venres, 4 de xaneiro de 2013

451

representación da batalla de Avarayr

Marciano e Adelfius, cónsules.

os hunos, reforzados por bastarnae, xépidos (Ardarico), herulos, ostrogodos (Theodemir), ruxios, esciros, turinxios, entre outros, avanzan polo Danubio e logo diríxense cara ao Rhin, onde desexan acabar cun primeiro obxectivo: os francos ripuarios, aliados de Aetius. Chegan a Belgica, son uns 50.000 homes de armas.

abril, 7: os hunos toman e saquean Divodurum (Metz); logo avanzan en dirección suroeste, cara o val do Loira: Estrasburgo, Worms, Mogontiacum, Treverorum, Colonia, Reims, Tournai, Amiens e Beauvais, todas destruídas.

Eudocia, filla de Valentiniano III, casa con Hunerico en Ravenna. O compromiso serve para apuntalar a alianza entre o imperio e os vándalos.

maio, 26: batalla nas chairas de Avarayr: 66.000 armenios defenden a súa fe e independencia contra os persas e a súa escollida tropa de “inmortais” sobre elefantes; ven minguadas as súas liñas no momento crucial pola defección dos nakharars iranófilos e son derrotados; Bardan Mamikonian e a flor da cabalería armenia morren no campo de batalla. Inda así Yezdegerd II permite que conserven a súa fe.

Aetius reforza as tropas romanas e convoca os aliados: acoden armoricanos, francos salios e burgundios. Teodorico I pretende permanecer neutral pero Avitus logra convencelo e finalmente marcha dende Aquitania cara o norte.

xuño: Atila aproxímase a Aurelianum (Orleans) pero chega Aetius e retrocede.

(segundo Xordanes) Sanxibano, monarca alano acantonado en Orleáns, quere entregar a cidade a Atila.

(segundo Sidonio) os hunos si entran en Orleans polo que se deduce dunha carta (477-79) a Próspero, agora bispo da cidade, na que se cita o sucedido (bello Attilae) e o papel xogado por Aniano.

(segundo Gregorio de Tours): os cidadáns horrorizados acoden ao bispo para saber que facer. Aniano resposta que se axeonllen e recen, e convídaos a contemplar o horizonte dende as murallas da cidade. Por tres veces dilles que verán a axuda de Deus. Nas dúas primeiras os asediados non ven nada, excepto os exércitos de Atila, dispostos para o asedio. Na terceira divísase a chegada de Aetius e Teodorico, que obrigan a Atila a retirarse. Nesta versión haxiográfica intercálanse diálogos entre Aniano e Atila, e o bispo aparece como defensor de omnis turba civium (Vita Aniani).

a defensa de Troyes polo seu bispo Lupo (vita Lupi) nárrase en termos parecidos.

(segundo Gregorio de Tours) en Tongres o papel máis activo corresponde ao bispo Aravatio, que reza, coa particularidade de que decide facelo ante o mesmo sepulcro de Pedro, polo que marcha cara a mesma Roma. Despois de 20 días de non comer e rezar o propio Pedro lle manda regresar e prepararse para a súa propia morte, para que non presencie os desastres que van ter lugar. Así acontece.

en París Xenoveva tamén promove unha actitude pasiva, de vixía e oración, ante o perigo huno, polo que os seus concidadáns a consideran pseudoprofeta.

estas referencias de intervención de bispos ante o perigo huno sitúanse en lugares periféricos á área nuclear da vella administración galo-romana. encádranse nun proceso no que a aristocracia está reorientando o seu papel para manter o patrocinio sobre as cidades: o poder central do imperio é cada vez menor e está menos presente, as hexemonías locais cobran un papel evidente. A literatura haxiográfica encárgase de asentar os tópicos perfilados: defensa da cidade – poder episcopal, binomio bispo/murallas.

as fontes codifican o papel do bispo como auténtico líder cidadán (a antiga institución do defensor civitatis e as súas funcións agora resumidas na defensa da civitas ante o perigo exterior): a xente non acode a ningunha outra instancia civil ou militar, e as súas instrucións son seguidas sen dilación, como corresponde á auctoritas que xa posuiría. Os relatos vincúlanos de maneira estreita coas murallas da cidade, símbolo e elemento esencial da paisaxe cidadá durante a tardoantigüídade. E, finalmente, a súa mediación ante a divindade consigue a salvación ante o perigo.

