xoves, 18 de outubro de 2018

Vermudo III, último dunha dinastía

sinatura de Vermudo III
wikipedia
Vermudo III, alcumado 'o Mozo' foi rei de Callaecia entre 1028 e 1037. herdou o goberno con 11 anos de idade, sendo recoñecido como imperator in Gallecia. Coa súa morte dise que se extingue a dinastía dos reis.

infancia e minoría de idade

naceu entre o 26 de xaneiro e o 7 de agosto de 1017, fillo de Afonso V e a súa primeira muller Elvira Meendiz, filla do conde galego Menendo González. tiña unha irmá maior, Sancha.

cedo quedou orfo de nai (2 de decembro de 1022), casando o rei ao ano seguinte con Urraca Garcés, irmá de Sancho III o Maior, rei de Pampilona.

Vermudo tiña once anos cando foi coroado rei e a súa primeira aparición na documentación é o 15 de novembro de 2018 cando concede doazón á igrexa de Santiago e bispo Vistruario, padriño seu. Afonso V falecera o 7 de agosto ao asediar Viseu.

Urraca, madrastra do rei, faise cargo da súa tutela ao ser Vermudo menor de idade. algúns nobres aproveitan a suposta debilidade real para declararse en rebeldía e raíña retoma certas posesións concedidas por Afonso a nobres declarados agora en rebeldía, como Oveco Rudesíndiz, cuxos bens foron doados ao bispado de Lugo.

a viúva apoiouse no grupo nobiliario partidario de Sancho, o que desagradou aos condes casteláns que buscaron alianzas para contrarrestar a influencia crecente de Sancho e promoveron o casamento de García Sánchez, conde de Castela, con Sancha, irmá de Vermudo.

segundo o Romanz del Infant Garcia, en 1028, cando o castelán visitou León para celebrar os esponsais correspondentes foi asasinado pola familia Vela, en vinganza por unha afronta anterior do pai de García, o conde Sancho García. García fora acompañado dun poderoso séquito pero parece que cometeu o erro de querer visitar a princesa de incógnito e só, pola noite, ocasión que aproveitaron os Vela para matalo.

a man executora foi Rodrigo Vela, padriño do bautismo do asasinado. quizás todo foi un plan urdido por Sancho, que tamén perseguiu e matou aos Vela, quizás para calar bocas acusadoras. o conde castelán nom tiña descendencia e Sancho aproveitou para facer valer os seus dereitos sobre o condado de Castela. estaba casado con Muniadona, irmá do asasinado.

tamén fixo valer os seus dereitos sobre as terras comprendidas entre os ríos Cea e Valderaduey. desde 1028, no condado de Cea nom quedaban homes da casa condal e Ximena Fernández, nai de Sancho, era irmá do último conde e filla de Fernando Vermúdez, o anterior.

a partir de 1032 Sancho estendeu a súa influencia á propia Legio. Vermudo, inda menor, retiraríase de xeito pacífico a Callaecia, mentres Sancho se fixo cargo da zona leste do reino, ata Astorga, probabelmente para manter a orde nesa parte do reino a partir de 1033.

maioría de idade

en 1035, con dezasete anos de idade, Vermudo regresa a Legio para gobernar sen que se produza ningún incidente cos pamploneses nim represalias contra os nobres ou bispos que colaboraran con Sancho durante a súa minoría.

é probábel que existise un pacto entre os dous do que formaba parte o casamento de Vermudo e Ximena Sánchez, filla do de Pampilona, que se celebrou antes do 17 de febreiro de 1035, data na que xa aparecen como home e muller. tiveron un fillo, Afonso, que morreu aos poucos días de nacer.

Sancho morre en outubro de 1035 na Bureba e xa a mediados de 1037 decláranse hostilidades entre Fernando, fillo seu e novo conde de Castela e Vermudo, sen que se coñeza o motivo exacto que detonou o conflito. Martínez Díez apunta a que Fernando se negou a recoñecer a autoridade de Vermudo

Vermudo atacou a Fernando, que se retirou en espera da axuda de seu irmán García Sánchez III de Navarra. Vermudo cruzou o condado de Monzón e continuou cara Burgos, xa en Castela.

batalla de Tamarón

suposto cránio de Vermudo
JOSETXO MÍNGUEZ
el país
o enfrontamento decisivo tivo lugar na batalla de Tamarón, onde Vermudo encabezou persoalmente a primeira liña de carga de cabalería e foi mortalmente ferido, rodeado de inimigos. Callaecia pasa a súa irmá Sancha, coroada como raíña, e logo do seu casamento con Fernando, este será considerado 'rei consorte' de Callaecia.

sobre a propia batalla existen varias versións. as datas poderían ser o 30 de agosto, 1 ou 4 de setembro. tamén o emprazamento exacto é un dato en discusión (Tamarón, en Burgos, ou Támara de Campos, en Palencia)

as crónicas naxerense, silense, Chronicon mundi de Lucas de Tui, os anais toledanos, compostelás e casteláns 'segundos' sitúan o feito no val de Tamarón. segundo a 'crónica silense' e do 'tudense', Vermudo cruzou a fronteira con Castela ('a liña do Pisuerga, e na conca daquel río, no val do Tamarón, nun arroio ao leste de Castroxeriz enfrontáronse os leoneses co exército navarro castelán ...') e a batalla tivo lugar 'super vallem Tamaron', e Tamarón é o actual pobo de Burgos que se atopa no mencionado val que forma o arroio de Sambol.

Támara, que nunca foi chamada Tamarón, nom está en ningún val. é con de rebus hispaniae, de Ximénez de Rada, onde se crea a confusión, xa que este situaba a batalla onde o río Carrión, relativamente próximo á vila de Támara, Palencia.

na disputa pola Terra de Campos, os territorios entre o Cea e o Pisuerga, é onde se orixina o conflito. a zona fora incorporada por Sancho III a Castela e Vermudo quería recuperala.

Vermudo III supostamente morreu a mans de sete inimigos cando se adiantou ás súas tropas debido á velocidade do seu cabalo, 'Pelayuelo', na busca do conde castelán. a súa garda nom o puido protexer adecuadamente.

tamén se apunta a posibilidade de se se desprotexeu durante a batalla, como xa fixera su pai Afonso V en Viseu, que faleceu porque se quitou a armadura debido á calor, posibilitando que unha saeta lle atravesare mortalmente o peito.

sepultura

sepulcros de Afonso V e Vermudo III en León
V.G.O.
el país
existe controversia sobre a localización actual dos restos de Vermudo: o Panteón de Reis de Isidoro de León ou o Mosteiro da María a Real de Nájera.

en Isidoro consérvase un sepulcro de pedra cun epitafio latino: hic est conditus veremudus junior rex legionis filius adefonsis regis iste habebit guerram cum cognato suo rege magno fernando et interfectus est ab illo in tamara.

en Nájera consérvase tamén un sepulcro con estatua xacente, no que a tradición sostén que foi depositado Vermudo. segundo esta versión, despois da batalla de Tamarón, Fernando I, que nom desexaba humillar os seus novos súbditos, decidiu que Vermudo fose enterrado no reino de Pamplona, depositándose primeiro no mosteiro de Hilaria e logo no de María a Maior de Nájera, un dos principais panteóns dos reis de Navarra. no sepulcro aparece representada sobre a tampa a imaxe xacente do rei, vestido con coraza, cuberto cun manto, e cunha coroa real. está barbado e coas mans no peito, e aos pés do sepulcro aparece esculpida unha inscrición referida a el.

investigacións actuais sobre Vermudo

os forenses ditaminan que a causa da morte do rei foron múltiples feridas de lanza e estoques. unha lanza entroulle polo ollo dereito, rebentou a órbita ocular e arrancoulle o maxilar superior. ademais, una ducia de estoques atravesáronlle a parte inferior do tronco. o resultado foi a morte no acto ou, como moito, agonía por múltiples infeccións pouco despois. quizás o rei ergueu a celada do casco ou o quitou e por iso recibiu esa ferida tan importante na cara.

esta información figura nunha autopsia que realizou un equipo da Sociedade Española de Paleopatoloxía aos seus restos en 1997, asinada por María Encina Prada Marcos e Francisco Etxeberría Gabilondo.

segundo as crónicas o rei foi lanceado, aseteado e atravesado por espadas e puñais en máis de corenta ocasións. sen embargo, a autopsia reduce o número de feridas a 16.

Josetxo Mínguez, da Asociación Cultural Tamarón, e experto na batalla, lembra que o museo de Isidoro, onde se sitúa o panteón dos reis de León, requiriu a presenza de 24 expertos e forenses en 1997 para ordenar o 'batiburrillo' de ósos en que se convertera o cemiterio real. só tiveron 15 días de prazo para concluír os traballos.

en 1808 as tropas francesas usaron a cripta de Isidoro (os seus frescos son considerados a 'capela sixtina' do románico) para os cabalos. os sepulcros dos reis foron saqueados en busca das pezas de ouro que puideran conter e convertidos en pías para as monturas. 'os ósos foron amontoados nunha esquina e trasladados a outra igrexa en 1865, inda que logo regresaron ao panteón. nos traslados perdeuse moito material, sobre todo os ósos de menor tamaño', segundo María Encina Prada.

