sábado, 3 de novembro de 2012

idade escura?

portada da edición española
do libro de Franz Georg Maier
OS CATRO SÉCULOS E MEDIO ENTRE CONSTANTINO E CARLOMAGNO CONSTITÚEN, incluso hoxe, un motivo de perplexidade para a ciencia histórica. A pesar da riqueza da época en canto a manifestacións históricas, experiencias políticas e creacións espirituais de transcendencia mundial, inda se presenta demasiado a miúdo coma un período “de transición entre a destrución do imperio romano e o lento xurdimento do caos da nosa sociedade occidental”. Inda non ten desaparecido da nosa conciencia o mito das dark ages –que debe a Gibbon boa parte do seu atractivo–, a imaxe de séculos de caos semi-bárbaro, cheos de ignorancia supersticiosa e de letargo sufocante, de intrigas bizantinas e de horrores cometidos por árabes e xermanos, nos que se van salvando con dificultade os últimos restos da cultura antiga, elementos de construción da futura Europa.

A representación que fai Gibbon da época, medio milenio de destrución, xa non é unanimemente aceptada. As visións sobre a caída do imperio romano diferéncianse cada vez máis e téndese a revalorizar estes séculos. Bizancio é definida como potencia histórica autónoma, de admirable plenitude de vida e forza rexeneradoras. A súa arte é respectada coma corresponde ao seu alto categoría e a súa influencia no mundo eslavo. Tamén o significado histórico mundial do Islam faise máis claro e non unicamente polo que entraña a súa transmisión da herdanza cultural da Antigüidade á tradición espiritual de Europa. En occidente aprécianse comezos creadores, en lugar dunha caída catastrófica do mundo romano; vese alí a lenta edificación das bases do mundo medieval. Pero inda que esta época ten múltiples aspectos, carece dun perfil propio. Nada é máis instrutivo acerca da inseguridade da historia que a constante discusión sobre a fronteira temporal entre Antigüidade e Idade Media, xa que a cuestión dos límites temporais identifícase necesariamente co problema da significación e ordenamento históricos dunha época.

A polémica sobre os límites entre Antigüidade e Idade Media é, no fondo, tan antiga como a propia ciencia histórica. Ao respecto impuxéronse tres opcións no s. xix: a primeira databa o comezo da Idade Media en 324, cando Constantino, primeiro emperador cristián, se desfixo dos seus rivais; a segunda, en 395, data da partición do imperio; a terceira, en 476, coincidindo coa fin do imperio romano de Occidente. Pero datas illadas non poden significar cesura no proceso histórico, non existe ningunha fronteira temporal nun punto dado, senón “amplas zonas de graduais transformacións,” que hoxe se sitúan en torno ao ano 600, concibindo a época dende Dioclecio e Constantino ata entón como o período propio da Antigüidade tardía. De feito, a finais do s. vi e principios do vii prodúcense unha serie de acontecementos que parecen caracterizar este espazo de tempo como zona fronteiriza entre dúas épocas: a creación polos lombardos da última formación estatal xermana sobre chan imperial (568); o papado de Gregorio o Grande (590-604); a reforma incipiente do imperio bizantino a partir de Heraclio (610-641); a aparición de eslavos e ávaros nos Balcáns; e, por último, o comezo da expansión islámica (632). Pero a teoría dunha fronteira temporal elástica arredor de 600 non permaneceu sen detractores. A historia económica e artística postulaban a continuidade da evolución cultural dende a “antigüidade tardía” ata Carlomagno. Acentuouse o carácter romano tardío do reino merovinxio e demostrouse no reino visigodo español a existencia de “vestixios da Antigüidade tardía” ata a conquista árabe en 711. Tamén para H. Pirenne a Antigüidade estendeuse, no fondo, ata Carlomagno. A  destrución da antiga cultura mediterránea, iniciada polo Islam e non pola invasión dos bárbaros, complétase, logo dun século de convulsións, arredor de 750. É dicir, persiste certa perplexidade: os séculos entre Dioclecio e Carlomagno constituirían unha “época de transición”, na que se tería producido, mediante o desenvolvemento de novas formas sociais, o transo dende a antigüidade romana á sociedade medieval europea. Segundo a necesidade, podería atribuírse á Antigüidade ou á Idade Media propiamente dita.


