alfabeto armenio |
Agricola é cabeza
dunha familia senatorial de Clermont con amplas propiedades na Auvernia; unha familia tan importante en
Gallia como os Anicii en Italia. Un devanceiro
importante fora o patricius Philagrius (s. IV). Agrícola mesmo foi prefecto
de Gallia polo apoio prestado a Honorio durante as usurpacións de Constantino III e Jovinus. Tiña dous fillos: Nymphidius
(emparentado coa gens Magna de Narbo) e Avitus (nado c. 385 e futuro augustus), quen tivo tres fillos: Agrícola, Ecdicius, e Papianilla.
febreiro, 8: Flavio Constancio é
proclamado augustus (Constancio III) por Honorio. Teodosio II non acepta a decisión e
está a punto de estallar un conflito militar. Tamén disenten as xerarquías
eclesiásticas ao por Teodosio II o Illyricum
baixo o patriarca de Constantinopla, en contra do parecer de Bonifacio I.
Bahram,
un dos fillos de Yazdgard I estudara
en Hira (daquela nun dos seus mellores momentos: consérvanse moitas poesías
árabes do período, e foi quizás cando xurdiu a escritura árabe, por influencia
persa). Bahram conta co apoio do rei de Hira e apodérase do trono persa co nome
de Bahram V. O novo rei continúa as persecucións contra os cristiáns e inicia
a guerra contra o Imperio Romano porque este acollía cristiáns que fuxían do
seu territorio.
Teodosio
II encomenda a guerra ao magister militum
Ardaburius e ao seu fillo Aspar (de etnia alana), que invaden Mesopotamia e se consolidan coa rápida derrota persa.
marzo, 25:
fundación de Venecia (unha lenda?) coa construción dunha igrexa na illa de
Rialto.
xuño, 7: Pulqueria
teme perder o control sobre seu irmán a medida que este crece. Chamáralle a atención
una rapaza grega chamada Athenais, filla do filósofo Leoncias, por
quen fora educada con esmero. Pulqueria convértea ao cristianismo e o patriarca
Atticus bautízaa co nome de Aelia
Eudocia. Non lle custa nada que seu irmán a acepte como esposa. Pensa
que así estaría entretido e ela podería seguir gobernando. Entre outros
festexos, celébranse carreiras no hipódromo.
Pulqueria era
unha virxe consagrada, o centro dunha corte cuxa devoción é encomiada polos
historiadores eclesiásticos da época. O seu exemplo fora seguido polas súas
irmás máis novas, Arcadia e Marina. Pulqueria aconsella a seu irmán
en todo e procura consolidalo no seu papel de emperador cristián.
o padroado
imperial estendeuse a gran escala na construción de edificios de uso relixioso:
igrexas, mosteiros e hostais, que foron sostidos con financiamento imperial e adornados
con tesouros imperiais; por exemplo, Pulqueria edificou un estupendo altar na
igrexa maior de Constantinopla como declaración pública da súa devoción, das
súas irmás e do papel de seu irmán.
a imaxe oficial da
corte é de austeridade, coma se dun mosteiro se tratara: elas vivindo con
piadosa simplicidade e practicando a oración na constante compaña de eminentes
eclesiásticos e o propio emperador xaxuando regularmente dous días á semana, e
mantendo disputas teolóxicas cos bispos a propósito das escrituras (que seica coñecía
de memoria), coa axuda dunha enorme biblioteca teolóxica.
o populacho no
hipódromo con frecuencia non obtiña o esperado; en cambio, o propio emperador
dirixíao en cantos piadosos, vestido
coma un cidadán privado, “a cidade enteira convertida nunha igrexa.”
esta
representación da corte débese a historiadores eclesiásticos coma Sozomeno (dedicou a súa obra ao propio
emperador) pero a súa obxectividade queda comprometida: téntase representar
unha era de paz e felicidade, na que a man de Deus traballaba de xeito
explícito protexendo o seu imperio na terra (algo xa prefigurado por Eusebius no retrato de Constantino o Grande). Todo sería unha
recompensa pola devoción evidenciada por Teodosio e o seu entorno, que garantía
o benestar dos seus súbditos.
setembro, 2:
morre Constancio III. Gala Placidia,
viúva novamente. O conflito con Constantinopla perde intensidade.
