aparato de destilación de Zósimo de Panopolis en Marcelin BERTHELOT Collection des anciens alchimistes grecs (1887-1888) |
Teodosio II (quen celebra os seus tricennalia) e Valentiniano III, cónsules novamente.
construción dunha igrexa consagrada a Lourenzo en Mediolanum.
un continxente huno dirixido por Octar ataca os burgundios establecidos en torno a civitas vangionum (Worms), pero son
rexeitados. Octar morre o día anterior ao combate, quizás por causa dunha
enchente, e os seus homes resultan aniquilados. Ruga, quen ocupara unha xefatura dual co seu irmán Octar,
convértese en señor único dos hunos. Atila,
sobriño seu, levaba coma refén en Ravenna
dende 410.
Teodorico I tenta estender a
influencia visigoda á costa provenzal e ameaza Arelate, sendo rexeitado por Aetius, quen tamén en Gallia emprende operacións contra a bacauda.
Zósimo de Panopolis usa por primeira vez o
termo ‘química’. Mellora a destilación e varios procesos metalúrxicos.
maio: Flavius
Felix (partidario de Gala Placidia),
a súa dona e un diácono son arrestados pola milicia durante un motín, instigado
(ou non?) por Aetius, en Ravenna. Son
executados e Aetius nomeado magister
peditum.
Aetius semella ter conseguido os seus obxectivos; porén,
en Ravenna non ten apoios sólidos e debía
responder pola morte de Felix; tamén se lembraba a súa asociación con Xoán primacerius
e Castinus. Só a delicadísima
situación en Africa favorece
temporalmente os seus intereses.
xuño: Gaiserico
inicia o asedio de Hippo Regius,
defendida por Bonifacio. A cidade
resistirá de momento grazas ás subministracións por mar e a colaboración de Constantinopla. Carthago e Citra tamén resisten.
Cirilo de Alexandría escribe contra as “blasfemias”
de Nestorio e envía cartas a
Teodosio II, Pulcheria e as outras
irmás do emperador. Tamén a Celestino I.
agosto, 10: Celestino I lidera un sínodo en Roma que
rexeita as doutrinas de Nestorio como heréticas: ínstaselle a rectificar en dez
días baixo pena de excomuñón e autorízase a Cirilo a comunicarllo por escrito.
agosto, 18: Agostiño
(76 anos) morre en Hippo Regius,
durante o sitio vándalo.
Feng Ba abdica coma emperador de Yan, un estado que compite polo
poder en China. Sucédeo seu irmán Feng
Hong.
novembro, 19: Cirilo convoca un sínodo en Alexandría e
condena 12 ‘doutrinas’ nestorianas e comunícallo por escrito ao propio
Nestorio; tamén, á cabeza dun forte movemento popular, forza a convocatoria dun
concilio en Éfeso.
Pedro o Ibero funda un mosteiro próximo a Belem.
Capreolus, bispo de Carthago.
Deixou un epistolario fundamentalmente doutrinario, froito das controversias
orixinadas polas correntes teolóxicas situadas á marxe da doutrina proposta
polas xerarquías. Hai unha epístola remitida a el por Vital e Constancio,
monxes hispanos, consultándolles sobre o nestorianismo, profesado por algunhas
xentes en Hispania. Na contestación Capreolus rexeita os principios desta
corrente, á vez que informa da celebración dun synodum sacerdotum en Oriente (Éfeso) e ordénalles que corrixan aos
que incorran neste erro.
o arianismo ten presenza en Hispania pola entrada dos
continxentes xermánicos, pero non se estende demasiado entre a poboación
hispanorromana. Só se teñen noticias de movementos priscilianistas ou algún
maniqueo en Callaecia.
dende Oriente parten moitas expedicións comerciais cara
Occidente, onde se establecen colonias orientais. isto é o vehículo de
transmisión das máis diversas influencias, materiais e espirituais, tamén
principios relixiosos. A área peninsular onde se estableceron os contactos con
teorías nestorianas serían Levante ou Baetica.
Vital e Constancio serían monxes: a cita de pasaxes da
Biblia evidencia a súa cultura teolóxica adquirida nun dos mosteiros hispanos nunha
época con escaso nivel cultural entre a maioría de leigos e cregos, incluso
estes últimos en materia doutrinal.
a campaña da xerarquía africana contra os heréticos estaba
agora nunha nova etapa: a loita contra maniqueismo e donatismo de Agostiño
deixaba paso á establecida contra pelaxianismo e nestorianismo –en conxunción
con Roma–, loita apoiada por Capreolus na súa carta efesina aos bispos
convocados: apréciase a pouca preocupación polo nestorianismo e a gran
preocupación polo pelaxianismo, moito máis estendido en occidente.
Capreolo está preocupado por defender a doutrina
tradicional e non por intrigas e intereses persoais, formado a carón de Agostiño,
quen segue a ser referente en materia eclesiástica ou doutrinal.
en Hispania, logo
da marcha dos vándalos, só están os suevos como forza bélica de certa entidade,
sen que se poida encontrar más resistencia a estes que a ofrecida localmente
polos propios provinciais hispanorromanos.
ata mediados dos
corenta, Ravenna ten gravísimos
problemas que lle impiden intervir novamente en Hispania. Os suevos tentan estender a súa influencia levando a cabo
sacos e pillaxes noutras provincias fóra de Callaecia.
O éxito fai que os distintos grupos e clientelas se unan baixo o liderado dos
reis. Porén, os suevos non conseguen dominio territorial propiamente dito. Este
só se acadou en certas zonas de Callaecia,
sobre todo en torno a Bracara (principal
zona de asentamento suevo) e nalgúns centros urbanos de certa importancia, onde
habería guarnicións militares. Por iso subsistiron numerosos illotes e amplas
zonas practicamente independentes de todo control e dominadas pola aristocracia
local.
un factor a ter
en conta é a desfavorable relación numérica dos suevos a respecto da poboación;
todo é hipotético pero E. A. Thomson fala dunhas 20000 persoas de orixe sueva,
non máis do 3% do total da Callaecia,
que no s. ii superaba as 700000 persoas. Por outra banda, a orografía facilita
a defensa local da poboación e fai difícil unha boa centralización. Por último,
o continxente suevo tampouco era heteroxéneo dende o punto de vista étnico.
os francos, dirigidos por Chlodion, levaban anos pasando
o Renus, ata que se asentan definitivamente
no norte de Gallia.
nace en Lugdunum Sidonius Apollinaris, que vivirá e escribirá acontecementos chave no
desmembramento da pars occidentis.
Tanto pai coma avó foran praefectus
praetorio Galliarum, a máis alta maxistratura en Gallia. Educouse no propio Lugdunum
e en Arelate: gramática e retórica, poesía
e mitoloxía, baixo o sistema fixado por Quintiliano.
É discutible se posuía coñecementos de grego.
Turonium (Callaecia) sofre o ataque
vándalo: “Vandali navibus Turonio in litore Gallaeciae
repente aduecti familias capiunt plurimorum”, segundo Hydacio.
Próspero escribe un poema dunhas 1000 liñas adversus ingratos no que ataca aos pelaxianos: dogma quod … pestifero vomuit coluber sermone britannus. Despois da
morte de Agostiño escribiu tres series de obras na súa defensa, especialmente
en contra de Vicente de Leríns (pro augustino responsiones).
morre Nilo de Ancira, discípulo de Xoán Crisóstomo en Constantinopla e autor
de tratados ascéticos para os seus monxes e máis de 1000 cartas a superiores,
amigos e fregueses. Nunha carta
describe as características ideais da decoración das igrexas da época: o bispo Olimpiodoro pediralle consello sobre a
decoración dunha igrexa con imaxes de santos, escenas
de caza, paxaros e animais; Nilo condenou as escenas de caza e da fauna por “frívola
e impropia dunha viril anima cristiá” e suxestionou escenas do Testamento
pintadas pola man dun artista de talento para que “serviran a xeito de libros
para os ignorantes, ensinándolles a historia bíblica e gravando na súa memoria
o relato das mercés divinas”.
Budagosa introduce en Ceilán, dende India, o budismo theravada (aprox.).
Ningún comentario:
Publicar un comentario