mércores, 6 de xuño de 2012

414

moeda coa efixie de Pulcheria
ano do consulado de Flavio Constancio e Constante.

xaneiro, 1: por consello de Candidiano, Ataúlfo casa con Aelia Galla Placidia en Narbo con enorme pompa, segundo fórmula romana, viste toga, os poetas cantan epitalamios e cincuenta xoves escravos, vestidos de seda, ofrecen á noiva outras tantas bandexas cheas de ouro e prata. Attalus, augustus co apoio godo e instalado en Burdigalia, participa da celebración. Nace un fillo, Teodosio, que morre ao pouco.

algúns ven neste matrimonio a unión da latinidade e o mundo bárbaro, Roma e Xermania, o achegamento entre dúas etnias hostís, entre dúas culturas. A sociedade romana, vella e caduca, converterase en "un mundo de cabelos brancos", fronte á seiva xermana, nova e renovadora.

establécese unha administración paralela co neto de Ausonio, Paulinus coma comes res privatae.

xaneiro, 12 (entre esta data e o 17 de setembro) o galo Rutilius Namatianus convértese en prefecto de Roma.

Pelaxio enfróntase a Xerome en Palestina. Celestius vai a Constantinopla en busca de apoios pero é expulsado polo patriarca Atticus.

xullo, 4: morre Antemius. A irmá de Teodosio II (13 anos), Pulcheria (15 anos) fai voto de castidade e asume o control do goberno como augusta, con (ata 427) Helion, magister officiorum, novo home forte en Constantinopla. Converte o palacio en centro piadoso, axudada por súas irmás Arcadia e Marina.

Cirilo pecha as igrexas heréticas novacionistas, e excédese na súa autoridade ao expulsar os xudeos da cidade e incitar a os seus partidarios a apropiarse das súas propiedades. O prefecto Orestes quéixase a Constantinopla pero é apedrado polos monxes nitrios, partidarios de Cirilo, e o prefecto executa ao seu líder Ammonius, que é declarado mártir polo patriarca.

os godos asedian Bazas. Paulino de Pella atopábase na cidade e describe os feitos. Os godos estaban apoiados por un continxente de alanos. Paulino, que previamente fixera amizade co lider alano, convenceuno de romper con eles e aliñarse cos defensores romanos. O alano entregou a súa dona e fillos coma reféns aos romanos. Os godos levantaron o asedio. Os alanos recibiron permiso para asentarse coma aliados dos romanos. Descoñécese a procedencia deste continxente alano. Ou eran os que secundaran a Jovinus ou acompañaran sempre aos godos dende que estes entraran en Italia.

outono: Constancio négase a negociar co réxime de Attalus e bloquea Narbo e a costa gala; avanza dende Arelate, forzando os godos a penetrar en Hispania. Utilizarán Barcino coma base.

o destacamento godo en Burdigalia saquea a cidade antes de evacuala.

Orosio viaxa Hippo Regius, onde se converteu en discípulo de Agostiño. Logo dun tempo en Africa, o mestre enviouno onde Xerome, en Belén. Ademais dunha probable “caza de reliquias”, común na época, a viaxe tiña como obxectivo que Orosio se documentase, por vía de Xerome, nos puntos que tiñan en común o priscilianismo e as doutrinas de Oríxenes, coa fin de combater a primeira. Orosio pretendía tamén unir forzas con Xerome na súa loita contra Pelaxio, en Palestina logo do sínodo de Carthago. Neste último extremo non conseguiu nada.

Abdas, bispo de Susa, ordena queimar un templo zoroastriano; coma represalia Yazdegerd I de Persia ordena a destrución de igrexas cristiáns.

Fa-Hien, monxe chinés regresa da India e comeza a traducir obras budistas ao chinés.

Ningún comentario:

Publicar un comentario