sábado, 2 de xuño de 2012

411

Hispania, movementos pobos xermánicos
consulado de Teodosio II (sen colega).

Constantino III espera en Arelate o regreso de Edobeccus mentres Gerontius avanza cara el polo Ródano dende Vienne, donde capturara e executara a Constante (o prefecto Decimus Rusticus consegue escapar ao Rin).

Gerontius asedia a Constantino en Arelate pero ten que retroceder a Hispania cando Flavio Constancio e Ulfila o ostrogodo encabezan un exército imperial dende a Provenza, pasando sen atrancos os pasos alpinos e plantándose diante dos muros da cidade. A maioría das tropas de Gerontius pásanse a Constancio, quen prosegue o asedio.

primaveira: entrevista entre Agostiño e Pelaxio en Carthago. Pelaxio marcha a Xerusalem, onde conseguirá cada vez máis partidarios.

xuño, 1-8: conferencia de Carthago presidida por Marcellinus. Condena do pelaxianismo e do donatismo por parte de Agostiño. Recoméndase a Honorio a “supresión” dos non ortodoxos, que serán implacablemente perseguidos e reprimidos.

xuño: en Arelate recíbense novas da chegada de Edobeccus e inmediatamente Ulfila avanza para cortarlle o paso; cruza o Ródano, xa que Arelate está en ambas beiras do río. A calzada provinte do Rin, pola que retornaría Edobeccus vai pola beira esquerda. Ulfila e Constancio estarían presionando pola beira dereita e ao cruzar o río quererían interceptar a Edobeccus e atrapalo entre as dúas seccións do exército imperial. O franco foi derrotado e cando se renden as súas forzas, el fuxe ás propiedades do seu amigo Ecdicius pero é asasinado por este, que leva a súa cabeza a Constancio.

Ulfila reforza o asedio de Arelate novamente e vendo clara a derrota, Constantino refúxiase nunha igrexa co seu segundo fillo, o nobilissimus Xuliano, e ordénase crego. As portas da cidade ábrense e entréganse coa promesa que se lles perdoará a vida.

agosto: o burgundio Gundohar, Goar o alano e Decimius Rusticus apoian a usurpación de Jovinus en Mogontiacum. Incorpóranse tamén continxentes francos e alamanos como foederati. As tropas imperiais retíranse a Italia sen atacar a Jovinus.

setembro: Constantino é conducido prisioneiro a Ravenna e executado pasado o río Mincio; a súa cabeza e a do seu fillo Xuliano son expostas publicamente sobre estacas na capital.

en Tarraco as tropas de Gerontius rebélanse contra el e asedian os seus cuarteis, onde se suicida coa súa daga, logo de acabar coa vida de servos e a súa muller. Máximo, sen apoios, renuncia a púrpura e busca refuxio entre os bárbaros que están en Hispania.

outono: sínodo en Carthago, promovido e dirixido por Agostiño e outros bispos ortodoxos: desautorízase a Celestius (discípulo de Pelaxio), que fuxe a Éfeso.

incursións a gran escala de saxóns e pictos/caledonios en Britannia logo do abandono da provincia por parte dos oficiais e funcionarios romanos; a defensa diríxena as autoridades civís e os xefes tribais. Segundo a posterior lenda galesa no período de paz logo destes ataques xorden dúas figuras: Constantino “o bendicido” (fillo de Magnus Maximus e a súa segunda dona Helena), e “Vortigern” (rei-supremo), casado coa irmá de Maximus, Severa e señor de Powys (Gales central e as marismas). Non se pode certificar a súa existencia; entres outros factores carécese de moeda logo da retirada romana.

Ingyo sucede ao seu irmán Hanzei e convértese no 19ª emperador de Xapón.

Rabbula, bispo de Edessa.

morre Nun Yax Ayin, xefe da cidade-estado maia de Tikal (reinara dende 379).

logo do suicidio de Gerontius e a supresión de Constantino, e acuciados pola fame, os pobos mobilizados por Gerontius optan por facerse sedentarios e, ao parecer, faise un reparto de zonas de influencia: os suevos en Gallaecia ao norte do Teixo, os vándalos silingos a Gallaecia ao norte do Douro, os alanos de Respendial na meseta, Lusitania e Carthaginensis, e os vándalos asdingos na Betica; a Tarraconensis queda libre. É complicado valorar que autoridade, se algunha, aprobou o reparto ou se os contixentes bárbaros tomaron a decisión por si mesmos: “nas cidades e fortalezas os hispanos que sobreviviron os golpes dos bárbaros sometéronse a servidume”.

iníciase un certo período de tranquilidade na península. Orosio fala de que os bárbaros “abandonaron as espadas e colleron os arados e viviron en paz cos hispanos”. Inda que Hydacio fala de soberanía bárbara, tamén testemuña tranquilidade: “pola graza de Deus os bárbaros estableceron a paz”. A súa crónica non rexistra enfrontamentos contra os provinciais nunha longa tempada.

esta circunstancia fai que as autoridades imperiais ignoren Hispania durante máis dunha década dende o momento en que Máximo é deposto. O cálculo debía ser sinxelo: os problemas en Gallia, Italia e Africa eran prioritarios sobre os hispanos. As novas usurpacións en Gallia e Africa eran prioritarias. Ademais os usurpadores eran prioritarios sobre o control dos contixentes bárbaros. É mais, Hispania podía contemplarse como leal ao lexítimo emperador, inda que o control era so nominal. Era unha diócese leal en tempos de usurpacións.

Orosio fala de Honorio como o favorito especial dun deus que lle permitía derrotar un tras outro numerosos usurpadores. Honorio non foi un emperador activo. A explicación do seu éxito e permanencia debe  buscarse na incompetencia de quen lle fixo fronte.

Constantino foi un oportunista ambicioso. Gañou Gallia polas circunstancias e Hispania porque esta sempre respaldaba as decisións galas. Que o recoñecera Honorio foi grazas á presión de Alarico. O seu único éxito foi controlar temporalmente os continxentes bárbaros que cruzaran o Rin en decembro de 405. A súa elección de colaboradores tampouco foi moi acertada: véxanse os destinos sucesivos de Justinus, Nebiogast, Edobeccus e Gerontius.

en canto a Gerontius dicir que os seus éxitos foron a instancias de continxentes de clientes rurais, e só nun segundo intento. Non foi quen de controlar a forza que el mesmo desatou mobilizando vándalos, alanos e suevos contra Constantino e levoulle máis dun ano derrotar e matar a Constante, sen experiencia militar previa, un antigo monxe e o único xeral que demostrou peores calidades ca el. Gerontius era obseso coa disciplina inda que non venceu a ninguén relevante, non é raro que a súas tropas se lle sublevaran e desertaran ao mínimo problema.

ademais, Honorio soubo escoller un home competente, Constancio. Unha das súas medidas foi continuación de Estilicón. Os continxentes bárbaros desempeñan función antes encomendadas a tropas comitatenses; primeiro, de xeito coxuntural para finalmente poder considerar que o exército da pars occidentalis está completamente barbarizado.

Ataúlfo negocia con Ravenna dirixirse cara Gallia baixo promesa de obter un territorio propio se colabora para derrotar a Jovinus.

Ningún comentario:

Publicar un comentario