Amosando publicacións coa etiqueta Olybrius. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Olybrius. Amosar todas as publicacións

domingo, 5 de maio de 2013

472


Festus e Marcianus, cónsules.

Epiphanius, bispo de Mediolanum, tenta mediar entre Antemius e Ricimer pero só consigue un entendemento temporal e efémero.

Olybrius (xenro de Valentiniano III) é enviado a Italia por León I. Oficialmente en apoio de Antemius, pero con ordes secretas para que sexa eliminado por ter favorecido a Gaiserico.

abril: Ricimer recibe novas da conxura e nomea augustus a Olybrius.

guerra aberta entre Ricimer e Antemius. O emperador ten o apoio de parte das lexións e Ricimer dos federados baixo o esciro Odoacro e o burgundo Gundobado, magister militum de Gallia e sobriño de Ricimer (fillo de súa irmá).

Ricimer trata de cortar o fluxo de víveres a Roma para que se renda por fame. Tamén pon en marcha negociacións secretas con sectores de descontentos con Antemius.

xullo, 1: Roma é conquistada. As tropas de Ricimer saquean e rouban as casas. Un exército mandado por Videmiro, ostrogodo, en apoio a Antemius, é derrotado fóra da cidade.

xullo, 11: Antemius é capturado en María de Trastevere antes de tentar fuxir da cidade disfrazado de mendigo; é decapitado por orde de  Gundobado.

Olybrius é recoñecido como augustus polo Senado.

agosto, 18: en Roma morre Ricimer repentinamente de febres (ou úlcera) entre vómitos de sangue. Ricimer mandara decorar a igrexa Sant’Agata en Roma, logo coñecida como “Ágata dos godos”.

Olybrius nomea a Gundobado magister militum, novo home forte.

outubro, 22: morre Olybrius de hidropisía.

novembro, 6: o volcán do Vesubio destrúe a cidade de Abellinum. O volume de cinza é tan enorme que a nube que se forma chega ata Constantinopla.

o comes godo Gauterit entre cun exército en Hispania e toma Pampilona e Caesaraugusta e outras ciudades menores; sometendo a parte da aristocracia tarraconense reacia á dominación goda. Heldefredo e o dux Hispaniarum Vincentius entran polos pasos orientais dos Pirineos e toman Tarraco e outras ciudades costeiras. Estas campañas deberon ter resultados provisionais porque décadas máis tarde os godos teñen que enviar novas forzas a tomar estas cidades.

a desaparición de Olibryus impulsa a Constantinopla a entrometerse de novo nos asuntos occidentais. León I designa a Xulio Nepos colega para a parte occidental. Xulio Nepos domina Dalmacia. O seu nomeamento explícase por dúas razóns: 1/ está casado cunha sobriña da emperatriz Verina; 2/ anhelo de León I por volver a controlar Occidente logo da morte de Ricimer.

Marcelino era pagán e a designación de Xulio Nepos como augustus occidental interprétase coma unha ofensa aos cristiáns de Italia. Moitos occidentais miran con antipatía as inxerencias de Oriente. Prefiren depender de xefes militares xermanos que falan latín e se conforman co título de patricius (exemplos de romanitas). En cambio, ven alleo o emperador de Constantinopla. Estas tres causas impelen o senado a nomear patricius a Gundobado. A solución burgunda é astuta. Gundobado é sobriño de Chilperico I, que é ariano pero casa cunha católica, protexe os monxes do Jura e é amigo do bispo niceno Patieno de Lugdunum.

domingo, 28 de abril de 2013

467


Pusaeus e Iohannes, cónsules.

febreiro, 15: Antemius, poderoso nobre oriental e magister militum per Orientem, casado con Eufemia (filla de Maioriano) e os seus comites chegan a Roma coincidindo coas lupercalia. Marcelino integra a expedición.

abril, 12: tras longas e penosas negociacións Antemius é proclamado augustus de Occidente. Concede o título de patricius a Marcelino, equiparándoo a Ricimer e, sen lugar a dúbidas, agravando a súa relación con este, que en calquera caso nunca foi cordial: a capacidade de acción de Ricimer queda moi minguada.

os vándalos continúan os seus ataques a Italia en apoio de Olybrius, pero tamén chegan ao sur de Grecia, no Peloponeso, por primeira vez. Cando se entera da proclamación de Antemius, Gaiserico ordena intensificar as operacións, atacando Illyria, Grecia e Alexandria; levan botín e escravos.

organízase unha flota para acabar co poder vándalo. Ponse baixo o mando de Basiliscus e integra máis de 1100 embarcacións.

Sidonio encabeza unha delegación gala en Roma. Como símbolo da nova alianza entre este grupo aristocrático e o novo emperador, o poeta compón un panexírico e é recompensado co cargo de praefectus urbi Romae.

Ricimer casa coa filla de Antemius, Alypia, chegando a un entendemento provisional.

en Britannia, refortificación das antigas Hillforts e construcción do Wansdyke.

Skandagupta more logo dun reinado de doce anos mentres os hunos consolidan o seu avance na India occidental conquistando Raxastán, Punxab e Cachemira. Sucédelle o seu medio irmán Purugupta en medio de loitas sucesorias.

martes, 16 de abril de 2013

464

reconstrución de Conimbriga

Rusticus e Olybrius, cónsules.

febreiro, 6: Ricimer derrota un continxente alano en Bergamensis (Bergamo) nos Alpes e mata o rei Beorgor. Marcellinus comes (Beorgor rex Halanorum a Ricimere rege occiditur) escribe del coma se fose un rei bárbaro máis.

Remismundo vence a Frumario de xeito definitivo, ratifica a alianza con Teodorico II e reforza a estabilidade na zona.

habería dúas interpretacións posibles:

a/ Teodorico II recoñece que non pode controlar a situación e apoia a Remismundo como a opción máis manexable para el e para os intereses imperiais e aristocráticos: o envío de armas e o casamento do suevo cunha princesa goda serían sinais de recoñecemento. Sen embargo, o godo consegue que a súa influencia siga a sentirse: misións arianas (acaban por converter ao propio rei), protestas polos ataques suevos a Aunona (probablemente distrito de Tui).

b/ os godos xa non controlan a situación en Hispania e deben tratar os suevos como iguais. Incluso volve a muller de Remismundo a Callaecia, que estivera alí coma refén dende 457. Os provinciais deben valerse por si mesmos para chegar a acordos sen interferencias alleas.

Arborio abandona a Península sen ser substituído por ningún outro magister militum; o único representante militar imperial testemuña a partir de agora será o dux provinciae Tarraconensis Vicencio, cargo creado por Maioriano antes de abandonar Hispania, e que obedece a un feito obvio: o carácter fronteirizo de Tarraconensis, única provincia hispana xa baixo control imperial efectivo.

as bases militares na liña dende Lucus a Vitoria (exitentes dende principio do s. V) están baleiros ou ocupados por continxentes godos, suevos ou pagadas pola aristocracia local.

Lusidio entrega Olisipo ao suevos. Máis tarde será representante dos suevos ante o emperador.

Aegidius pecha un acordo cos vándalos.

a andamia institucional romana local sobrevive inda que a estrutura imperial se esfuma. A superestrutura desaparece: a oportunidade de exercer cargos no goberno imperial pero a subestrutura permanece. O sistema de división rexional por conventus é testemuñado por Hydacio.

Conimbriga é saqueada. A familia do nobre Cantaber é feita presa e levada como refén.

Aegidius morre, quizás envelenado. Syagrius herda o territorio e os buccellari de seu pai. O comes Paulus manda as tropas plenamente romanas que inda existen nese ámbito. A estratexia segue a ser aliarse co emperador e os francos para poder seguir a existir como poder independente. Tamén se menciona o comes Arbogast como personaxe influínte na zona.

