quéixase da pouca paciencia de Chedin, que podía ter derrotado a Authario usando as súas armas de asedio: “se tiveran tido un pouco de paciencia, hoxe Italia estaría libre desa odiosa raza e todas as riquezas do innomeable Authario terían ido para á túa tesouraría; xa que a campaña acadara tal punto que os lombardos xa non se consideraban a salvo dos francos, incluso dentro dos muros das súas cidades.” Urxe a que Childeberto envíe outro exército cun xeral que sexa de máis confianza. Suxestiona atacar na época de colleita para destruír os alimentos dos lombardos e concertar as rutas cos exércitos imperiais evitando prexudicar os romanos.

Childeberto, sen embargo, conclúe un tratado con Authario.

Pelaxio II pode dedicarse a cuestións eclesiásticas: trata de resolver o cisma de Aquileia pero fracasa.

novembro, 1: no concilio de Narbona, cidade onde conviven godos, romanos, xudeus, gregos e sirios, prohíbese aos xudeus cantar salmos nos seus funerais.

novembro: o Tíber causa importantes inundacións en Roma e morren moitas persoas, caen moitas vivendas e monumentos, e o subministro de alimentos vese interrompido. Pouco despois comezan a aparecer casos de peste, que matan a inda máis xente.

Gontran ordena atacar Septimania: o duque Austrovaldo logra tomar Carcassona. O duque Boson chega coas súas tropas de Saintes, Périgueux, Burdigalia, Agen, e Tolosa substitúeo como comandante; pero déixase sorprender e é vencido definitivamente polos godos, comandados por Claudius, dux de Lusitania. Os francos deixan atrás 5000 mortos e 2000 prisioneiros.

morre o pai de Máximo Confesor (Moschion), un ano máis tarde súa nai, escrava persa. El ingresa coma monxe no mosteiro de Palaia Lavra (san Chariton), acollido polo abade Pantaleón. Máximo chama a atención de Sophronius (no mosteiro próximo de Teodosio) e ambos establecen unha longa relación na que o talentoso mozo influencia o home maduro.

as novas sobre Máximo están nunha biografía contemporánea aos feitos escrita por un tal Xurxo de Reshaina, que participa en círculos monotelistas, o que explica a acusación feita a Sophronius de “orixenista” e o ton agresivo da Vida de Máximo composta en Syria xa que el loitaría toda a súa vida contra esta herexía; o cal lle acabará custando a vida.

Heraclio o Vello derrota un exército persa na proximidade de Nisibis.

os persas capturan as cidades de Balk e Herat, no leste. Cruzan o Oxus e rexeitan unha invasión turca.

Yan Zhitui, funcionario e erudito, fai a primeira referencia ao uso de papel hixiénico na corte imperial Chen por cidadáns de clase alta.

xoves, 21 de agosto de 2014

584

Authario, rei lombardo
crónica de Nuremberg, 1493
en.wikipedia.org
Eborico é deposto e confinado nun mosteiro por Andeca, que casara con súa nai, e é novo rei dos suevos en Callaecia.

Leovixildo toma finalmente Hispalis e Hermenexildo refúxiase en Corduba, pero seu pai tamén a toma; negocia o perdón desde unha igrexa e é desterrado a Tarraco. Leandro tamén é desterrado. Ingunda foxe cun fillo varón de ambos a Africa.

Gontran restitúe os territorios en torno a Marsella ao seu sobriño Childeberto II e renova con el unha alianza. Chilperico, que teme un ataque combinado, refúxiase en Cambrai co seu tesouro e fai que reparen os muros da cidade.

Chilperico I ten un fillo varón, Clotario, a quen “fixo educar no seu dominio de Vitry-en-Artois a fin de que non lle acontecera ningunha desgraza se se lle vía en público e puidera morrer” (Gregorio de Tours); nestas poucas palabras temos como se desenvolve a vida privada na época: ao rei acáballe de acontecer algo de suma importancia, un fillo varón, nada sobre a nai, cuxo nome é dubidoso, tal vez unha concubina, e tan pronto como nace envíao onde unha nodriza da cidade (Cambrai) ao campo. Hai que ocultar a infancia e vivir en privado para evitar as ameazas do mundo exterior. A vida privada é amor, violencia, anguria e morte.

Childeberto II parte a Italia, financiado polos bizantinos, para atacar os lombardos. Os duques lombardos sométense e tamén lle pagan un tributo e Childeberto retírase. Mentres, Chilperico aproveita para recuperar París.

segunda embaixada do senador Elpidius onde Bayan; conclúen un tratado de paz.

primavera/verán: embaixada bizantina en Persia. O xeneral Xoán Mystacon é substituído por Philippicus, cuñado do emperador, nomeado magister militum per Orientem, quen recruta tropas e fortifica Monocarton.

verán: os avaros son vencidos por Comentiolus logo de que estes penetren ata os ‘muros longos’ de Thracia.

Creoda funda o reino de Mercia.

incendio de Bourges.

Muhammad (14 anos) participa cos seus tíos nos combates que enfrontan o seu clan co beduíno Hawazin.

final de setembro/ inicios de outubro: o único fillo vivo de Chilperico (Gregorio de Tours: ‘Nerón e Herodes do noso tempo’) é Clotario e el mesmo tamén morre ao regresar dunha cacería en circunstancias misteriosas cerca de Chelles, quizás por instigación de Brunequilda ou da propia Fredegunda.

setembro: Rigunthis, filla de Chilperico e Fredegunda, parte de París cun gran tesouro a Hispania para casar con Recaredo. Na primeira parada que fai a expedición desaparece parte da escolta con todo o que son capaces de roubar. En Tolosa, o duque Didier, logo de saber do asasinato do rei, faise co resto das riquezas. A princesa é devolta a súa nai.

Fredegunda faise co tesouro real de Neustria, foxe a París con Clotario (catro meses) e pide a protección de Gontran para os dous. Gontran chega a Paris cun exército para garantir o trono de Neustria a seu sobriño contra as ambicións de Childeberto II, tamén sobriño, que reclama en Meaux a súa parte de Neustria.

o recen nado pasa a ser Clotario II de Neustria, baixo a tutela de Fredegunda e Gontran pero notables como o bispo de Rouen expresan dúbidas sobre que Clotario sexa realmente fillo de Chilperico; Fredegunda fai matar este bispo e que outros xuren a lexitimidade do neno.

os britanos vencen a Ceawlin de Wessex en Fethanleigh, onde morre o irmán do rei, Cuthwine.

Berta, filla de Chilperico, casa con Ethelberto de Kent, pagán, pero que permite que ela conserve a súa fe e leve sacerdotes con ela a Britannia.

os duques lombardos séntense ameazados logo da invasión franca e elixen rei a Authario, fillo de Clef, un mozo xa ben experimentado no combate, que residirá en Ticinum.

Mauricio, coa axuda de Pelaxio II e o apoio pagado dos francos (50000 solidi), logra conter os lombardos e asegura o dominio dunha porción de territorio, o exarcado de Ravenna. A capital da fronteira é salvada coa axuda da flota imperial.

outubro, 4: Pelaxio II describe a situación en Roma a Gregorio, apocrisiarios en Constantinopla: “tan grandes son as calamidades e tribulacións que sufrimos pola perfidia dos lombardos a pesar das súas solemnes promesas que ninguén as podería describir ... O imperio atópase nunha situación tan crítica que, a non ser que Deus prevaleza no corazón do noso pío señor para que mostre aos seus súbditos a piedade que sinte e lle dea un comandante ou un xeral, estamos perdidos. Xa que o territorio que rodea Roma está completamente indefenso e o exarca escribe que non pode facer nada por nós, sendo el mesmo incapaz de defender a zona de Ravenna (...)”. A carta de Pelaxio contén a primeira mención ao exarcado, que supón na práctica recoñecer as conquistas lombardas. Un exarcado é unha provincia de fronteira militarizada, organizando o que queda de Italia nunha unidade defensiva.

Pelaxio pide que Gregorio interceda ante o emperador para salvar a situación contra os lombardos. Mauricio envía a Smaragdus con un exército e o título de exarca. Sen embargo, o título, que confire poderes teóricos ilimitados, depende na práctica dos recursos militares dispoñibles, e estes son insuficientes para diminuír o poder lombardo, pero si abondan para consolidar o exarcato.

outono: Philippicus devasta as chairas de Beth Arabaye, próximas a Nisibis.

os avaros ocupan (por pouco tempo) Singidinum e Viminatium e asedian Thesalónica.

Kubrat, primeiro khagan búlgaro mencionado polo seu nome nas fontes.

Yang Jiang prepara a conquista del sur, constrúe catro silos para asegurar o abastecemento da capital, Chang'an, establece as primeiras conexións por barco co sur e asina acordos cos turcos para garantir a paz no norte. Tamén constrúe un enorme canal navegable que desenvolve o comercio e o abastecemento de auga, pero tamén servirá para rápidos movementos de tropas.

decembro: Gondovaldo volve a Gallia e proclámase rei en Brives, pero o nacemento de Clotario réstalle novamente posibles adeptos. Retírase a Comminges.

domingo, 17 de agosto de 2014

580

Hermenexildo
www.primeroscristianos.com
Hermenexildo proclámase rei en Hispalis, acuña moeda co seu nome, inda que recoñece a dignidade real de seu pai. Os godos de Baetica e Lusitania acatan a súa autoridade. Nestas zonas é probable que os arianos sexan despoxados das súas igrexas e perseguidos nas provincias sublevadas.

Leovixildo trata de contrarrestar o catolicismo cun sínodo en Toletum que dita medidas para facilitar as conversións ao arianismo: decrétase que os católicos que cambien de credo non necesitan volverse a bautizar, o que semella lograr bastantes conversións entre a poboación católica.

debate ideolóxico en Mausona (católico) e Sunna (ariano) en Emerita.

Miro apoia a Hermenexildo e envía unha embaixada a Gontran e outra a Constantinopla.

o godo ariano Axila dialoga con Gregorio de Tours: ‘inda que nós non creamos o mesmo ca ti, non falamos mal, porque ter unha opinión ou outra non debe ser considerado un crime’.

Fronimius, bispo de Agde, alertado de que Leovixildo urde plans para matalo, foxe a territorio franco.

Pelaxio II, sen esperanzas de recibir axuda imperial, escribe a Aunacharius de Auxerre para que inflúa nos reis francos e estes axuden á cidade contra os lombardos arianos mediante unha alianza entre o Imperio e os francos.

peste no sur de Gallia e no levante hispano.

expedición militar de Aidan, rei de Dal Riada (Escocia), contra as Orcadas.

Clodoveo, fillo e herdeiro de Chilperico I, despois da morte dos tres fillos de Fredegunda por enfermidade, é encarcerado en Noisy, e logo apuñalado por orden desta. En Mans, tamén fai que asasinen a Audovera, súa nai, e que violen e encerren a Basina, irmá de Clodoveo, no mosteiro de santa Cruz de Poitiers.

lumes cerca de Burdigalia e Aurelianum; tremor de terra en Burdigalia; inundacións en Limaña en outono; enchentas do Ródano e o Saona eu outubro: inundación de Lugdunum e dos suburbios de Arelate, onde o circo é devastado e nunca máis será rehabilitado.

Gregorio de Tours debe comparecer ante un sínodo de bispos acusado de difamar a Fredegunda.

os eslavos seguen migrando masivamente aos Balcáns. Os avaros baixo Bayan I invaden o baixo Danubio (moderna Bulgaria).

asedio de Sirmium: os avaros marchan ao longo da ribeira dereita do Save e asedian a cidade.

os lombardos acaban cos últimos redutos ostrogodos nos Alpes. Os duques adoptan títulos, nomes e tradicións romanas.

Aethelberht sucede a Eormenric como rei (bretwalda) de Kent.

os inquisidores cristiáns atacan un templo segredo de Zeus en Antioquía. O sacerdote suicídase pero o resto de pagáns son arrestados. Todos os prisioneiros, incluído o vicegobernador Anatolio, son torturados e enviados a Constantinopla para comparecer en xuízo. Son sentenciados a morte devorados polos leóns, pero como non lles atacan as feras son finalmente crucificados e os cadáveres arrastrados nas rúas pola chusma cristián e depositados nun vertedoiro sen ningún tipo de rito funerario.

nace Máximo Confesor nunha vila de Palestina, Hesfin, ao leste do Lago Tiberias coma resultado dunha relación adúltera entre un samaritano e unha escrava persa. Bautizárono coma Moschion.

primavera – verán: o rei ghassánida al-Mundhir é recibido por Tiberio II en Constantinopla para mediar e tentar reconciliar monofisitas e partidarios de Calcedonia e parar as persecucións contra os monofisitas.

verán: Mauricio dirixe a súa segunda campaña militar.

an-Numan III, soberano dos lahkmidas.

a dinastía Zhou, asentada no río Wei, domina o norte de China; só a dinastía Chen, no sur, é rival abondo.

Ye (Henan) é completamente destruída por Yang Jian (futuro emperadorr Sui), que derrota aos resistentes ao mando de Yuchi Jiong.

os pagáns de Helipolis (Syria) sublévanse e atacan a comunidade cristián. Fanse sacrificios a Zeus en Edessa.

morren Martiño de Dumio e Paulo Silenciario (poeta bizantino).

579

Gosvinta e Leovixildo
leodegundia.blogspot.com
concértase o casamento de Hermenexildo e Ingunda (12 anos), filla de Sixeberto I de Austrasia (católica e ariano), quen viaxa a Toletum pero ao pasar por Agde o bispo Fronimius pídelle que non acepte converterse ao arianismo. Leovixildo entérase e trata de retirar o bispo da súa sede. Cando Ingunda chega a Toletum, Gosvinta, súa avoa, trata de convencela para que se converta pero négase e golpéaa e chega a facerlle sangue, ordena espila e somerxela nun estanque cheo de peixes para convencela, pero tampouco logra o seu propósito.

Leovixildo nomea a Hermenexildo dux en Baetica, quen pasa a residir en Hispalis, onde o bispo da cidade, Leandro, exerce gran influencia sobre el ata que finalmente se bautiza polo rito católico co nome de Xoán. Este feito constitúe en si mesmo unha rebelión contra seu pai, ariano. Leovixildo trata de entrevistarse con el pero, desconfiado, Hermenexildo négase e busca alianzas cos suevos e hispanoromanos.

Leandro, posuidor dunha biblioteca amplísima, viaxa a Constantinopla en busca de axuda contra os arianos.

Waroch II invade Rennes e o seu territorio ata Cornut. Ennius de Vanne, libre, é enviado a Angers para negociar un acordo. O duque franco Beppoleno é enviado a arrasar a Armorica, o que provoca unha nova invasión bretona que saquea os territorios de Rennes e Nantes, onde se fan coas colleitas. O bispo Félix de Nantes fracasa ao tratar de impedilo.

Peotovio (Ptuj) e Virunum (Klagenfurt) en Pannonia caen en mans dos eslavos.

a venda de bispados a quen máis pague e a forte carga impositiva (10% sobre os ingresos) provoca unha revolta no Limousin, Poitou e Armorica. Os representantes de Chilperico I son perseguidos pero as tropas reprimen duramente os altercados.

Frithuwaldo sucede a seu irmán Theodric como rei de Bernicia (Escocia) logo de que este morra loitando contra os britanos.

Cosroes I busca a paz cos bizantinos pero morre antes de poder chegar a un acordo. Mauricio fortifica as fronteiras en Armenia e Syria.

verán: Hormizdas IV sucede a seu pai Cosroes e rexeita ceder territorios e rompe as negociacións cos bizantinos. Os turcos invaden Khorasan e alcanzan Hyrcania, no Caspio.

Xuan Di abdica en Jing Di (6 anos) e actúa como rexente da dinastía Zhou do norte.

a pesar da suspensión dunha monarquía unificada, os ducados de Spoleto e Benevento conservan a súa agresividade. Farwald asedia Roma.

xullo, 30: morre Bieito I.

novembro, 3: concilio de Grado. A se patriarcal de Aquileia é transferida a Grado pero segue a ser cismática, oposta aos ‘tres capítulos’

novembro, 26: elixen e consagran sen a pertinente autorización imperial a Pelaxio II por causa do asedio lombardo; o novo papa colabora en paliar a carencia de alimentos básicos para a poboación.

o senado romano envía unha embaixada a Constantinopla cun agasallo para Tiberio II Constantino de 3000 libras de ouro e coa intención tamén de pedir axuda contra os lombardos. Esta é a última actuación do senado que testemuñan as fontes.

Pelaxio II envía con eles a Gregorio como apocrisiarius a Constantinopla.

Roma resiste o asedio lombardo e Farwald dirixise cara Classis, porto de Ravenna, do que se apodera.

os bispos de Roma teñen tanta relevancia ou máis que o exarca de Ravenna nas negociacións e relación cos lombardos.