Amosando publicacións coa etiqueta Wallia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Wallia. Amosar todas as publicacións

mércores, 7 de maio de 2025

a tumba de Ricimer

situación da tumba US 4078
en contexto
Mausoleo de Augusto
1. o enterramento no Mausoleo de Augusto

durante unha escavación arqueolóxica no Mausoleo de Augusto en Roma (2007-2011), descubriuse a tumba dun individuo (US 4078), datada na segunda metade do VdC, situada baixo o pavimento de travertino do monumento. este feito suxire que foi enterrado despois da decadencia do uso orixinal do mausoleo, nun contexto de emerxencia e reutilización.

a localización e tratamento singular do corpo (probable inhumación secundaria) apuntan a que se trataba dun personaxe de alto rango, o que abre a porta á identificación dun individuo singular con conexións militares e familiares relevantes no marco do Imperio romano tardío.

2. liñaxe materna e os contactos militares

a análise xenética revelou que este individuo levaba o haplogrupo materno MtDNA H2a1, de orixe na estepa/ Cáucaso do Calcolítico e posteriormente expandido por Europa Central, Escandinavia e o Mediterráneo occidental.

a presenza deste haplogrupo en Roma e en Xirona (Pla de l’Horta) vincúlao á chegada de poboacións orientais durante o Imperio para o desenvolvemento urbano e militar.

o contacto coa expedición de Ataúlfo en 414, e a instalación de godos en Callaecia, permite hipotetizar que esa liñaxe feminina foi integrada polos visigodos, posiblemente mediante alianzas matrimoniais. este é un contexto clave para entender a ascendencia mixta e a mobilidade das elites militares do baixo Imperio.

Sidonio Apolinar, no seu panexírico, fai referencia indirecta aos pais de Flavio Ricimer: un pai suevo e unha nai goda. e escríbeos como resultado dunha alianza entre os suevos da Callaecia e os godos de Wallia, nun contexto de loitas fronteirizas e campañas militares contra vándalos e alanos.

situación dos topónimos mencionados
e dalgúns outros
3. a orixe sueva e o pai galaico

a identificación dun pai suevo galaico vese reforzada pola toponimia galaico-portuguesa, que conserva nomes derivados de Ataúlfo (Adaufe, Adaúlfe). a densidade destes topónimos arredor de Braga e Lugo indica a presenza organizada dos suevos en fortalezas e vici na Callaecia. a coexistencia e irmanamento físico cos godos maniféstase en lugares como Godón e Suevos (Mazaricos), ou Romáo e Valia (Arcos de Valdevez).

ademais, a relación cos francos está testemuñada por topónimos como Francos (A Baña), que comparte espazo con Suevos e cunha fortaleza visible tras a deforestación.

desde unha perspectiva xenética, o pai de Ricimero podería pertencer ao haplogrupo I2a (I-CTS616), común entre os Hermunduri e os lombardos, e presente nos campos de batalla e necrópoles do Elba e Europa Central. esta evidencia subliña unha orixe xermánica no marco das tribos migrantes integradas na estrutura militar e territorial do Imperio.

4. nacemento de Ricimero e o seu legado militar

o conflito entre vándalos e suevos en 419, documentado por Hidacio, situouse na serra do Gerês, preto de lugares como Requiás e Guntumil, que evocan os nomes dos reis vándalos e suevos.

a presenza dunha liñaxe feminina H2a1 en Pandoses (Portugal), preto desta rexión, apunta a que o individuo enterrado en Roma puido nacer nesta contorna e morrer en torno aos 52 anos.

o nome Ricimer ten orixe xermánica e xa era usado por militares francos no exército romano, como Richomer (comes domesticorum de Graciano) ou Flavio Merobaudes. a conexión co nome reflicte unha continuación simbólica do seu legado militar.

Flavio Ricimer, que chegou a ser magister militum e gobernante de facto da pars occidentis, parece ser a culminación dunha liñaxe sueva-goda-franca integrada na estrutura do exército e do poder romano.

conclusión

a figura de Flavio Ricimero, reinterpretada á luz dos descubrimentos arqueoxenéticos e da toponimia galaica, aparece como herdeiro dunha tradición guerreira e diplomática das elites xermánicas integradas en Roma.

o seu nacemento no noroeste peninsular, a combinación de liñaxes goda e sueva, e a proxección romana do seu nome e carreira militar, confirman unha mobilidade e mestizaxe que caracterizou o final do Imperio.

a súa tumba fronte ao Mausoleo de Augusto sela, de xeito simbólico, a transición entre a Roma clásica e o poder militar dos novos tempos.

