Amosando publicacións coa etiqueta Serena. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Serena. Amosar todas as publicacións

martes, 3 de abril de 2012

408

Eucherius, Serena e Estilicón
wikipedia
consulado de Bassus e Philippus

Estilicón xa non é dono da situación. O antixermanismo gaña cada vez máis adeptos e as faccións católicas son cada vez máis poderosas. A política de Estilicón é debilitada polas ameazas militares e a consecuente insatisfacción. Neste contexto se explicaría a súa exasperación, que o leva a cometer erros como foi a destrución dos libros das sibilas, feito que tamén lle restou apoios no senado, maioritariamente pagán. Os seus inimigos organízanse e difunden acusacións: planeara o asasinato de Rufinus, intrigaba en connivencia con Alarico, invitara os bárbaros a invadir Gallia en 406 e planeaba facer a Euquerius, fillo seu, augustus.

maio 1, Arcadio morre por causas descoñecidas en Constantinopla. Teodosio II (7 anos) reina sobre a pars orientis baixo a influencia de Pulqueria (irmá) e o praefectus praetorium Antemius, co apoio do sasánida Yazdegird I (mantén boas relacións co imperio, ata o punto de ser un dos garantes do testamento de Arcadio, comprometéndose ao coidado do seu sucesor ata a súa maioría de idade).

logo da morte de Arcadio, Honorio desexa intervir para asegurar o trono para Teodosio pero Estilicón convénceo de manterse á marxe e trata de que envíe a Alarico contra Constantino III en Gallia.

maio 4, morre Venerius, bispo de Mediolanum.

maio – xuño, hunos e esciros ao mando de Uldino cruzan o baixo Danubio e atacan a pars orientis, incendiando os postos fronteirizos armados e tomando o control dos castra martis (actual Bulgaria). Os romanos negocian a paz pero Uldino esixe un tributo en ouro exorbitado a cambio da súa retirada. Antemius consegue que se retiren alén do Danubio.

primaveira, Constantino III despraza a súa capital dende Lugdunum ata Arelate. Envía ao seu fillo Constante a Hispania, onde vence a Dydimus e Verinianus, parentes de Honorio, que o acompañan no seu regreso a Gallia no outono, logo de confiar a garda dos Pirineos ao xeral Gerontius. Os hispanos son executados en Arelate.

agosto 13, amotínanse as tropas regulares en Ticinum que ían iniciar a campaña contra Constantino III en presenza de Honorio, que viña pasar revista antes da súa marcha. Detrás de revolta está Olympius ; son apresados os partidarios de Estilicón, entre eles, Limenius prefecto do pretorio de Gallia e o magister equitum per Gallias Chariobaudes, que son executados. O magister officiorum Naemorius e o prefecto do pretorio de Italia Longinianus son masacrados no curso doutro motín. Estilicón está en Bononia cando recibe as novas do golpe e decide non intervir contra os amotinados. Sarus, xeral godo, fai masacrar a garda persoal de Estilicón mentres durmen.

agosto 22, Estilicón refúxiase nunha igrexa de Ravenna e entrégase aos soldados comandados polo comes Heracliano que o veñen deter coa condición de salvar a vida pero é finalmente executado (decapitación), acusado de traizón. Executan tamén a Euquerius en Roma e Honorio divórciase de Thermantia, filla súa. O gran chambelán Deuterius e o primicerius notariorum Pedro son torturados antes de ser tamén executados. Os partidarios que escapan á morte sufren a confiscación dos seus bens. O poder pasa por mans de sucesivos favoritos imperiais Olympius, Jovius, Eusebius e Allobichus, que van caendo tamén en desgraza.

nos disturbios que seguen á caída e execución de Estilicón as familias dos bárbaros foederati son asasinadas. Estes homes [estímase que quizás ata 30000 e outros 40000 escravos (probablemente xermanos prisioneiros logo da derrota de Radagaiso)] unense a Alarico.

constrúese o muro Hexamilion e fortificacións no istmo de Corinto para protexer a única vía de acceso terrestre ao Peloponeso.

a carestía en Constantinopla, provocada polo retraso na chegada do gran de Exipto orixina protestas. Queiman a casa do prefecto da cidade Monaxius. Antemius e o senado xestionan o envío de grao dende outras provincias para calmar os ánimos e organizan unha comisión permanente para unha mellor organización dos aprivisionamentos exipcios.

setembro, Alarico volvera a ser unha ameaza. Logo de recibir cartas imperiais onde se manifesta que xa non está ao servizo da corte occidental, declárase novamente en rebelión aberta. Cruza os Alpes xulianos encabezando unha forza de 30000 homes e avanza cara o corazón do territorio romano. No camiño arrasa Aquileia, Concordia, Altino e Cremona. Finalmente sitia Roma.
durante o bloqueo de Roma a poboación sofre carestía. A viúva de Graciano, Laeta, contribúe a socorrer os famentos. Serena, acusada de conivencia cos bárbaros, é estrangulada. Claudiano, poeta e partidario tamén de Estilicón, pode ter morto neste ano.

outono-inverno, Constantino foi providencialmente salvo dun ataque imperial dende Italia a causa da execución de Estilicón e os acontecementos posteriores. Esperou tranquilamente en Arelate a que a posición de Honorio se seguira deteriorando e puidera ver ratificada a súa lexitimidade. Logo do pacto imperial con Alarico enviou unha embaixada. Dydimus e Verinianus xa estaban mortos (mediados de ano) inda que Honorio quizás non o sabía. Ocupado coa situación de Italia, e en ausencia dun xeral competente a quen recorrer, Honorio recoñeceu como lexítimo a Constantino III, enviándolle as vestimentas púrpuras imperiais.

seguen as persecucións aos non católicos na lexislación e praxe imperial : Honorio e Arcadio ordenan que todas as esculturas dos templos pagáns sexan destruídas ou retiradas. Tamén se prohibe a propiedade individual de calquera escultura pagá. Os bispos dirixen novas e duras persecucións contras os pagáns e prodúcense novas queimas de libros. Tamén se persegue aos xuíces que son piadosos cos pagáns. Agostiño, por exemplo, masacra a centos de pagáns que protestan en Calama pola nova situación.
novembro 11, proscripción dos donatistas, comprometidos coa revolta de Gildon.
novembro 14, os non católicos son excluídos dos empregos públicos no imperio.
novembro 24, pena de morte para os que interfiran as cerimonias relixiosas en igrexas católicas, notablemente en Africa.
novembro 27, prohibición de toda reunións de heréticos baixo pena de confiscacións de bens.

sábado, 28 de xaneiro de 2012

404

ano do consulado de Honorio (VI) e Aristaenetus.

morre probablemente a emperatriz María, filla de Serena e Estilicón.

tamén fina Claudius Claudiano; nacera na comunidade gregofalante de Alexandría. Entre as súas obras figuran hexámetros conmemorando e louvando as actividades da corte imperial occidental e lanzando invectivas contra Rufinus e Eutropius, ministros orientais.

In Rufinum (c. 397) describe o exército de Arcadio ás portas de Constantinopla, dotado de xinetes nos que se unían corpo humán e metal: unha descrición detallada dos clibanarii.
A súa última composición (este ano) puido ser un panexírico en honor do sexto consulado de Honorio. Volve aparecer o topos da estatua de metal, aquí dotada de orixe divina e poñendo nos labres dunha rapaza o asombro e terror que xeraba a visión do clibanario: Cando ela ve os xinetes vestidos con malla e os cabalos con armaduras soldadas, decátase de onde provén esa raza de homes de ferro e que terra é a que da vida a corceis de bronce. 'Como o deus de Lemnos, preguntaría ela, deu ao metal o poder de relinchar e forxou estatuas vivintes para a loita?' Gozo e temor enchen a súa mente. Ela sinala co dedo como o paxaro de Xuno adorna os alegres penachos sobre os seus cascos, ou como baixo a armadura dourada, nos lomos dos cabalos, a seda vermella ondea e se riza sobre os poderosos hombreiros. Elementos como os penachos ou que a armadura fora dourada teñen un valor psicolóxico engadido ao aspecto de estatua vivinte; tamén o uso do dragón coma símbolo do clibanario: “... spirisque remissis mansuescunt varii vento cesante dracones ...”.
A introdución e desenvolvemento dos corpos de cabalería pesada nos exércitos foi progresivo, ata alcanzar a súa plena inserción, sen ser nunca maioritarios. Estas unidades tiveron, á marxe da súa capacidade militar real, gran prestixio debido á súa apariencia, que afectou tanto aos seus enemigos no campo de batalla coma aos escritores que trataron o caso, ata o punto de xerar un topos na literatura tardoantigua consistente na descripción detallada do seu armamento defensivo, en especial referencia aos elementos metálicos, que os facía comparables con estatuas e homes de bronce, alexándoos do concepto de humanidade e situándoos nunha posición superior a esta.

no marco dos festexos polo consulado do emperador, último espectáculo de gladiadores en Roma do que se teñen referencias. Consta que Telemachus, un monxe cristián, foi despedazado pola multitude ao pretender deter o espectáculo.

ao parecer toda a poboación de Ravenna coopera na construción da catedral da cidade.

o 26 de xuño celébrase en Cartago un concilio no que os donatistas, invitados o ano anterior a unha conferencia, son condenados.

logo do seu enfrontamento con Xoán Crisóstomo, morre a emperatriz Eudoxia: estaba embarazada por sétima vez e sufriu un aborto; finouo 6 de outubro a consecuencia da hemorraxia e infeccións subseguintes; este feito marca o inicio da influencia de Antemius sobre o emperador.

Crisóstomo fora exilado definitivamente o 20 de xuño e foi sucedido por Arsacius de Tarso. Prodúcense disturbios causados polos partidarios de Crisóstomo, que chegan a destruír parcialmente a construción situada onde logo se erixiu Hagia Sophia.

morre Paula, viúva romana, en Belén; a súa filla Eustochium, agora a cargo do mosteiro, ten que afrontar enórmes débedas coma consecuencia do voto de pobreza absoluta feito por súa nai. Melania a Nova, que chegara a Xerusalén xa con poucos recursos, doa os seus últimos 50 solidi ao bispo; o seu patrimonio chegara a producir 120000 solidi anuais (arredor de 1700 libras de ouro). Fortunas máis modestas, coma as 1400 pezas de ouro que Porfirio, que se viu na obriga de facerse zapateiro para poder vivir, distribuiu en Palestina, tamén foron liquidadas.
Ademais dos desenvolvementos comerciais asociados coas peregrinacións a Palestina houbo outros condicionantes ecónomicos na zona. A atención fixada polos cristiáns nos lugares sacros foi causa dun fluxo enorme de capitais cara a zona xa que a doazón de fondos para fins píos fíxose hábito entre a xente con recursos; a renuncia á vida mundana era un sinal de identidade en certos sectores aristocráticos. Os emperadores tamén promoveron esa dinámica. Xunto coas doazóns espectaculares tamén había outras máis modestas: monxes, persoas humildes; constituíndo un sostén duradeiro ás institucións da igrexa. Polo tanto, Palestina recibiu enormes doazóns á igrexa e a institucións de caridade financiadas por ela.

no verán, os isaurios arrasan os arredores do Monte Taurus.

probablemente tamén morre Balamir, rei dos hunos.

Gwanggaeto o Grande de Goguryeo (Korea) ataca Liaodong e apoderáse de toda a península.

o monxe budista chinés Huiyuan, fundador da secta budista da Terra Pura e o mosteiro no monte Lushan, escribe On Why Monks Do Not Bow Down Before Kings. Argumenta que inda que o clero debía ser independente e alonxarse da política, os leigos debían someterse aos monarcas debido ao medo á retribución do karma e o desexo de renacer no paraíso.