![]() |
Ambroio mosaico na 'basílica ambrosiana' wikipedia |
para comprender as dificultades ás que se enfrontaban os bispos debemos
realizar un considerábel esforzo de inmersión no imaxinario social. temos que entrar
nun mundo no que os pobres carecían do marcado perfil social co que chegaron a
contar en épocas posteriores. a división social fundamental nom era entre ricos
e pobres, mais entre cidadáns e nom-cidadáns. os benfeitores das cidades doaban
aos seus 'concidadáns', pero nunca aos pobres. algúns destes cidadáns quizás
fosen pobres, pero a pobreza en si mesma nom lles daba dereito a nada. recibían
diversións, gozaban de comodidades públicas (como as grandes termas) e, en
moitas cidades, obtiñan cantidades considerábeis de comida. pero nom recibían
todo aquilo porque fosen necesitados, senón porque eran membros dun grupo
privilexiado: conformaban o populus
ou a plebs da cidade. é de supor que constituían
o vigoroso centro da comunidade urbana. amar a cidade implicaba, mesmamente,
amar os seus cidadáns (e a ninguén máis) con 'un afecto sen par'.
permanecía o significado do dereito que asistía a un núcleo
privilexiado de cidadáns. era unha herdanza decisiva que o pasado clásico legaba
ás cidades do Baixo Imperio. nom perdera nada da súa importancia. nom se
baseaba nun laxo sentimento de pertenza, senón que implicaba un dereito legal,
celosamente preservado, dos cidadáns residentes. sempre que a cidade recibía un beneficio
importante (como unha partida de gran), os habitantes tiñan que presentarse
para demostrar que había moito tempo que residían alí e que eran descendentes
de cidadáns residentes, se querían tirar proveito do obsequio.
en épocas de cambio, ese núcleo de cidadáns loitaba por manter os
dereitos que acompañaban a súa identidade civil. nom lles abondaba con ser
cidadáns do Imperio romano; tamén querían que se lles recoñecese como cidadáns
desa Roma en miniatura que era a súa cidade natal. alentados por ese privilexio, negábanse a ser
confundidos coa masa anónima dos simples pobres. desexaban destacar, inda que só fose un
pouco, por riba da gris pobreza dos indixentes das cidades, así como sobre o
inmenso e anónimo mundo das zonas rurais que os rodeaban. recibir alimentos e
diversión nom só era unha comodidade; tamén facía que se sentiran diferentes do
resto. un amante da cidade tíñalles afecto, só a eles.
incluso nunha cidade pequena o grupo dos cidadáns nom coincidía con
todos os seus habitantes. sempre había
forasteiros e pobres que nom eran cidadáns (a miúdo inmigrantes procedentes das
zonas rurais) e que se mantiñan á marxe. visitar un teatro nalgunha cidade
africana ou en calquera outra parte implicaba comprender cal era o lugar que lle
correspondía a cada un nunha orde civil tradicional que nom cambiara ao longo
dos séculos. os cidadáns sentábase xuntos. nalgunhas cidades estaban divididos
en asociacións profesionais; cada asociación sentábase na súa propia ringleira
de bancos marcados. se ben os pobres sen dereitos e os forasteiros nom quedaban
excluídos, víanse obrigados a amorearse nas últimas filas, mentres que o populus se sentaba máis abaixo, próximo
ao espectáculo e xunto aos bancos do concello e ao asento do benefactor de
turno.
podemos apreciar máis claramente o funcionamento da severa lóxica do
dereito cidadán na xigantesca cidade de Roma. alí, o populus (ou a plebs) tal
vez supuxese menos da metade da poboación total, probabelmente uns douscentos
mil habitantes nunha cidade de medio millón de persoas. a súa posición
privilexiada debía ser moi patente. pois o que estaba en xogo en Roma era o
acceso privilexiado á comida subministrada pola célebre annona civica, é dicir, a doazón de gran e demais produtos
alimenticios reservados aos cidadáns de Roma.
nun mundo caracterizado polas flutuacións nas colleitas e o pavor ás
fames, os privilexios cidadáns ou a súa ausencia eran cuestión de vida ou
morte. gran parte da poboación de Roma era sumamente pobre. as escavacións de
soterramentos masivos revelan os estragos causados entre eles polas
enfermidades e a deficiente nutrición que padecían. pero só os membros do populus Romanus tiñan dereito a acceder gratuitamente ao gran, así
como a adquirir outros produtos alimenticios a prezos reducidos. en Roma, as
racións dispoñíbeis grazas á annona
nom abondaban para manter a unha familia enteira ao longo de todo un ano, pero
si podían protexela da fame.
por moi pobres que fosen, incluso os máis necesitados entre o populus Romanus nom recibían a súa por
ser mendigos, senón pola súa condición de cidadáns. como era de esperar, o pobo
de Roma estaba moi aferrado aos seus privilexios. en épocas de fames, a plebs nom aforraba esforzos para
colaborar co Senado na expulsión dos forasteiros da cidade, pois dese xeito
aseguraban ter comida abondo para todos.
![]() |
un emperador repartindo 'alimenta' arco de Benevento wikipedia |
Roma era a súa cidade, e de ninguén máis. cando ían aos sitios nos que
se distribuía a comida levaban consigo unha tésera de chumbo ou bronce (o
equivalente a un documento de identidade ou a un pasaporte) para demostrar que
eran membros da plebs frumentaria, é
dicir, cidadáns con dereito a gran. estar inscrito no rexistro como
destinatario da annona era un título
que podía mencionarse con orgullo na propia lápida. pois en Roma e en moitas
outras cidades do Baixo Imperio (inda que a unha escala menor), recibir unha
doazón de alimento nom o convertía a un en mendigo, senón en cidadán.
en suma, o populus nom era
pobre, nim desexaba que o trataran como tal. para un benefactor civil, pasar
por alto ao populus e mostrarse xeneroso
cos moitos miles de mendigos e inmigrantes que sobrevivían á marxe da cidade
nom era un acto de caridade; era un desaire aos cidadáns. só os máis arrogantes
podían ameazar con facer algo así. Amiano Marcelino escribiu sobre o senador Lampadio (prefecto urbano
en 365) ao que describe como o típico aristócrata romano:
'un home que nom soportaba que nom se lle louvase por facer as cousas
mellor que o resto, incluso cando se trataba de cuspir (...) cando Lampadio
ofreceu uns xogos magníficos e mostrou gran xenerosidade, nom puido soportar as
protestas groseiras da plebe que, con frecuencia, o apremaba para que fixera
máis doazóns. entón, para demostrar que era dadivoso e desprezaba os plebeios,
fixo vir desde o Vaticano a algúns necesitados e outorgoulles grandes
riquezas'.
daquela o Vaticano inda nom se asociaba ao gran santuario cristián de
Pedro. era un páramo, un cemiterio no que vivían os mendigos. o xesto
caprichoso de Lampadio demostraba, sen indicio algún de sentido cristián, que
en Roma a plebs e os pobres eran considerados
grupos completamente diferentes.
debemos lembrar que durante o IV, e incluso posteriormente, esta antiga
visión da comunidade estaba inda moi presente en numerosas rexións. continuara sen
variacións xunto ás igrexas cristiás. retrospectivamente, a poboación cristiá a
favor de estender a axuda en beneficio dos pobres tal vez dea a impresión de
representar un arrebato de compaixón, que era novidade. pero tiña un lado
escuro: borraba os límites tradicionais. presentar a pobreza como o único requisito
para a xenerosidade dos ricos devalaba o estatus de miles de persoas que se
consideraban, en primeiro lugar, cidadáns e só despois pobres. implicaba
tratalos como parte do mesmo ambiente malsán de miseria ao que pertencían os
mendigos, os vagabundos e os inmigrantes que atestaban as cidades. unha visión
tan ampla e indiscriminada minaba o delicado equilibrio dos grupos
institucionalizados (benfeitores, concelleiros e populus), dos que durante séculos dependera a vida das cidades do
Imperio romano. o mundo tiña que cambiar considerabelmente -tal como fixo
precisamente nestes séculos- para que a visión gris e universal dunha única
división entre ricos e pobres substituíra, en toda Europa, á visión clásica da
sociedade coma un panal de grupos civís.
cara 370, para moitas persoas (e nom só para os ricos), esta
perspectiva producía arrepío. pasar dun modelo de sociedade a outro implicaba
pasar da época da cidade clásica ao que recentemente se ten denominado 'Antigüidade
postardorromana', na que a cidade perdía finalmente as rendas do imaxinario
social. á preparación desta gran transición contribuíron as prédicas cristiás
sobre os pobres, o novo papel que estes desempeñaban nas comunidades cristiás e
a énfase cristiá na eficacia mística das doazóns piadosas ofrecidas tanto aos
pobres como á Igrexa.
extracto de
Peter
Brown, Through the Eye of a Needle
(2012)
tradución e
adaptación por xindiriz
Ningún comentario:
Publicar un comentario