un resumo do artigo académico 'The Tomb of Flavius Ricimer and the History of Gallaecian Suebi and Goths', de Marc-Olivier Rendu

mércores, 5 de outubro de 2016

batalla do Urbicus, regnum destructum et finitum est suevorum?

en 455 varios acontecementos alteran fondamente os precarios equilibrios existentes na pars occidentis do imperio romano: Valentiniano III é asasinado por bucellarii de Aetius, e Petronius Maximus e Avitus sucédeno de xeito efémero.

en Hispania os suevos vense así liberados dos seus compromisos con Ravenna e invaden Carthaginensis. En resposta, para que os suevos respecten a 'legalidade' imperial, Avitus envía o comes Fronto. O rei godo de Tolosa, Teodorico II, tamén envía aos seus propios legados. Sen embargo, os suevos fan caso omiso e incluso entran en Tarraconensis, inda ferreamente suxeita ao imperio. Unha nova embaixada goda en 456 é seguida doutro ataque suevo sobre a mesma Tarraconensis, con saqueo e toma de numerosos prisioneiros.

Hispania en 456
www.ciudaddelastresculturastoledo.blogspot.com
desde o inicio do seu reinado Reckiario en 449 trata de reforzar a súa posición casando cunha filla de Teodorico I, pai de Teodorico II: aos godos convenlles ter un aliado máis no taboleiro imperial e para os suevos contar co apoio godo é garantía da estabilidade para as posicións que obtiveran en Lusitania durante o reinado de Rechila, pai de Reckiario.

sen embargo, á volta da viaxe a Tolosa para o casorio en 449 Reckiario devasta territorios na Tarraconensis, sendo esta unha máis das accións depredatorias que caracterizan o modus operandi suevo na época. Reckiario tamén semella alcanzar un pacto con Basilio, líder da bacauda en Hispania, que ataca e debilita o poder romano en Tarraconensis. Este feito choca cos intereses romanos e, por ende, godos (o ataque da bacauda a Tarazona acaba co destacamento godo na cidade).

os acontecementos de 455 son movementos erráticos e quizás so pretendan obter botín que reforce o papel do rei e os seus nobres aproveitando unha situación que xulgan favorable. Reckiario e os seus semellan considerarse inmunes, vista a situación de fonda crise que atravesa o poder central.

A actitude de Teodorico II, enviando unha nova embaixada conciliadora, semella darlles a razón. O godo tamén semella convencido de ser quen de controlar a seu cuñado mediante acordos diplomáticos. Sen embargo, Reckiario non avalía correctamente a situación porque, por mandato de Avitus, no verán de 456, Teodorico II reúne un gran exército en Gallia e marcha cara Hispania.

ao tratarse dunha expedición encabezada directamente polo rei, os distintos aristócratas propietarios de exércitos privados farían parte da expedición. Sen embargo, esta integración nom faría desaparecer as diferenzas entre as distintas unidades e os intereses dos seus dirixentes. Pode que Reckiario contara, nos seus cálculos, coas dificultades de harmonizar os diferentes señores godos. Tampouco é un desatino supor que contase con apoio de parte da nobreza goda e que confiara nisto para neutralizar ou atenuar calquera acción hostil.

a expedición de Teodorico ten un dobre obxectivo: facer cumprir a legalidade imperial, quebrando a expansión sueva, e obter botín. En ningún momento se tenta ampliar a zona de asentamento godo buscando terras en Hispania: o que logo sucede non da a entender interese algún polo control directo do territorio suevo.

Hydacio nom detalla o itinerario seguido por Teodorico na súa marcha mais nom é difícil supor que seguiría a vía romana entre Burdigala e Asturica. Nom sabemos o día de inicio da expedición nim cantos homes marcharon (Hydacio: cum ingenti exercitu suo, inda que serían varios milleiros, posiblemente o maior continxente militar godo en Hispania desde que Walia marchara a Tolosa. O volume das tropas debeu ocasionar problemas loxísticos durante a marcha.

a marcha cara Hispania iniciaríase a finais de xullo ou inicios de agosto, e faríanse pausas en varias cidades de Tarraconensis para valorar as consecuencias dos saqueos suevos da primavera e asegurar os continxentes godos nelas.

campaña de Teodorico II contra Reckiario
www.condadodecastilla.es
finalmente, o 5 de outubro de 456, venres, nas ribeiras do Órbigo, a doce millas de Asturica, un gran número de suevos son abatidos no curso dunha batalla campal, outros son feitos prisioneiros. Moitos foxen co propio Reckiario, ferido, que apenas pode facer outra cousa que escapar ás rexións máis distantes de Callaecia.

chama a atención o escaso quebranto que semellan padecer as tropas de Teodorico, e máis tendo en conta que o número de suevos nom era inferior (cum multitudine Suevorum). O éxito godo debeu ser produto dunha maior experiencia en enfrontamentos militares recentes, coma contra os hunos de Atila en 451.

