domingo, 21 de xullo de 2013

xiii. monarquía de león

Ordoño II
100. Orixe do reino de León. A monarquía de Asturias tiña ampliado considerablemente as súas fronteiras, e trasladou a súa corte a León, a fin de que a capital do seu reino estivese máis no centro dos seus dominios.

O reino de León é, polo tanto, o mesmo reino de Asturias: só ten mudado de nome. O primeiro soberano que se titulou Rei de León foi García I, que só reinou tres anos, fillo de Afonso III o Grande de Asturias. (A monarquía de León comprende dende o ano 914 ao 1037).

101. Reis máis notábeis. Os reis de León máis notábeis son: Ordoño II, Ramiro II e Afonso V o Nobre.

Ordoño II batallou con sorte e valentía contra os moros, fortificou boa parte da ribeira do Douro e edificou a nova Catedral de León, cedendo para iso o seu propio palacio.

Ramiro II
Ramiro II derrotou a Abderramán III en varios encontros, apoderouse da praza de Madrid e levou as súas armas vitoriosas ata Toledo.

Afonso V o Nobre dedicouse a reparar os danos causados polas correrías de Almanzor e emprendeu a conquista de Portugal, morrendo no sitio de Viseu.

102. Importancia da monarquía de León. Os reis de León traballaron sen descanso na santa obra da Reconquista, e no período máis difícil da mesma, por canto o Califato de Córdoba era poderoso: Abderramán III e Almanzor semellaba que ían acabar cos reinos cristiáns, e, a pesar de todo isto, o Califato esborrállase cando a monarquía de León se estende uníndose a Castela.

Afonso V o Nobre
103. Progresos notábeis daquela época. Durante o goberno dos reis de León, celebráronse Cortes; concedéronse foros e privilexios aos pobos; creáronse os municipios; as riquezas e as artes tiveron prosperidade, e aumentou a riqueza pública.

104. Xuízo moi honroso. Di un historiador notable, que, se ben é verdade que a monarquía de Asturias creou a Patria, a de León creou a nacionalidade.

105. O Condado de Castela.  O terreo situado na prolongación oriental do reino asturiano – leonés, tomou o nome de Castela polos moitos castelos e fortalezas que nel se ergueron ao iniciarse a Reconquista, para impedir as correrías dos moros, e este territorio, dependente do reino de León, foi gobernado por Condes, xefes militares de autoridade case soberana. Un destes condes foi Fernán González, que rompeu completamente os vínculos que lle unían con León, erixíndose en Condado Independente.


a "súa" historia de España

Ningún comentario:

Publicar un comentario