os expertos encaixaron os ósos existentes como se fose un puzle para recompor os corpos, mais sen saber a quen correspondía cada esqueleto. menos un. era novo, entre 1,70 e 1,74 mts, con feridas de guerra que cadraban perfectamente coas de Vermudo. 'é moi posíbel que o sexa mais nom podemos estar seguros 100% ata que nom se fagan probas de ADN, pero si é verdade que os resultados apuntan a que sexa Vermudo', indica Prada.

o informe detalla as feridas; entre elas un lanzazo de 23 milímetros na cadeira (post mortem), outro máis no mesmo lugar de 11 milímetros, unha incisión lonxitudinal de 17, un espadazo oblicuo na parte dianteira do fémur, outra na posterior, un corte de 10 milímetros na meixela que lle 'secciona o oso malar', e a ferida mortal, 'unha ferida inciso-punzante de 47 milímetros de lonxitude na cara interna da órbita dereita que deixa a súa impronta sobre o parietal e sobre o maxilar superior e rompe a parede'.

o corpo, a diferenza doutros, nom estaba momificado porque o falecemento produciuse baixo as altas temperaturas de agosto e 'os procesos naturais de putrefacción' aceleráronse a causa 'dos extensos focos de contusións e feridas graves que facilitaron a entrada de microorganismos patóxenos, favorecendo e acelerando a descomposición cadavérica'.

Mínguez lembra que Tamarón (30 habitantes no censo e 300 descendentes repartidos por todo o mundo) celebra cada ano unha representación da batalla en agosto, 'estamos moi orgullosos da nosa historia e é un xeito de xuntarnos todos cada ano'. os veciños desta localidade teñen recompilado toda a documentación existente sobre a batalla e atesouran documentos, excepto probas arqueolóxicas concretas da loita. o único que posúen a referencia a un lugar denominado 'Carrera del Rey', que supoñen recibe este topónimo pola batalla que perdeu Vermudo en solitario: foi cara a morte a todo galope.

os de Támara de Campos, Palencia, tamén reivindican o lugar da batalla final, mais os expertos, sen descartalo por completo, póñeno en dúbida.

e onde está verdadeiramente o rei? Mínguez di que nos dous sitios: 'o corpo en León, mais daquela os reis construían mausoleos en diversos lugares. era un símbolo de poder. o importante nom eran os osos, mais si o sepulcro real, representación da súa autoridade'. o antropólogo forense Etxebarría intervén: 'quizás Nájera teña algúns dos restos porque nalgún momento da historia se levou algo alí, xa que nom os atopamos todos'.

Raquel Jaén, directora técnica do Museo de Isidoro, teno claro: 'nom ten sentido que o enterrasen en Nájera. temos o epitafio en latín e o seu sepulcro. as crónicas din que súa irmá Sancha o trouxo a León logo de morto para que descansara xunto ao pai, Afonso V. e desde entón aí están os dous'.

Gloria Treviño, xestora do museo do mosteiro de María a Real de Nájera contradí esta teoría: 'a súa tumba estaba no antigo convento románico da vila. cando o edificio desapareceu, os corpos de todos os reis foron trasladados ao actual panteón. é un feito histórico'. Treviño lembra que entre 923 e 1076 Nájera foi capital do reino navarro e por iso era o lugar elixido para dar sepultura aos monarcas. cando se lle pregunta se contan con algún documento que demostre que Vermudo está na localidade rioxana, responde: 'si, un, a tumba de pedra co seu nome'. e insiste: 'cando algún leonés ven a Nájera e nos di que Vermudo está en León, contestamos que nom, pero ao vir aqui xa tivo a oportunidade de coñecer un pavillón real cos restos dos monarcas do reino de Nájera-Navarra'.

en 2006, fixéronse probas de ADN para intentar poñer orden no 'batiburrillo' de ósos en León pero inda nom hai resultados completos. 'iso si. Vermudo está en León porque o esqueleto da súa tumba mostraba feridas de guerra' di Jaén, ao que Treviño replica que está en Nájera porque 'sempre ten estado aquí e, quen se vai inventar unha tumba dun rei que nin sequera é deste reino?'.

BIBLIOGRAFÍA:
Martínez Ortega, Ricardo (2000). «Toponimia latina y textos latinos medievales de España». Medievalismo: Boletín de la Sociedad Española de Estudios Medievales (10).
Sánchez Candeira (1999). Rosa Montero Tejada (edición patrocinada por Fundación BBV, Fundación Ramón Areces, Caja Madrid Fundación), ed. Castilla y León en el siglo X, estudio del reinado de Fernando I. Madrid: Real Academia de la Historia.

FONTES XORNALÍSTICAS:
VICENTE G. OLAYA, 'Bermudo III, dos sepulcros para un único rey' & 'así murió Bermudo III, el último rey asturleonés' EL PAÍS

Ningún comentario:

Publicar un comentario