domingo, 28 de abril de 2013

467


Pusaeus e Iohannes, cónsules.

febreiro, 15: Antemius, poderoso nobre oriental e magister militum per Orientem, casado con Eufemia (filla de Maioriano) e os seus comites chegan a Roma coincidindo coas lupercalia. Marcelino integra a expedición.

abril, 12: tras longas e penosas negociacións Antemius é proclamado augustus de Occidente. Concede o título de patricius a Marcelino, equiparándoo a Ricimer e, sen lugar a dúbidas, agravando a súa relación con este, que en calquera caso nunca foi cordial: a capacidade de acción de Ricimer queda moi minguada.

os vándalos continúan os seus ataques a Italia en apoio de Olybrius, pero tamén chegan ao sur de Grecia, no Peloponeso, por primeira vez. Cando se entera da proclamación de Antemius, Gaiserico ordena intensificar as operacións, atacando Illyria, Grecia e Alexandria; levan botín e escravos.

organízase unha flota para acabar co poder vándalo. Ponse baixo o mando de Basiliscus e integra máis de 1100 embarcacións.

Sidonio encabeza unha delegación gala en Roma. Como símbolo da nova alianza entre este grupo aristocrático e o novo emperador, o poeta compón un panexírico e é recompensado co cargo de praefectus urbi Romae.

Ricimer casa coa filla de Antemius, Alypia, chegando a un entendemento provisional.

en Britannia, refortificación das antigas Hillforts e construcción do Wansdyke.

Skandagupta more logo dun reinado de doce anos mentres os hunos consolidan o seu avance na India occidental conquistando Raxastán, Punxab e Cachemira. Sucédelle o seu medio irmán Purugupta en medio de loitas sucesorias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario