plano de Scallabis |
550-556 nace na actual Scallabis,
Lusitania, nunha familia de aristócratas
godos, pero cristiáns.
570/571 viaxa a Constantinopla, para realizar estudos.
577/8 regresa a Hispania.
579-584, revolta de Hermenexildo
contra seu pai Leovixildo en Hispalis. Leovixildo tenta gañarse os
eclesiásticos católicos de orixe goda, entre os que está Xoán. Probablemente, a negativa do Biclarense de converterse ao
arianismo explica o seu desterro a Barcino.
587/588, final do desterro de Xoán Biclarense en Barcino, logo da morte de Leovixildo e o perdón de Recaredo, froito do novo rumbo
político. Unha vez perdoado, permaneceu en Tarraconensis,
en Biclaro (probablemente Vallclara, Tarragona; inda que tamén podería ser Béjar,
Salamanca), onde funda un mosteiro que se rexe por unha regra escrita por el
mesmo (hoxe perdida, CPL 1866).
589; é probable que estea presente no III concilio de Toletum, polas novas que del aporta, inda que non asina as actas do
mesmo, seguramente por ser inda abade (estes non subscribían daquela actas
conciliares).
590 remata a súa estadía no seu mosteiro como abade.
591 bispo de Xirona.
592 subscribe o II concilio de Caesaraugusta.
597 subscribe o concilio de Toledo.
599 subscribe o II concilio de Barcelona.
610 subscribe o decreto de Gundemaro;
de ser auténtico este documento, tería coincidido con Isidoro na reunión que o aprobou.
614 concilio de Egara.
de Xoán chegounos unha única obra: Chronicom. Polos acontecementos
descritos, a obra ten como terminus post quem o ano 589, o último do que
se recollen novas. Sen embargo, nela tamén se lle atribúen a Mauricio 20 anos de reinado, calculando
a súa ascensión ao poder en 582; e igualmente se lle atribúen a Gregorio Magno 15 anos de pontificado,
situando o se nomeamento en 586, o que apunta máis ben a que se puido redactar
en torno a 601/602.
a obra foi transmitida con dous prólogos, dos cales só o primeiro ten
algunha posibilidade de ser auténtico. Nela tamén se distinguen un prefacio, o
corpo da obra e un epílogo.
no prefacio, como ocorre no caso da Crónica
Universal de Isidoro, Xoán da novas dos seus predecesores e do xénero no
que se enmarca a obra: Eusebio de
Cesarea, Xerome, Próspero de Aquitania e Vitor de Tununa.
o corpo da obra abrangue de 566 a 589, como continuación expresa de Vitor,
finalizando coa conversión dos godos no III concilio de Toletum.
polo que se refire ao epílogo, ten sido dividido en dúas partes por algúns
autores, que consideran auténtica só a primeira, pois a segunda é claramente un
engadido, como proba o feito de estar datado en 742. A primeira é unha
recapitulación final do sucedido dende Adán ata o nacemento de Xesús, e dende
entón ata o final da Crónica. Os
críticos divídense entre os que a consideran unha recapitulación do propio Xoán
e os que non.
a obra do Biclarense abrangue 24 anos, e ordena os sucesos narrados ano
tras ano, tomando como referencia os anos dos emperadores romanos de Oriente
('no ano un do reinado de ...', 'no ano dous do reinado de ...', ...). Sen
embargo, sobre este sistema de ideoloxía imperial, introduce un segundo sistema
nacionalista e godo, a partir do momento no que o rei Leovixildo é asociado ao
trono por seu irmán Liuva (568): ao
ano de reinado dos emperadores, Xoán engade o dos reis godos. E mantén este
sistema ata o final da obra, poñendo nun plano de igualdade ao emperador e o
rei godo, sen que este estea subordinado ao primeiro. Isto responde á ideoloxía
do autor, para quen existirían dous grandes reinos: o romano, en Oriente e o
godo, en Occidente. O pobo godo estaría elixido polo deus cristián para
substituír ao desaparecido Imperio de Occidente. Mais, a diferenza de Isidoro,
Xoán non é hostil cara Bizancio, e o seu nacionalismo é, por isto, menos
radical que o do hispalense.
a esta dobre cronoloxía súmase unha terceira, inda que de menor relevo: a
dos papas de Roma, coa duración dos seus 'pontificados', proba tamén da
importancia dos asuntos relixiosos na obra.
semella que o III Concilio de Toledo foi o que empurrou a Xoán a escribir
para mostrar e exaltar a entrada do pobo godo dentro da historia da 'Salvación'
no seno da Igrexa Católica. Isto sería confirmado pola minuciosidade coa que
Xoán introduce na súa obra un gran número de novas relativas ás conversións de
pobos pagáns ou cristiáns, mais herexes, á fe católica.
o segundo elemento desta obra é a admiración do autor por Leovixildo,
unificador da península. Isto demóstrao o feito de que Xoán omite as
persecucións do último rei ariano contra os católicos, tanto máis
significativo, canto que o propio Xoán fora vítima delas; ou no feito de que o
Biclarense tome partido por Leovixildo fronte ao fillo católico deste,
Hermenexildo, cando este se rebela en Hispalis,
porque isto ameaza a unidade política peninsular.
así, os dous puntos esenciais da obra do Biclarense son, por unha banda, a
unificación política lograda por Leovixildo e, por outra, a relixiosa, lograda
por Recaredo.
o ton da obra é frío, obxectivo, incluso distante a respecto dos
acontecementos narrados, fuxindo do comentario persoal. Como consecuencia,
sempre se ten considerado esta obra como digna de todo creto. Niso interveñen
tamén a declaración programática de Xoán no prefacio da obra, onde di que non
se servirá de ningunha outra fonte máis que do seu coñecemento persoal dos
feitos e dos relatos de aqueles que os viviron. De aí, por exemplo, que os anos
que abranguen o tempo que Xoán pasou en Constantinopla abondan en novas sobre o
imperio, ao contrario do que acontece na parte da súa Crónica que abrangue os anos do seu retorno a Hispania, onde
predominan as novas sobre o reino godo.
algo semellante ocorre nas crónicas que se presentan como continuación de
obras anteriores, principalmente a de Eusebio - Xerome. O universalismo desta
experimenta unha gran redución non só no espazo, mais tamén no tempo. É dicir,
estamos, por unha banda, ante crónicas breves, que tratan un período non moi
extenso, ou incluso, claramente reducido; e, por outra, ante autores que viven
moitas veces en zonas periféricas, que son de orixe bárbara e que se interesan,
por iso, en dar conta da historia do seu propio pobo e, quizás, da historia
paralela do Imperio de Oriente, o único que se percibía inda como herdeiro de
Roma (Hidacio, Xoán mesmo e
Isidoro).
outro factor decisivo é o feito de que o autor se centra no seu propio
tempo e no seu propio pobo debido á falta de fontes escritas, e ata de novas
sobre o que acontece alén de Hispania,
debido, claro está á desintegración cada vez máis acentuada do Imperio de
Oriente. As viaxes son difíciles e arriscadas, e as persoas non viaxan,
tampouco poden facelo os manuscritos.
a isto tamén contribúe a precariedade de medios culturais: a un autor
éralle moito máis doado escribir un breve relato sobre a súa propia época (e
moito máis se se trata de acumular pequenas novas independentes entre si) que
escribir unha historia continuada. Os cronistas optaban así por limitarse a
continuar coas súas obras o inmenso labor de Eusebio e Xerome, antes que
retomar o curso da historia dende o inicio da mesma. Isto último indicaba, en
primeiro lugar, unha sólida formación cultural; en segundo lugar, dispor dunha
boa biblioteca na que o autor contase con fontes abondo; e, en terceiro lugar,
ter a capacidade intelectual necesaria para extraer notas de diferentes fontes
e elaborar con elas un relato ou unha exposición coherente. Non se debe
esquecer, en fin, o peso que tiña Xerome dentro da Igrexa Católica (como podían
telo Ambrosio ou Agostiño). Escribir unha crónica
orixinal supuña aspirar a substituír con ela a Xerome. Isto podía verse como
soberbia por parte do autor, algo doado de aceptar. A orixinalidade non
consistía en escribir unha nova crónica universal sen copiar a Xerome, mais no
feito de decidir que se tiña algo novo que dicir e que esa novidade era
importante abondo como para redactar unha obra que competise coa de aquel como
fonte para os contemporáneos e para a posteridade. Só un interese político de
primeiro orde podía xustificar algo así.
dende o punto de vista do estilo, como ocorre nalgunhas outras obras do
xénero, ao acercarse o autor ao final da súa obra; é dicir, ao tempo máis
próximo a el, e, con frecuencia, ao acontecemento que ten determinado a
redacción da Crónica, neste caso o III concilio de Toledo, o estilo seco e
sucinto esperable é substituído por outro máis coidado, máis vivo, máis rico en
matices, máis próximo, en definitiva, ao da historia. Así, a brevidade
desaparece para deixar paso a un auténtico desenvolvemento narrativo, no que
non só se conta un feito en concreto, mais tamén os seus antecedentes e a súa
historia en conxunto, todo iso mediante un relato coherente, e perfectamente
estruturado e organizado.
para finalizar, segundo Cardelle de Hartmann, os chronicorum caesaraugustanorum
reliquiae, fragmentos conservados como anotacións marxinais nalgúns
manuscritos das Crónicas de Vítor de Tunnuna e Xoán de Biclaro, e
atribuídos a Máximo de Zaragoza,
poden ser atribuídos tamén a Xoán. Polo seu contido, ao incluír novas sobre Tarraconensis, o seu autor debe ser
situado nesta rexión de Hispania. Ao
mesmo tempo, pola relación temática de varias de entre elas coa Crónica de
Xoán, coa que partillan o interese polas rebelións contra o poder central e a
supresión das mesmas, semella probable que deban atribuírse ao propio Xoán. Puido
ocorrer que despois de ter concluído a súa Crónica, Xoán se decidise a revisar
o texto da mesma, e especialmente o da obra homónima de Vítor de Tunnuna. Esta
revisión teríao levado a completar algunhas novas da Crónica do seu antecesor,
e a incluír mesmo unha nova ao inicio da súa propia crónica, sempre baixo a
forma de anotacións á marxe no seu códice, que desta mesma forma, a través de
copias sucesivas, terían chegado aos nosos días.
BIBLIOGRAFÍA
1. BIOGRAFÍA
CAMPOS,
J., Juan de Bíclaro, obispo de Gerona. Su vida y su obra. Introducción, texto
crítico y comentarios, Madrid, CSIC, 1960, pp. 15-29.
CARDELLE
DE HARTMANN, C.- COLLINS, R., Victoris Tunnunensis Chronicon cum reliquiis
ex Consularibus Caesaraugustanis et Iohannis Biclarensis Chronicon, Turnhout,
Brepols, 2001 (CC SL 173A), pp. 124-128.
2. EDICIÓNS (CPL 2261)
CARDELLE
DE HARTMANN, C.- COLLINS, R., Victoris Tunnunensis Chronicon cum reliquiis
ex Consularibus Caesaraugustanis et Iohannis Biclarensis Chronicon, Turnhout,
Brepols, 2001 (CC SL 173A), pp. 57-83. (*)
CAMPOS,
J., Juan de Bíclaro, obispo de Gerona. Su vida y su obra. Introducción,
texto crítico y comentarios, Madrid, CSIC, 1960, pp. 75-100.
3. TRADUCIÓNS
ARIAS,
I. A., “Crónica Biclarense”, Cuadernos de Historia de España 10, 1948,
pp. 129-141.
ÁLVAREZ
RUBIANO, P., “La crónica de Juan Biclarense. Versión castellana y notas para su
estudio”, Analecta Sacra Tarraconensia 16, 1943, pp. 7-44.
4. OUTROS ESTUDOS
ÁLAMO,
M., “La Règle de Saint Bénoit éclairée par sa source, la Règle du Maître”, Revue
d’Histoire Ecclésiastique 34, 1938, pp. 740-755.
ÁLVAREZ
GARCÍA, F., “Tiempo, religión y política en el Chronicon de Ioannis Biclarensis”,
En la España Medieval 20, 1997, pp. 9-30.
ALVES
DE SOUSA, P. G., Patrologia Galaico-Lusitana, Lisboa, Universidade
Católica Editora, 2001, pp. 137-140.
CAMPOS,
J., “Sobre la regla de San Juan de Bíclaro”, Salmanticensis 3, 1956, pp.
240-248.
CARDELLE
DE HARTMANN, C., Joâo de Santarém (Biclarense). Crónica. Ediçâo crítica e
introduçâo (Comentário histórico de Roger Collins), Lisboa, Ediçôes
Colibri, 2002.
DÍAZ
Y DÍAZ, M. C., “La transmisión textual del Biclarense”, De Isidoro al siglo
XI. Ocho estudios sobre la vida literaria peninsular, Barcelona, El Albir,
1976, pp. 117-140.
DOMÍNGUEZ
DEL VAL, U., Historia de la antigua literatura latina hispano-cristiana,
vol. 2, Madrid, Fundación Universitaria Española, 1997, pp. 371-375.
GALÁN
SÁNCHEZ, P. J., El género historiográfico de la Chronica. Las crónicas hispanas
de época visigoda, Cáceres, Universidad de Extremadura, 1994, pp. 81-172.
PEREZ
DE URBEL, J., “La Règle du Maître”, Revue d’Histoire Ecclésiastique 34,
1938, pp. 707-739.
—,
“Le Maître et Saint Bénoit”, Revue d’Histoire Ecclésiastique 34, 1938,
pp. 756-764.
—,
“El maestro, San Benito y Juan Biclarense”, Hispania 1,1 1940-1941, pp.
7-42, e Hispania 1,2 1940-1941, pp. 3-52.
TEILLET,
S., Des Goths à la nation gothique. Les origines de l’idée de nation en Occident
du Ve au VIIe siècle, Paris, Les Belles Lettres, 1984, pp. 421-455.
VEGA,
A. C., “De Patrología española. En torno a la herencia literaria de Juan de Bíclaro”,
Boletín de la Real Academia de la Historia 164, 1969, pp. 13-74.
VOGÜE,
A. DE, “Trithème, la Règle de Macaire et l’héritage littéraire de Jean
de Biclar”, Sacris Erudiri 23, 1978-79, pp. 217-224 (reimp. id., Regards
sur le monachisme des premiers siècles. Recueil d’articles, Roma,
Pontificio Ateneo S. Anselmo, 2000, pp. 683-690).
WOLF, K. B., Conquerors and Chroniclers of Early
Medieval Spain, Liverpool, Liverpool University Press, 1992, pp. 1-10 y 57-77.
Ningún comentario:
Publicar un comentario