ENTRE DIOCLECIO E CONSTANTINO, POR UNHA BANDA, E O ASCENSO dos carolinxios, por outra, perfílase con nitidez unha homoxeneidade e peculiaridade internas en determinados elementos que non pertencen especificamente nin á Antigüidade nin á Idade Media. A súa primeira e fundamental característica é a continuidade e unidade das rexións mediterráneas como espazo histórico, que se rompen por primeira vez no s. viii. Nin a separación lingüística e relixiosa entre o oeste latino e o leste grego nin a división política en varios estados soberanos, estorban esta unidade ata finais do s. vii. A vida converxe nas beiras do mare nostrum, convertido no lago interior romano. Ata alí conducen as rutas comerciais; alí se asentan os grandes centros da economía e da cultura. O control das rutas marítimas e comerciais constitúe un factor importante no mantemento da soberanía. O Mediterráneo, como campo de forzas politicamente unidas, como área económica e espazo cultural, tiña xa, evidentemente, unha importancia fundamental na antigüidade romana. Pero a preeminencia acadada polas provincias orientais do imperio introduce un cambio na situación. Nestes séculos –tanto na conciencia dos contemporáneos, como na mesma realidade histórica– o centro de gravidade dos acontecementos atópase na parte oriental do imperio. Bizancio–Constantinopla é agora o centro indiscutido do mundo, a capital de oriente domina a política e a vida espiritual. A supervivencia política do imperio de Oriente durante a invasión dos bárbaros ten fortalecido inda máis tal situación de preeminencia. Ao mesmo tempo, o feito de que Constantinopla, ao contrario de Roma, sexa un porto importante e unha metrópole comercial, contribúe decisivamente a conservar a unidade mediterránea durante moito tempo. O carácter mediterráneo da política e da cultura perdura deste xeito ata moi entrado o s. vii. Incluso para os reinos xermánicos de occidente Constantinopla segue a ser o centro do acontecer mundial e o modelo da arte e da forma de vida.

Un segundo factor explica a unidade e peculiaridade da época: durante séculos permanece coma forza dominante a nova estrutura social do imperium romanum christianum. En primeiro lugar, abrangue politicamente a totalidade do ámbito mediterráneo durante 200 anos (284-476). Pero, incluso cando a unidade estatal da área se diluíra tempo despois no pluralismo de imperio bizantino, califato e estados xermánicos, seguiu a ser determinante a herdanza político-social e espiritual do tardío imperio romano sobre a todo o ámbito do antigo imperio, inda que o territorio se estruturara de xeito diferente. As formas sociais e políticas que xurdiron no s. iv e que, en principio, representaron un precario balanzo de novas institucións e ideas nun sistema social conformado ao estilo tradicional, mostraron ata comezos do s. viii unha extraordinaria eficacia e vitalidade. Seguiron vixentes no imperio romano ata a fin da época xustinianea. Pero determinadas características fundamentais (monarquía hereditaria absolutista, burocracia centralizada e pagada, economía monetaria e posición da nobreza terratenente) determinaron, por riba das reformas de Heraclio, a historia posterior de Bizancio e contribuíron a crear a súa posición de poder e o seu alto nivel cultural. Tampouco en occidente queda eliminada esta herdanza coa invasión dos bárbaros; actúa con intensidade nos estados xermánicos orientais e no reino dos merovinxios. Os señores xermanos sérvense inda durante longo tempo de formas absolutistas de poder e dunha burocracia organizada segundo os modelos do tardío imperio romano. A forma tamén romano-tardía do dominio das terras (grandes fundos con campesiños vinculados á gleba, en poder da nobreza) configura sociedade e economía, converténdose no limiar do sistema feudal. Igualmente se conservan nos dominios xermanos, se ben en proporcións reducidas, estradas e acuedutos e, en xeral, os medios de comunicación e de comercio da época romano-tardía. “Dende o punto de vista organizativo, (os reinos xermánicos) só representan, no fondo, un ordenamento provincial romano, ampliado co estamento guerreiro xermano e co seu rei”. Incluso no primeiro Islam persisten no estado, na sociedade e na economía formas tardías romano-bizantinas. Os primeiros califas dominan en Siria e Exipto con axuda da estrutura administrativa bizantina e a súa organización fiscal. Durante moito tempo, a disolución política é incapaz de destruír a unidade cultural do mundo mediterráneo. A pesar das particulares formas orixinadas pola evolución local, a arte mantén o seu carácter unitario. As súas creacións están inspiradas, tamén en occidente e no primeiro Islam, por un estilo que non era nin antigo nin medieval: o protobizantino.

As construcións de Ravenna ou a gran mesquita de Damasco, así como as creacións merovinxias tardías e visigodas, constitúen magníficos e impresionantes exemplos desta influencia dominante. Pero non só o estilo, tampouco a intención e significación da arte e a literatura pertencen á Antigüidade. A fe e a doutrina cristiáns constitúen o impulso dominante de toda creación, o seu inconfundible alicerce espiritual. Tanto na forma como no contido, o cristianismo establece unha nova escala de valores. As manifestacións espirituais e culturais desta época non poden valorarse segundo canons clasicistas, cos que, pola contra, poderían xulgarse semellantes creacións históricas da antigüidade grecorromana. Non son homes de letras efémeros, cunha forzada “latinidade” clásica, as figuras espiritualmente importantes e típicas desta época, senón os Pais da Igrexa, pese a que a miúdo usen un latín mediocre e un grego basto.

Ningún destes factores é por si mesmo decisivo. O que aporta personalidade á época son as súas interferencias e as transformacións posteriores. Pois, a pesar de tantas estruturas transitorias, non é unha época sen historia. As grandes dislocacións políticas, motivadas pola invasión dos bárbaros e a expansión islámica, transforman a aparencia exterior do mundo. Pero tamén se producen procesos de transformación social e espiritual. O imperio de “guerreiros e monxes” de Heraclio é un organismo distinto ao imperio de Constantino. Dende Clodoveo ata os primeiros carolinxios, o estado merovinxio sofre radicais cambios de estrutura e poder. O estado árabe evoluciona dende o poder carismático de Muhammad ata o estado secularizado dos Umayya.

Xunto á casca da estrutura romano-tardía-bizantina, aparecen elementos evolutivos doutras procedencias que conducen a novas formas estatais, sociais e espirituais, como se manifesta na evolución do papado e nos comezos da vasalaxe. Estas novas tendencias son, en parte, perceptibles anteriormente como forzas latentes: xa nos ss. v e vi se produce, sobre todo en Gallia, a fusión da tradición tribal xermánica coa orde social romano-tardía, a fe cristiá e a cultura latina tardía. Pero todos estes elementos non chegan a actuar plenamente ata a crise de finais do s. v e comezos do viii. Agora xorden na, cando menos culturalmente, inda homoxénea área mediterránea e do Oriente Próximo novos centros de gravidade espiritual e económica: no NO a rexión franca e anglosaxona e no E as capitais do mundo islámico. Simultaneamente, comezan a consolidarse as fronteiras entre as tres grandes áreas de poder creadas pola invasión árabe e o ascenso dos carolinxios. Dun mundo cunha sola capital aparecen, nun proceso de fecundas diferenciacións, tres novos cos seus propios centros impulsores: a Idade Media europeo-occidental, o Bizancio greco-ortodoxo, e a rexión árabe-islámica, representando cadanseu un tipo de cultura peculiar.

As dark ages posúen a súa propia forma de vida, distinta tamén da medieval; non poden definirse só como o período do lento crecemento de Europa na súa propia historia. O mundo medieval de occidente (e con el, en última instancia, a estrutura da vida e o pensamento europeo) non ten evolucionado sen rupturas, a partir da herdanza clásico-cristiana do tardío imperio romano. O distanciamento dos pobos xermánicos, sobre todo dos francos, das tradicións culturais e políticas do imperio, crea precisamente nestes séculos as premisas decisivas do futuro. Pero o xurdimento da Europa medieval non foi un proceso inevitable. Nun momento determinado levouse a cabo unha ruptura radical: o reino franco separouse das tradicións antigas. Esta ruptura foi unha crise de crecemento, non unha catástrofe. O que xorde alí como nova forma de vida non é nin obrigado nin natural, como demostra a evolución diferente de oriente. Europa naceu dun acontecemento que se aparta das tradicións espirituais e das tendencias evolutivas do mundo do imperium romanum christianum. A permanencia das formas tardío-romanas-bizantinas tería proporcionado á historia de occidente unha dirección fundamentalmente distinta.


REFERENCIAS:
a, os dous vídeos (inglés) repasan os principais acontecementos e persoeiros desta época histórica e a interpretación que deles se ten feito
b, os dous fragmentos son tradución de partes substanciais do prólogo ao libro Die Verwandlung der Mittelmeerwelt (1968) escrito por Franz Georg MAIER, traducido ao castelán por Pedro Viadero e publicado en 1972 na colección Historia Universal Siglo XXI con titulo de las transformaciones del mundo mediterráneo. siglos iii-viii

Ningún comentario:

Publicar un comentario