sábado, 8 de setembro de 2012

439

Teodorico I leva preso a Litorius, Tolosa
s. xviii Antoine Rivalz 

Teodosio II e Festus, cónsules.

xaneiro, 31: nova lei contra xudeus e samaritanos apartándoos do exercicio de cargos públicos. Renóvase a prohibición de sacrificios pagáns e a condena das herexías baixo pena capital.

agosto, 6: Licinia Eudoxia, muller de Valentiniano III, é proclamada augusta logo de nacer a súa filla, Eudocia.

o grego é recoñecido coma lingua oficial da pars orientalis.

Rechila invade Lusitania e toma Emerita (capital administrativa de Hispania): o valor simbólico é altísimo e, en termos materiais, é unha cidade moi próspera. Rechila estende o seu dominio a toda Lusitania e á zona máis rica do val do Guadiana. Días despois acepta a rendición do comes Censurius en Myrtilis (actual Mértola, ao sur de Emerita seguindo o curso do Guadiana), onde probablemente se fose repregando coas forzas que comanda. Este oficial romano tiña sido un dos numerosos embaixadores imperiais ante os suevos.

suble­vación dos foederati burgundios da ribeira esquerda do Rin medio.

15 maio: Cirilo segue en Xerusalem, xunto con varios bispos exipcios para a consagración dun santuario para as reliquias de Estevo, construído fóra da porta norte da cidade. A cerimonia presídea Eudocia.

o día seguinte os participantes soben ao Monte das Olivas e depositan reliquias no martyrium de Melania, no cumio. Cirilo pode ter sido convidado pola propia emperatriz para subliñar o carácter oficial da súa peregrinación a Palestina: era o “teólogo da corte” logo do acontecido con Nestorio e os seus partidarios, dedicara dous longos tratados sobre as crenzas verdadeiras a Eudocia e Pulcheria e sería axeitado a súa presenza coa augusta en tan santos lugares.

a non mención de Xuvenal, bispo local, nalgúns relatos destes feitos explícase por acontecementos posteriores. Os monofisitas compararon a súa actuación en Chalcedon (451) coa de Xudas e para eles dificilmente pode xogar aquí un papel central. Porén, é dubidoso que o bispo, cuxa constante política é promover o status da súa sé, perdera ocasión tan destacada. O seu predecesor, Xoán, xa maximizara o descubrimento dos restos de Estevo.

un sermón atribuído a Basilio de Seleucia parabeniza a Xuvenal polo novo santuario, obra tanto súa como da emperatriz. Só anos máis tarde, cando a emperatriz amplíe a igrexa quedará a sona de que era o seu monumento.

Cyrus de Panopolis, amigo dos emperadores e praefectus urbis, nomeado prefecto do pretorio do este e home forte do estado. Decide construír as murallas marítimas en Constantinopla.

Litorius, a pesar dos seus éxitos iniciais ante os godos, é finalmente derrotado por asumir excesivos riscos, capturado e executado. Eparchius Avitus, prefecto do pretorio de Gallia e representando a Aetius, negocia un acordo de paz con Teodorico I, quen tamén sofre graves perdas: durante unha tempada o mediodía galo permanece estable. Avitus pode retirarse aos seus dominios a gozar do otium aristocrático.

verán: Eudocia emprende regreso a Constantinopla, cumprida a misión de agradecer o casamento da filla. Melania a Nova, que xa acudira a recibila, acompáñaa ata Sidón. Durante a súa estancia a emperatriz saudáraa coma unha “nai espiritual” e seguira atenta a vida nos seus mosteiros.

Eudocia regresa con reliquias de Estevo, depositadas na igrexa de Lourenzo: unha confirmación da súa devoción e a súa presenza nos lugares santos de Palestina. O seu prestixio é altísimo e as esperanzas de resultar manexable resultan totalmente frustradas. Pulcheria queda en segundo plano.

na corte de Constantinopla empeza a destacar a eminence grise da próxima década, o eunuco–chambelán Chrysaphius: as súas intrigas farán que Pulcheria se retire da vida pública e viva no Hebdomon, deixando a Eudocia sen rival, de momento.

xusto entón tamén se inician intrigas que afectarán a posición de Eudocia. O apoio prestado ao nestorianismo, en contra de Pulcheria, daría pé a estas intrigas.

Yazdegerd II, mazdeísta, volve perseguir os cristiáns e agora tamén os xudeus, que nunca foran perseguidos ao non ser apoiados por ningunha potencia estranxeira.

outubro, 29: Gaiserico toma Carthago sen necesidade de loitar: os romanos son sorprendidos e gran parte da flota de guerra occidental é inmobilizada nos propios peiraos. A muralla non impide a ocupación: ao parecer Gaiserico descoidará o seu mantemento e o do resto do sistema defensivo romano. Iníciase unha crise demográfica, urbana, social e económica.

o bispo católico Quodvultdeus ten que exiliarse en Neapolis e os católicos son perseguidos: historia persecutionis africanae provinciae de Vitorio de Vita menciona os nomes dos bispos que sofren exilio, tortura ou ambas cousas.

ao perseguir e “eliminar” os bispos os seus bens son confiscados, incluíndo roupas e obxectos relixiosos de gran valor. Supón tamén eliminar a elite intelectual: os romanos quedan simbolicamente descabezados e sen líderes espirituais xa que a igrexa católica era unha especie de muralla mental que protexía Africa. Gaiserico derrúbaa ao suprimir os seus piares principais: os bispos. O papel administrativo dos bispos dende o punto de vista administrativo nas cidades tamén era determinante; suprimilos ocasiona vacantes nesas posicións. Derrúbanse as murallas nun sentido real pero tamén nun figurado.

establécese o arianismo como nova relixión oficial e o vándalo como lingua. Isto non quere dicir que o arianismo se faga unha experiencia espiritual determinante para todos os vándalos. Non teñen tradicións escritas pero lendas e mitos sobreviven na tradición oral. Estas raíces do pasado pagán non son apropiadas. Debían atopar un novo vínculo común que fornecera unha identidade diferente da romana e probaron co arianismo. Probablemente, logo de trinta anos no imperio, só unha minoría abandonara as súas crenzas pagáns e a nova fe ten só representación na corte, e incluso nesa elite non é cuestión de convencemento, mais de manexar un elemento útil dende o punto de vista político. Que se tivese que articular unha alternativa relixiosa á católica testemuña a fortaleza que a xerarquía católica tiña en Africa.

inverno: Gaiserico é unha ameaza potente contra Roma, e atacará unha tras outra todas as illas do Mediterráneo occidental: Sicilia, Cerdeña, Córcega e as Baleares, afogando e controlando o subministro de grao a Roma.

en Armenia o dominio persa baixo Yezdegerd II faise máis opresivo: tributos altos, persecucións relixiosas e medidas coercitivas tomadas inmediatamente despois de subir ao trono, para impor o mazdeísmo, desencadean unha rebelión xeral. A Igrexa, a nobreza e o pobo únense en torno a Vardan Mamikonian e deciden declarar a guerra, inda que parte da cabalería se atopa integrada no exército persa loitando contra os hunos. Bizancio négase a enviar axuda armada.

morre Sahak o grande en Armenia en Ashtishat.

fúndase o mosteiro de Mar Saba próximo a Belem.

decembro, 26: Melania a Nova, moi enferma, celebra a festividade de Estevo no novo santuario. Xa mostrara a súa devoción depositando parte das reliquias no seu martyrium, situado a carón da igrexa da Ascensión no cumio do Monte das Olivas. Outras reliquias que alberga o edificio son os corenta mártires de Sebaste e os persas mártires que acompañaran a Pedro o Ibero a Xerusalem. Eudocia tamén fixera aportes edilicios ao martyrium, lembrados cunha inscrición no edificio.

Atila e Bleda incumpren o tratado de Margus e invaden os Balcáns.

Salviano de Massilia (monxe de Lérins) publica de gubernatione dei. Fai referencia directa á captura de Litorius en Tolosa e describe a situación das clases populares e medias, sometidas á terrible presión do fisco que as empobrece e as pon en mans dos honestiores.

o autor presenciara en primeira persoa a invasión de Gallia e móstrase indulxente, comprensivo e case cordial cos “bárbaros”: son heréticos porque non teñen cultura escrita, non saben ler e por tanto só coñecen o que lles contan os seus mestres, de telos). Descríbeos coma “salvaxes” puros e sen contaminar, dun xeito anticipadamente romántico. Todo o libro contrasta a moral pura dos bárbaros cos romanos, corruptos.

os ataques xermanos son castigo divino polas faltas cometidas: cre que os cristiáns viven dun xeito inadecuado: frecuentan o circo e o teatro, que representan a moral pagá; a inxustiza e a avaricia están por todas partes. O seu interese recae na necesaria reforma do cristianismo; nese sentido os bárbaros son un instrumento divino para que se tome conciencia do camiño errado.

China do Norte resulta unificada baixo a dinastía Wei: fin dos dezasete reinos.

decembro, 31: morre Melania a Nova.

Ningún comentario:

Publicar un comentario