Severus nomea a Arvandus praefectus praetorio en Gallia.

Basiliscus e súa irmá, Aelia Verina, emperatriz, conseguen que este acceda ao consulado do ano seguinte.

venres, 18 de febreiro de 2011

ricimer, patricio romano

suposto monograma de Ricimer aparecido no anverso de moedas da época
Ricimer, fillo dun membro da familia real sueva, con dominio en Callaecia, e neto de Wallia, por parte de súa nai, xogou un papel eminente na política da pars occidentis dende 456, cando encabezou unha revolta xunto con Maioriano contra Avitus, ata a súa morte en 472, poucos meses despois de gañar outro enfrontamento contra outro emperador non italiano, Antemius.

a súa é unha figura controvertida e non hai concordo á hora de xulgar se a súa influencia foi positiva ou negativa en relación aos acontecementos que finalmente desembocaron na ausencia de emperador en occidente e a conseguinte desaparación do estado romano como tal. A historiografía tradicional asígnalle un papel netamente negativo, pero é probable que as súas actuacións foran máis ben producto de tendencias poderosas difíciles de contrarestar máis que de decisións puramente personais.

sexa como fora o que parece certo é que os seus intereses centráronse na defensa de Italia fronte á constante ameaza dos vándalos asentados nas ricas terras de Africa. Probablemente, para este fin, contaba co apoio incondicional do que quedaba das unidades militares imperiais, barbarizadas na súa maioría, en Italia e o apoio económico da aristocracia senatorial da península, que temía perder as súas propiedades italianas, como moitos perderan as africanas. As incursións e saqueos debían ser recurrentes por todo o Mediterráneo e os italianos tenderon a centrar os seus esforzos en defenderse de Xenserico máis que de recuperar o dominio sobre Gallia ou Hispania, territorios perdidos xa para Roma.

durante o seu periodo de influencia detentou os cargos de patricius e magister militum, con poder efectivo, e non foi demasiado amigo de cargos honorarios como o de consul. Durante este periodo ocuparon o trono Maioriano (457-461), Libius Severus (461-464), Antemius (466-472) e Olybrius (472), todos eles chamados "emperadores marionetas" e que morreron, segundo algúns, pola participación directa de Ricimer.

Maioriano e Antemius non foron precisamente marionetas, máis ben tiñan as súas propias follas de ruta, que chocaron cos intereses que defendía Ricimer, centrados exclusivamente en defender a península e non embarcarse en aventuras de restauración imperial que probablemente xa eran consideradas imposibles ou alleas entre os aristócratas italianos; unha situación que Ricimer debeu entender moi ben.

en todo caso Ricimer é un eslabón na cadea de figuras fortes en Occidente, xunto con homes coma Estilicón, Constancio, Aetius, e logo Odovacar. Na caída de todos estivo presente a sospeita de pretender tamén o poder simbólico para eles ou a súa familia directa, posto que o real xa o tiñan; excepto no caso de Constancio, que acadou ambas cousas, quizás por ser romano e non bárbaro, e que morreu vestindo a púrpura. Ricimer desdeñou os honores e limitouse a exercer o seu papel real. Tamén é certo que non consta que tivera fillos varóns, só unha filla.

a situación do poder central era cada vez máis precaria e quizás Ricimer non tivo máis remedio que ser realista e restrinxir as súas actuacións á península italiana e territorios lindantes, como máis tarde fixo Odovacar. E no tocante á súa posible perfidia el carga con esa sona pero sería convinte facer unha comparativa con outros persoeiros da época para decatarse de que o mundo estaba cheo de lobos e para sobrevivir nel quizás tivera que ser o lobo máis feroz. Pasa moitas veces na historia que se perde a perspectiva cando hai que estar constantemente loitando contra todo o mundo.

BIBLIOGRAFÍA: FLOMEN, Max. "The Original Godfather: Ricimer and the Fall of Rome," Hirundo, the McGill Journal of Classical Studies, Vol.8 (2009-10)