setembro, 6:
anúnciase o éxito de Ardaburius en Constantinopla. Devastara Arzanene (Armenia)
e forzara os persas a retroceder a Nisibis. A capital dos lakhmidas de Hirah (aliados persas) é arrasada polos ghasanidas (aliados romanos).
inverno: o comes
domesticorum Castinus loita
contra os francos en Gallia.
a conciencia
nacional armenia, aparecida coa conversión ao cristianismo, vese reforzada pola
invención do alfabeto armenio. Ata entón, o armenio tiña sido unha lingua falada;
os servizos relixiosos realizábanse en sirio na Armenia persa, e en grego na
Armenia bizantina, e os sacerdotes que coñecían ben esas linguas traducían
oralmente escrituras e servizos relixiosos para o pobo. A falta dunha lingua
escrita aumentaba as posibilidades de éxito da labor de asimilación lentamente
emprendida polo Imperio, e na Armenia persa deixaba campo libre para a difusión
de textos mazdeístas. O rei da Armenia persa Vramshapuh, e o katholikos Sahak, erudito, advirten o perigo e a necesidade dunha escritura
nacional.
confían a tarefa ao
sacerdote Mesrop Mashtots, quen,
con varios compañeiros, despois dunha viaxe de consulta e estudo por Amida,
Edesa e Samosata, regresou cun alfabeto admirablemente adaptado á lingua
armenia, con 36 letras correspondentes ás variacións fonéticas.
iníciase a tarefa
de «ensinar, escribir e traducir»: Mesrop viaxa a Xeorxia e Albania, e envía discípulos
a Edesa e Nisibis para continuar estudando a lingua siria e traer manuscritos relixiosos
e obras de escritores sirios, como Efraím,
para traducilas ao armenio. Créanse escolas monásticas onde se forman estudantes
e se traduce. As escolas fundábanse de xeito doado na Armenia persa, con katholikos
e rei propios, pero na bizantina precísase autorización imperial; por iso,
Mesrop diríxese a Melitene (421-422), onde deixa discípulos e continúa cara Constantinopla,
onde Teodosio II e o patriarca Atticus o autorizan a establecer escolas na
Armenia bizantina; tamén leva consigo manuscritos.
a lingua falada
alcanzara un alto grao de desenvolvemento, e as obras do s. V constitúen a idade
de oro da literatura armenia. A Biblia,
que se traduciu primeiro do sirio, volveu ser traducida do grego polo propio katholikos
Sahak, Mesrop e discípulos; tamén traducen os libros necesarios para a
liturxia, as obras dos Pais da Igrexa sirios e gregos, así como obras seculares
tales como a Leda de Alexandro. A importancia desta intensa actividade
non se limita a Armenia; hai obras cuxos orixinais só se coñecen a través
destas traducións: por exemplo, a crónica de Eusebio. Incluso cando se conservaron
manuscritos gregos ou sirios, a antigüidade e exactitude das traducións
armenias ten sido útil para establecer a forma primitiva do texto. Finalmente,
os xeorxianos empregaron para as súas propias traducións as versións armenias.
a produción de
obras orixinais desenvólvese á par coa labor de tradución. As obras históricas
remóntanse á antigüidade lendaria de Armenia e tamén proporcionan información
sobre acontecementos acontecidos en países veciños, mentres que os tratados
teolóxicos, como o de deo de Eznik
(discípulo de Mesrop) fan fe da cultura teolóxica e filosófica dos
sacerdotes armenios durante ese período.
Ruxila e as bandas hunas que
controla atacan as dioceses de Dacia e Tracia. Teodosio II autoriza
asentamentos en Tracia de ostrogodos panonios para defender a fronteira do
Danubio.
os francos
progresan en Gallia e saquean Augusta Treverorum, antiga capital da
diocese.
en Britannia comeza a preeminencia de Salomon I (ficticio?).
en Roma, Petronio Máximo (futuro augustus) restaura por última vez (que conste)
o teatro de Marcello.
Agostiño escribe enchiridion ad laurentium e de fide, spe, caritate.
Dharmarksema traduce o mahāparinirvāṇa sūtra ao chinés.
Ningún comentario:
Publicar un comentario