encontro entre León Magno e Atila fresco de Rafael Sanzio (1513-1514) |
a
comezos do s. XVI Rafael Sanzio e a súa equipa de colaboradores
pintaban nas estancias vaticanas a entrevista entre Atila e o papa León I
que, segundo Próspero de Aquitania,
tivo lugar en 452. Próspero editou a última versión da súa crónica en 455, difundida
durante o pontificado de León. Para entón Atila xa morrera, pero non o seu
protector, o propio papa.
a idea
segundo a cal tiña sido o bispo de Roma, coa divindade que o protexía, o
verdadeiro axente histórico que impediu a entrada de Atila na cidade do Tíber acabaría
ten grande éxito. Próspero non podía nin imaxinar que o episodio ía ser levado
ao cine e que o ían ver miles e miles de persoas nas salas de proxección,
primeiro, e nas emisións de televisión, despois. Pero non.
para
decepción de moitos espectadores Atila non liquidou o imperio romano. Nin
sequera sabemos o alcance daquela entrevista, en calquera caso mantida con máis
personaxes ilustres da política romana do momento. Logo da entrevista (452), houbo
emperadores en Occidente durante case un cuarto de século. Iso si, a idea dunha
ameaza externa, dun enorme perigo conxurado pola intervención dun líder
relixioso causou furor e foi moi cedo asumida por quen desexaba labrar ese
campo.
a
crónica de Próspero transmite un apego especial ao papado, concretamente á
figura de León, baixo o que ascendera dentro do clero romano. A loita contra as
herexías e, xunto a iso, a idea de que a ortodoxia relixiosa debía estar
liderada polo bispo de Roma son o sustento ideolóxico da súa crónica. Despois
de todo, o propio Próspero tiña batallado pola defensa das doutrinas de Agostiño fronte a outros cregos, bispos
e monxes de Gallia, a súa terra
natal, ao punto que radicalizou enormemente as posicións do de Hippo Regius, no contexto xeral de
polarización do pensamento teolóxico que se producía en Gallia, sobre todo desde os 420s, coa recepción dalgúns dos ensaios
de Agostiño sobre a graza.
este
fundamento teolóxico, radicalizado, está na base de calquera referencia que
poidamos expurgar en Próspero. Polo tanto, non pode estrañar que, ao final do
texto, a mensaxe que tratara de inculcar nos seus lectores fora precisamente
que era o papa quen podía facer algo pola humanidade, e non tanto o emperador.
A mensaxe non era nada menor. A suposta intervención de León ante Atila, a fin
de salvar a cidade de Roma dos hunos, era contraposta directamente coa que
pouco despois introducía sobre o saqueo que levaron a cabo os vándalos na
cidade do Tíber en 455, pese a que León se tiña reunido tamén con Gaiserico.
esta
idea da superioridade do eclesiástico sobre o civil, da súa capacidade de
manobra, que Próspero exemplifica con León, é unha auténtica alternativa
ideolóxica ao sistema dos emperadores como referentes políticos, cando menos no
marco da creación cronística. E enlaza directamente coa proposta dalgúns textos
haxiográficos escritos entre finais do s. V (a Vida de Xermanus de Auxerre) e moi a comezos do VI pero sobre
protagonistas do V (a Vida de Epifanio de
Pavía, a Vida de Severinus do Noricum
o a Vida de Xenoveva de París).
Próspero
presenta a Gaiserico baixo a imaxe do perseguidor, situando o relixioso por
encima de calquera outro dos planos posibles. Algo semellante sucede co tema de
Atila. Tras referir a vitoria das tropas coordinadas por Aetius, nas que había numerosos pobos entre os que destacaron os
godos, Próspero cita a entrada de Atila e os seus exércitos en Italia. Próspero conclúe o relato do
episodio co cumio pretendido, que non é outro que o enxalzamento do seu heroe,
o papa. En tal disposición de feitos, e tras pintar a situación como caótica –a
pesar da vitoria do ano anterior–, a entrada resolve o asunto coa decisión de
León, apoiado sempre e en todo momento pola divindade, quen xunto con Avieno e
Trigetio formou unha delegación que marchou a entrevistarse con Atila que,
encantado coa reunión, decidiu parar a guerra e, tras prometer a paz, deixou Italia. Próspero, interesado nos asuntos
relixiosos como eixo do discurso cronístico, sitúa aquí o liderado de León como
elemento decisivo, como auténtico axente histórico.
e, o que
me parece máis importante, a entrada, sen dúbida rechamante para os seus
elitistas legentes contemporáneos,
aproveita o impacto que Atila tiña podido ter para eses grupos de Gallia (da que procedía o autor e en
cuxas rexións campara a heteroxénea masa militar “huna”) e de Italia (na que entrara Atila) para
colocar a mensaxe que realmente lle interesa: son os líderes relixiosos os
chamados a asumir o liderado nun momento tal.
a escena
do encontro entre Atila e León causou un gran impacto na tradición cristián, e
evidentemente resultou moi suxestiva para os defensores do papado de Roma como
institución de referencia. Non pode estrañarnos que tivera a importancia que
séculos despois lle daría Rafael, cando a pintou nunha das súas composicións
para as estancias vaticanas, por encargo de Xulio II, primeiro, e León X,
despois. A idea dun papado forte fronte a outras potencias encontraba en
escenas coma esta un referente ideolóxico e de lexitimidade nada desprezable.
En fin, o que Próspero ensaiou en 455 na última edición da súa crónica non é
moi diferente do que farán os haxiógrafos de finais do s. V (Constancio de Lugdunum) ou os primeirísimos do s. VI (Enodio ou Euxipio),
buscando a preeminencia do líder relixioso por encima de calquera liderado
terreal que, nestes últimos casos, xa non era o dos emperadores, cando menos en
Occidente.
entrada feita con elementos tirados do libro e páxinas seguintes. procurouse respectar ao máximo o orixinal pero mudáronse cousas para ter un texto final minimamente fiado e coherente.
unha salvedade importante: escribimos León I e non León Magno.
tradución e deturpación por @xindiriz
Santiago
CASTELLANOS En el final de Roma (ca.
455-480), 2013; p. 15, pp. 208-209, e pp. 292-293
Ningún comentario:
Publicar un comentario