Amosando publicacións coa etiqueta Eborico. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Eborico. Amosar todas as publicacións

venres, 22 de agosto de 2014

585

www.temporamagazine.com
Leovixildo aproveita a rebelión de Andeca contra Eborico para entrar en Callaecia e acabar coa independencia do reino suevo, anexándoa como provincia goda: “... Liuvigildus rex Gallaecias vastat, Audecanem regem comprehensum regno privat, Suevorum gentem, thesaurum et patriam in suam redigit potestatem et Gothorum provinciam facit ...”. Derrota a Andeca cerca de Oporto e encérrao nun mosteiro, logo de sometelo a tonsura.

Gontran decide intervir e socorrer os suevos e envía unha expedición naval, que é interceptada polos godos (Gregorio de Tours); descoñecemos onde os francos tiñan previsto tomar terra, pero isto proba a alianza entre suevos e francos contra godos e as relacións entre ambos a través da costa cantábrica.

Malaricus tenta recuperar a independencia sueva pero fracasa no intento. Para previr futuras tentativas Leovixildo sitúa continxentes militares, entre outros lugares, en Lucus e Tude.

o exarca Smaragdo, xeneral e organizador capaz, logra un acordo de paz de tres anos cos lombardos e fíxanse fronteiras: o exarcado é una franxa que une Ravenna con Roma arredor da vía Flaminia. Contén ademais Venecia, Xénova e Neapolis. O duque Droctulf, lombardo, únese á causa imperial a cambio de cartos, recuperando así o importante porto de Classis.

fundación do bispado de Constanza (traslado desde Vindonissa) como centro da evanxelización dos alamanos.

os lobos campan en moitos lugares; o inverno é moi frío e chegan famentos ata o interior de poboacións fortificadas, como en Burdigalia, onde devo­ran varios cans.

Praetextatus é asasinado por encargo de Fredegunda en represalia polo casamento de Brunequilda e Meroveo, fillo de Chilperico I.

Columba o novo chega a Gallia acompañado de 12 mozos (entre eles Gallus) e fundará varios mosteiros

guerra en Xapón entre os clans Soga (partidario do budismo) e Mononobe (partidarios da tradición).

entrevista de Chalon entre Gontran e Childeberto: proclámase a maioría de idade de Childeberto II (15 anos) como rei de Austrasia e confírmase a súa adopción como herdeiro por parte de seu tío; fai eliminar os duques de Austrasia Rauching, Ursion e Berthefriedo co pretexto da súa participación nunha conxura; Aegidius, bispo de Reims, é deposto.

febreiro: Gontran marcha ata Comminges (Pirineos) cun exército e o seu xeneral Leudexesilo asedia a cidadela de Saint-Bertrand, onde está Gondovaldo.

marzo: Leudexesilo negocia en segredo con Mummolus e outros notables da cidade para que entreguen a Gondovaldo a cambio de salvar a vida. Gondovaldo é expulsado da cidade é condenado a morte. A continuación, arrasan a cidade e masacran os habitantes, incluído Mummolus e os principais dirixentes.

Mummolus deixa 250 talentos de prata e máis de 30 de ouro; unha peza pesa 170 libras: 6250 kgrs de prata e 750 kgrs de ouro en total.

Gontran fai unha entrada triunfal en Aurelianum, celebrando o final da ‘usurpación’.

primavera-verán: dous exércitos enviados por Gontran atacan a Septimania ao mesmo tempo en Carcassonna (Terentiolus, conde de Limousin) e Nimes (Nicetius). Recaredo rexeita ambos ataquen con grandes perdas por ambos lados.

xuño, 21: data prevista para o bautizo de Clotario II. Gontran desprázase a París para o evento e Fredegunda ratifica diante del, tres bispos e trescentos notables de Neustria que Clotario é fillo de Chilperico, pero a cerimonia de coroación aprázase.

xullo, 6: en Aurelianum Gregorio de Tours obtén de Gontran o perdón de Garacharius, conde de Burdigalia, do duque Bladaste e do saxón Chuldericus, partidarios de Gondovaldo.

agosto, 23: Gontran está en Autun, onde lle chegan novas do fracaso en Septimania.

verán: o xeneral Philippicus continúa as operacións contra os persas en Arzanene.

incendio de París.

setembro, 15: Bidatsu morre de varíola e seu irmán Yōmei convértese no 31º emperador do Xapón.

verán: o xeneral bizantino Comentiolus chega a Adrianopolis e derrota unha horda eslava dirixida por Ardagasto na proximidade da fortificación de Ansinon, no distrito de Astice.

outubro, 1: festa na corte de Metz.

outubro, fin de mes: sobre unha manta cerimonial na súa vila de Belsonacum, Childeberto II reclama oficialmente ao emperador Mauricio o retorno da súa irmá Ingunda, que cre viva. Gontran Boson é citado ante a asemblea por violación de sepultura, pero foxe.

outubro, 23: sínodo de Macon baixo Gontran e coa asistencia de 43 bispos no que se discute se as mulleres se poden considerar humanas; condénase a práctica dalgúns bispos de soltar cans feros contra os pobres que buscaban o seu auxilio; decídese o ‘diezmo’ como tributo xeneralizado para os territorios francos; Theodoro de Marsella e os bispos aquitanos que apoiaron a Gondovaldo son xulgados e Ursicinus, bispo de Cahors, é excomungado e Faustianus de Dax, nomeado polo usurpador, deposto; prohíbese traballar en domingo.

novembro, 10: edicto de Péronne, no que Gontran confirma as decisións de Macon. O texto do edicto podería deberse a Asclepiodoto, referendarius de orixe romana.

inverno: vaga de fame en Gallia, segundo Gregorio de Tours. Os tratantes estafan a xente, desesperada por conseguir alimentos.

Hussa sucede ao seu irmán Frithuwald como rei de Bernicia.

Kardarigan, xeneral persa, comeza o asedio de Monokarton (Anatolia), que fracasará.

o bispo armenio Kardutsat, con sete cregos, viaxa polas estepas do norte do Cáucaso e consegue bautizar moitos hunos e traduce libros á súa lingua.

Xiao Jing Di sucede a seu pai Xiao Ming Di como emperador da dinastía Liang.

o rei Wideok de Baekje envía á corte da dinastía Sui unha embaixada oficial que porta un tributo, un mestre de meditación budista, un recitador de conxuros máxicos, un arquitecto e un escultor.

Zhiyi, monxe chinés, volve á cidade de Jinling, onde completa os seus comentarios ao Lotus Sutra.

xoves, 21 de agosto de 2014

584

Authario, rei lombardo
crónica de Nuremberg, 1493
en.wikipedia.org
Eborico é deposto e confinado nun mosteiro por Andeca, que casara con súa nai, e é novo rei dos suevos en Callaecia.

Leovixildo toma finalmente Hispalis e Hermenexildo refúxiase en Corduba, pero seu pai tamén a toma; negocia o perdón desde unha igrexa e é desterrado a Tarraco. Leandro tamén é desterrado. Ingunda foxe cun fillo varón de ambos a Africa.

Gontran restitúe os territorios en torno a Marsella ao seu sobriño Childeberto II e renova con el unha alianza. Chilperico, que teme un ataque combinado, refúxiase en Cambrai co seu tesouro e fai que reparen os muros da cidade.

Chilperico I ten un fillo varón, Clotario, a quen “fixo educar no seu dominio de Vitry-en-Artois a fin de que non lle acontecera ningunha desgraza se se lle vía en público e puidera morrer” (Gregorio de Tours); nestas poucas palabras temos como se desenvolve a vida privada na época: ao rei acáballe de acontecer algo de suma importancia, un fillo varón, nada sobre a nai, cuxo nome é dubidoso, tal vez unha concubina, e tan pronto como nace envíao onde unha nodriza da cidade (Cambrai) ao campo. Hai que ocultar a infancia e vivir en privado para evitar as ameazas do mundo exterior. A vida privada é amor, violencia, anguria e morte.

Childeberto II parte a Italia, financiado polos bizantinos, para atacar os lombardos. Os duques lombardos sométense e tamén lle pagan un tributo e Childeberto retírase. Mentres, Chilperico aproveita para recuperar París.

segunda embaixada do senador Elpidius onde Bayan; conclúen un tratado de paz.

primavera/verán: embaixada bizantina en Persia. O xeneral Xoán Mystacon é substituído por Philippicus, cuñado do emperador, nomeado magister militum per Orientem, quen recruta tropas e fortifica Monocarton.

verán: os avaros son vencidos por Comentiolus logo de que estes penetren ata os ‘muros longos’ de Thracia.

Creoda funda o reino de Mercia.

incendio de Bourges.

