xoves, 19 de xullo de 2012

423

portada dunha recompilación de
Flavius Merobaudes
Marinianus e Asclepiodotus, cónsules.

Ravenna volve controlar, inda que parcialmente, Italia, Gallia, Hispania e Africa.

xaneiro, 2: Aelia Eudocia é proclamada augusta por Teodosio II.

primavera: Honorio obriga a Gala Placidia a exiliarse en oriente cos seus fillos.

xuño, 8: Teodosio II declara que o paganismo é "un culto ao demo" e ordena que todos os que insistan en seguir practicándoo sexan castigados coa cadea e a tortura.

agosto, 15: morre Honorio de hidropisía, quizás edema pulmonar, aos 38 (ou 39) anos. Teodosio quere controlar occidente por medio de Valentiniano e busca apoio en Castinus, magister peditum, coa promesa do consulado para o ano seguinte. Porén,

novembro, 20: en Ravenna, Xoán, primacerius notariorum, é proclamado augustus co apoio de, entre outros, Castinus e Aetius. Africa (Bonifacio) non o recoñece; Teodosio II tampouco e inicia preparativos militares, encomendados a Aspar e Ardaburius.

a sucesión dinástica de Honorio tería sido Flavio Placido Valentiniano, fillo de Gala Placidia e Constancio III, pero as malas relacións desta con seu irmán e o seu exilio a Constantinopla impídenlle estar presentes e optar polo poder. Inda así instiga en Constantinopla. Atopa un aliado en Bonifacio, en rebeldía en Africa, que controla o subministro de cereal de Roma. Bonifacio tiña plans propios: socavar o poder de Castinus e gañar influencia.

a proclamación de Xoán primicerius pode obedecer a movementos aristocráticos para resolver o problema da carencia de alimentos. Tamén, moitos funcionarios occidentais temen a intromisión oriental nos asuntos occidentais.

Flavius Aetius era fillo de Gaudentius, un escita que chegara a magister militum e casara cunha herdeira da aristocracia italiana. Reunía, polo tanto, condicións para facer carreira: contactos militares e contactos coa aristocracia italiana. Criouse na corte de Honorio, sendo refén en virtude de tratados con hunos e godos. Probablemente tería sido tribunus praetorianis partis militaris. Logo da súa estancia en campo huno tería xa autonomía con respecto a seu pai, albergando experiencia política na corte imperial e nas bárbaras.

no caso de Aetius e noutros moitos, non se trata de afinidades políticas ou relixiosas, senón da oportunidade de obter influencia e poder apoiando a cabalo gañador. Quizás xa integraba o partido de Castinus, en oposición a Gala Placidia.

decembro: Xoán primacerius é entronizado oficialmente en Roma.

en occidente realízase unha revisión parcial da notitia dignitatum, sobre asuntos militares, probablemente a última (a composición inicial fora de 395, cunha revisión completa en 408). A parte oriental debeuse facer tamén en 395 e non foi revisada.

Theodoreto (nestoriano), bispo de Khyrros (Siria): converte máis de 1000 marcionitas na súa diocese.

os ostrogodos panonios que foran establecidos en Tracia, ao sur do Danubio, por Teodosio II rexeitan atender os campos e o gando; so con enormes subsidios se impide que avancen cara Roma.

morre Eulalius, antigo opositor de Bonifacio I.

comeza o reinado de To-pa Tao, rei da dinastía Wei, que impón a súa autoridade a toda a China septentrional.

Castinus vese absorto nos asuntos imperiais e a situación de Hispania volve a un segundo plano. Ata a consolidación de Valentiniano III non haberá ningunha acción dende a administración central. O novo goberno de Xoán demostrou ser inestable e non se puideron tomar medidas necesarias sobre as provincias. Os funcionarios hispanos deberon apañarse cos seus recursos. Os vándalos aproveitan a debilidade para expandir os seus dominios. A autoridade romana en Hispania non acaba pero queda novamente moi debilitada.

na pars occidentis quizás se estea a rachar definitivamente o equilibrio civil – militar (a usurpación de Xoán primicerius sería o último estertor do poder civil): cada vez menos gobernadores e prefectos e máis comites e duces.

en Hispania non hai referencia a funcionarios estritamente civís; inda que os houbera, en Hydatius (425-460) atopamos magistri, duces, e comites: magister/dux Asturius, magistri Merobaudes e Vitus, comites Censurius, Mansuetus, e Fronto. Esta preeminencia de militares é especialmente rechamante ao ter en conta que durante Honorio se supón que practicamente non houbo tropas permanentes en Hispania. En Gallia instituíuse o concilium septem provinciarum pero en Hispania non se coñece nada semellante e os vínculos con Ravenna son mantidos por medio da forza militar.

porén, membros das elites provinciais inda podían progresar no servizo imperial: mostra é Merobaudes, aristócrata de Baetica que en Ravenna chega a comes sacri consistorii, logo patricius ou consul, e gran orador. Mais incluso neste caso a preponderancia do militar é evidente. Merobaudes aparece nas fontes por última vez coma magister militum en Hispania, sendo afectado por intrigas de Ravenna. Isto tamén demostra que Hispania segue vinculada ao imperio nesta época.

Ningún comentario:

Publicar un comentario