venres, 8 de xuño de 2012

415

Hipatia, por Rafael
 novo consulado conxunto de Honorio e Teodosio II.

marzo: unha turba de monxes nitrios instigada por Cirilo ataca con pedras e mata a Hipatia, pervivencia dunha vigorosa tradición filosófica e científica pagán. Seica foi descuartizada con ostraca e os seus restos exhibidos polas rúas para ser finalmente queimados xunto cos seus libros no Cynaron.

marzo, 18: desbórdase o río Daysan e arrasa Edessa (Mesopotamia).

xuño: un sínodo baixo o bispo Xoán, e no que intervén Orosio, discute as teses orixenistas e priscilianistas. Orosio expón as conclusións establecidas en Carthago anos antes, entre elas os ataques de Agostiño contra Prisciliano. Orosio cometeu o erro de facer a súa exposición en latín, co que moitos orientais (que xa usaban o grego coma lingua litúrxica) non entenderon as súas argumentacións.

durante a súa estancia en Palestina Orosio traballa no seu liber apologeticus de arbitril libertate, un ataque continuo contra Pelaxio, mantendo unha postura idéntica á de Agostiño en todos os aspectos.

xullo/ agosto: Ataúlfo é asasinado en Barcino. Hai dúas lendas sobre o caso: 1, Dubius, soldado godo, vingou o asasinato do seu propio señor a mans de Ataúlfo; 2, Everwulf matou a Ataúlfo porque este se burlaba repetidamente da súa curta estatura. As novas chegan a Constantinopla o 24 de setembro.

Sixerico reina durante sete días antes de ser tamén asasinado; é sucedido por Wallia, que leva a cabo unha purga de posibles competidores. Ao parecer tenta cruzar a Africa, pero fracasa (finais de outono).

Agostiño publica de natura et gratia. Pelaxio publica de libero arbitrio. Baquiario, presbítero de Braga, publica de fide, onde se retracta do seu priscilianismo.

Johannes Cassianus (360-435), bo coñecedor dos núcleos monásticos de Exipto, establécese en Massilia e funda por alí dous mosteiros, un para homes (abadía de san Vitor) e outro para mulleres (Saint-Sauveur).

Kamaragupta I inicia un longo reinado en India (imperio Gupta).

os continxentes hunos que anteriormente penetraran polo Danubio atacan agora o imperio Persa, como testemuñan os restos arqueolóxicos (orfebrería e moedas).

agosto, 30: novas persecucións contra os sacerdotes paganos en Africa, moitos crucificados ou queimados vivos.

Teodosio II depón ao último patriarca xudeo, Galamiel VI.

Arelate consolida a súa posición coma capital dos territorios que todavía controla Ravenna en Gallia.

outubro, 10: consagración e inauguración da nova igrexa de Santa Sofía en Constantinopla.

restablécense negociacións entre os godos e Ravenna.

decembro, 15: sínodo de Dióspolis: nova intervención de Orosio: cando tocou o tema de Pelaxio, a maioría dos presentes exclamou: “e quen é ese Agostiño para min?”. Todo o que logrou Orosio da súa visita a Xerusalem foi o consentimento do patriarca oriental para establecer contactos máis estreitos con Inocencio I por carta ou con representantes permanentes.

mentres se están examinando as teses de Pelaxio anúnciase (Lucianus, presbítero de Caphar-gamala) o achádego da tumba do mártir Estevo, e a de dous rabinos convertidos, Nicodemus e Galamiel.

a tradición di que cando se abriu a tumba de Estevo o aire encheuse dunha fragancia que, segundo Lucianus, fixo pensar a xente “que estaban no paraíso”. O presbítero afirma que sandaron 73 doentes antes de transferir o corpo á enorme basílica no monte Sion, onde foi depositado o 26 de decembro. Uns fragmentos dos restos mortais do santo quedaron en poder de Lucianus, algúns dos cales adquiriunos Avitus, orixinario de Bracara, que os depositou nas mans de Orosio, xunto con cartas destinadas á súa cidade natal.

tense sinalado a oportuna coincidencia da aparición do corpo do mártir Estevo no día que se lle rendían honores. O contexto das disputas teolóxicas promovido polo bispo Xoán tamén é sinalable. O tema de Pelaxio fora suscitado polos seus contrarios e coa “inventio” esta oposición diluiuse. Os bispos acordaron que as teses de Pelaxio non contraviñan a fe. É dubidoso que as dúas cousas non tiveran relación. O resultado final é que o bispo e o seu protexido Pelaxio resultaron reforzados pola adquisición das reliquias do famoso mártir.

durante a súa estancia en Roma Pelaxio estivera protexido polo círculo aristocrático comandado por Melania a Vella, que recibira anteriormente a Palladius na súa misión occidental na busca de apoios para Xoán Crisóstomo. Estaría tamén en contacto con Rufinus e non sorprende que en Xerusalem se asegurara a protección do bispo Xoán, antigo aliado de Rufinus. Xoán acollería cos brazos abertos a alguén coa recomendación de Melania e que lle fixera revivir os seus contactos cos occidentais durante os debates sobre Oríxenes durante os anos 390s. tamén pode que Pelaxio xa tivera vellas rivalidades con Xerome durante a estancia deste en Roma alá por 383-5. Un Pelaxio tería sido quen escribiu contra Jovinianus (393), onde Xerome era criticado. En todo caso a presenza de Pelaxio reaviva as tensións políticas entre Xerusalem e Belén de anos anteriores.

tamén están en Palestina dous antigos bispos galos: Heros e Lazarus. O primeiro fora partidario de Constantino III. Foron dous dos máximos acusadores de Pelaxio en Diospolis.

a tranquilidade relativa de Palestina estaba véndose alterada pola chegada de peregrinos forzosos de occidente coma consecuencia da presenza das tribos bárbaras en Italia e as provincias occidentais. Xerome conta unha interminable ringleira de destitutos e desposuídos chegando ás portas do seu mosteiro en Belén ('occidentalium fuga et sanctorum locorum constipatio') – constantemente interrompendo o seu traballo nos Comentarios sobre Ezekiel, e obrigándoo a traballar polas noites mentres adicaba o día a atendelos. Os recén chegados eran de toda condición, moitos nobres.

nace Maioriano, fillo dun egipcio, Domninus, anteriormente empresario e logo domesticus de Aetius. Tivera éxito nos negocios e gañara a confianza do xeral, logrando logo un posto na administración fiscal.

Balconio, bispo de Braga (ata 448), pro-suevo, tenta reconciliar as relacións entre suevos e os hispanos, formando deste xeito un contrapunto á actitude de Hydacio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario