venres, 9 de outubro de 2015

o 'sistema' económico en Callaecia (ca. 530-650): unha hipótese

www.mcu.es
 I

o estudo do comercio, a moeda, o paleoambiente ou a organización eclesiástica, así como a persistencia da minaría do ouro e o estaño apoian decisivamente a hipótese da existencia dun 'sistema' económico supralocal de carácter tanto produtivo como económico en Callaecia ca. 530 - 650 aD.

fronte á tradicional negación ou minoración das actividades mineiras neste período, enmarcada dentro dunha concepción global de 'febleza' e escuridade, constátase a súa persistencia e importancia mais obedecendo a lóxicas diferentes á minaría altoimperial romana: agora son explotacións de xacementos primarios pequenas e múltiples, vinculadas a un intenso comercio de longa distancia con Bizancio, cun elevado nivel de contactos e influencias externas na Callaecia, fronte á habitual concepción de periferia e illamento.

para consolidar esta hipótese deben conectarse estas actividades e as numerosas evidencias que semellan existir en torno a elas: estruturas eclesiásticas, conexión con vías de comunicación (mar, terra e ríos), existencia dunha rede de fortificacións que controlaba a produción e a súa circulación, ..., ademais de explorar outras posibles actividades produtivas dentro deste sistema, como a elaboración de peles e curtidos ou a explotación de madeira.

en segundo lugar, a diferenza do sistema 'romano', caracterizado pola diversidade de focos e protagonistas que, na costa galega, semella rematar en torno á metade do s. VI, este sistema é máis intenso e, ao tempo, máis focalizado, máis restrinxido, prestixioso e elitista. Son as elites de carácter supralocal as que controlan o sistema: bispos e grandes propietarios, moi próximos á monarquía, en última instancia propietaria de moitas zonas fiscais onde se producían os recursos exportados, sobre todo metais. O que tamén da idea do alcance do control territorial neste período.

sen embargo, os reis precisan a colaboración das elites locais e por iso delegaban neles a explotación dos recursos metalíferos por medio de pactos fiscais, reflectidos frecuentemente na acuñación de moeda. A xeografía do poder político e económico deixou indicios en aspectos tan distintos como a distribución de cecas, as fundacións froitosianas (1ª metade do s. VII) ou as áreas de control episcopal que representa o parrochiale suevum (finais s. VI). Débese subliñar pois a importancia dos bispos como enlaces ou bisagras coa monarquía. Mais non é un poder monolítico porque detrás hai loitas, estratexias, apropiacións e distintas bases económicas.

existe unha estreita vinculación entre o poder das elites e a súa capacidade para impulsar un comercio de tan longo alcance. É posible pensar que ata que Bizancio non atopou en Callaecia unhas elites estruturadas e unha adecuada organización produtiva, non a fixo aliada político-económica e provedora de metais en substitución do máis distante, e polo tanto custoso, SO británico.

este 'sistema' non remata coa conquista do reino suevo; continúa, cando menos, 60 anos máis. De feito, é posible que unha das razóns da conquista sexa o desexo de control do sistema por parte dos reis godos. Sen embargo, a partir de metade do s. VII as evidencias de desarticulación e de maior presión dos poderes locais aumentan. Inda que durante a segunda metade do s. VII sobrevive certo comercio atlántico, este pérdese definitivamente no s. VIII, coa invasión árabe e o nacemento do comercio na Europa do Norte, que fai, agora si, desta zona algo periférico e illado.

II

os lugares de minaría tardoantiga e altomedieval, normalmente aluviais e a ceo aberto, deixan pouca (ou ningunha) pegada, e por iso son moi difíciles de localizar. Máis que a fin da actividade mineira no s. III, hai que falar de reestruturación da produción, cun declive da explotación centralizada e a gran escala e un cambio a pequenas explotacións, mellor integradas na sociedade e economía local, de base agrícola. Hai factores que apoian esta tese:

1/ detección do importante e dinámico comercio entre o porto de Vigo e o mundo mediterráneo, cuxos s comerciantes, esencialmente orientais (bizantinos), farían unha viaxe tan longa só porque obtiñan unha mercadoría inexistente noutras latitudes: o estaño é específico da Europa Atlántica (Hispania, Bretaña e SO de Britannia, Saxonia) e fundamental para aliaxes (bronce, ...); polo tanto, imprescindible na produción de armas a gran escala, obxectos de luxo, ... como a que Bizancio mantivo nos ss. VI e VII. A isto engadimos o ouro, tamén cobizado polos comerciantes do Mediterráneo.