non é casual que a maioría destas fontes procedan de ámbitos episcopais que aproveitan para facer unha importante labor propagandística en favor da consolidación de certo perfil da figura do bispo no contexto da invasión de Atila.

xuño, 20: batalla dos Campos Cataláunicos (leste de París, lembrando unha antiga tribo celta que os poboara); comezo das operacións ás tres da tarde (hora nona): Aetius sitúa as súas propias tropas á esquerda, os godos á dereita e no centro os aliados máis febles. Confía en que Atila seguirá o seu costume de atacar polo centro co groso do exército, e así é. Mentres os hunos avanzan polo centro, os romanos e os godos destrúen os flancos do exército de Atila e logo péchanse sobre o centro. Aetius pode conseguir una vitoria completa, pero considera que uns godos reforzados por derrotar os hunos serían moito máis difíciles de manexar, así que sacrifica a vitoria. Na batalla morre Teodorico, e Aetius apresúrase a recomendar a Turismundo, a quen o xeneralísimo tiña retido como refén ante unha posible negativa de Teodorico I a loitar no último momento. Cando os godos se retiran tamén o fan os hunos.

xuño, 28: vese o cometa Halley.

o mandato de Turismundo interrompe as boas relacións cos romanos: Thurismundus rex Gothorum Arelatem circumspectat.

outubro, 8 – novembro, 1: Marciano e Pulcheria, católicos estritos, convocan concilio en Calcedonia, celebrado na igrexa de Euphemia cunha posición de honor para os legados de León I e a aprobación do seu tome, que define a ortodoxia: condena do monofisismo e do nestorianismo e restitución de León I (condenado en Éfeso). A doutrina da dobre natureza de Xesús convértese en parte do dogma católico. Eutychius é desterrado a Exipto, onde segue gañando partidarios.

en Calcedonia ratifícase a condición de Patriarcado para Xerusalem e auméntase a autoridade do de Constantinopla, pese á oposición de León. Dioscorus de Alexandría é deposto e deportado; o novo bispo é Proterius, protexido por 2000 gardas.

a derrota de Dioscorus quebra a influencia de Alexandría e quedan Roma e Constantinopla fronte a fronte como autoridades supremas na igrexa. Roma comeza a nomear legados (moitas veces fan de espías e informadores) en Constantinopla: a loita entre as igrexas será aceda e prolongada.

ordénase aos monxes cinguirse á vida santa baixo pena de anatema pero os decretos conciliares acéptanse ou rexéitanse dependendo do partido dominante en cada cidade. Nas sés metropolitanas hai bispos rivais, que se anatematizan mutuamente e buscan partidarios no poder civil, na poboación ou nos monxes, moitas veces máis violentos que o populacho.

Milman: “os monxes, en realidade, exercían unha tiranía completa, non só sobre os leigos, senón tamén sobre bispos e patriarcas, cuxa autoridade interrompían cando lles parecía axeitado e conveniente … en Alexandría, Antioquía, Xerusalem, Constantinopla, decidían sobre a ortodoxia a seguir e os bispos cedían ante eles: Macedonius en Constantinopla, Flavianus en Antioquía, Elías en Xerusalem son condenados ou abdican ou son apartados. En Antioquía Xenaias xustifica a súa insurrección polas persecucións sufridas. Derrame de sangue, asasinato, traizón, asasinatos políticos, incluso durante oracións públicas.” En Xerusalen Teodosio, un monxe monofisita, expulsa a Juvenalis, o bispo, sendo consagrado e manténdose na cadeira de bispo por medio da violencia. En Nitria, próxima a Alexandría, os monxes estaban sempre dispostos a interferir na vida cidadá coas armas.

Gibbon: “(os monxes) adoitaban ou cortar ou rapar o pelo, envolvían a cabeza nun capuchón para evitar a visión de obxectos profanos; as pernas e os pés espidos, excepto no máis duro do inverno, e os seus pasos lentos e febles apoiados nunha longa vara. O aspecto dun auténtico anacoreta era horrendo e desacougante, cada sensación ofensiva para o home pensouse que sería aceptada por Deus; e a norma anxélica de Tabenne condenou o saudable costume de bañarse e untarse con aceites”

en Constantinopla, Zenón é nomeado patricius.

Yazdegerd II decreta a abolición do shabbat e ordena a execución dos líderes xudeus, incluído o exilarca.

morren Nestorio, Liu Yikang (principe da dinastía Liu Song), Pei Songzhi (historiador chinés), e Tuoba Huang (príncipe dos Wei do norte).

Ningún comentario:

Publicar un comentario