Amosando publicacións coa etiqueta Jovinus. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Jovinus. Amosar todas as publicacións

mércores, 6 de xuño de 2012

413

muros teodosianos
consulado de Heracliano e Lucius.

primaveira: Heracliano desembarca en Italia cunha enorme flota. Ravenna reacciona e envía o comes Marinus, que pon en fuga o contixente de Heracliano en Otriculum e o persegue ata Carthago. Heracliano é apresado e executado; rescripto de Honorio de xullo, 5). Os seus partidarios son duramente castigados: Marcelino e o seu irmán Apringius, delatados quizás polos donatistas, son executados polo novo comes africae.

a rebelión de Heracliano sorprende, pasaba por ser fiel a Honorio: é un dos cónsules designados para o ano. Quizás unha actitude defensiva ante posibles perdas de influencia en Ravenna a consecuencia do ascenso de Constancio, que recibe a súa fortuna cando é axusticiado. Pode que estivera en connivencia co magister officiorum Olympius, que tamén morre asasinado no verán.

maio, 8: Honorio asina un edicto onde libera de taxas as provincias de Tuscia, Campania, Picenum, Samnium, Apulia, Lucania e Calabria, que foran arrasadas polos godos de Alarico.

verán: Ataúlfo derrota e mata a Sebastianus, e a outro irmán máis, Sallustius. Jovinus foxe cara Valentia, onde é asediado e capturado polo godo. Jovinus é enviado a Narbo, onde o praefectus Dardanus o executa como usurpador. As cabezas dos irmáns serán exhibidas en Ravenna a finais de agosto. Acabar co réxime de Jovinus supuxo a execución de moitos aristócratas e a imposición de extraordinarias cargas tributarias en Auvernia.

mentres que a usurpación de Constantino III tiña aspiracións imperiais, a de Jovinus, con apoios na aristocracia gala, quizás tiña simplemente unha aspiración rexional circunscrita a Gallia. Unha manifestación máis das forzas centrípetas que operan no imperio.

Augusta Treverorum é arrasada polos francos.

xuño, 27: Agostiño predica en Carthago sobre o bautismo e a pexa orixinal. A súa idea central ao escribir de civitate dei é que o cristianismo non é responsable do declive do imperio.

os burgundios baixo Gundohar aséntanse en torno a Worms.

os godos rompen o pacto con Honorio e atacan e conquistan Tolosa, e Burdigalia, inda que non Massilia, defendida por Bonifacio. A revolta de Heracliano impedira que Constancio aportara os subministros prometidos no pacto contra Jovinus. Attalus é novamente elevado á púrpura. Isto desencadea que Constancio se propoña firmemente acabar con Ataúlfo.

pequenos contixentes saxóns empezan a asentarse na costa norte de Gallia.

Teodosio II ordena iniciar a construción das novas murallas terrestres de Constantinopla. A obra é impulsada e supervisada por Antemius. Este murus novus (sete kms de lonxitude) agrandou a capital nun terzo.

Kumaragupta I sucede ao seu pai Chandragupta II coma soberano do imperio Gupta.

Changsu Wang, fillo de Kwanggaet’o o grande, é o soberano de Koguryo (Korea).

tensións en Alexandría entre Cirilo e os xudeos, e entre Cirilo e o prefecto Orestes (pagán), cando este detén aos cristiáns que hostigan os xudeos. Hai enfrontamentos abertos e confiscacións de bens como represalia da administración.

luns, 4 de xuño de 2012

412

mosaicos atopados en Cetobriga
sergivs.blogs.sapo.pt
novo consulado de Honorio e Teodosio II.

xaneiro, 30: outro edicto de Honorio condena os donatistas.

son restauradas as murallas das cidades da Illyria. Restáuranse os fortes na ribeira occidental do Danubio e créase unha nova flota danubiana. Os estragos fixéranos os hunos anos antes.

as tropas galas que apoiaran a Máximo en Hispania trasládanse a Africa. Probablemente eran novamente leais a Honorio e foron destinadas nesa provincia.

Máximo fuxiu entre os bárbaros. Próspero conta que, tendo renunciado á púrpura, perdoóuselle a vida debido ao seu carácter inofensivo. Probablemente as razóns serían outras: para Constancio sería moito máis urxente frear a Jovinus en Gallia. Non podía iniciar operacións en dúas frontes.

Ataúlfo cruza os Alpes e móvese polo sur de Gallia, devastando a zona. O continxente leva como reféns a Gala Placidia e Attalus. Por consello de Attalus inicia negociacións con Jovinus. Acaba establecéndose en Narbo.

Jovinus e os seus aliados bárbaros reforzan as súas posicións no norte de Gallia.

Sarus, anteriormente leal a Honorio, tamén busca negociar con Jovinus pero atrápano e mátano homes de Ataúlfo.

as negociacións con Ataúlfo duran meses e Jovinus nomea a Sebastianus, irmán seu, augustus. Finalmente fracasan os contactos e os godos buscan aproximarse novamente a Ravenna.

Ataúlfo comprométese, en negociacións con Dardanus (prefecto de Gallia leal a Honorio) a enviar as cabezas de Jovinus e Sebastianus a Ravenna a cambio de víveres e a sinatura dun foedus.

Olimpiodoro de Tebas (Exipto) participa nunha embaixada enviada por Constantinopla ao rei huno Donatus. Bordeou Grecia e subiu polo Mar Negro e houbo unha terrible galerna durante a viaxe. A historia que escribiu perdeuse case na súa totalidade inda que polos fragmentos que quedan se aprecian as súas grandes dotes historiográficas. A historia incluía unha descrición da súa misión e un excurso erudito sobre os hunos.

edicto de Honorio ordenando a todos os gobernadores de provincias que obriguen a retornar a Roma e ás súas funcións a todos os membros das distintas corporacións (pistores, catabolenses, suarii, pecuarii, mancipes thermarum, ...) que fuxiran cando o saco de Alarico: moitos fuxiran por medo e outros aproveitaran a ocasión de liberarse das ataduras que lles facían a vida tan pouco amable nunha sociedade tan estratificada onde incluso a profesión se herdaba e era difícil de cambiar. Esta fuxida debeu dislocar enormemente a vida social da capital. Houbo tamén unha segunda vaga de prófugos a Africa, pertencentes ás clases altas.

morte de Teófilo, patriarca de Alexandría; o 18 de outubro é entronizado o seu sucesor, Cirilo, sobriño seu, igualmente terco e pouco escrupuloso.

Lázaro, bispo de Aix-en-Provence, e Herod, bispo de Arelate, que apoiara a Constantino III, son desposuídos das súas sés por ser maniqueos. Patroclo recolle a sé de Arelate.

un maremoto destrúe Cetobriga, en Lusitania.

Fa-Hien, monxe budista chinés, pasa dous anos en Ceilán e máis de 200 días no mar xa que as tormentas afastan o barco do seu roteiro pero finalmente regresará cos textos budistas sagrados a China (414).

Demetrias, asceta famosa e corresponsal de Xerome, pertencente aos Anicii, e a súa avoa, Faltonia Proba, pagaron pola súa liberación aos godos e fuxiron a Africa nunha embarcación, en medio de grandes penalidades, que alugaran nun dos portos da península. Ao desembarcar seguiron os problemas xa que o gobernador era o comes Heracliano, famoso pola súa sede insaciable de viño e ouro, que asasinara a Estilicón e fora premiado co seu destino a Africa e sucedera a Olympio no liderado do partido católico. Nembargantes, a súa adscrición relixiosa a compatibilizaba coas maiores desfeitas. Reunira nos portos africanos a uns tratantes de escravos sirios que mercaban aos refuxiados; moitas damas nobres foron a parar por man de Heracliano a harems orientais. Demetrias e Proba foron obrigadas a ...

Heracliano, comes Africae, corta o subministro de gran cara Roma. Proclámase augustus. Honorio condénao a morte por medio dun edicto que asina en Ravenna.

Agostiño de Hipona escribe de spiritu et llitera contra Pelaxio e comeza a redactar de civitate dei (rematarao en 426).

sábado, 2 de xuño de 2012

411

Hispania, movementos pobos xermánicos
consulado de Teodosio II (sen colega).

Constantino III espera en Arelate o regreso de Edobeccus mentres Gerontius avanza cara el polo Ródano dende Vienne, donde capturara e executara a Constante (o prefecto Decimus Rusticus consegue escapar ao Rin).

Gerontius asedia a Constantino en Arelate pero ten que retroceder a Hispania cando Flavio Constancio e Ulfila o ostrogodo encabezan un exército imperial dende a Provenza, pasando sen atrancos os pasos alpinos e plantándose diante dos muros da cidade. A maioría das tropas de Gerontius pásanse a Constancio, quen prosegue o asedio.

primaveira: entrevista entre Agostiño e Pelaxio en Carthago. Pelaxio marcha a Xerusalem, onde conseguirá cada vez máis partidarios.

xuño, 1-8: conferencia de Carthago presidida por Marcellinus. Condena do pelaxianismo e do donatismo por parte de Agostiño. Recoméndase a Honorio a “supresión” dos non ortodoxos, que serán implacablemente perseguidos e reprimidos.

xuño: en Arelate recíbense novas da chegada de Edobeccus e inmediatamente Ulfila avanza para cortarlle o paso; cruza o Ródano, xa que Arelate está en ambas beiras do río. A calzada provinte do Rin, pola que retornaría Edobeccus vai pola beira esquerda. Ulfila e Constancio estarían presionando pola beira dereita e ao cruzar o río quererían interceptar a Edobeccus e atrapalo entre as dúas seccións do exército imperial. O franco foi derrotado e cando se renden as súas forzas, el fuxe ás propiedades do seu amigo Ecdicius pero é asasinado por este, que leva a súa cabeza a Constancio.

Ulfila reforza o asedio de Arelate novamente e vendo clara a derrota, Constantino refúxiase nunha igrexa co seu segundo fillo, o nobilissimus Xuliano, e ordénase crego. As portas da cidade ábrense e entréganse coa promesa que se lles perdoará a vida.

agosto: o burgundio Gundohar, Goar o alano e Decimius Rusticus apoian a usurpación de Jovinus en Mogontiacum. Incorpóranse tamén continxentes francos e alamanos como foederati. As tropas imperiais retíranse a Italia sen atacar a Jovinus.

setembro: Constantino é conducido prisioneiro a Ravenna e executado pasado o río Mincio; a súa cabeza e a do seu fillo Xuliano son expostas publicamente sobre estacas na capital.

en Tarraco as tropas de Gerontius rebélanse contra el e asedian os seus cuarteis, onde se suicida coa súa daga, logo de acabar coa vida de servos e a súa muller. Máximo, sen apoios, renuncia a púrpura e busca refuxio entre os bárbaros que están en Hispania.

outono: sínodo en Carthago, promovido e dirixido por Agostiño e outros bispos ortodoxos: desautorízase a Celestius (discípulo de Pelaxio), que fuxe a Éfeso.

incursións a gran escala de saxóns e pictos/caledonios en Britannia logo do abandono da provincia por parte dos oficiais e funcionarios romanos; a defensa diríxena as autoridades civís e os xefes tribais. Segundo a posterior lenda galesa no período de paz logo destes ataques xorden dúas figuras: Constantino “o bendicido” (fillo de Magnus Maximus e a súa segunda dona Helena), e “Vortigern” (rei-supremo), casado coa irmá de Maximus, Severa e señor de Powys (Gales central e as marismas). Non se pode certificar a súa existencia; entres outros factores carécese de moeda logo da retirada romana.

Ingyo sucede ao seu irmán Hanzei e convértese no 19ª emperador de Xapón.

Rabbula, bispo de Edessa.

morre Nun Yax Ayin, xefe da cidade-estado maia de Tikal (reinara dende 379).

logo do suicidio de Gerontius e a supresión de Constantino, e acuciados pola fame, os pobos mobilizados por Gerontius optan por facerse sedentarios e, ao parecer, faise un reparto de zonas de influencia: os suevos en Gallaecia ao norte do Teixo, os vándalos silingos a Gallaecia ao norte do Douro, os alanos de Respendial na meseta, Lusitania e Carthaginensis, e os vándalos asdingos na Betica; a Tarraconensis queda libre. É complicado valorar que autoridade, se algunha, aprobou o reparto ou se os contixentes bárbaros tomaron a decisión por si mesmos: “nas cidades e fortalezas os hispanos que sobreviviron os golpes dos bárbaros sometéronse a servidume”.

iníciase un certo período de tranquilidade na península. Orosio fala de que os bárbaros “abandonaron as espadas e colleron os arados e viviron en paz cos hispanos”. Inda que Hydacio fala de soberanía bárbara, tamén testemuña tranquilidade: “pola graza de Deus os bárbaros estableceron a paz”. A súa crónica non rexistra enfrontamentos contra os provinciais nunha longa tempada.

esta circunstancia fai que as autoridades imperiais ignoren Hispania durante máis dunha década dende o momento en que Máximo é deposto. O cálculo debía ser sinxelo: os problemas en Gallia, Italia e Africa eran prioritarios sobre os hispanos. As novas usurpacións en Gallia e Africa eran prioritarias. Ademais os usurpadores eran prioritarios sobre o control dos contixentes bárbaros. É mais, Hispania podía contemplarse como leal ao lexítimo emperador, inda que o control era so nominal. Era unha diócese leal en tempos de usurpacións.

Orosio fala de Honorio como o favorito especial dun deus que lle permitía derrotar un tras outro numerosos usurpadores. Honorio non foi un emperador activo. A explicación do seu éxito e permanencia debe  buscarse na incompetencia de quen lle fixo fronte.

Constantino foi un oportunista ambicioso. Gañou Gallia polas circunstancias e Hispania porque esta sempre respaldaba as decisións galas. Que o recoñecera Honorio foi grazas á presión de Alarico. O seu único éxito foi controlar temporalmente os continxentes bárbaros que cruzaran o Rin en decembro de 405. A súa elección de colaboradores tampouco foi moi acertada: véxanse os destinos sucesivos de Justinus, Nebiogast, Edobeccus e Gerontius.

en canto a Gerontius dicir que os seus éxitos foron a instancias de continxentes de clientes rurais, e só nun segundo intento. Non foi quen de controlar a forza que el mesmo desatou mobilizando vándalos, alanos e suevos contra Constantino e levoulle máis dun ano derrotar e matar a Constante, sen experiencia militar previa, un antigo monxe e o único xeral que demostrou peores calidades ca el. Gerontius era obseso coa disciplina inda que non venceu a ninguén relevante, non é raro que a súas tropas se lle sublevaran e desertaran ao mínimo problema.

ademais, Honorio soubo escoller un home competente, Constancio. Unha das súas medidas foi continuación de Estilicón. Os continxentes bárbaros desempeñan función antes encomendadas a tropas comitatenses; primeiro, de xeito coxuntural para finalmente poder considerar que o exército da pars occidentalis está completamente barbarizado.

Ataúlfo negocia con Ravenna dirixirse cara Gallia baixo promesa de obter un territorio propio se colabora para derrotar a Jovinus.