reconstruír as condicións nas que se puido desenvolver o combate é ilusorio. A referencia ás tropas de Teodorico como ingenti exercito suo e ás de Reckiario como multitudine suevorum nom é abondo para deducir que se enfrontaron un exército en orden (o godo) e un conglomerado popular desorganizado (o suevo).

fuxido Reckiario cara o interior de Callaecia (ad extremas sedes), Teodorico saquea Bracara o 28 de outubro, 'humillando' tanto a romanos como a suevos. Hydacio nom esperaba as vexacións infrinxidas á poboación romana, ás virxes consagradas, aos cregos e aos lugares sagrados. Ao cabo os godos actúan en nome de Roma e o cronista espera unha acción civilizada, unha liberación da súa provincia.

Reckiario, refuxiado en Portus Cale, quizá coa pretensión de fuxir por mar, é capturado e o rei godo manteno prisioneiro por un tempo. O entorno próximo ao rei debeu ser agora masacrado; el mesmo é executado en Bracara en decembro. A conclusión do cronista nom pode ser máis clara: regnum destructum et finitum est suevorum.

Teodorico impón como rexente da Callaecia ao hérulo Axiulfo, e marcha a Lusitania. Sen embargo, os feitos desmenten a Hydacio porque a maioría dos suevos nom recoñecen a autoridade do hérulo e cando Teodorico debe regresar precipitadamente a Gallia debido á morte do propio emperador Avitus, proclaman a Framtán, fragmentándose a provincia en dúas partes.

no propio ano 457 Maldra, outro suevo, reunifica o 'reino', pero é asasinado en 459 nunha conxura, xurdindo dous novos rexentes Frumario e Remismundo (fillo de Maldra), quen en 463 pasa a reinar en solitario ata 469. Os suevos seguiron controlando Callaecia algún tempo máis. Os vaticinios de Hydacio nom se cumpren totalmente, e el mesmo inda vive para comprobalo.

sábado, 13 de xullo de 2013

vii. reis godos

Ataúlfo
050. Ataúlfo. Foi o primeiro rei godo: tiña saqueado Roma, casou con Gala Placidia, irmá de Honorio, emperador dos romanos; apoderouse da España Tarraconense; sentou a súa corte en Barcelona, e foi asasinado polo seu sucesor Sixerico, dous anos despois (414–417).

Teodoredo
051. Walia. Guerreou contra os vándalos e alanos; fixo a paz con Roma, que lle cedeu terras francesas, e fixo a súa corte en Tolosa (Francia) (417–420).

052. Teodoredo. Reinando el, os vándalos abandonaron Andalucía e pasaron a África; morreu gloriosamente na batalla dos Campos Cataláunicos, onde foi derrotado Atila, o terrible azote de Deus, caudillos dos hunos (420-451).

Eurico
053. Eurico. Subiu ao trono despois de ter asasinado ao antecesor, seu irmán Teodorico, e publicou o primeiro código de leis que tiveron os godos, chamado Código de Eurico, que contribuíu á cultura do seu pobo (469-484).

Recaredo
054. Leovixildo. Foi o primeiro rei godo que usou insignias reais, e como os godos profesaban a relixión ariana e soubo que o seu fillo Hermenxildo se tiña convertido ao catolicismo, desterrouno a Valencia e despois a Tarragona, nunha de cuxos cárceres sufriu martirio. A corte dos reis era xa a cidade de Toledo (572-586).

055. Recaredo. Foi o primeiro rei godo que se fixo católico, seguramente por consello de seu tío, o bispo San Leandro (586-601).
Suintila

056. Sisebuto. Protexeu as letras e as artes; foi moi relixioso, e publicou un decreto expulsando os xudeus, acto que foi censurado por San Isidoro, arcebispo de Sevilla (612-621).

don Rodrigo
057. Suintila. Foi un bo rei; quixo mudar en hereditaria a coroa dos godos, que seguía a ser electiva; unha sublevación dos magnates privouno do trono, pero non da vida (621-631).

058. Wamba. Rexeitou a coroa cando foi elixido rei; pero obrigárono a aceptala con ameazas de morte; gobernou con enerxía e honradez, e destruíu a armada dos árabes, que por primeira vez tentaron desembarcar en España (672-680).

059. Don Rodrigo. Descoidou os intereses da nación; o malestar fíxose xeral, e os árabes invadiron o chan español, acabando coa monarquía visigótica (709-711).
a "súa" historia de España

venres, 12 de xullo de 2013

vi. dominación visigótica

asentamento dos bárbaros do Norte
043. Fin da dominación romana. A dominación romana rematou non s. V da nosa Era, coa invasión dos bárbaros do Norte.

Os bárbaros eran pobos salvaxes que, procedentes de Asia, vivían nas montañas do Norte de Europa. Coñécense cos nomes de suevos, vándalos, alanos, godos ou visigodos e hunos. Ao invadir a Península saquearon e destruíron o mellor que atoparon ao seu paso. Os hunos eran, seguramente, os máis feroces e rudos; ían vestidos de peles, bebían o sangue dos cabalos, comían carne crúa e na loita lanzaban ruxidos espantosos. O seu xefe, o sanguinario Atila, chamado o azote de Deus, dicía, orgulloso, que onde pasaba o seu cabalo, non volvía medrar a herba.

044. Reparto da Península. Os suevos establecéronse en Galicia; os vándalos ao Sur, en Andalucía; os alanos, ao Oeste, en Portugal, e os godos ou visigodos, ao Noroeste, é dicir, en Cataluña.

045. Períodos que comprende a dominación visigótica. A dominación dos godos durou 302 anos e abrangue dous períodos: o primeiro, de 177 anos, comprende desde a invasión ata Recaredo; o segundo, de 125 anos, desde Recaredo ata a chegada dos árabes.

Coa invasión dos bárbaros retrocedeu a cultura dos españois, e os costumes experimentaron un cambio absoluto. Durante o segundo período, floreceron as letras, e España chegou a ser a nación máis culta de Europa.

046. Os visigodos. Os visigodos constituían a raza menos salvaxe dos bárbaros, porque os prisioneiros que tiñan feito aos romanos antes de penetrar en España, ensináranlles a ler e escribir e a coñecer algo o Cristianismo.

047. Visigodos e romanos. Os visigodos aliáronse cos romanos coa fin de expulsar da Península ao resto de bárbaros; pero unha vez tiveron dominado aos suevos, aos vándalos e aos alanos, os visigodos souberon facerse donos de todo o país conquistado.

048. Carácter da monarquía visigótica. Os reis visigóticos eran electivos e non hereditarios, por cuxa razón se atentaba con frecuencia contra a vida do soberano, para arrebatarlle a coroa.

049. Principais reis godos. Os reis godos foron 33; pero os máis notables son Ataúlfo, Walia, Teodoredo, Eurico, Leovixildo, Recaredo, Sisebuto, Suintila, Wamba e Don Rodrigo.

a "súa" historia de España

domingo, 8 de xullo de 2012

418

lámina dun códice coa historia
de Paulo Orosio, en Florencia

novo consulado conxunto de Honorio e Teodosio II.

Constancio chama a Wallia a Gallia, onde lle son concedidas terras no suroeste en virtude dun foedus: Aquitania I e II, onde se ubicaba Burdigalia, ademais de Tolosa (na Narbonensis), onde se estableceron os xefes godos.

Wallia morre e é sucedido por Teodorico I.

en Hispania establécese unha presenza de tropas permanentes romanas baixo un comandante romano (Asterius, comes hispaniarum): cando aparece mencionado Asterius en 420 o exército xa estaba na península, non veu ese ano para combater os vándalos.
o despregamento das forzas romanas cubre a retirada dos godos de Wallia e supón a restauración do sistema provincial romano e a reactivación de Hispania coma unha diocese en funcionamento. Ao contrario que no s. IV, Hispania require agora un exército permanente para manter a autoridade imperial. As tropas aparecen consignadas na Notitia.

abril, 17: por medio dun edicto imperial establécese o Concilio Gálico (ou concilium septem prouinciarum en Arelate, que se debe reunir do 13 de agosto ao 13 de setembro). Pretendía proporcionar voz aos possessores e ao mesmo tempo mantelos dentro da órbita imperial. A contrapartida era o asentamento godo en Aquitania. Se volvese haber tentacións de rebelión entre a aristocracia o continxente godo funcionaría coma ameaza polo oeste.

maio, 1: novo concilio en Carthago que condena definitivamente o pelaxianismo.

os xudeus son apartados da militia (servizo tanto civil como militar).

xuño, final: circular (tractoria) de Zósimo confirmando a condena de Pelaxio e Caelestius. Zósimo secunda a doutrina da pexa orixinal e a necesidade de bautizar os nenos.

xullo, 7: Xermanus consagrado bispo de Autissiodorum (Auxerre).

Agostiño de Hipona escribe de gratia christi et peccato originali.

Orosio conclúe historiæ adversum paganos ("historias contra os pagáns"), dedicada expresamente a Agostiño. Repasa a decadencia do imperio, culminada co saco da capital en 410, e discute a idea (moi estendida entre os pagáns cultos dese tempo) de que era consecuencia directa da expansión do cristianismo, culpando aos propios pagáns da decadencia. Esta obra foi seguida a continuación por de civitate dei de Agostiño, á que serviu prólogo en certo sentido.
historia aduersus paganus de Orosio é, á súa vez, a primeira obra que propón un desenvolvemento da historia guiado por Deus; a obra tería gran difusión entre os ortodoxos, en Britannia (Alfredo o grande traduciuna ao inglés no s.IX) e durante al-Hakam II tamén se traduciu ao árabe en Córdoba.
as fontes usadas por Orosio para esta obra son dispares: Biblia, César, Tito Livio, Xustino, Tácito, Suetonio, Floro, a tradución latina da historia eclesiastica de Eusebio de Cesarea realizada Xerome.

en Hispania, Máximo é novamente nomeado augustus por Gunderico, rei asdingo.

decembro, 28: Bonifacio I sucede a Zósimo coma bispo de Roma. Porén, unha facción elixe a Eulalius, quen reclama por carta o seu nomeamento ante Honorio. Ravenna apoia a Bonifacio.

iníciase o proceso de unificación do norte de China.

xoves, 21 de xuño de 2012

417

Flavio Constancio
consulado de Honorio e Flavio Constancio.

xaneiro, 1: Gala Placidia é prometida por Honorio a Flavio Constancio contra os seus desexos. O xeral é nomeado patricius.

xaneiro, 27: Inocencio I resposta a cartas procedentes dos bispos de Africa; Pelaxio e Caelestius son excomungados.

Orosio refírese en historiarum adversus paganos libri VII, aos aspectos negativos do imperialismo romano e algúns positivos das incursións dos grupos bárbaros. Recoñece a misión da Roma eterna, porén. Ao contrario que Agostiño a súa obra reflicte certo optimismo. Orosio está orgulloso da súa romanidade, inda que para el un problema moi grave son as guerras entre os propios romanos.

Melania a nova e a súa familia chegan a Xerusalem. Fuxiran dos disturbios causados por Alarico, primeiro a Sicilia (onde morrera Rufinus) e logo a Africa. Primeiro aloxouse na ‘anastasis’, e colleulle tal lei que nunca deixaba a proximidade á cruz. É probable que os peregrinos e visitantes desbordaran a capacidade dos edificios de Xerusalem de non haber aloxamento e servizos específicos. Melania pode ter residido na rotunda en torno á anastasis, cuxa fundación fora planificada por Couasnon (s. iv) – quizás na planta superior das celas monásticas situadas ao norte.

as circunstancias do imperio occidental contribúen a que a riqueza flúa cada vez máis cara Palestina. A ameaza constante dos bárbaros fixo que moitas propiedades aristocráticas puideran caer nas súas mans. Por exemplo, Melania liquidou as súas propiedades no oeste ante a ameaza goda para evitar que caeran nas súas mans e ofreceunas á igrexa. Algunhas propiedades en Hispania, porén, non puideron ser vendidas.

marzo: morre Inocencio I (12) [no seu legado están o restablecemento de relacións con Antioquía, o celibato dos cregos e constituírse como xuíz de apelación ante outros bispos] e Zósimo (18) é elixido novo bispo de Roma.

marzo, 22: os bispos de Arelate obteñen de Roma o estatuto de primacía sobre o resto de bispos de Gallia.

Palladius convértese en bispo de Aspuna (Galatia).

os cánones do concilio de Elvira fan referencia a certas actitudes violentas de carácter relixioso en Hispania contra a comunidade xudía.

en Gallia non hai datos que indiquen ataques a sinagogas ou disturbios anti-xudeus.

verán e setembro, 21: Inocencio I absolve a Pelaxio e Caelestius e escribe aos bispos africanos explicando porque están dentro da ortodoxia. Setembro, 23: Agostiño le un sermón que declara o debate sobre o pelaxianismo pechado; a carta papal chega días máis tarde.

dítanse leis prexudiciais para os xudeus: prohibición de exercer cargos públicos, de ter servos cristiáns e circuncidalos –417– ou a exclusión da milicia –418 (C. Th. XVI, 8, 24)– coas que se tentaba evitar que exerceran calquera dominio sobre os cristiáns. Langmuir cree ver a influencia dos teólogos más radicais ante o problema xudeu e, en concreto, a do pensamento de Ambrosio, pero non podemos desligalas dos esforzos feitos por Honorio para obter axuda de Constantinopla, sobre todo tras o asasinato de Estilicón, que fora partidario da transixencia relixiosa.

outubro, 31 (a partir de): durante o seu viaxe de regreso a Gallia dende Roma Rutilio Namaciano ten tempo e oportuniade de visitar a amigos con villae próximas á costa italiana a pesar dos problemas na súa patria.

o senador pagán Rutilio Namaciano lamentábase de que a nación vencida oprimira entonces coas súas leis aos vencedores (victores que suos natio victia premit). Inda que é probable que esta queixa concreta fora dirixida contra o groso dos xudeus e cristiáns, entre os que non vía diferenza, ao comprobar a muda sufrida polos antigos costumes. Rutilio sentía verdadeira aversión cara os primeiros, a quen consideraba raza inmunda (debita genti). O seu caso é excepcional e, en xeral, os intelectuais pagáns foron defensores da tolerancia relixiosa e da convivencia pacífica de todos os credos para poder asegurar así a súa propia supervivencia.

novembro, 8: Paulino de Mediolanum non cede ante Roma na cuestión do pelaxianismo.

luns, 11 de xuño de 2012

416

representación romántica de Wallia
consulado de Teodosio II e Palladius.

Avitus (morto en 440), presbítero de Bracara coma Orosio, escribe unha carta (dirixida ao bispo Balconio) para a súa congregación en Hispania. Conta que lles envía po e osos das reliquias recentemente descubertas, adquiridos secretamente dun presbítero local que as desenterrara. Acompaña ambas cousas coa súa tradución ao latín da narración de primeira man deste descubrimento ditada en grego (epistula luciani, que sobrevive como a única testemuña contemporánea do achádego). Avitus desexa que Estevo estea a carón do bispo e a xente de Bracara como “axuda e patrón” nos difíciles tempos da ocupación bárbara.

Avitus sería o primeiro hispano tradutor do que temos noticia certa e nome coñecido. Levaba anos fóra da casa: non tiña experiencia de primeira man da presenza bárbara en Hispania, os sufrimentos dos seus paisanos dos que fala son máis imaxinación súa que lembranzas. Tivo certo papel nas controversias do ano anterior ao reunir certas condicións: un occidental con coñecementos de grego, fixo de diplomático, tradutor e intérprete. Estaba en xogo un punto de vista latino no medio dunha igrexa gregofalante, e a diferenza lingüística empezaba a ser importante.

porén, a Bracara non chegaron nin Orosio nin o seu encargo. Orosio emprende viaxe a inicios de ano cara Africa e Agostiño, portando as novas do proceso a favor de Pelaxio. Logo tería embarcado para Hispania, pero durante unha parada en Menorca non puido continuar viaxe; a ruta debía estar cortada pola presenza bárbara.

o bispo Severus no seu conmonitorium (escrito entre 404 e 438) fala de dúas cidades en Menorca: Mago (Mahón) e Iamona (Ciudadela). Na segunda non había comunidade xudía (non eran moi ben recibidos) pero na primeira si. Theodorus era o pater partum da sinagoga, defensor civitatis e patrón da cidade. Gozaba de grande autoridade tanto entre xudeus coma cristiáns, era extremadamente rico e tiña tamén propiedades en Mallorca. Había outras personalidades significativas na comunidade xudía: Caecilianus, defensor civitatis e pater. Florinus, pater senior. Hectorius, de rango senatorial, que fora comes. Innocentius, irmán de Theodorus, dono de escravos e con amplos coñecementos culturais greco-latinos. A convivencia en Menorca entre cristiáns e xudíos era boa. A chegada de Orosio e as reliquias alteraríaa irremisiblemente.

incapaz de continuar viaxe Orosio volveu a Africa, deixando á comunidade cristián de Menorca as reliquias. Foron depositadas na igrexa de Mago. O padroado do santo empregárono contra a poboación xudía local que foi perseguida e a súa sinagoga foi destruída (construíuse unha igrexa no lugar); houbo unha conversión masiva: Theodorus, e o seu sobriño Galileus, entre outros moitos.

a datación dos acontecementos é imprecisa (neste ano ou ata 418). E estas persecucións e conversións forzadas son precedente das que tiveron lugar en Hispania baixo monarcas godos.

marzo, 1: edicto de Honorio onde se perdoan os delitos cometidos por cidadáns a causa da ameaza dos bárbaros.

o pelaxiano Xulián convértese en bispo de Eclanum (Campania).

Constancio negocia un tratado con Wallia por mediación de Euplutius. Os godos tiñan necesidade premente de provisións (provocada polo bloqueo ordenado polo xeral iliro). Gala Placidia é liberada despois de recibir 600.000 modii de trigo para o seu substento. Attalus fuxe pero é capturado por Constancio. É trasladado a Ravenna, torturado, humillado polas rúas de Roma nun triunfo conmemorando a Honorio e logo exiliado de por vida ás Lipari.

xuño 28 – xullo, 6: xogos en Constantinopla celebrando a caída de Attalus.

é moi cuestionable que o groso do continxente godo deixara Barcino e Tarraconensis; probablemente a tentativa de cruzar a Africa dende Gades sexa unha lenda sen fundamento. Evidentemente tentaron conseguir alimentos por si mesmos e igual houbo algún continxente que tentou a travesía pero o seu fracaso decidiría a Wallia a abandonar plans neste sentido. Tamén pesaría o precedente de Alarico, que tentara pasar a Sicilia.

a residencia de Ataúlfo e Wallia en Barcino confirma que Tarraconensis estivera anteriormente libre de presenza xermana. E a ocupación desta cidade debeu ser pacífica. Tampouco hai evidencia anterior de conflito entre os propios bárbaros entre si. A situación era abondosa como para asimilar a presenza de todos. As evidencias testemuñan que había comercio pacífico entre eles. A carencia goda era artificialmente creada pola autoridade imperial. Os vándalos aproveitáronse tamén ao pedir un prezo esaxerado aos godos xa que pedían un solidus por cada medida de trigo. Isto confirma que había boas colleitas e paz, por tanto. Isto antes de que Constancio logrou o seu tratado cos godos.

Wallia inicia campañas contra os vándalos silingos dirixidos por Fredebal en Baetica e case os extermina totalmente. Tamén loita contra os alanos baixo Addac, que morre loitando en Lusitania, reducindo tanto o seu número que os que sobreviven refúxianse con Gunderico, que comanda aos vándalos asdingos; este acepta a antiga dignidade do alano Respendial. Inda que algúns deben ter permanecido en Hispania, a maioría foi a Africa cos vándalos en 429. Posteriormente os reis vándalos nomeáronse rex wandalorum et alanorum.

é imposible determinar a secuencia ou localización destas loitas. De Hydacio pódese decidir que os alanos foron os primeiros obxectivos da ofensiva goda posto que eran máis poderosos que os vándalos ou os suevos e sería lóxico que quixeran lidar con eles primeiro. Porén, Hydacio consigna a derrota dos silingos en primeiro lugar.

último dos tres edictos publicados (o primeiro en 397) que Honorio publica referidos á prohibición de levar pantalóns, pelo longo e abrigos de pel ao estilo bárbaro dentro da cidade de Roma. A redacción do 416, especialmente, da a entender que esta moda era un furor entre a xente e que os edictos anteriores foran desatendidos.

Hypatio (chamado “a espada de Deus”) extermina os últimos pagáns de Bithynia.

decembro, 7: en Constantinopla son despedidos todos os oficiais do exército, empregados públicos e xuíces que non sexan cristiáns.

o Libro dos Reis (Xava) rexistra a erupción do Krakatoa.

Rutilius Claudius Namatianus inicia o ser viaxe dende Roma a Gallia, que será reflectido en de reditu suo.

venres, 8 de xuño de 2012

415

Hipatia, por Rafael
 novo consulado conxunto de Honorio e Teodosio II.

marzo: unha turba de monxes nitrios instigada por Cirilo ataca con pedras e mata a Hipatia, pervivencia dunha vigorosa tradición filosófica e científica pagán. Seica foi descuartizada con ostraca e os seus restos exhibidos polas rúas para ser finalmente queimados xunto cos seus libros no Cynaron.

marzo, 18: desbórdase o río Daysan e arrasa Edessa (Mesopotamia).

xuño: un sínodo baixo o bispo Xoán, e no que intervén Orosio, discute as teses orixenistas e priscilianistas. Orosio expón as conclusións establecidas en Carthago anos antes, entre elas os ataques de Agostiño contra Prisciliano. Orosio cometeu o erro de facer a súa exposición en latín, co que moitos orientais (que xa usaban o grego coma lingua litúrxica) non entenderon as súas argumentacións.

durante a súa estancia en Palestina Orosio traballa no seu liber apologeticus de arbitril libertate, un ataque continuo contra Pelaxio, mantendo unha postura idéntica á de Agostiño en todos os aspectos.

xullo/ agosto: Ataúlfo é asasinado en Barcino. Hai dúas lendas sobre o caso: 1, Dubius, soldado godo, vingou o asasinato do seu propio señor a mans de Ataúlfo; 2, Everwulf matou a Ataúlfo porque este se burlaba repetidamente da súa curta estatura. As novas chegan a Constantinopla o 24 de setembro.

Sixerico reina durante sete días antes de ser tamén asasinado; é sucedido por Wallia, que leva a cabo unha purga de posibles competidores. Ao parecer tenta cruzar a Africa, pero fracasa (finais de outono).

Agostiño publica de natura et gratia. Pelaxio publica de libero arbitrio. Baquiario, presbítero de Braga, publica de fide, onde se retracta do seu priscilianismo.

Johannes Cassianus (360-435), bo coñecedor dos núcleos monásticos de Exipto, establécese en Massilia e funda por alí dous mosteiros, un para homes (abadía de san Vitor) e outro para mulleres (Saint-Sauveur).

Kamaragupta I inicia un longo reinado en India (imperio Gupta).

os continxentes hunos que anteriormente penetraran polo Danubio atacan agora o imperio Persa, como testemuñan os restos arqueolóxicos (orfebrería e moedas).

agosto, 30: novas persecucións contra os sacerdotes paganos en Africa, moitos crucificados ou queimados vivos.

Teodosio II depón ao último patriarca xudeo, Galamiel VI.

Arelate consolida a súa posición coma capital dos territorios que todavía controla Ravenna en Gallia.

outubro, 10: consagración e inauguración da nova igrexa de Santa Sofía en Constantinopla.

restablécense negociacións entre os godos e Ravenna.

decembro, 15: sínodo de Dióspolis: nova intervención de Orosio: cando tocou o tema de Pelaxio, a maioría dos presentes exclamou: “e quen é ese Agostiño para min?”. Todo o que logrou Orosio da súa visita a Xerusalem foi o consentimento do patriarca oriental para establecer contactos máis estreitos con Inocencio I por carta ou con representantes permanentes.

mentres se están examinando as teses de Pelaxio anúnciase (Lucianus, presbítero de Caphar-gamala) o achádego da tumba do mártir Estevo, e a de dous rabinos convertidos, Nicodemus e Galamiel.

a tradición di que cando se abriu a tumba de Estevo o aire encheuse dunha fragancia que, segundo Lucianus, fixo pensar a xente “que estaban no paraíso”. O presbítero afirma que sandaron 73 doentes antes de transferir o corpo á enorme basílica no monte Sion, onde foi depositado o 26 de decembro. Uns fragmentos dos restos mortais do santo quedaron en poder de Lucianus, algúns dos cales adquiriunos Avitus, orixinario de Bracara, que os depositou nas mans de Orosio, xunto con cartas destinadas á súa cidade natal.

tense sinalado a oportuna coincidencia da aparición do corpo do mártir Estevo no día que se lle rendían honores. O contexto das disputas teolóxicas promovido polo bispo Xoán tamén é sinalable. O tema de Pelaxio fora suscitado polos seus contrarios e coa “inventio” esta oposición diluiuse. Os bispos acordaron que as teses de Pelaxio non contraviñan a fe. É dubidoso que as dúas cousas non tiveran relación. O resultado final é que o bispo e o seu protexido Pelaxio resultaron reforzados pola adquisición das reliquias do famoso mártir.

durante a súa estancia en Roma Pelaxio estivera protexido polo círculo aristocrático comandado por Melania a Vella, que recibira anteriormente a Palladius na súa misión occidental na busca de apoios para Xoán Crisóstomo. Estaría tamén en contacto con Rufinus e non sorprende que en Xerusalem se asegurara a protección do bispo Xoán, antigo aliado de Rufinus. Xoán acollería cos brazos abertos a alguén coa recomendación de Melania e que lle fixera revivir os seus contactos cos occidentais durante os debates sobre Oríxenes durante os anos 390s. tamén pode que Pelaxio xa tivera vellas rivalidades con Xerome durante a estancia deste en Roma alá por 383-5. Un Pelaxio tería sido quen escribiu contra Jovinianus (393), onde Xerome era criticado. En todo caso a presenza de Pelaxio reaviva as tensións políticas entre Xerusalem e Belén de anos anteriores.

tamén están en Palestina dous antigos bispos galos: Heros e Lazarus. O primeiro fora partidario de Constantino III. Foron dous dos máximos acusadores de Pelaxio en Diospolis.

a tranquilidade relativa de Palestina estaba véndose alterada pola chegada de peregrinos forzosos de occidente coma consecuencia da presenza das tribos bárbaras en Italia e as provincias occidentais. Xerome conta unha interminable ringleira de destitutos e desposuídos chegando ás portas do seu mosteiro en Belén ('occidentalium fuga et sanctorum locorum constipatio') – constantemente interrompendo o seu traballo nos Comentarios sobre Ezekiel, e obrigándoo a traballar polas noites mentres adicaba o día a atendelos. Os recén chegados eran de toda condición, moitos nobres.

nace Maioriano, fillo dun egipcio, Domninus, anteriormente empresario e logo domesticus de Aetius. Tivera éxito nos negocios e gañara a confianza do xeral, logrando logo un posto na administración fiscal.

Balconio, bispo de Braga (ata 448), pro-suevo, tenta reconciliar as relacións entre suevos e os hispanos, formando deste xeito un contrapunto á actitude de Hydacio.