Muhammad (14 anos) participa cos seus tíos nos combates que enfrontan o seu clan co beduíno Hawazin.

final de setembro/ inicios de outubro: o único fillo vivo de Chilperico (Gregorio de Tours: ‘Nerón e Herodes do noso tempo’) é Clotario e el mesmo tamén morre ao regresar dunha cacería en circunstancias misteriosas cerca de Chelles, quizás por instigación de Brunequilda ou da propia Fredegunda.

setembro: Rigunthis, filla de Chilperico e Fredegunda, parte de París cun gran tesouro a Hispania para casar con Recaredo. Na primeira parada que fai a expedición desaparece parte da escolta con todo o que son capaces de roubar. En Tolosa, o duque Didier, logo de saber do asasinato do rei, faise co resto das riquezas. A princesa é devolta a súa nai.

Fredegunda faise co tesouro real de Neustria, foxe a París con Clotario (catro meses) e pide a protección de Gontran para os dous. Gontran chega a Paris cun exército para garantir o trono de Neustria a seu sobriño contra as ambicións de Childeberto II, tamén sobriño, que reclama en Meaux a súa parte de Neustria.

o recen nado pasa a ser Clotario II de Neustria, baixo a tutela de Fredegunda e Gontran pero notables como o bispo de Rouen expresan dúbidas sobre que Clotario sexa realmente fillo de Chilperico; Fredegunda fai matar este bispo e que outros xuren a lexitimidade do neno.

os britanos vencen a Ceawlin de Wessex en Fethanleigh, onde morre o irmán do rei, Cuthwine.

Berta, filla de Chilperico, casa con Ethelberto de Kent, pagán, pero que permite que ela conserve a súa fe e leve sacerdotes con ela a Britannia.

os duques lombardos séntense ameazados logo da invasión franca e elixen rei a Authario, fillo de Clef, un mozo xa ben experimentado no combate, que residirá en Ticinum.

Mauricio, coa axuda de Pelaxio II e o apoio pagado dos francos (50000 solidi), logra conter os lombardos e asegura o dominio dunha porción de territorio, o exarcado de Ravenna. A capital da fronteira é salvada coa axuda da flota imperial.

outubro, 4: Pelaxio II describe a situación en Roma a Gregorio, apocrisiarios en Constantinopla: “tan grandes son as calamidades e tribulacións que sufrimos pola perfidia dos lombardos a pesar das súas solemnes promesas que ninguén as podería describir ... O imperio atópase nunha situación tan crítica que, a non ser que Deus prevaleza no corazón do noso pío señor para que mostre aos seus súbditos a piedade que sinte e lle dea un comandante ou un xeral, estamos perdidos. Xa que o territorio que rodea Roma está completamente indefenso e o exarca escribe que non pode facer nada por nós, sendo el mesmo incapaz de defender a zona de Ravenna (...)”. A carta de Pelaxio contén a primeira mención ao exarcado, que supón na práctica recoñecer as conquistas lombardas. Un exarcado é unha provincia de fronteira militarizada, organizando o que queda de Italia nunha unidade defensiva.

Pelaxio pide que Gregorio interceda ante o emperador para salvar a situación contra os lombardos. Mauricio envía a Smaragdus con un exército e o título de exarca. Sen embargo, o título, que confire poderes teóricos ilimitados, depende na práctica dos recursos militares dispoñibles, e estes son insuficientes para diminuír o poder lombardo, pero si abondan para consolidar o exarcato.

outono: Philippicus devasta as chairas de Beth Arabaye, próximas a Nisibis.

os avaros ocupan (por pouco tempo) Singidinum e Viminatium e asedian Thesalónica.

Kubrat, primeiro khagan búlgaro mencionado polo seu nome nas fontes.

Yang Jiang prepara a conquista del sur, constrúe catro silos para asegurar o abastecemento da capital, Chang'an, establece as primeiras conexións por barco co sur e asina acordos cos turcos para garantir a paz no norte. Tamén constrúe un enorme canal navegable que desenvolve o comercio e o abastecemento de auga, pero tamén servirá para rápidos movementos de tropas.

decembro: Gondovaldo volve a Gallia e proclámase rei en Brives, pero o nacemento de Clotario réstalle novamente posibles adeptos. Retírase a Comminges.

mércores, 20 de agosto de 2014

583

reconstrución de Hispalis
www.sconarte.com
Miro morre e elixen rei ao seu fillo Eborico, quen se somete a Leovixildo, co que aparece un grupo de nobres descontentos que encabeza Andeca.

Leovixildo estreita o asedio a Hispalis e esixe a Hermenxildo que se presente en Toletum para renunciar ao catolicismo.

Mauricio decide deixar de pagar o tributo anual aos avaros.

Chilperico I instálase en París, desafiando o acordo logo da morte de Clotario I, e o bispo Ragnemodo bautiza ao seu fillo Teuderico ao día seguinte, domingo de Pascua.

concilio provincial en Lugdunum baixo o bispo Priscus que determina que os bispos deben atender os leprosos para controlar a enfermidade.

primavera – verán: Chilperico I ataca a Gontran no Berry, envía os duques Didier e Bladaste, que atopan as tropas de Gontran en Chateaumeillant, onde se producen moitas baixas por ambos bandos. Didier e Bladaste reciben o apoio de Berulfus, duque de Tours e Poitiers e asedian Bourges. Ao norte, Chilperico é sorprendido por Gontran en Melun e vese obrigado a asinar un acordo. O asedio de Bourges remata pero a zona é arrasada polas tropas que se retiran, tanto que Chilperico se ve obrigado a axustizar a un dos responsables, o conde de Rouen.

verán: os avaros seguen ocupando os Balcáns, agora ocupan Viminacium e Augusta en Illyricum e chegan tamén a Achialus, na costa do Mar Negro.

outono: Bayan I recibe en Anchialus unha embaixada bizantina presidida por Comentiolus e Elpidius.

o duque Grasulf de Friul contacta con Childeberto II e Brunequilda para emprender unha campaña en Italia cos subsidios de Bizancio.

bávaros e eslavos loitan en Aguntum, no curso superior do Drave.

novas persecucións contra os pagáns helenos por parte de Mauricio.

a fortaleza de Monemvasia, no Peloponeso, é construída polos gregos que foxen dos eslavos e avaros co apoio de Mauricio como protección contra estes.

Muhammad inicia viaxes a Syria formando parte de caravanas comerciais que encabeza seu tío Abu Talib.

os bereberes inician ataques á rexión exipcia de Wadi Natrun que se estenden ata o ano seguinte.

os kirguizes vólvense tributarios dos turcos.

a varíola esténdese desde China a Korea e Xapón.

Yohl Ik’nal sucede a Kan Balam I como raíña da cidade maia de Palenque.

martes, 14 de agosto de 2012

Hispania antes de Leovixildo

Hispania á morte de Leovixildo

ao presentar tantas lagoas, as fontes para os anos entre a morte de Teudis e de Atanaxildo teñen sido obxecto de todo tipo de interpretacións especulativas. Para os que cren nun reino hispano-gótico que se remonta ao s. v, este período representa unha fase de desintegración e rebelión contra a autoridade do estado godo. Incluso aqueles que teñen menos certezas sobre a dimensión do poder godo tenden a acercarse ao período en termos de actitudes locais fronte á autoridade goda. Polo tanto, existe un número sorprendente de hipóteses contraditorias, atribuíndo motivacións políticas, étnicas e/ou relixiosas a godos, bizantinos, cidades ou aristocracias hispanas e trazando presuntas relacións entre eles. A cuestión é que sabemos demasiado pouco para atrevernos a facer algo semellante con algún grado de seguridade e, por iso, débese tentar facer recaer nas fontes tan pouca forza probatoria como sexa posible.

cara ao final do período de Teudis podemos estar seguros da presenza militar goda ao longo das rutas entre a Meseta e o estreito de Xibraltar porque sen tal o ataque a Ceuta non tería sido factible. Esta presenza probablemente non era benvida nunha rexión cuxas elites tiñan sido independentes na práctica dende os 460s ou os 470s. En efecto, un podería especular que a inestabilidade súbita e severa que aflixiu á elite gobernante goda logo de finais dos 540s foi provocada en parte polos retos que supuña dominar unha rexión que previamente se situara fora da órbita goda. Máis certo é o feito de que a oposición das cidades do sur, como Córdoba, exacerbou as tensións dentro da propia nobreza goda. Teudis, Teudiselo e Axila irromperon nun sur hispano onde non foron benvidos e onde resultaron totalmente incapaces de imporse coma unha autoridade superior recoñecida. Isto supuxo que, independentemente das súas intencións, convertéronse en un poder local máis entre os que xa había no lugar, o mesmo destino que corresponderá aos socios bizantinos de Atanaxildo. A presenza imperial resultou non ser máis aceptable para certas familias nobres de Carthaginensis que a de Axila resultou aos cidadáns de Córdoba – foi, despois de todo, a chegada dos bizantinos que empurrou ao pai de Isidoro a trasladar a familia á Baetica, onde naceu.

