xoves, 6 de decembro de 2018

o tesouro de Alarico, unha lenda?

representación do soterramento de Alarico
no leito do río Busento
con parte dos seus tesouros
como escribiu Georges Duby, o tesouro dun soberano é a base do seu poder.

no verán de 410, logo de entrar en Roma e saqueala durante tres días, Alarico e as xentes que lideraba dirixíronse ao sur da 'bota' italiana para tratar de pasar a Africa. nom puido ser debido a azares mariñeiros e cando regresaban ao norte e estaban acampados en Cosenza morreu o lider godo. xa era outono.

un dos textos de Jordanes cóntanos que Alarico chegara a Calabria cun 'botín resultado das súas peripecias por toda Italia' (ibi ergo veniens Aralicus rex vesegothorum cum opibus totius Italiae quas in praeda diripuerat).

o certo é que Alarico xa participara na batalla de Frigidus en 394, que deixou a Teodosio I como único rexente do Imperio Romano. pouco despois desa batalla Alarico pasou a encabezar un 'exército' de godos que circulou constantemente por diversas partes do imperio, tanto na pars orientis como na pars occidentis.

paseáronse durante anos por Epiro, Illyricum, Tesalia, Atica, Peloponeso, Noricum, Pannonia e Italia. sitiaron Constantinopla, Atenas, Ravenna e finalmente tamén Roma. e como produto desas peripecias o tesouro que se foi acumulando debía ser inmenso.

e se nom o era os feitos convertéronse en lenda, perdura inda hoxe. seguindo as fontes literarias dispoñíbeis propoñemos aquí unha especie de itinerario e contabilidade do dito tesouro.

408, logo das batallas de Pollentia e Verona, onde Estilicón derrotou aos 'godos', estes pode que tiveran perdido algún carro con tesouros.

408, logo de sitiar Roma e das negociacións con Senado a cidade decide pagar:
- 5000 libras de ouro,
- 30000 libras de prata,
- 4000 vestidos de seda,
- 3000 peles tinguidas de púrpura,
- 3000 libras de pementa.

410, logo do terceiro sitio de Roma Alarico entra na cidade e lévase consigo inmensas riquezas produto do saqueo dos bens móbeis de moitas casas aristocráticas de Roma e tamén
- os tesouros do forum pacis, onde se depositaban moitos obxectos de valor de ouro e prata conseguidos logo das vitorias militares romanas; por exemplo o produto do saqueo do Templo de Xerusalem (o candelabro dos Sete Brazos, vasos sacros, a Arca da Alianza, a Mesa de Salomón, ...) tal e como aparece representado no arco de Tito.

410, Xordanes cóntanos que Alarico foi soterrado no leito do río Busento xunto con parte do tesouro acumulado ('Alaricum cun multis opibus obruunt')

414, Ataúlfo, novo líder godo casa en Narbona con Gala Placidia e como dote agasállaa con
- 50 mozos de gran beleza vestidos de seda con dúas bandeixas (missoria) cada un, unha con moedas de ouro e outra con pedras preciosas de valor incalculábel.

415, en Barcino Ataúlfo e os godos deben realizar pagamentos astronómicos para que os vándalos lles vendan racións de trigo para alimentarse eles e as súas familias.

507, Alarico II é derrotado e morto na batalla de Vouillé polos francos dirixidos por Clodoveo. o tesouro real, depositado en Tolosa, tamén e capturado e trasladado a Angouleme.

sen embargo, segundo Procopio, o tesouro estaba fragmentado e unha parte importante estaba a salvo en Caracasona. os francos sitian a cidade para capturalo pero Teodorico envía un exército para recuperalo e trasládao a Ravenna.

526, morre Teodorico e o seu sucesor Atanarico devolve o tesouro a Amalarico, fillo lexítimo de Alarico II. Amalarico reside en Narbona.

531, Childeberto I, rei franco, coa excusa de rescatar a súa irmá, casada con Amalarico e maltratada e vexada por el, ataca Narbona e Amalarico decide retirarse a Barcino. os francos apodéranse dunha nova parte do tesouro godo e lévano consigo na súa retirada a Gallia. no tesouro capturado por Childeberto había obxectos preciosos das igrexas:
- 60 cálices,
- 15 patenas,
- 20 cofres cheos de evanxeos e libros litúrxicos.

semella lóxico que outra parte do tesouro godo fose conservado por Teudis, sucesor de Amalarico e o acompañase durante o seu reinado.

durante un tempo Theudis e os seus sucesores como rex gothorum nom tiveron sede fixa ata que Toletum pasou a ocupar esa categoría. polo tanto o tesouro acompañaríaos e estaría en cidades como Hispalis, Emerita ou Corduba, onde sabe que residiron. ata chegar a Toletum, que foi capital a partir de Atanaxildo e Leovixildo.

584, a derrota dos suevos por parte de Leovixildo tamén debeu supor a captura do tesouro real suevo, que iría a engrosar o godo, en Toletum.

711, Musa ibn Nusayr conquista Toletum e captura tamén o tesouro godo. as fontes árabes contan que era inmenso e inda incluía os obxectos preciosos do forum pacis antes mencionados.

as fontes árabes tamén comunican que o botín foi trasladado a Damasco, capital do califato, onde se lle perde a pista e nunca se volve saber del.

FONTE PRINCIPAL: ARCE, Javier Alarico. la integración frustrada (365/370-410 aD), pp. 159-162

Ningún comentario:

Publicar un comentario