Emerita Augusta art1arquitectura.blogspot.com |
os
bispos son unha figura chave na sociedade do período visigodo en Hispania. Están omnipresentes en todas
as actividades da vida, ao máis alto nivel e na regulamentación dos costumes,
nas cerimonias e na política. Coñecemos centos de bispos ben porque asinaron as
actas de asistencia aos concilios, ben porque deixaron algo escrito ou porque
son mencionados nos textos por distintas razóns. O bispo é un personaxe de
ascendencia e de poder, de clara influencia na vida da comunidade. En
realidade, como veremos, os bispos ditan a política, póñense de parte do rei ou
na súa contra, toman partido por esta ou outra causa. Ocúpanse das comunidades
das cidades, chegan a ser líderes e everxetas que se interesan polo benestar
das xentes. Este papel dos bispos non é exclusivo da sociedade visigoda.
Esténdese e é semellante noutros lugares e reinos e, por suposto, no Imperio
Romano Oriental, rexido desde Constantinopla. as súas querelas relixiosas moven
masas e orixinan motíns, en ocasións violentos e desapiadados con contrario. Os
emperadores e reis sucumben á súa influencia, os precisan, alíanse con eles. En
poder dos bispos está a excomuñón, a sentenza, a anatematización. Son unha nova
forma de poder local, a autoridade na cidade; son construtores, remedio dos
pobres e desamparados, controlan as masas. O bispo é o vir venerabilis, case intocable.
como se chega a ser bispo en época
visigoda?
anos
antes do ascenso de Leovixildo ao
trono de Toledo chega a Emerita un bo
día un individuo chamado Paulo. Viña
de moi lonxe –de Oriente–. E era médico de profesión. É imposible saber a súa
orixe exacta. A expresión de Orientis partibus
que utiliza o texto que narra esta historia (as Vitas Patrum emeritensium) é tan xenérico que o mesmo podería vir
de Constantinopla, que de Antioquía, ou de Atenas, ou de Alexandría. Nesta última
había unha forte tradición de escolas de medicina, pero é todo o que se pode
dicir. Respecto á data, o máis que podemos saber igualmente é que foi entre 540–550.
Paulo chegara como peregrinus e sen
fortuna algunha (nihilque habens di o
texto). Este home estranxeiro sen dúbida buscaba traballo, e o ía atopar en Emerita, onde estaba o santuario da
mártir Eulalia, que atraía
peregrinos, enfermos e devotos en todas partes. En Emerita había traballo para un médico. Non importaban as
distancias. Neste período a xente cruzaba o Mediterráneo con certa facilidade:
de oriente a occidente e de occidente a oriente. O mozo Hydacio, a comezos do s. V, foi a Xerusalem acompañado de seu pai,
para visitar os Santos Lugares e os personaxes ilustres que vivían alí, entre
eles Xerome.
un médico
sempre resulta imprescindible. E Paulo gañouse cedo o respecto e a admiración
dos seus concidadáns precisamente polos seus coñecementos médicos. As súas
virtudes e a súa bondade lle granxearon o favor popular e, segundo o autor da Vitas, “Deus lle comunicou que merecía o
episcopado da cidade”. Sexa como fose, foi ordenado bispo. Sen dúbida na
elección participaron o pobo, o clero, e cando menos tres bispos. O pobo
coñecía a súa vida e considerouno apropiado para o cargo. Este feito demostra
que os bispos non sempre eran, nesta época, membros das familias aristocráticas
ou hispanorromanas donas de grandes fortunas. A arte da curación era un potente
presuposto para poder converterse en guía espiritual das ánimas.
un feito
semellante fixo del o home máis rico da rexión: pola súa mestría e coñecementos
salvou a vida da esposa dun riquísimo senador local realizando unha cesárea. Como
recompensa e agradecemento recibiu a metade dos bens do senador en herdanza e,
cando o matrimonio finou, o resto. Paulo, xa bispo, viuse pasar, de peregrinus e indixente, ao home máis
rico e poderoso da cidade. Paulo non fixo fortuna en Emerita polos seus negocios ou polas súas actividades comerciais,
como teñen sostido algúns historiadores interpretando de xeito erróneo os pasaxes
das Vitas. Unha vez recibida a
doazón, foi a Igrexa de Mérida a que se atopou dona dun inmenso patrimonio que
Paulo utilizaría para agrandar e favorecer os intereses eclesiásticos locais.