2/ algúns estudos de paleoambiente constatan un forte incremento da contaminación por chumbo na atmosfera no NO debido a actividades mineiro-metalúrxicas entre os ss. VI e VII. O chumbo libérase tanto nos procesos de extracción do mineral como nos traballos de fundición, e a intensidade desa liberación queda reflectida na análise de turbeiras na Serra do Xistral, que rexistran niveis de actividade a escala rexional, e mostran que en época romana altoimperial os valores de actividades son moi importantes. A partir do s. III comezan a descender e mantéñense á baixa nos ss. IV e V, volvendo aumentar de xeito importante, cun pico, entre a primeira metade do s. VI e metade do VII. Isto coincide coa cronoloxía considerada para o apoxeo do comercio constatado en Vigo, especialmente esa última e intensa fase de auxe oriental. Logo de 640-650 caen en picado os valores de paleocontaminación e non se volven recuperar, de xeito tímido, ata o s. IX. Esta secuencia apoia un motivo exóxeno e comercial para a actividade mineiro-metalúrxica do NO tardoantigo, xa que xusto cando acaba a busca de metais polo comercio mediterráneo, cae totalmente a súa extracción.

III

a observación nun mapa das áreas da minaría do ouro e do estaño coincide cun amplo número de evidencias arqueolóxicas, numismáticas e textuais dos ss. VI e VII. A frecuente relación 'xacemento tardoantigo - entorno de minaría de ouro e estaño' fai pensar en algo máis que nunha simple coincidencia espacial; sobre todo porque na maioría dos casos son zonas aparentemente 'periféricas' e que este tipo de datos arqueolóxicos e históricos apenas aparecen noutras zonas 'periféricas' sen recursos mineiros.

parroquia de Marzán, O Rosal
ouro
ca. 570 a ecclesia Marciliana
unha villa romana, unha necrópole altomedieval e unha igrexa a Vicente, culto temperán.
Torroña, Oia
ouro
ecclesia Turonio, tamén ceca goda durante Recaredo
a actual igrexa ao pé dunha fortificación tardoantiga e altomedieval.
Avión, igrexa de Xusto e Pastor

ecclesia Aunone
zona ben comunicada coa costa polo Miño, navegable dende cando menos este punto.
Merza e Fontao
estaño
ecclesia na sé de Iria no parrochiale suevum, ceca e pequeno centro administrativo no s. VI. Tamén Carboeiro, fundado en 936 sobre unha estrutura eclesiástica anterior detectada pola arqueoloxía. Unha zona comunicada polo Deza.
Lalín
estaño
evidencias de igrexas en Prado e Barcia; na contorna quizás a ecclesia de Metacios (quizás Taboada Vella (Silleda), con restos de cerámicas tardoantigas orientais focenses). Zona comunicada por Deza e Ulla coa desembocadura en Catoira.
Sadurniño de Goiáns (Porto do Son)
estaño
igrexa documentada en 868 onde se localizaron restos tardorromanos, un estela altomedieval e un epígrafe referido á consagración dunha primitiva basílica cristiá sobre un baixorelevo de influencias bizantinas.
Posmarcos,
Pobra e Boiro

quizás herdeira da ecclesia dos Pestemarcos citada no parrochiale ca. 570
Catoira
estaño
ceca goda a finais do s. VI, saída ao mar e lugar de control das minas de Rianxo.
Finx (Lousame)
estaño
Felix, advocación habitual no s. VII ('autobiografía' de Valerio do Bierzo).
Moraime, Muxía e Leis, saída ao mar das minas de Vimianzo
estaño
en san Xiao de Moraime (Muxía) un asentamento romano e unha necrópole altomedieval (un broche de bronce, unha pequena cruz grega de bronce datable entre os ss. V e  VII e restos de pratos de vidro de probable uso litúrxico, todos eles da época). Estes materiais, as características do lugar e a súa advocación a Xulián, fan pensar nun mosteiro altomedieval e quizás tardoantigo.
Leis (Muxía)

no atrio da igrexa a Pedro apareceu un baixorelevo paleocristián dun crismón con alfa e omega, probablemente importado, dada a súa calidade, e datable no s. VI.
na igrexa de santa María de Muxía había dous posibles capiteis 'xermánicos'.
Carballo e Arteixo
ouro e estaño
Tirso de Oseiro, a carón das minas de Arteixo, igrexa constatada en 868, con materiais tardorromanos e dous sartegos de granito cunha lauda de estola que indica certo nivel de riqueza e estatus social.
tamén interesante a relación entre as minas de estaño de Arteixo e o pequeno porto natural de Martiño de Suevos, cuxo topónimo semella remitir tamén a este período.
ao sur a ecclesia de Celticos (inda que é unha interpolación ao Parroquial, semella realizada en época temperá, probablemente no propio s. VII) con varias das máis importantes explotacións de estaño de Galiza.
Ferrol-Prior
ouro
ermida da illa de Santa Comba en Cobas, con restos dun castro con importantes actividades metalúrxicas e unha posterior fase de ocupación altomedieval, cun pequeno mosteiro con influencias do cristianismo 'céltico'.
Quiroga (Lugo)

ecclesia e ceca de Carioca durante os ss. VI e VII
en santa María de A Ermida, inmediata á capital municipal consérvase un crismón cristián do s. V (con referencias precisamente ao ouro e a prata) así como dúas bases de columnas e un capital clásico en mármore, de importación.
O Courel (Lugo)
ouro
ceca de Laure

Valdeorras

ecclesia de Geurros, ceca goda dende Recaredo ata Suintila
é probable que a capital deste distrito fose a actual parroquia de santa María de a Proba, onde se constata un amplo asentamento romano, e en cuxo entorno hai moitos restos tardoantigos, como as placas de canceis godos atopados respectivamente na igrexa de santa Comba de Córgomo (xunto a unha das principais minas de ouro de toda Galiza) e san Miguel de Xagoaza.
ao sur a ecclesia e ceca de Cassavio, na actual parroquia de Santa María de Casaio (Carballeda de Valdeorras, Ourense), outra importante zona mineira, cunha das maiores canteiras de pizarra do mundo, pero tamén con estaño en abundancia.
no entorno mineiro do Val do Medo, con explotacións a ceo aberto e ben comunicado pola vía XVIII, está a igrexa de Asadur, na que se conserva un baixorelevo de granito que representa unha crucifixión e unha inscrición en legra visigótica, datable no s. VII, e pertencente a un pequeno templo de fins do s. VI.
Verín
estaño

santa María de Mixós, igrexa con diversos elementos prerrománicos. Inda que posiblemente totalmente reconstruída no s. X, podería haber un templo ou mosteiro godo previo porque a súa sillería é probablemente reusada.
Viana do Bolo
estaño
ecclesia e ceca de Pintia
santa María de Pinza, nas inmediacións de minas
fóra de Galiza
ouro

entorno inmediato dos famosos mosteiros de Compludo e san Pedro de Montes no Bierzo fundados por Froitoso na metade do s. VII.
tamén próxima a ceca e parroquia sueva de Fraucello, probablemente no val de Ulver, nunha zona con moitas minas de ouro.
outras cecas e ecclesiae do NO como Bergidum ou Pesicos están en enclaves mineiros importantes, especialmente ligados á extracción de ouro. O mesmo na zona NE de Portugal (Tras-os-montes), onde gran parte das ecclesiae do Parroquial e as súas posteriores identificacións con cecas godas están claramente vinculadas a minas de estaño, como sucede con Laetera, Equesis, Flavas (Chaves), Bergantia (Bragança) e quizá Palantucio.

IV

blog.aterrageo.com
os estudos de etnoarqueoloxía das pequenas explotacións do estaño en época preindustrial no Barbanza coinciden coas descricións de Isidoro no s. VII: o mineral chega á praia por aluvión erosional, a auga  sácao á luz cando baixa a marea, sendo logo lavado a man. A memoria popular da zona di que ata hai uns 50 anos se recollían na praia pezas de escouras -ás veces incluso estaño puro-, que logo se lavaban, separaban e embarcaban en grandes barcazas cara Vilagarcía ou Pontevedra, onde se preparaban e exportaban. Isto tamén pasaría en zonas de interior logo da fin das grandes explotacións altoimperiais, con técnicas máis sinxelas de explotación como os cortes a ceo aberto ou o bateo nos praceres fluviais, que inda existían en Valdeorras hai 60 anos. Trátase de sistemas de extracción sinxelos, que non precisan de gran investimento tecnolóxico e que case non deixan evidencias materiais. A súa pequena produción individual podería suplirse cunha ampla multitude de explotacións dispersas, de xeito semellante ao que ocorre coas cecas godas.

algunhas evidencias de estruturas eclesiásticas tardoantigas nas contornas mineiras reflicten un centro económico, inda que as pegadas deste sexan menos visibles que as do edificio relixioso. Non é que as igrexas e mosteiros sexan unha peza concreta deste sistema económico (extractivo, produtivo e comercial) mais reflexo do dinamismo e nivel económico dos seus dirixentes.

