sábado, 21 de xaneiro de 2012

403

Xoán Crisóstomo
Consulado de Teodosio II, con dous anos de idade, e Flavius Rumoridus.

O "Sínodo do Carballo" depón e envía a Xoán Crisóstomo ao exilio; volve ao pouco pero a consecuencia do conciliábulo de Chene é exilado definitivamente: acusa a emperatriz Eudoxia de adulterio.

xuño: Estilicón, comandando un continxente de 30000 homes, logra unha terceira vitoria contra Alarico e a súa xente. Esta vez moitos homes desertan do campo godo e ingresan as filas imperiais. Agora si, Alarico, derrotado, retírase de Italia cara Illyricum. Moitos reprocharán a Estilicón que deixe escapar ao godo por terceira vez. Quizás o vándalo pretendía utilizalo como contrapeso político máis tarde. Alan Cameron avalía a situación: "Se o principal logro de Estilicón só foi, en palabras de Claudiano, ter salvado Roma, isto foi máis do que puideron facer os seus sucesores en 410, cando o propio Alarico entrou en Roma. De vivir Estilicón quizás non tivera caído": (Poetry and Propaganda at the Court of Honorious, 1970).
Honorio e Estilicón son protagonistas dun triunfo en Roma conmemorando as victorias contra godos e vándalos, o último do que se ten noticia na capital.

Despois de tres anos en Palestina, Melania a Vella segue a senda do seu compañeiro espiritual Rufinus, e volve a Italia. Trae consigo fragmentos do lignum crucis, que presenta ao seu parente Paulino de Nola. Este envía unha porción a Sulpicius Severus, en Aquitania. Na carta que acompaña o agasallo, Paulino repasa a historia do descubremento dos fragmentos.
A cruz, agochada, escapara a destrución por parte dos xudeos, para ser logo profanada polo templo pagano de Adriano. Un estado de cousas ao que Helena, nai de Constantino, puxera logo fin.
Na carta, motivada tamén pola adicación dunha nova igrexa en Primuliacum, trátase o tema da visión dende un punto de vista relixioso: o que verá Sulpicius será un anaco de madeira, pero isto só é un estímulo para a "visión interior" (interna acies) que convocará a crucifixión e as súas implicacións para as crenzas cristianas ("con esta visión interior verá o enteiro significado da cruz neste fragmento diminuto"). Esta visión é unha recompensa pola convicción cristiana que Severus ten demostrado no pasado sen axuda de confirmación tan obvia. A "visión interior" de Severus e os "ollos de fe" de Paula son unha e a mesma cousa. Paulino en Italia e Sulpicius Severus no sur de Gallia (e as súas congregacións) compartían a experiencia dos peregrinos de confrontar a historia cristiana cara a cara.


En China, Hui Yuan sostén que os monxes budistas deben quedar exentos de reverenciar ao emperador.

Morren o médico grego Oribasio de Pérgamo e Epifanio de Salamis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario