mércores, 29 de agosto de 2012

438

edición medieval do
codex theosodianvs
Teodosio II e Glabrio, cónsules.

xaneiro, 27: os restos de Xoán Crisóstomo son trasladados por Proclus a Constantinopla e soterrados na igrexa dos Apóstolos.

O conflito nestoriano persiste en Constantinopla, e as diferenzas resucitan o caso de Xoán Crisóstomo. Pulcheria decide resolver isto definitivamente: inflúe para que Teodosio II revoque a condena  contra el, traia o cadáver de volta á capital e é canonizado nunha cerimonia na que o emperador pide perdón en nome de seus pais.

xaneiro, 31: Teodosio II decreta contra os pagáns, considerando a súa “idolatría” como a razón dunha recente praga.

febreiro, 15: publícase en Constantinopla un novo código lexislativo (código de Teodosio); terá vixencia ata tempos de Xustiniano, que o substitúe.

novella III anti-xudía de Teodosio II: sanciona a súa actividade como defensores civitatis e a construción de novas sinagogas, tratando de evitar a aparición de novas comunidades.

en Gallia é probable que, ademais de Burdeos, Arles e Narbona, houbese outra comunidade xudía en Tolosa, capital goda. Ignórase cando puido nacer (probablemente antes de 438: a novella prohibe novas sinagogas; e en 507: os francos, católicos, ocuparon a cidade). Por tanto, debían existir xa cando chegaron os godos e permaneceron ata o s. xi. Armand Lunel ten ubicado outras sinagogas en Béziers, Lodéve, Lunel, Mende, Montpellier, Nímes, Pamiers, Pézenas, Pesquieres e Saint-Gilíes, entre outros lugares; pero non as sitúa cronoloxicamente. Os xudeus estaban relativamente integrados: falaban latín, non se diferenciaban na indumentaria, e moi pouco nos costumes diarios, salvo en certas normas alimenticias. A diferenza do acontecido en Oriente, no se lles consideraba estranxeiros. Por todo iso non é probable que viviran segregados en guetos, inda que as normas de desprazamento para o cumprimento do sabbath lles obrigaran a vivir en zonas próximas á sinagoga. Isto non quere dicir que lles faltaran detractores.

setembro, 25: tremor de terra en Constantinopla. Ao parecer, unha multitude, aterrada, acude en procesión a Hebdomon.

québrase a paz en Hispania. Hermerico, enfermo, delega o poder no seu fillo Rechila. O novo xefe suevo pasa á ofensiva. A base de poder en Callaecia estaría asegurada (o statu quo entre a aristocracia local e os xermanos obrigaríalle tamén, en certo modo, a estender as súas campañas de saqueo fóra do territorio da provincia).

en Baetica Rechila derrota forzas comandadas por un tal Andevotus e captura o seu tesouro na beira do Xenil. Podería ser un xeral romano, un xefe vándalo que non pasara a Africa en 429, ou un poderoso propietario aristócrata local.

agosto, 4: morre Bahram V Gor, sucedido por Yazdegerd II.

Litorius, con auxiliares hunos, leva o conflito cos godos ata a mesma Tolosa, cidade que asedia.

peregrinación da emperatriz Eudocia a Terra Santa en agradecemento polo casamento da filla; sen embargo, a consideración polo ascetismo de Melania a Nova e a devoción polas reliquias de Estevo indicarían unha vontade persoal: seguiría o exemplo de Helena, nai de Constantino I, que cumprira un papel público, baseado en conviccións persoais.

as viaxes de ida e volta caracterizáronse pola xenerosidade das doazóns imperiais ás igrexas no camiño. Porén, a única mención explícita é a estancia en Antioquía: nunha “visita de estado”, Eudocia contribuíu con melloras edilicias na cidade e erixiuse unha estatua conmemorativa de bronce da súa visita.

nun discurso formal aos cidadáns referiuse á súa ascendencia grega e mostrouse orgullosa de compartila cos antioquenos, feito ilustrado coa elaboración sobre un verso de Homero. A emperatriz (“a poeta errante”) segue a moda de compor poemas honrando as cidades visitadas polos poetas nas súas viaxes. Neste sentido, actúa seguindo máis unha moda literaria que cristiá.

en Xerusalem tamén estaba Cirilo de Alexandría pero non hai evidencias abondo de que fose para acompañar á emperatriz na súa viaxe oficial coma director espiritual.

Teodosio II prohibe a divulgación de coñecementos sobre carpintaría naval, en relación posiblemente ao auxe naval vándalo.

decembro, 23: o senado de Roma recibe e acepta solemnemente o código Teodosiano, logo dun acordo entre os dous augusti.

Aetius, agora viúvo, casa coa viúva de Bonifacio, Pelaxia. Herda, por tanto, os seus bucellarii.

en China T’o-pa Tao proclama un edicto de laicización contra os monxes budistas.

Anatolius, magister peditum, na corte oriental.

Ningún comentario:

Publicar un comentario