isto é moi evidente nas contornas mineiras e produtivas da costa, que se poden relacionar en todos os casos con evidencias de estruturas eclesiásticas coetáneas: Moraime (Muxía), Panxón (Nigrán), Goiáns (Porto do Son), e quizá Xiao de Trebo (Cariño), Catoira (Catoira), Comba de Cobas (Ferrol). Todas estas igrexas poden entenderse como os centros relixiosos dun pequeno complexo produtivo-mercantil aristocrático dos ss. VI-VII. Ademais, moitas destas igrexas tardoantigas na costa do NO constrúense sobre antigas villae e factorías romanas dedicadas á produción e ao comercio, sobre todo de sala. Cada vez é máis evidente que nalgúns casos outra actividade produtiva comercial substituíu a antiga produción tardorromana: sala ou salsa de peixe xa non eran demandados, e os comerciantes buscan dende a metade do s. VI produtos máis lucrativos e específicos destas zonas atlánticas como metais, peles ou madeira. Por iso, moitos propietarios (individuais ou grandes propietarios episcopais, con múltiples propiedades), de ser capaces, reorientarían a súa produción ou actividade cara estes sectores segundo as características e recursos das súas propiedades. Nalgúns casos a fundición e distribución de metais, noutras zonas distantes das zonas mineiras, poderíanse embarcar peles ou madeira. Quizá isto suceda en Adro Vello (O Grove) ou Xiao - Pipín (Cangas), Bares (Mañón) e quizá Vicente de Meá (Mugardos). En todos estes pequenos centros concentrábase a produción local e embarcábase cara Vigo, onde se preparaba para a súa exportación nos barcos mediterráneos.

estes casos son especialmente recoñecibles na costa, debido ás características do seu emprazamento e estruturas físicas das antigas factorías. Pero no interior podería pasar o mesmo, inda que quizá con menos frecuencia xa que sería máis difícil que se reunisen as condicións para que o antigo establecemento seguise sendo rendible dentro do novo contexto, agora máis reducido e focalizado. Actividades de produción e fundicións dos metais poderían desenvolverse en centros como Vicente de Marzán (O Rosal) ou Tirso de Oseiro (Arteixo), cerca de filóns de ouro e estaño respectivamente. Outras actividades económico-produtivas poderían terse dado en lugares como Currás (Tomiño), Ouvigo (Blancos), Vicente de Agrade (Chantada) ou Eulalia de Tines (Vimianzo), nos que de novo se constata unha nova igrexa sobre unha villa e factoría tardorromana. Estas producións de interior baixarían á costa polos ríos, como nas explotacións mineiras de Deza (a través do Deza, logo o Ulla ata Iria Flavia). Dende o Ribeiro e Ribadavia a través do Miño, daquela navegable dende Auria (Ourense). Dende Quiroga e Valdeorras usaríase a via XVIII (con axudas puntuais dos tramos navegables do Sil) ata Auria, nas que se embarcaban cara Tui, antes do seu envío a Vigo.

isto explicaría o paradoxo de porqué, por unha banda, se abandonan as áreas produtivas romanas (piscinas de sala), innecesarias, pero á vez, moi pouco despois, eríxense igrexas sobre elas, indicando un poder económico que segue a actuar na súa contorna. Trátase dunha reorientación económica cara outras actividades que, sen embargo, deixan menos pegada.

ao longo desta xeografía de explotación e distribución existirían puntos de control e vixía; podemos relacionar evidencias sobre fortificacións e 'reocupacións' de recintos fortificados durante o período co control da extracción ou circulación dos metais.

Penadominga (Quiroga)
un posible castro mineiro situado nun emprazamento moi prominente, no que se atoparon cerámicas 'tardías' e dúas placas de cinto de bronce de tipo godo datables nos ss. VI-VII. Este castro, no corazón dunha rica zona mineira, controla o Sil e a vía romana ao seu pé, e conserva o gravado dun taboleiro de xogo que acostuma a asociarse con gardas e vixías.
unión dos ríos Sil e Miño (Nogueira de Ramuín)
castellum litoria, un castro de finais do Bronce, cunha ampla visibilidade sobre a contorna do encaixonado paso do río e o mosteiro de Estevo de Ribas de Sil, reocupado en época tardoantiga. No seu interior hai unha inscrición dun posible duque de Leovixildo, ca. 585/586.
Oia
na contorna das minas de ouro hai restos dunha fortificación altomedieval, castelo de Torroña, que goza dunha gran visibilidade ata a desembocadura do Miño. Quedan restos da atalaia, de dous niveis e realizada en manpostos colocados en seco, cunha tipoloxía anterior aos ss. X-XI.
Boiro, Barbanza
na contorna de minas de estaño hai varias fortificacións que inda non están datadas, como o recinto de Outeiro Murado, cunha muralla construída en seco que cubre unha planicie duns 60 metros de longo, e a fortificación de Portela dos Forcadiños, na mesma entrada dunha mina.

V

as evidencias indican que o sistema estaba controlado por elites; en concreto pola monarquía e as xerarquías eclesiásticas, vinculadas aos reis:

1/ os produtos obtidos nos intercambios eran mercadorías exóticas e de prestixio (viños orientais, vaixelas de luxo, obxectos metálicos), e a frecuente relación entre puntos chave do sistema e a fundación de estruturas eclesiásticas indican unha importante capacidade económica. Tamén, de xeito hipotético, que boa parte das 'laudas de estola' deste período, consideradas como un enterramento de alto nivel social, aparecen maioritariamente en zonas de produción e distribución do sistema (Iria, Vigo, Rebordáns, Seira, A Escravitude, Medeiros, Oseiros, Panxón ou Brandomil).

2/ Callaecia era un área de especial concentración de fundi do fisco rexio godo, herdanza da importancia das explotacións imperiais romanas en áreas como o Bierzo ou Valdeorras. Poderían existir minas privadas mais o probable é que moitas estivesen en mans dos reis, herdadas do fisco imperial.

3/ a actividade económica xurdiría da demanda de Bizancio (aparición de materiais orientais e coincidencia da súa presenza coa produción e a súa interrupción pola expansión árabe a mediados do s. VII), con quen suevos e godos manteñen pactos e tensións neste período. Ademais, este comercio con Bizancio concéntrase, dende mediados do s. VI, unicamente en Vigo fronte á diversidade de enclaves e actores do anterior comercio tardorromano, xusto na hora que a Callaecia sueva experimentaba un importante proceso de organización e fortalecemento administrativo interno. Isto indica un coidadoso control do mesmo por parte da monarquía.

4/ a posible existencia dunha serie de fortificacións e quizás atalaias de sinais - representadas polos abondosos topónimos 'faro' nos cumios galegos - ao longo dos principais eixos de produción e distribución deste sistema apunta tamén un control supralocal e ben estruturado.

sen embargo, isto non implica que a monarquía explotase e comerciase directamente. É máis plausible un sistema de delegación real ás elites locais: o rei autorizaría as explotacións de minas mediante doazón, reservándose o cobro dos dereitos, ou ben unha concesión por arrendamentos temporais. Esta delegación plasmaríase mediante un pacto fiscal, a miúdo representado pola acuñación de moeda.

VI

cumio do monte Faro (Rodeiro)
www.ouroverde.org
1/ en Callaecia os lugares de acuñación de moeda goda, a partir de 585 e ata Chindasvinto (642-649), indican que a maioría das cecas corresponde ou a núcleos principais ou a lugares cunha importante riqueza mineira. Así, xunto a núcleos principais (Lugo, Auria, Tude, Braga) aparecen unha serie de pequenas e dispersas cecas situadas sempre en zonas mineiras, tanto de ouro (Laure, Folgoso de Courel; Pincia, Pinza; Cassavio, Casaio; Fraucello, val de Frogelo; Bergio, Bierzo; Georres, A Pobra de Valdeorras; Calapa, Calabor; Pesicos, Petra ou Susurres) como de estaño (Catora, Catoira; Mertia, Merza; Bergantia, Bragança; Flavas, Chaves; Ewesis, Turico, Palantucio e Laetera).

sen embargo, a moeda goda non posúe función comercial, e por iso estas cecas non reflicten unha estrutura de intercambios. Pola contra, a moeda neste período é, ante todo, un elemento de vinculación política e fiscal, e, neste sentido, o que nos está a indicar esta coincidencia de áreas de actividade mineiro-metalúrxica e acuñación monetaria é a existencia de auténticas bisagras de articulación coa monarquía. As cecas non son unha expresión directa nin reflicten unha relación de causa - efecto da actividade mineira, xa que responden a unha realidade político - económica máis ampla e complexa, pero si reflicten un pacto, unha articulación entre un poder local e o poder monárquico. E é dentro dese pacto onde entra a concesión dunha actividade económica, que nestes casos sería sen dúbida a minaría. Por iso, non todas as cecas responden á minaría, pero si nos parece probable que a delegación da actividade mineira que existiu quedase reflectida a través das cecas. Isto explica a existencia de tantas acuñacións en lugares aparentemente 'periféricos' da articulación do reino suevo e godo, especialmente cando non temos novas de cecas nalgunhas zonas dinámicas e densamente poboadas como a contorna de Tui, e en xeral a parte SO de Galiza, onde en cambio si se constata unha gran densidade de ecclesiae do parrochiale suevum e onde, por exemplo, existía a maior concentración de villae tardorromanas de Galiza.

neste sentido, tampouco semella casual que precisamente na metade do s. VII (fin do comercio co Mediterráneo oriental e o súpeto cese das actividades mineiro-metalúrxicas) acabe tamén a acuñación de todas estas pequenas cecas, que pasa a concentrarse en Tui, Braga e Lugo. Esta fin da acuñación dos pequenos centros atribuíuse á reorganización e centralización da administración por parte de Chindasvinto e Recesvinto (642-672), coincidindo tamén coa devolución das sedes meridionais da Callaecia sueva á Lusitania. Pero en realidade a última constatación dunha ampla dispersión de cecas no NO ocorre durante Suintila (621-631); é dicir, non se produciu un corte súpeto das acuñacións coa decisión política de Chindasvinto, como sería esperable se as cecas non tivesen relación co comercio e a minaría senón que semella un proceso que xa se fora esgotando anos antes, quizás entre 635 e 642, en consonancia coa minaría e o comercio. En todo caso, cremos que ambas explicacións non son incompatibles, senón máis ben distintos reflexos dun mesmo proceso de rearticulación político-económica logo da fin das bases e contextos que ligaban as elites coa monarquía e a explotación das minas.

semella que o rei establecía nun lugar determinado un taller cun delegado real, e acuñaba moeda para pagar as elites desa zona polos seus servizos ou fidelidade. Esta moeda serviría para selar ou oficializar un pacto ou delegación da actividade extractiva a un poderoso local. Os reis tratarían de promover subcontratas para evitar gasto administrativo, e estimularían aos propietarios privados a explotar recursos de ouro, quizá tamén como resposta á obriga de pago fiscal. A acumulación de tesouros, sobre todo en ouro, era vital para os reis e aristócratas, para establecer lazos de fidelidade, mostrar estatus e poder, ... Por isto habería artesáns especializados en metais e tesouros, á vez que o palacio real servía como distribuidor de riqueza entre clientelas e seguidores, para garantir a súa fidelidade. Tamén habería un pago habitual en lingotes de metal. Como hipótese, pódese pensar que esa moeda se emitía coa fundición de ouro procedente das minas e os impostos pagados na zona, ou ben da merca de dito metal con eses impostos nas zonas en que non había ouro. Quizá ese delegado explotaría a restante cantidade de metal das minas, unha vez satisfeita a emisión de moeda. De todas maneiras, hai que insistir en que esta actividade mineira non é a única explicación das acuñacións, xa que hai outras bases de poder económico e político articuladas a través das cecas.

carballeira de Barcia, Lalín
gl.wikipedia.org
ademais destas delegacións das explotacións reais, habería propietarios que explotaban os recursos mineiros nas súas posesións e pagaban impostos en metais, inda que tamén co probable consentimento do rei. É de supor que estas actividades non quedarían reflectidas en ningunha acuñación monetaria.

é difícil comprobar se esta produción mineira tivo relación co uso de servi ou escravos que convivían con homes libres, inda que semella algo probable. O evidente é que só os grandes propietarios terían recursos para investir capital en explotar mineral nas súas propiedades ou para subcontratar unha concesión real, e só eles terían xa traballadores da súa propia man de obra. É un modo de produción adaptado á conxuntura política e económica, menos centralizada e máis baseada en pactos e vinculación entre poderes centrais e locais.

VII

unha parte do sistema estaba delegado ou controlado polos bispos e o seu círculo inmediato. A arqueoloxía demostra que os bispos de diferentes zonas do Mediterráneo estaban detrás, non só da elaboración dos produtos exportados, mais tamén da propia xestión do comercio entre os ss. IV-VII. Isto tamén semella probable para os ss. VI-VII.

o parrochiale reflicte un proceso de organización en curso, e no que só se recollen as ecclesiae vinculadas aos bispados, e non outras fundacións privadas. Sempre chamou a atención a súa distribución, que pode porse en relación con importantes diferenzas no grao de poder e control eclesiástico de cada bispado. Nese sentido, tamén é posible que algunhas destas peculiaridades respondan ao maior ou menor control de certas áreas económicas e, entre elas, especialmente, as zonas mineiras.

Lugo
as tres únicas ecclesiae sitúanse no S da provincia, onde están os principais recursos auríferos: Carioca (Quiroga), Sevios (quizá Monforte de Lemos) e Cavarci (Cabarcos, Sobrado, León). No caso de Ourense, é evidente o predominio de ecclesiae en áreas mineiras; cando menos entre elas pódense localizar con certa fiabilidade: Teporos (Trives), Geurros (Valdeorras), Cassavio (Casio), Pincia (Pinza), Calapacios (Calabor). Algo semellante na sé de Astorga, nos casos de Bergido, Petra, Pesicos e Fraucelos.
Tude
é interesante constatar como se expanden os seus límites 'naturais' dentro da área ourensá para contar con ecclesiae en ricas zonas de minaría estannífera, como Aunone (Avión), Carissiano (Carrizáns, A Lama) ou Sacria (Sagra, O Carballiño). Algo semellante ocorre coa metade E da extensa diocese de Braga, a máis aloxada da sé, cuxas ecclesiae se corresponden en todos os casos con enclaves mineiros de primeira orde como Bergantia (Bragança) ou Flavas (Chaves) e quizás Turico, Ewesis ou Laetera.
Iria Flavia
as eclessiae de Pestomarcos, Mertia e Metacio poderían porse en relación coa minaría de estaño, mentres outras como Salinae ou Morratio, poderían vincularse ao comercio marítimo. De feito, resulta estraño pensar que a base económica do bispado de Iria non teña que ver con esta importancia do estaño no seu entorno, e non é imposible pensar que esta riqueza fose unha das razóns que explican a creación dunha sé neste enclave, que reúne estratexicamente recursos mineiros e unha excelente saída ao mar. A primeira nova da constitución dun bispado en Iria Flavia (que substitúe ao próximo de Aquis Celenis, Caldas) é de 560, o momento no que este sistema produtivo comercial comeza o seu auxe.
Britonia
non hai recursos de outro e estaño na súa contorna, inda que si de ferro. En todo caso non sería imposible pensar nalgún papel deste bispado nas constatadas relacións marítimas e comerciais de Callaecia con Gallia e outras zonas do Atlántico.

polo tanto, a xeografía eclesiástico-administrativa do parrochiale podería ter parte da súa lóxica no reparto, organización e control episcopal de áreas de actividades económicas, especialmente mineiro-metalúrxicas. Mentres que nesta xeografía hai zonas e eixos que podemos considerar 'centrais' (ben articulados en torno ás principais vías, á costa, aos núcleos político-económicos, como a contorna de Braga, Lugo, Iria ou Tui), hai outras zonas periféricas que aparecen, sen embargo, vinculadas ás sés episcopais. Todas elas son potentes áreas mineiras, mentres que, pola contra, non se recollen neste documento ecclesiae nas outras moitas zonas 'periféricas' non mineiras.

para entender este fenómeno, hai que ter en conta que os bispos representan un importante poder económico e patrimonial; un poder que loita duro polo seu mantemento e crecemento, a miúdo a base de sobrexplotar e abusar das ecclesiae que controlan e de confundir o seu patrimonio persoal co correspondente ao seu cargo eclesiástico. Por outra banda, sabemos que cando se redacta o parrochiale e se desenvolve este sistema, a xerarquía eclesiástica conta co pleno apoio da monarquía, e a organización do reino identifícase coa organización eclesiástica, para beneficio de ambos.

posiblemente, dentro desta estreita vinculación entre monarquía e bispos, como representantes das aristocracias rexionais, hai que situar a delegación do control dunha actividade de alto rendemento económico neste contexto como é a minaría. Así, por exemplo, pódese entender que Tude, o bispado que controlaría o propio porto de Vigo, sexa unha sé especialmente rica e poderosa, que mostra a maior densidade de ecclesiae de todo o reino e que realiza acuñacións de igual ou maior calidade que as da propia sé real de Braga. Tamén se pode pensar que algunhas das estruturas eclesiásticas ligadas a posibles centros comerciais-produtivos citados estivesen en mans de bispos, en ocasións como ecclesiae do parrochiale (como a ecclesia Marciliana, con restos romanos e altomedievais), e noutras como igrexas privadas do bispo, como gran propietario. Caso este explicable polos procesos de concentración das propiedades, sobre todo de antigas villae, en mans duns poucos, mais grupos moi poderosos, característico dos ss. VI e VII.

é posible que esta articulación entre monarquía e xerarquías eclesiásticas como delegadas da explotación mineira se producise a través das cecas. Isto exemplificaríano nos abondosos casos nos que ecclesiae do parrochiale coinciden con cecas poucos anos despois. Noutros casos, sen embargo, hai cecas que non coinciden con ecclesiae coñecidas no texto. Quizá nalgúns casos isto se debe a que as ecclesiae se crearon pouco despois da redacción do parrochiale, pero noutros remitirían a unha articulación directa dun propietario privado coa monarquía.

www.hotelpuentedelatoja.com
Adro Vello (o Grove)
á marxe do parrochiale, outro indicio interesante da vinculación entre poderes eclesiásticos, áreas de produción mineira e monarquía é a propia xeografía da vida e acción de Frutuoso. Pertencía a unha das familias máis poderosas da Hispania goda, estreitamente vinculada á monarquía. É evidente que este patrimonio familiar está na base da importancia que acadará Frutuoso na igrexa goda, reflectida, entre outras cousas, no seu nomeamento como bispo de Dumio e logo de Braga.

é indicativo que a base patrimonial de Frutuoso e a súa familia sexa a zona mineira do Bierzo, e, sobre todo, que as súas fundacións monásticas (en terreos, é de supor, da súa propiedade ou relacionados co seu control ou redes familiares e clientelares) sigan a xeografía de todo este sistema económico. No Bierzo funda os mosteiros de Compludo e Rufianense, ao pé de minas de ouro e en Folgoso de Caurel, o de Visunia, a carón dunha importante explotación de ouro (san Fiz de Visuña). Na costa crea o mosteiro Peonense que podería ser o mesmo que logo chama de Turonia, e probablemente outro mosteiro nunha illa. A maioría de autores localizan estas dúas fundacións nas Rías Baixas, na contorna da ría de Vigo e Pontevedra (Poio, ou Oia, ou a illa de Ons, Cíes ou Tambo); é dicir, de novo na principal saída ao mar das explotacións metalíferas. Non é insensato pensar que a distribución das fundacións de Frutuoso responda a estratexias económicas ben planificadas no ámbito familiar, e reflicta por medio delas unha actividade económica da súa familia, ligada á explotación das minas do Bierzo e Courel, e a súa exportación marítima comercial na ría de Vigo. De feito, na súa haxiografía cítanse negotiatores francorum comerciando nalgún porto do NO, ou se menciona o interese de Frutuoso de embarcar cara Oriente (previo paso por Gallia).

outro indicio, máis hipotético, é a Doazón de Chindasvinto en 646 a Compludo, recen creado por Frutuoso. Inda que hai dúbidas sobre este texto, algunhas análises recentes din que reflicte un feito histórico. A doazón indicaría a relación deste nobre e a súa familia coa monarquía, así como a propiedade ou control real de moitos territorios nesta zona (ipsos montes et valles ab integro). Dito control real volverá a apreciarse no texto da 'autobiografía' de Valerio, cando se sinala como a hostilidade do rei caeu sobre a familia do rico propietario Ricimer, que foi expulsada (probablemente por Wamba, quizás por algunha infidelidade política), da propiedade chamada 'Ebronanto', tamén situada no Bierzo. Todo isto reflicte claramente o control real sobre esta zona, inda que sexa xustamente no momento no que a actividade mineira e o comercio están a remitir. Podemos incluso pensar que precisamente por isto o rei busca agora outras alianzas e estratexias coas aristocracias locais xa que non lles pode ceder, coma antes, os dereitos sobre as minas.

non sabemos se os bispos explotaban directamente, a través dos seus dependentes ou servos, este sistema económico e comerciaban tamén directamente, ou se delegaban en propietarios locais. Por unha banda, é indicativo o alto número de servos que parece posuír a Igrexa, e concretamente a galaica, feito que lle permitiría sen dúbida explotar directamente, cando menos, as propiedades máis inmediatas á súa sé. Pero, tendo en conta a dispersión das evidencias deste sistema (minas, estruturas eclesiásticas, cecas, ...) e a coñecida necesidade do bispo de 'viaxar' para negociar coas elites locais, é posible pensar que parte da produción estivese, en efecto, delegada en propietarios locais. Por último, non hai que descartar a existencia de producións autónomas de grandes propietarios, que vendesen as súas mercadorías aos centros eclesiásticos ou directamente a comerciantes orientais asentados en Vigo.

fonte:
SÁNCHEZ PARDO, José Carlos 'sobre las bases económicas de las aristocracias en la Gallaecia suevo-visigoda (ca. 530-650 dC). Comercio, minería y articulación fiscal' Anuario de Estudios Medievales 44/2, xullo-decembro de 2014, pp. 983-1023

resumo e tradución por @xindiriz

Ningún comentario:

Publicar un comentario