o período de Atanaxildo é particularmente revelador das dificultades que todos estes grupos tiñan para imporse no mapa político hispano. Non hai indicio de que Atanaxildo algunha vez exercera o seu poder fóra do corredor entre Baetica e Toledo e quizás Zaragoza; e incluso alí, as cidades de Sevilla e Córdoba obxectaron con puxanza a presenza real. O tipo de colaboración urbana local precisa para que funcionara a monarquía goda non existía en absoluto. Podemos estar certos disto porque Sevilla, onde se localizará o inicio da revolta de Atanaxildo contra Axila, deixou moi pronto de gardarlle lealdade. Non hai razón para crer que os cidadáns de Sevilla e Córdoba traballaran concertadamente para oporse a Atanaxildo. Ben ao contrario, semella que presenciamos a continuación de actividades bélicas incoherentes entre cidades basicamente autónomas e sen tradición arraigada de subordinación ao rei godo; e con escasa inclinación a “experimentar” o poder godo. En efecto, é bastante posible que a hemorraxia de poder real godo baixo Atanaxildo foi máis estendida do que evidencian as testemuñas de conflito no sur peninsular. É dicir, o tipo de independencia que a maioría da Hispania sur e occidental gozara baixo Teodorico, Amalarico e Teudis pode ter sido agora a norma en Tarraconensis e Carthaginiensis, onde previamente a autoridade real tiña sido forte.

esa posibilidade é, sendo prudentes, suxestionada polo acontecido ao morrer Atanaxildo, cando, para exercer algún tipo de control sobre Hispania, o nobre narbonense Liuva tivo que nomear como correxente ao seu irmán Leovixildo. Atanaxildo morreu en Toledo, probablmente en 568, e as consecuencias do seu pasamento falan da debilidade da súa autoridade. Durante cinco meses, segundo Isidoro, ninguén reclamou o trono, un feito que ten provocado frecuentes expresións de perplexidade por parte dos eruditos. Non é preciso, porque a obediencia ao título real godo cadra ben coa mínima testemuña das fontes. Atanaxildo subiu ao trono como rebelde e foi aceptado a medias e faute de mieux. Durante o seu período, a autoridade da monarquía goda escoouse. Máis que iso: Atanaxildo era tan feble que a monarquía goda fíxose irrelevante para a propia nobreza goda, ata o punto que ninguén se molestou en asasinalo. Cando finalmente morreu de seu, ningún nobre godo se preocupou de reclamar o seu título real.

finalmente alguén o fixo, inda que ningún godo hispano. No seu lugar, un home chamado Liuva foi proclamado rei en Narbona, alén dos Pirineos, en Gallia. Ninguén semella ter obxectado, pero tampouco semella que os godos en Hispania cispirenaica lle tiveran prestado moita atención. Noutras palabras, sentíronse cómodos co xa habitual esquema político hispano, tan satisfeitos cunha existencia local autónoma como os cidadáns de Sevilla e Córdoba, contra os que loitara Atanaxildo en van. Ninguén cuestionou a pretensión de Liuva ao título real, pero para que este título tivera substancia, era necesaria a forza. A data da aclamación de Liuva non está clara, pero debeu ser en 567 ou 568. Ao primeiro, non houbo indicios de que o novo rei tomara moito interese por Hispania e non hai probas de que a súa autoridade fose aceptada alí excepto no sentido pasivo de que non foi cuestionada. Moi ben puidera ser isto o que inspirara a grande novidade do período de Liuva: a nomeamento dun co-rexente. Entre os visigodos só sabemos dunha caso anterior de tal co-xefatura, o goberno conxunto de Teodorico II e o seu irmán máis novo Frederico nos 450s. Nese caso, porén, Frederico era sen dúbida o subordinado do seu irmán maior, mentres tanto Isidoro como Xoán de Biclaro deixan claro que Liuva asociou a Leovixildo coma un igual. Que a Leovixildo se lle asignaran de inmediato as provincias hispanas – regnum citerioris Hispaniae, en palabras de Xoán – suxestiona que a principal preocupación de Liuva era facer realidade os dereitos da súa familia a un trono valeiro de todo contido durante o período de Atanaxildo.

as consecuencias da proclamación de Leovixildo teñen sido tratadas a miúdo. Inda que a cronoloxía completa do seu período non sempre é clara, a secuencia de acontecementos é facilmente discernible e non é preciso debullala aquí en exceso. Leovixildo casou coa viúva de Atanaxildo, Goiswintha, herdando por tanto calquera lealdade residual que quedara cara o rei morto. Logo pasou a década dos 570s conquistando a península ibérica cidade por cidade, ou ben fronte a autoridades locais ou, no extremo sur, dos soldados bizantinos. En 569 ou 570 atacou e saqueou os territorios de Basti e Málaga. O ano seguinte, conquistou a cidade de Asidona á guarnición bizantina que a ocupaba. O ano despois, atendeu a Córdoba. Cando a morte de Liuva deixou a Leovixildo coma rei único, rapidamente asociou aos fillos Hermenexildo e Recaredo ao trono, pero continuou coas súas conquistas ao tomar a rexión de Sabaria. En 573 ou 574 invadiu Cantabria e ocupou a súa cidade principal, Amaia. Cara o oeste dende alí, en 575 ou 576, estivo preparado para invadir Callaecia e atacar ao rei suevo Miro, a quen reduciu á condición de tributario. Quizás ao ano seguinte Leovixildo tomou Orospeda. Evidentemente para conmemorar estes éxitos senlleiros, Leovixildo construíu unha nova cidade e chamouna Recopolis en honor ao seu fillo máis novo. O seu fillo maior Hermenexildo, casado cunha princesa franca e enviado a Sevilla para vixiar o sur, recentemente conquistado, rebelouse contra o pai nun dos episodios máis discutidos da historia visigoda.

durante os anos seguintes Leovixildo non só emprendeu campañas exitosas contra o fillo maior, senón que inda atopou tempo para moito máis: ocupou parte de Euskadi e fundou alí outra cidade; enviou tropas á rexión en torno a Sagunto, onde foi saqueado o mosteiro de Martiño; e desfíxose da monarquía sueva de Miro e os seus efémeros sucesores Eborico e Audeca. Cando Leovixildo morreu en 585 ou 586 foi pacificamente sucedido polo seu fillo máis novo Recaredo. Baixo este a estabilidade da monarquía foi eficazmente consolidada coa conversión do reino á ortodoxia no III Concilio de Toledo. Con este acto dramático de teatro político, o bispado hispano-romano acordou, en efecto, subscribir a autoridade do monarca. Alborecía unha nova era na historia política de tanto a monarquía goda como da historia da propia Hispania, un novo comezo posible só grazas á vigorosa violencia de Leovixildo e as súas conquistas.

pódese, de querer, interpretar as súas campañas coma a supresión de actos de rebelión xeneralizada dentro dun reino godo lexítimo. Esa é, despois de todo, a posición adoptada por Xoán de Biclaro: “Leouegildus ... provin­ciam Gothorum, quae iam pro rebellione diuersorum fuerat diminuta, mirabiliter ad pristinos reuocat términos”. Xoán escribiu nun tempo no que o fillo de Leovixildo, Recaredo, reinaba co consentimento da nobreza goda e dos bispos peninsulares. Cando Isidoro escribiu Historia Gothorum, as bases ideolóxicas da monarquía goda xa estaban inda máis elaboradas, e o propio Isidoro foi o máximo expoñente desa ideoloxía. É natural que tanto el coma Xoán concibiran as décadas anteriores a Leovixildo coma un período de desviación dunha norma de hexemonía real goda. Pero os acontecementos que Xoán e Isidoro rexistran non casan coas interpretacións que lles queren impor.

as propias palabras de Xoán deixan clara a ampla diversidade da oposición a Leovixildo, que custou máis dunha década suprimir e esixiu a conquista sistemática de máis de dous terzos da península. Leovixildo non foi un rei atribulado que suprimía rebelións por todas partes. Máis ben, foi un guerreiro astuto que se labrou un novo reino a partir dunha serie de cidades desunidas e rexións que non tiñan grande costume de aceptar autoridade algunha fóra do local. É a novidade da autoridade de Leovixildo o que explica as dificultades que temos ao trazar unha continuidade institucional entre a monarquía goda dos ss. v e vi e as institucións monárquicas que se describen na lex Visigothorum do s. vii. Por moito que Leovixildo se retratara coma restaurador dunha monarquía goda venerable, e por moito que Xoán e Isidoro o debuxaran neses termos, os seus esforzos crearon algo novo porque introduciron a monarquía goda como novidade na maior parte da península. Deste xeito, o seu período pechou a fase inmediatamente posterior á romana na historia de Hispania.

KULIKOWSKI, Michael Late Roman Spain and its Cities (2011), pp. 280-286.

tradución de xindiriz; non se inclúen notas.