ruínas da biblioteca de Celso en Éfeso |
Astyrius e Romanus,
cónsules.
febreiro, 18: León
I ten noticia do asunto de Eutiques
e escribe a Flavianus esixindo unha
explicación. Envíalle a súa doutrina sobre as dúas naturezas de Cristo (tome).
maio, 5: morre Hilario
de Arelate; os xudeus participan nos
funerais con bágoas e xemidos, xunto aos fieis do prelado, e incluso cantaron
salmos na súa propia lingua litúrxica hebrea.
maio: confirmación do pacto entre suevos e visigodos en
Tolosa durante unha nova visita de Reckiario.
xuño, 13: Teodosio
II convoca un concilio en Éfeso para volver a xulgar a Eutiques, presidido
por Dioscorus de Alexandría; León
envía legados co seu tome esperando a
súa aprobación.
Valentiniano III envía unha embaixada a Atila. A finalidade da reunión é unha
antiga disputa sobre botín de guerra obtido durante a ofensiva no Danubio
(441-442). Atila reclama certas propiedades pero Valentiniano e Aetius rexeitan a petición.
Flavio Orestes, aristócrata romano, acompaña a
embaixada e convértese en secretario de algo rango (notarius) na corte huna.
xullo: Reckiario, de regreso a Callaecia, promove ou coopera nun novo brote da bacauda. Xuntos depredan o territorio de
Caesaraugusta. Entran en Ilerda e parte da poboación é feita
refén pouco despois; non se sabe se obra de Basilius (o líder bacaudo),
Reckiario ou unha operación conxunta.
en varios anos estas son as
últimas novas de accións militares suevas, que teñen unha forte presenza en Callaecia e Lusitania. A crecente ameaza huna impedirá que Ravenna tome medidas contra eles.
probablemente Carthaginiensis, Baetica e Tarraconensis
seguen a ser gobernadas polos romanos (a campaña de Vitus fora
satisfactoria), inda que partes do interior desta última provincia seguen a
sufrir ataques da bacauda.
o comes Censurius goberna en Hispalis é asasinado por razóns descoñecidas por outro comandante
quizás identificable co Axiulfo, que logo acompañará a Teoderico II en
Hispania.
agosto, 8: o concilio de Éfeso,
“cheo” de monofisitas, rexeita o tome
ou os argumentos dos legados de León e Dioscorus dirixe a “absolución” de
Eutiques.
morre Durst mac Erp,
xefe picto.
agosto, 22: Flavianus e Eusebius
de Dorylaeum son depostos e Flavianus morre de camiño ao exilio.
Maximus II sucede a Domnus coma patriarca de Antioquía.
Honoria, irmá de Valentiniano III, é enviada a Constantinopla en desgraza, logo de ser atopada en flagrante
adulterio co oficial Eugenius, que é executado.
un edicto de Teodosio II sanciona e ordena a aplicación
dos acordos conciliares e condena o nestorianismo, proscribindo da igrexa e a
sociedade os seus partidarios; tamén prohibe posuír, ler, transcribir ou
difundir textos con esta doutrina; manda queimar, ante os ollos de todos, os
libros “nocivos,” xunto cos de Porfirio
e os do filonestoriano Teodoreto de
Cirro, nunha simbólica execución das súas ideas e a súa damnatio memoriae.
por outra banda, confisca bens e decreta o aloxamento
forzoso de quen teña textos coa doutrina de Nestorio e de Teodoreto,
interpretacións, discursos divulgativos ou traducións, incluso no caso de que
os textos aparecesen disimulados baixo o nome doutros. A casuística pretende
cubrir todas as posibilidades de entrar en contacto coa cristoloxía nestoriana
por medios escritos, e proporciona tamén a medida da súa circulación en
traducións – seguramente ao siriaco e outras linguas, logo da queima dos
escritos en grego e latín – pondo á descuberta o recurso á estrataxema de
ocultar a súa autoría baixo nomes supostos.
o edicto de Teodosio II demostra que había copias en
circulación a pesar de ter sido ordenada a súa destrución con anterioridade, pero
as medidas foron tan eficaces que os textos acabaron por perderse definitivamente.
o nome de Porfirio asociouse cunha falsificación (filosofía de Oracles), que lle atribuía
moitas opinións e sentimentos contraditorios ás expresadas nos fragmentos dos
seus auténticos escritos, perdidos a non ser nos fragmentos dos Pais que lle
responderon. A obra fraudulenta foi aceptada por Eusebius e referíronse a ela apoloxetas coma Teodoreto; pero foi
descreditada por Agostiño, e inda
que non foi posta en entredito durante séculos, Lardner destapou a realidade. Tentouse
roubarlle as súas opinións e atribuírlle xusto o contrario do que pensaba, no
interese dun credo que desprezaba.
moitas, a maioría, obras cristiáns son, sen ambaxes,
partidistas: nin sequera recoñecen a existencia dos pagáns e a súa posición no
mundo, facendo caso omiso das súas crenzas. Conservamos poucos escritos pagáns
porque os cristiáns non tiñan interese en copiar traballos en xéneros fora da
súa tradición. Os cristiáns propagaron os seus escritos pero preocupáronse por
suprimir os produtos da cultura pagá.
a bacauda logra entrar en Tarazona e executa
os visigodos federados e o bispo da cidade, León; accións que mostran a clara oposición da bacauda á orde social representada pola aristocracia hispanorromana
e os visigodos.
Zeno, magister militum
en Isauria, ameaza con rebelarse contra o desgoberno de Chrysapius.
Beda fixa neste ano o establecemento do primeiro reino
xermánico en Kent, liderado polo xefe “Hengest,”
chegado como mercenario.
Priscus de Panio (excerpta de legionibus romanorum) conta o caso do comerciante grego
que atopa na corte de Atila, establecido en Viminacium,
Moesia, na ribeira do Danubio: faille un diagnóstico da situación económica e
social do imperio, onde a presión fiscal recae nos humildes, arruinándoos. E
tamén se reflicte a corrupción no aparato de xustiza.
Priscus dedica un fragmento desproporcionadamente grande a
narrar o que viu entre os hunos. A súa audiencia era a elite administrativa e
de clase alta e estaba tan preocupado polo efecto literario a causar coma pola
veracidade da narración. Débese unha impagable descrición do palacio de madeira
de Atila, da etiqueta real e unha conta incriblemente detallada do seus viaxes
polos territorios controlados polos hunos onde a curiosidade se mestura ás
veces coa admiración.
outubro: un sínodo romano dirixido por León I non acepta
o veredicto do “concilio dos ladróns” (latrocinium)
en Éfeso. León encabeza a resistencia contra as teses imperiais.
novembro/decembro: Anatolius,
monofisita, chegou a patriarca de Constantinopla á instigación de Chrysapius.
Ningún comentario:
Publicar un comentario