malalanahistoria.wordpress.com |
extracto
da Crónica do Biclarense
14 Iohan.
Bicl. Chron.
a. 590.3: Reccaredo ergo orthodoxo quieta
pace regnante domesticae insidiae praetendeuntur. nam quidam ex cubiculo eius,
etiam prouinciae dux nomine Argimundus aduersus Reccaredum regem tyrannidem
assumere cupiens, ita ut, si posset, eum et regno priuaret et uita. sed nefandi
eius consilii detecta machinatione comprehensus et in uinculis ferreis redactus
habita discussione socii eius impiam machinationem confessi condigna sunt
ultione interfecti. ipse autem Argimundus, qui regnum assumere cupiebat primum
verberibus interrogatus, deinde turpiter decaluatus, post haec dextra amputata
exemplum omnibus in Toletana urbe asino sedens pompizando dedit et docuit
famulos dominis non esse superbos
Argimundus
ex cubiculo
eius
– destacado membro da Aula Rexia de Recaredo
etiam
prouinciae dux – duque provincial
machinatione – autor
dunha conspiración
tyrannidem
assumere cupiens, ita ut, si posset, eum et regno priuaret uita – apoderarse
do reino e acabar coa vida do rei
maiestas – delito de
lesa maxestade
a incorporación de Callaecia
foi un asunto grave para os godos; solucionado en varias etapas:
- UN, de bloqueo da expansión territorial sueva que
finaliza coa submisión e conquista do reino (anos 573-585);
- DOUS, de conquista con Leovixildo, dende 585 (conquista do reino suevo) a 589 (III
Concilio de Toledo), de relativo éxito no militar e fracaso rotundo no relixioso
coa conversión á morte do rei.
- TRES, de sometemento militar, dende Recaredo (586-601) a, cando menos, Sisebuto (612-621) e Suintila (621-631); cunha posible consolidación
de vínculos familiares entre as nobrezas sueva e goda.
- e CATRO, de reorganización provincial durante Recesvinto (653-672) e Wamba (672-680), na que, aparte de
diminuír o antigo dominio territorial suevo, ocupan cargos militares aristócratas
godos con lazos de sangue coa corte toledana.
a numismática confirma campañas militares na rexión
durante os reinados de Leovixildo (BRACARA,
PORTOCALE), Recaredo (CALABACIA,
PINCIA, TORNIO, BERGANCIA), Witerico
(TUDE), Sisebuto (LVCVS) e Suintila (LVCVS); é dicir, durante o primeiro
terzo do s. VII. A partir de Sisenando
(631-636) non hai máis novas de acuñacións de tipo triunfal na zona.
Argi – mundus
o tema -mundus aparece na toponimia
derivada de antropónimos xermanos, en confusión cultista co tema de orixe latina
“munde/monte”. Semella privativo da Callaecia,
sendo excepcional no resto de Hispania,
excepción feita de Tarraconensis e
tamén en Septimania (xa en Gallia). Certamente, non toda esta
toponimia se remonta aos ss. VI-VII; boa parte dela sería plenamente medieval.
Freitemunde, Estremondo, San Jamonde e
variantes: toponimia cun elemento secundario derivado dun posesor xermánico
(Aldemunde, Baamonde, Bermún, Camonde, Castramonde, Gallamonde, Racamonde,
Sesmonde, ...).
tamén na onomástica real sueva, onde se documentan casos:
Requimundus,
Remismundus,
Veremundus,
e Theodemundus.
tamén exemplos no estamento relixioso: Onemundus
(bispo de Salamanca), Tructemundus de Elbora e Commundus,
titular da sé egiditana, cátedras todas elas próximas a Callaecia o nalgún momento pertencentes ao reino suevo e á diocese metropolitana
de Bracara.
o tema arge-/argi- (<germ. *harjia,
'exército'), inda que menos frecuente, pero do mesmo modo máis habitual na área
occidental da península, atópase documentado nos nomes de dous bispos de Porto (Argionitus
e Argebertus)
e nun dos titulares da sede de Egitania
(Argesindus).
Quizá tamén o rei Ariamiro
(559-566).
fóra destes casos, o tema arge-/argi- atopámolo outra
volta no xa citado Argemundus, rebelde contra Wamba
en Narbo, en dous Argibadus
(un, bispo de Narbo e outro de Iliberris). Tamén en tres nomes
documentados en varias pizarras da provincia de Salamanca: Argefredus, Argeredus
e Argivindus.
a conclusión parece obvia: Argimundus ten un nome con
compoñentes ben representados na onomástica sueva ou da zona limítrofe cos
suevos, pero que son, sen embargo, pouco habituais na onomástica goda. Deste
modo, o mapa de distribución desta onomástica apoia a idea de que o duque Argimundus
debeu ter unha orixe sueva. Ademais, se temos en conta que o radical –mundus era usual na onomástica real
sueva e case descoñecido na dos reis godos, así como que o dux era membro do officium
palatinum, é moi probable que Argimundus pertencera á liña do rei Miro e que desempeñara o alto cargo de dux prouinciae Gallaeciae durante o reinado
de Leoxigildo e/ou Recaredo, quizá como recompensa por ter
formado parte dese sector da nobreza sueva que apoiou a Leovixildo na súa campaña de submisión do reino suevo. É máis, é
probable que Argimundus fora un dos duques que sufocaron a revolta de Malaricus
en 585 cuxos nomes Xoán de Biclaro
preferiu manter no anonimato. E esta sospeita en relación da orixe sueva de Argimundus
faise inda máis firme se temos en conta que, a pesar de ser un membro destacado
da Aula Rexia, Argimundus non se atopa entre os nobres godos que abxuraron do
arianismo no III Concilio de Toletum,
circunstancia que induce a pensar que se trataba dun católico.
as moedas atopadas no sur de Callaecia e acuñadas en Totela,
Calabacia, Bergancia, Pincia, Tornio, Tude e Luco terían a ver
coas vitorias militares nas campañas represivas contra a rebelión aristocrática
dirixida polo dux Argimundus.
considerando os feitos aquí expostos, tanto certos (dux prouinciae, membro do cubiculum, acuñacións monetarias
galaicas, ocultacións de tesouros en Callaecia
e zonas limítrofes, provincia non pacificada na súa totalidade) como
hipotéticos (orixe sueva de Argimundus, partidario de Leovixildo, quizás emparentado coa dinastía
derrocada), parece lóxico concluír que debeu ser tamén en Callaecia onde Argimundus se alza en rebeldía
contra Recaredo.
o tráxico final de Argimundus, exposto á ira do populacho
da regia sedes, é a proba definitiva
de que a súa rebelión non foi unha simple conspiración de palacio, mais unha
auténtica sublevación que tivo como escenario unha das provincias do reino. Unha
rebelión en toda regra que fixo necesaria unha campaña militar e un desfile
triunfal que servira de escarmento aos rebeldes tanto como aviso para futuros
conspiradores.
é posible que Argimundus quedara a cargo de Callaecia co mandato expreso de
pacificala, pois, aparte do seu cargo de cubicularius,
era tamén dux prouinciae e que a
rebelión tivera lugar ao inicio do reinado de Recaredo, pouco despois da reunión do III Concilio de Toletum (a. 589). Neste sentido, e inda
que por desgraza resulte imposible determinar este extremo, a intención de Argimundus
podería non ter sido a usurpación do trono toledano senón a restauración do reino
suevo, territorio onde debía ter os seus principais apoios (inda que puideron
darse as dúas opcións de forma consecutiva), de aí a omisión do lugar onde tivo
lugar a rebelión por parte de Xoán de
Biclaro.
o único seguro é que no momento da rebelión unha parte
importante do exército godo debía estar acantonada en Callaecia, pois só así se explica que Segga, a cabeza da conxura de 587, fora enviado a esta provincia logo
de ter sido condenado. Esta interpretación dos acontecementos atopa o seu apoio
arqueolóxico na distribución de tesouros na parte sur de Callaecia e na aparición de emisións de moeda con lendas triunfais
datadas.
as lendas VICTOR/VICTORIA dos tremisses acuñados por Recaredo
son o reverso triunfal da parodia de pompa
triumphalis con que Argimundus e a súa camarilla foron
presentados ante os cidadáns da regia
urbs. Ditas acuñacións con lenda triunfal deben relacionarse con cuestións
relativas á propaganda bélica e as necesidades da campaña, e coas celebracións nas
cidades onde se emitía a moeda logo do triunfo militar.
indicios que suxestionan que Argimundus quería
restaurar o reino suevo:
1/ a provincia fora
recentemente conquistada grazas en parte a un enfrontamento entre dúas faccións
da nobreza sueva, a unha das que pertencería o rebelde
2/ o clamoroso
silencio do Biclarense en torno ao desenvolvemento dos feitos, que contrasta
cos detalles que aporta para outros sucesos análogos.
3/ a maneira de
ser castigados os rebeldes, cunha cabalgata final a lombos dun asno polas rúas
de Toletum, un triunfo burlesco da
cerimonia de investidura, certamente máis propia dun triunfo militar que dunha
conspiración de palacio, que se resolvían con xuízos sumarísimos e execucións
das sentenzas (Segga en Emerita e Uldila en Toletum).
a rebelión de Argimundus marca un fenómeno típico
da Callaecia goda: a súa
militarización. A súa incorporación ao reino godo foi un proceso longo e
gradual, con dificultades e éxitos, que determinou unha importante presenza
militar na zona. E isto fixo aparecer unha potente aristocracia suevo-gótica
que co tempo se fará co poder en Toletum. Neste sentido, de confirmarse a orixe
galaica dos reis de Toletum na segunda metade do x. VII, comprenderíanse mellor
os mecanismos que levaroa á aparición dun núcleo de resistencia política e
militar á dominación musulmá no norte de Península, na Callaecia.
REFERENCIAS:
BARROSO CABRERA, Rafael - MORÍN DE PABLOS,
Jorge & SÁNCHEZ RAMOS, Isabel Mª Gallecia Gothica:
de la conspiración del Dux Argimundus a la integración en el Reino visigodo de
Toledo.
Idanha-a-Vella. Serie Histórica. AUDEMA, Madrid, 2015
GARCÍA MORENO, L.A. Prosopografía del reino visigodo de Toledo Ediciones
Universidad Salamanca, 1974
es.wikipedia.org: Argimundo
callaecia: 589
Ningún comentario:
Publicar un comentario