domingo, 27 de maio de 2012

410

visión romántica do Saco de Roma
xaneiro: o comes Africae Heracliano recibe un edicto de tolerancia. As medidas de terror contra os heréticos (donatistas principalmente) son suspendidas.

os ministros de Honorio Jovius, Valens (magister), e Xulián (primicerius notariorum) visitan o campo de Attalus para negociar a división da pars occidentis entre Honorio e Attalus. O acordo non é ratificado por Honorio e os seus ministros desertan.

Honorio segue a recibir reforzos de Oriente (agora 4000 homes) e Heracliano nega o trigo ao réxime de Attalus.

febreiro, 1: apertura do sínodo de Seleucia a instigación de Maruthas. Os cristiáns persas crean unha igrexa nacional e adoptan o credo niceno. Con Abdas de Susa, o réxime sasánida mudará postura en relación aos cristiáns e comezarán as persecucións (418).

Attalus visita Roma para preparar outra expedición de castigo a Africa, pero xorden novamente diferenzas con Alarico porque este quere enviar a Druma, godo, coma xefe.

primaveira: Constantino III cruza os Alpes para presionar a Honorio e penetra na Liguria ata Verona, pero reprégase a Gallia novamente cando lle chegan novas da revolta de Gerontius en Hispania contra o seu fillo Constante. Un feito decisivo tamén é a morte de Allobichus, magister equitum de Honorio, o seu aliado en Ravenna.

Honorio escribe un rescripto aos maxistrados britanos onde explica que as cidades da illa deben facerse cargo da súa propia defensa contra anglos, xutos e saxóns.

Honorio recluta a Sarus, inimigo de Alarico e Ataúlfo, que operaba independentemente do grupo godo principal na zona de Picenum, logo de ter derrotado a Ataúlfo. Entón Alarico avanza cara Ravenna, depón a Attalus, pero é frenado por Sarus e volve a Roma.

dende Irlanda proveñen incursións que buscan saquear a costa britana, (Uí Liatháin e Laigin, xefes máis importantes): ao primeiro simplemente atacan ciudades e capturan escravos pero nun inicio pero logo aséntanse certas áreas do que se da en chamar Gwynedd, en particular Llyn, as costas de Arllechwedd, Aron e a illa de Mona.

Flavio Constancio, xeral ilirio, convértese en magister militum e conselleiro principal de Honorio. Instaurará unha nova ditadura militar ao estilo de Estilicón.

As novas ameazas (tanto en Hispania coma en Italia) fan que Constantino faga volver a Constante de Hispania. Gerontius elevara a Máximo, un domesticus seu, á calidade de augustus en Tarraco.

Gerontius decide establecerse en Tarraco ao ser a capital da provincial e estar ben comunicada con Gallia. A ceca de Barcino empeza a producir moeda co nome de Máximo. Gerontius pode ter asegurado a súa retagarda negociando cos continxentes bárbaros que estaban en Hispania pero non existe evidencia.

Gerontius loitou con Constante e Justus, primeiro en Hispania e logo en Gallia, derrotándoos en ambos casos.

Constantino e Constante reúnense en Arelate para decidir que facer. Podíase contar que Honorio non movería ficha, en vista dos precedentes. Isto, cando menos, explicaría a aparente ausencia de precaución ante un posible ataque provinte de Italia. Gerontius era a ameaza principal, xunto con certos continxentes bárbaros en Gallia.

Edobeccus, magister militum de Constantino, parte cara o Rhin para asegurar a axuda de mercenarios francos. Mentres, Constante regresa a loitar contra Gerontius pero é novamente derrotado, morrendo en Vienne. A batalla tería lugar nalgún punto da ruta entre Hispania e Arelate e ao ser derrotado fuxiría cara Vienne.

xa acontecido isto ou simultaneamente os xerais Constancio e Ulfila cruzaron os Alpes e entraron en Gallia para atacar a Constantino.

en Hispania a autoridade romana continuou, incluso nas rexións con presenza bárbara; a incógnita é saber o alcance da xurisdición real de Máximo; non hai maneira de sabelo, pero é probable que a súa autoridade chegara a toda a península, incluíno as áreas que soportaran as incursións bárbaras. El é dubidoso que fixera algo para contelas. A península é moi extensa e fértil (a excepción de zonas da meseta), abondo para acomodar incluso grandes continxentes de bárbaros. O cadro pintado por Hydacio, que combina un goberno romano operativo con devastacións que se estenden por toda a península é explicable neste contexto. Rara vez os bárbaros accedían ás cidades e por iso o funcionamento básico da administración non se viu afectado ao estar centralizado nelas. No campo, porén, as cousas probablemente foron diferentes. Devastacións combinadas con pestes e fames expandiron a miseria. Pero o funcionamento da administración e as demandas desta sobre a poboación non cambiaron. Así se entende a Orosio cando di que algúns preferiron a pobreza e a liberdade entre bárbaros á carga que supuñan os impostos romanos.

agosto, 24-27: Alarico penetra en Roma (o saco de Roma) logo dun terceiro asedio. Os escravos abren a porta Sallaria e os godos saquean durante tres días (a primeira vez dende 390 bC que Roma cae ante o inimigo). Galla Placidia é capturada e feita refén.

a consecuencia do saco, moitos aristócratas refúxianse en oriente e Africa. Agostiño de Hipona intervén persoalmente a favor dos refuxiados apelando á caridade dos seus diocesanos. Os herexes Pelaxio (britano) e Celestius (discípulo seu) tamén se refuxian en Africa.

agosto, 25: constitución de Honorio que anula o edicto de tolerancia de xaneiro en resposta ao sínodo de Cartago (xuño, 14) e que ordena a pena de morte ou o exilio aos herexes que se xunten en asemblea.

Alarico móvese cara o sur coa intención de pasar a Africa pero unha tormenta destrúe a flota e morren grande cantidade de homes. O mesmo Alarico morre pouco despois en Cosenza, probablemente de febres. A lenda di que foi soterrado xunto cos seus tesouros no leito do río Busento. Sucédeo Ataúlfo.

un enorme lume destrúe a cidade de Aleria (Córcega): o porto queda devastado e morre a maioría da poboación.

Prithvisena, rei de Vakataka no Deccan (India).

Honoratus funda o mosteiro de Lérins e unha comunidade monástica na illa de San Honorato.

Olimpiodoro de Tebas (filósofo) realiza experimentos de alquimia.

enfrontamentos entre monxes cristiáns e xudeos en Palestina. Numerosos mortos en Xerusalem.

(ata 420) Gregerius (ou Gregorius), bispo de Emerita Augusta.

morte de Rufino (c. 345-410), antigo amigo de Xerome e logo inimigo. Vertera en Pinetum, Roma, e Sicilia, do grego ao latín, obras de Oríxenes, Basilio, Eusebio de Cesarea, Panfilio, Gregorio Nacianceno, Clemente de Roma, Clemente de Alexandría, as Sentencias de Xisto e de Evagrio do Ponto e a obra do mártir Pánfilo Contra os matemáticos.

a Historia Nova de Zósimo, pagano grego, recolle acontecementos ata este ano e usa por extenso a obra de Olympiodoro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario