xoves, 13 de novembro de 2014

641

moedas bizantinas do período de Constante II
www.tesorillo.com
Xoán IV condena o monotelismo nun concilio en Roma.

febreiro, 11: morre Heraclio de hidropisía aos 61 anos, sucedido polos seus fillos Constantino III Heraclio e Heracleonas, enfrontados.

Oswiu, príncipe de Bernicia, conquista Manau, territorio que cede a seu irmán Oswald de Northumbria.

maio, 25: morre Constantino III Heraclio, quizás de tuberculose, quizás envelenado por orden de Martina, segundo rumores. Constantino establecera a sucesión no seu fillo Constante II (once anos).

setembro, 14: a presión fai que Heracleonas (que morre pouco despois) teña que renunciar ao trono. O senado decreta a súa mutilación e a de súa nai, que son confinados en Rhodas. O novo basileus é Constante II, fillo de Constantino III Heraclio, con só once anos de idade, apoiado polo xeneral Valentinus.

Paulos II, patriarca de Constantinopla, en sucesión de Pyrrhos.

Penda de Mercia ataca a Oswald de Northumbria, usando o cristianismo deste como escusa. Oswald morre e seu irmán Oswiu faise coroar rei, consolidando a súa posición co casamento coa filla de Edwin. Tamén establece unha alianza con Penda, para neutralízalo, dándolle un fillo como refén e casando unha filla cun fillo del, ofrécelle tributo e recoñéceo como señor.

novembro, 8: ‘Amr ibn al-‘As toma Alexandría, logo de catorce meses de asedio; os musulmáns dominan Exipto.

unha lenda di que os libros da biblioteca de Alexandría foron postos aos pés de Umar, quen dixo: ‘se estes libros coinciden co Corán, son innecesarios; se están en desacordo con el, son perniciosos. En calquera caso, destruídeos.’ En realidade a biblioteca fora destruída polos cristiáns na súa loita contra o paganismo.

Xoán de Alexandría, colaborador na recompilación médica docente chamada XVI libros de Galeno, é un médico que vive na cidade e vive a toma árabe. Tamén se lle deben os resumos dos escritos pseudogalénicos: manuais na escola médica de Alexandría, onde brillan a inicios de século outros cristiáns coma Paulo de Exina e Aaron, cuxas obras exercen grande influencia na nacente ciencia árabe.

‘Amr ibn al-‘As constrúe Fustat, celme do actual Cairo, e que se constitúe como capital musulmá de Exipto.

Radulfo de Turinxia rebélase contra os francos. Sixeberto III con Grimoaldo, fillo maior de Pipino de Landen, e o duque Adalxisel pasan o Rhin e pese a éxitos iniciais o turinxio finalmente logra certa independencia dos francos.

morre Aega, mordomo de palacio en Neustria e Burgundia, e rexente con Nantechilda; e sucédeo Erchinoaldo, parente da nai de Dagoberto I.

Rothario conquista Genoa e todos os territorios bizantinos na parte baixa do val do Po.

morre Arechis I de Benevento e sucédeo Aiulfo I.

os eslavos destrúen Salona.

novembro, 17: morre Jomei en Xapón.

Bridei II morre e sucédeo seu irmán Talorc III como rei dos pictos.

Taizong instiga unha guerra civil no khaganato turco occidental ao apoiar a Isbara Yabghu Qaghan.

primeira expedición de Abdallah ibn Saad contra Nubia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario