xoves, 5 de marzo de 2015

705

moedas de al-Walid I atopadas en Sistan
en.wikipedia.org
Xisulfo I de Benevento captura Sora, Arpino e Arce, chegando a Horrea, saqueando e queimando todo ao seu paso, antes de atopar os embaixadores de Xoan VI, que rescatan a moitos cautivos a cambio de agasallos e ouro.

xaneiro, 11: morre Xoán VI.

febreiro, 20-22: o poder supremo de Wu Zetian vólvese na súa contra. Algúns altos cargos xa non confían na súa propia seguridade. O chanceler Zhang Jianzhi organiza un golpe co apoio de varios xenerais por medo a que a emperatriz decida ir contra eles. Deteñen e executan os irmáns Zong e a emperatriz en palacio. Colocan como emperador de novo a Zhongzong, moi influído e apoiado pola súa dona, a nova emperatriz Wei. Isto supón o final da dinastía Zhong, de curto percorrido, e a reinstauración da dinastía Tang.

marzo, 1: inicio do bispado de Xoán VII, que logra un acordo con Ariperto II para a concesión de terras no norte de Italia.

os árabes quebran a gran rebelión en Armenia: Muhammad ibn Marwan captura e deporta a Smbat VI Bagratuni e outros príncipes. Moitos dos nakharar capturados son reunidos e encerrados en igrexas en Nakhchevan, onde morren queimados.

agosto, 21: Xustiniano II é trasladado ao reino búlgaro, ao sur do Danubio e días despois logra entrar pola noite en Constantinopla usando o aqueducto de Valente coa axuda de partidarios; non tarda en ser aceptado de novo como emperador. Tiberio III retírase ao saber que Xustiniano ten no seu poder Blaquernae; tardará meses en ser capturado.

Xustiniano II concede a Tervel o título de caesar e territorios en Zagora (Thracia), en pago pola súa axuda para recuperar o trono.

batalla de Bamburh: Osred de Northumbria (nove anos) derrota a Eadwulf I coa axuda de ealdormen. O brazo forte do rei é o bispo Wilfrid.

Ine de Wessex ten conflitos con Sigeheard e Swaefred de Essex, que dan asilo a rivais de Ine procedentes de Wessex. En Brentford, os de Essex deciden entregar os asilados baixo a promesa de que Ine non tome represalias.

Geraint de Dumnonia concede terras en Maker (Cornwall) á abadía de Sherborne, nunha tentativa de reforzar a súa posición nas disputadas rexións de Dorset.

outubro, 8: morre o califa Abd al-Malik, sucedido al-Walid I, fillo seu, quen se propón mellorar as mesquitas de Madinat, Meca e Damasco, coa colaboración de arquitectos bizantinos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario