domingo, 5 de maio de 2013

472


Festus e Marcianus, cónsules.

Epiphanius, bispo de Mediolanum, tenta mediar entre Antemius e Ricimer pero só consigue un entendemento temporal e efémero.

Olybrius (xenro de Valentiniano III) é enviado a Italia por León I. Oficialmente en apoio de Antemius, pero con ordes secretas para que sexa eliminado por ter favorecido a Gaiserico.

abril: Ricimer recibe novas da conxura e nomea augustus a Olybrius.

guerra aberta entre Ricimer e Antemius. O emperador ten o apoio de parte das lexións e Ricimer dos federados baixo o esciro Odoacro e o burgundo Gundobado, magister militum de Gallia e sobriño de Ricimer (fillo de súa irmá).

Ricimer trata de cortar o fluxo de víveres a Roma para que se renda por fame. Tamén pon en marcha negociacións secretas con sectores de descontentos con Antemius.

xullo, 1: Roma é conquistada. As tropas de Ricimer saquean e rouban as casas. Un exército mandado por Videmiro, ostrogodo, en apoio a Antemius, é derrotado fóra da cidade.

xullo, 11: Antemius é capturado en María de Trastevere antes de tentar fuxir da cidade disfrazado de mendigo; é decapitado por orde de  Gundobado.

Olybrius é recoñecido como augustus polo Senado.

agosto, 18: en Roma morre Ricimer repentinamente de febres (ou úlcera) entre vómitos de sangue. Ricimer mandara decorar a igrexa Sant’Agata en Roma, logo coñecida como “Ágata dos godos”.

Olybrius nomea a Gundobado magister militum, novo home forte.

outubro, 22: morre Olybrius de hidropisía.

novembro, 6: o volcán do Vesubio destrúe a cidade de Abellinum. O volume de cinza é tan enorme que a nube que se forma chega ata Constantinopla.

o comes godo Gauterit entre cun exército en Hispania e toma Pampilona e Caesaraugusta e outras ciudades menores; sometendo a parte da aristocracia tarraconense reacia á dominación goda. Heldefredo e o dux Hispaniarum Vincentius entran polos pasos orientais dos Pirineos e toman Tarraco e outras ciudades costeiras. Estas campañas deberon ter resultados provisionais porque décadas máis tarde os godos teñen que enviar novas forzas a tomar estas cidades.

a desaparición de Olibryus impulsa a Constantinopla a entrometerse de novo nos asuntos occidentais. León I designa a Xulio Nepos colega para a parte occidental. Xulio Nepos domina Dalmacia. O seu nomeamento explícase por dúas razóns: 1/ está casado cunha sobriña da emperatriz Verina; 2/ anhelo de León I por volver a controlar Occidente logo da morte de Ricimer.

Marcelino era pagán e a designación de Xulio Nepos como augustus occidental interprétase coma unha ofensa aos cristiáns de Italia. Moitos occidentais miran con antipatía as inxerencias de Oriente. Prefiren depender de xefes militares xermanos que falan latín e se conforman co título de patricius (exemplos de romanitas). En cambio, ven alleo o emperador de Constantinopla. Estas tres causas impelen o senado a nomear patricius a Gundobado. A solución burgunda é astuta. Gundobado é sobriño de Chilperico I, que é ariano pero casa cunha católica, protexe os monxes do Jura e é amigo do bispo niceno Patieno de Lugdunum.

Ningún comentario:

Publicar un comentario