mércores, 15 de agosto de 2012

435

crismón, un dos símbolos
cristiáns por excelencia

novo consulado conxunto de Teodosio II e Valentiniano III.

febreiro, 11: logo de tratar de contelos nos límites da Proconsularis Ravenna negocia cos vándalos e asina un tratado non que se lles recoñece como foederati e nesa calidade recoñece tamén as súas conquistas: Mauretania e parte de Numidia. O imperio controla Carthago e as provincias orientais de Africa. No tradicional intercambio de reféns, Hunerico, fillo maior de Gaiserico, é enviado a Ravenna.

febreiro, 19: acordo secreto entre Aspar e Gaiserico para concluír a campaña oriental en Africa; Carthago é abandonada á súa sorte.

Hippo Regius constitúese en base de operacións navais para os vándalos. Gaiserico establece unha ruta comercial entre Italia e Africa; aproveita a paz para fortalecerse.

Ibas convértese en bispo de Edessa, en sucesión de Rabbalu; aproximarase aos nestorianos (predica “herexías” en público) e sendo a súa cabeza en Mesopotamia.

os burgundios de Gondicaro entran en Belgica, de onde son desaloxados por Aetius.

agosto: Xoán de Antioquía quéixase a Teodosio II de disturbios ocasionados polos nestorianos. Teodosio prohibe a prédica de doutrinas nestorianas.

agosto, 3:  a petición de Pulcheria, Teodosio II ordena o exilio contra Nestorio dende o seu retiro no mosteiro de Antiochia, onde se encontraba libre e activo logo da súa renuncia ao bispado, a Petra en Palestina Tertia.

agosto, 9: Casper II acada o trono da cidade de Palenque.

setembro, 5: Aetius recibe o título de patricius en Ravenna.

novembro, 14: lei de Teodosio II (dirixida a Leoncio, prefecto de Constantinopla) contra heréticos e pagáns e sobre os templos antigos.

nela pódense diferenciar tres partes. Na primeira, despois de evocar como fundamento a condena de Nestorio –damnatus–, descualificar a súa teoloxía como unha superstición propia de monstros –o adxectivo portentuosus pretende connotar a deformidade animal dos seus seguidores, a súa separación da racionalidade humana– e execrar o seu nome coa nota de infamia, ordénase que os seus seguidores deixen de chamarse cristiáns e que sexan chamados simonianos, por ter imitado o crime de Simón desertando de Deus.

sería o reflexo legal de considerar a cristoloxía de Nestorio como una herexía e o acto formal de incorporación do nestorianismo ao catálogo de herexías prohibidas e perseguidas. Pero sobre todo, a lei fai pública a condena ao silencio de Nestorio e a súa estigmatización social por parte de Teodosio II, que desexa manter a alianza con Alexandría tras non poder alcanzar unha verdadeira reconciliación.

decreta a pena de morte para todos os heréticos e pagáns. Aparte da ortodoxia, só o xudaísmo ten carácter legal.

tamén se ordena expresamente a destrución dos templos ou que sexan purificados mediante a colocación do signo da cruz, que “se cristianicen” transformándoos así en edificios que, inda que manteñan o seu aspecto anterior, estean desprovistos de toda connotación pagán; é dicir, purificalos e cristianizalos sen necesidade de transformalos en igrexas: venerandae christianae religionis signi expiari praecipimus.

nunha columna do templo de Concordia (r/Holguín) de Emerita hai un crismón. M. Alba di: “cun sentido claramente purificador foi repicado un crismón con lenda de factura improvisada e considerable tamaño, nunha moldura do templo”. A tentación de asociar este signo coa lei anterior é bastante razoable e teríamos aquí un exemplo do seu cumprimento.

decembro, 10: mención de celebracións con motivo da fin dun período katun segundo o calendario maia (9.0.0.0.0).

tratado de paz de Margus: Bleda e Atila arrancan condicións moi vantaxosas aos negociadores de Constantinopla, o quaestor Epixenes e Plinthas. Entre outras, os romanos non buscarán aliarse con outros bárbaros contra os hunos; duplícase o pago anual (de 350 a 700 libras de ouro) a cambio de paz.

decembro, 20: concédense poderes á comisión que estuda a lexislación para concluír o estudo e formar o codex legal.

Tibatto dirixe unha sublevación da bacauda na Armorica, que se retroalimenta cunha alta taxa de delincuencia e asaltos na zona do noroeste de Gallia.

Próspero de Aquitania escribe capitulla, unha listaxe de dez puntos doutrinais que defende a eficacia e necesidade da graza de Deus, cadanseu defendidos separadamente por declaracións papais. Defende a Agostiño e a súa doutrina sen nomealo. Outras obras compostas no período de Sixto III: sententiae (colección de 92 máximas que corren paralelos a escritos de Agostiño) e epigrammata (compilación de 106 epigramas de florilegium) – ambos concibidas coma libros de texto para os fieis cristiáns discutindo as doutrinas da encarnación e da graza. As florilexia mostran influencia monástica, urxindo ao lector a ser paciente na adversidade, acompañándose da virtude e intentando constantemente alcanzar a perfección. liber contra collatorem, opinión final de Próspero no problema da necesidade da graza, escrito en resposta á conferencia XIII das colationes de Xoan Casiano. carmen de providentia Divina, no que o problema da providencia se discute no contexto da creación do mundo por Deus e en relación á invasión da Gallia por vándalos e godos.

comezo da construción de Chichén Itzá.

morre Xoán Casiano. Tamén o historiador Philostorxio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario