venres, 28 de setembro de 2012

444

Xerusalem nos mosaicos de Madaba

Teodosio II e Aginatius, cónsules.

morre Cirilo, patriarca de Alexandría (instigara o asasinato de Hipatia); un dos bispos de Alexandría pronunciou o seguinte “eloxio” fúnebre: “por fin ten morto este home odioso. A súa desaparición provoca o xúbilo de quen lle sobrevive, pero inevitablemente aflixirá os defuntos, que non tardarán en cansarse del e intentarán seguramente devolvérnolo. Polo tanto, colocade unha pedra moi pesada sobre a súa tumba, para que non corramos o risco de volvelo ver, nin sequera coma pantasma.” Dioscorus sucede a Cirilo.

execución de dous cregos, o presbítero Severus e o diácono Xoán, no séquito de Eudocia en Xerusalem a mans do comes domesticorum Saturninus, enviado alí por Teodosio II. En resposta Eudocia fai asasinar a Saturninus, sendo privada do séquito oficial do que gozaba. O seu exilio é agora permanente e durará ata a súa morte. Porén, o seu prestixio e presenza nos lugares santos asegúralle un papel. Seguiu a manter a tradición de mecenado imperial que marcara a súa peregrinación oficial. Moitas persoas importantes seguen considerando importante cultivar a súa proximidade.

xa antes do seu retiro fundara a igrexa de Polyeuktos en Constantinopla e agora en Palestina promove un programa de edificacións que lle traerá prestixio entre os visitantes e peregrinos a Xerusalem. Cirilo de Scythopolis atribúelle igrexas, mosteiros, hospitais para peregrinos e enfermos. Evagrius menciona os seus mosteiros coma punto de partida para unha discusión do monasticismo local.

Eudocia repón, por exemplo, a cruz dunha igrexa no cumio do Monte das Olivas logo dun lume, pero a súa achega principal é un magnífico edificio na porta norte, onde Estevo fora martirizado. O santuario onde se depositaron os restos do santo en 439 son rodeados dun muro que rivaliza co construído por orde de Constantino I arredor do santo sepulcro. Un muro exterior encerraba unha basílica de 38 metros de longo e tres naves, cun atrio, un pórtico e un establecemento monástico adxunto.

segue a haber outras fundacións relixiosas aristocráticas na zona: mos­teiro de Bassa – mosteiro e igrexa do mártir Xulián no Monte das Olivas por parte de Flavia (o capadocio Theognius, chegado en Xerusalem atopa alí un refuxio de ortodoxia en medio da predominancia de monxes “cismáticos”) – igrexa dedicada a María por Icelia no lugar coñecido como ‘Kathisma’ (onde descansou no camiño cara Belem): o tamén capadocio Teodosio, futuro colega de Sabas, entraría a dirixila. Tanto Flavia coma Icelia poden ser de procedencia occidental tendo en conta os seus nomes e que as súas fundacións, no entorno de Xerusalem, e a recepción nelas de novicios de Asia Menor seguen o esquema de anteriores mecenas occidentais.

Valeriano, un rico magnate en Oriente, é mencionado como un poderoso gobernador local cunha “gran horda de bárbaros”.

León I termina co vicariato galo.

unha “pestilencia” (peste bubónica?) arrasa Britannia e acentúa inda máis os problemas.

Patricio funda Armagh.

o uso dunha carretilla inventada en China que simplifica enormemente os labores de todo tipo avanza cara occidente.

en China T’o-pa Tao inicia persecucións contra o budismo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario