martes, 2 de abril de 2013

459

moeda coa efixie de Peroz I

Ricimer e Patricius, cónsules para o ano.

Maioriano restaura a paz coas cidades de Gallia e nomea a Aegidius magister militum.

maio: Maioriano marcha a Hispania, onde xunta unha flota coa que prepara a invasión de Africa.

Peroz I, apoiado polos hephtalitas derrota e mata a seu irmán Hormizdas III.

continxentes francos conquistan Colonia.

Teodori­co II recoñece finalmente a lexitimidade de Maioriano. Pero, mentres tanto, tentara estender a súa esfera de influencia á Provenza co placet de boa parte da aristocracia gala.

Teodorico II tamén envía un continxente militar a Baetica para consolidar certa influencia co apoio dunha facción aristocrática oposta ao anterior predominio suevo.

en Callaecia as forzas godas son incapaces de manter a or­de: rebrota a axitación social no rural e varios grupos suevos fuxitivos tentan resistirse á asimilación nas zonas setentrionais e periféricas. Sucédense xefes efémeros e contrapostos entre eles: Maldra e Framtán, e logo Requimundo e Maldra posteriormente. As accións de pillaxe multiplícanse de xeito anárquico, enfrontamentos menores entre grupos suevos e a aristocracia galega, inda moi forte en zonas interiores, e tamén en Lusitania. Estes grupos aristocráticos mostraran tamén unha clara oposición aos visigodos, inda que estes viñeran como representantes imperiais.

ataque de piratas herulos na costas de Callaecia.

os godos inda conservan calidades ancestrais: pelo longo, dieta a base de manteiga, clans, a súa arte ornamental (coñecido en Emerita grazas a numerosas evidencias atopadas), distante da arte monumental e antropomórfica dos romanos. Os xefes comprenden e falan latín, rodéanse de poetas e preceptores e incluso len autores coma Virxilio. Conservarán a latinidade, polo que Isidoro, (De Regibus Gothorum), toma partido por eles.

Teodorico II sitia Arelate, pero Aegidius derrótao e debe desistir. Maioriano tivera éxito anteriormente contra a flota de Gaiserico e traballa para invadir Africa. Teodorico II opta por aliarse con Maioriano contra os vándalos.

os preparativos en Hispania para a campaña africana serían efectuados por godos que tamén estaría controlando a zona do levante. Débese asumir tal feito porque inda que a xefatura do continxente godo estaría compartida por un oficial romano, non hai evidencia da presenza de ningún exército imperial en Hispania.

o exército godo está comandado polo magister militum e comes Nepociano e o comes rei militaris Suniericus.

Nepociano envía unha embaixada a Callaecia para anunciar a paz entre Maioriano e Teodorico II.

unha disputa en relación ao tributo anual fai que Valamiro leve as súas forzas cara os Balcáns e as proximidades de Constantinopla (ata 462). Foron derrotados polo magister militum Antemius e posteriormente León I acorda o pago dun subsidio anual en ouro. Teodorico (5 anos), fillo de Teodemiro, chega a Constantinopla, en calidade de refén; aprenderá latín, táctica militar e conceptos teolóxicos.

Dathusena, rei de Ceilán, da dinastía Moriyan. Durante o seu mandato eríxese a estatua do Bhudda Avukana.

Remixio (22 anos), bispo de Reims.

Vortigern morre queimado vivo en Ganarew (Herefordshire), asediado por forzas romano-britanas comandadas por Ambrosius Aurelianus.

morren Simeón o Estilita (setembro, 2), e Palladius, bispo misioneiro en Hibernia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario