venres, 26 de xullo de 2013

xxix. reinado de carlos iv

Carlos IV
237. Carlos IV (1788 – 1808). A Carlos III sucedeulle o seu fillo Carlos IV, home de boas intencións pero que carecía das condicións necesarias para gobernar.

O goberno da nación pasou a mans do seu favorito Don Manuel Godoy, personaxe funesto para España. Tendo entrado en palacio como garda de Corps, foi protexido pola reina Dona María Luísa, e chegou a alcanzar as máis altas dignidades.

238. Guerra con Francia. A revolución tiña destronado en Francia ao rei Luís XVI, que morreu nun patíbulo. Entón España aliouse con Inglaterra, e declararon a guerra ao pobo francés.

Os franceses derrotaron as nosas tropas no Rosellón, penetraron na Península e apoderáronse dalgunhas prazas, en vista do que España pediu a paz, que se asinou en Basilea, séndonos devoltas as prazas tomadas, pero cedendo a Francia a illa de Santo Domingo. O vergoñento resultado desta guerra valeu a Godoy o título de Príncipe da Paz (1795).

Gravina e Churruca
239. Desacertos de Godoy. Pouco tempo despois de ter que entregar a Francia a illa de Santo Domingo, Godoy asinou un tratado con aquela nación, a consecuencia do que tivemos que soster unha guerra con Inglaterra, guerra que colmou a desgraza de España.

240. Batalla de Trafalgar. Napoleón era xa xefe supremo de Francia; declarou a guerra a Inglaterra, e a armada española tivo que unirse á francesa, sendo ambas destrozadas pola escuadra británica na batalla naval de Trafalgar, onde inmortalizaron os seus nomes os nosos mariños Churruca e Gravina (1805).

Na memorable batalla de Trafalgar, perderon a súa vida Gravina e Churruca, e tamén pereceu nela o gran almirante Nelson, o mariño máis ilustre que tivo Inglaterra. O desastre de Trafalgar acabou co poder marítimo de España.

241. Astucia de Napoleón. Portugal era aliado de Inglaterra, e Napoleón, para penetrar facilmente en España, acordou con Carlos IV, por mediación de Godoy, o destronamento do rei de Portugal e a entrada en España das tropas francesas coa fin de dirixirse contra o rei lusitano.

Coñecendo o César francés a influencia de Godoy sobre a familia real española, asegurouse a amizade do favorito, prometéndolle para el e a súa descendencia, a creación do Principado dos Algarbes, importante rexión portuguesa.

242. Invasión francesa (1807). Co pretexto de pasar a Portugal, os exércitos franceses penetraron en España e apoderáronse arteiramente de Figueres, Barcelona, Pamplona, San Sebastián e Madrid.

243. Actitude da familia real. Ao descubrir os plans aleivosos de Napoleón, Carlos IV e a súa familia pensaron embarcar para as posesións españolas de América. Esta nova fixo estalar a indignación pública contra Godoy; o pobo amotinouse, e a duras penas o favorito puido salvar a vida (1808).

244. Abdicación de Carlos IV. A consecuencia do motín contra Godoy, Carlos IV abdicou a coroa no seu fillo Fernando VII.

245. A familia real, a Francia. Aos poucos días de ter abdicado Carlos IV, a familia real española e o Príncipe da Paz saíron para Baiona (Francia) chamados por Napoleón, que se ofreceu a intervir nas súas discordias, pois Carlos IV declarara nula a súa abdicación, dicindo que tiña cedido á violencia.

246. Xuízo acerca deste reinado. O reinado de Carlos IV e o goberno de Godoy foron funestos para España, pois trouxeron a invasión francesa, e a prosperidade e cultura do país experimentaron notable retroceso.


a "súa" histora de España

Ningún comentario:

Publicar un comentario