sendo inda
bispo Paulo, ocorreu en Mérida outro acontecemento case milagroso. Un grupo de negotiatores (comerciantes) chegou á
cidade provinte tamén de Oriente e, por coincidencia, da mesma rexión que
Paulo. A primeira visita que fixeron foi ao bispo. O bispo é a primeira
autoridade local. Ao día seguinte, os comerciantes quixeron agasallalo cunha
serie de presentes, e o encargado de levarllos foi un mozo chamado Fidel, que viñera con eles para
traballar. Paulo recíbeo e síntese de inmediato impresionado por aquel mozo. Pregúntalle
como se chama, de onde ben, de que cidade, de que barrio, o nome de seus pais. Neste
momento Paulo decátase de que o mozo é familiar seu, o fillo de súa irmá. Érguese,
abrázao, bícao efusivamente e solicita aos comerciantes que lle deixen ao mozo
para que se quede con el e a cambio ofrécelles o que desexen. Ante a
resistencia dos negotiatores, Paulo
insiste case ameazante e ofrécelles inda máis (unha copiosa fortuna). Ao explicarlles
que é parente seu, aceptan non sen recibir cuantiosos presentes para eles e
para a irmá de Paulo, e emprenden o camiño de regreso alegremente.
é obvio
que non podemos crer esta historia de Paulo e Fidel como algo histórico. Todo o
relato resulta fantástico, enmarcado dentro do xénero literario haxiográfico
que son as Vitas: trátase de buscar
unha orixe oriental e exótica ao primeiros bispos da cidade. Nun relato destas
características o normal é sinalar a orixe distante do protagonista. Ademais,
os médicos son estereotipadamente orientais, onde se atopaban as máis famosas
escolas desta disciplina, entre elas en Alexandría. Non se podía ofrecer ao
lector, ou ouvinte, simple e humilde, unha historia máis cativadora e
extraordinaria. E así, creo, debemos tomala nós, como un elemento máis do
xénero literario ao que pertence.
a pesar
diso, as Vitas, e en concreto o texto
comentado, reflicten realidades que en esencia corresponden a unha mentalidade,
a uns hábitos e a uns escenarios verídicos, nos que se enmarca o relato xeral
fantástico. E así, podemos concluír da historia de Paulo que un dos xeitos de
enriquecemento das igrexas e dos seus bispos eran, neste período, as doazóns o
as herdanzas que os magnates ofrecían ou agasallaban á Igrexa como forma de
agradecemento, como resultado das súas crenzas, fe e remisión dos pecados ou
para asegurarse a salvación. Neste sentido, o episodio de Paulo é
paradigmático. Outro aspecto que podemos considerar como verídico é o feito de
que o bispo sexa un personaxe milagroso, que cura e protexe, o que o converte
no líder espiritual e provoca admiración e devoción. É, en definitiva, ou se
converte, no home santo (o “holy man”).
na solicitude
encarecida de Paulo para quedarse con Fidel de xeito case obsesiva, para atopar
nel o consolo da súa catividade (consolatione
cautivitatis), algúns teñen insinuado unha intencionalidade sexual por
parte de Paulo cara o adolescente, e eu mesmo o teño sospeitado algunha vez; pero
creo que o texto non da pe para esta interpretación. Tamén me parece excesiva a
opinión da Félix Retamero cando di que o mozo Fidel se transforma el mesmo nun munusculum –un obxecto comprado polo bispo–.
Aquí trátase máis ben, dun intercambio de agasallos (para a irmá e para os
comerciantes), costume que está ben testemuñada neste período como forma de
cortesía e benevolencia.
outro elemento
“histórico” é o escenario onde se desenvolve o episodio. O bispo recibe os negotiatores no atrium –de atrio eius
egredientes–. O atrium é a sala
de recepción do pazo episcopal (episcopium)
onde normalmente se reciben as delegacións e onde se desenvolve a episcopalis audientia.
despois de
educalo de xeito conveniente e de ascender en todos os graos eclesiásticos,
Paulo nomea a Fidel sucesor seu na cátedra emeritense. Podería parecer este
método de designación un dos modos de acceder ao episcopado, pero resulta
anómalo e contrario á lei canónica. Estaba prohibido ao bispo nomear sucesor
sen que teña sido sometido á consideración dos bispos. O caso de Fidel é un
flagrante exemplo de nepotismo. E, de feito, un reflexo da irregularidade do
caso é expresado polas Vitas cando
nos din que houbo moitas protestas contra Fidel por parte do pobo que se
calmaron cando este prometeu deixar todas as súas riquezas herdadas á Igrexa
emeritense.
se ao
principio son os bispos os que participaron na consagración, co paso do tempo o
nomeamento será prerrogativa do rei. O II Concilio de Barcino do 599 (canon 3) xa sinalada que hai dúas posibilidades
para designar os bispos: ou por nomeamento real ou por aclamación do pobo e os
bispos. O Concilio de Mérida de 666 (canon 4) deixa entender implicitamente que
algúns bispos foron ordenados por mandato real. E o XII Concilio de Toledo
(681) sinala que o bispo de Toledo consagra prelados “a aqueles a os que a
potestade real elixira” (regalis potestas
eligere). Se é o rei quen nomea os bispos, pode imaxinarse a conivencia
entre o poder político e o poder eclesiástico e cómo ambos están estreitamente
unidos na administración do regnum. E
pódese comprender tamén como o accedo ao episcopado (summus honor) era cobizado e buscado por moitos utilizando para iso
todos os medios. Os concilios denúnciano en moitas ocasión e de forma
específica o IV Concilio de Toledo (canon 19), de 633, cando di expresamente
que “uns buscan o episcopado mediante intrigas, outros ofrecendo recompensas, e
outros, incluso, aliados co exército”. Ser bispo significaba poder, inda que
fora nunha sede insignificante, porque o era tanto a nivel local como a nivel
de todo o regnum, xa que os bispos
participaban nos concilios que, como levamos visto, eran verdadeiros órganos de
goberno.
por iso,
o mesmo canon 19 do IV Concilio de Toledo expresamente sinala quen non pode ser
promovido ao bispado. A listaxe é longa: non poden ser promovidos os convictos
de crimes, os que teñan incorrido en infamia, os que teñen confesado en
penitencia pública ter cometido delitos, os que caeron en herexía, os que foron
bautizados ou rebautizados sendo herexes, os que se automutilan a si mesmos, os
tolleitos, os casados en segundas nupcias, os casados cunha viúva ou unha
muller abandonada polo seu marido ou outra muller non virxe, os que tiveran
concubinas, os servos, os neófitos, os que se alistan no exército, os que teñen
obrigas nas curiae, os que non saben
ler, os que non teñan cumprido trinta anos, os que non teñan pasado polos
diversos graos eclesiásticos, os que buscan o cargo de bispo mediante intrigas
ou agasallos, os nomeados ao bispado polo antecesor no cargo, … E termina o
canon: “non será bispo aquel que non tivera sido elixido polo pobo e o clero
nin aprobado polo metropolitano e o consentimento dos bispos da provincia”. Estas
trabas din moito das irregularidades que se cometían e ante as que o concilio
se sinte obrigado a intervir. Que o cargo se intentaba mercar mediante
agasallos ou intrigas, que moitos tentaban ser nomeados ou o tiñan sido antes
dos trinta anos (e de paso coñecemos que esta era a idade mínima para poder ser
bispo). Estes inconvenientes tamén poñen de manifesto a preocupación pola vida
sexual dos individuos: está claramente especificado que non podían ter estado
casados máis que con mulleres virxes. Un mínimo de cultura, obrigada para o
ministerio dos sermóns, lecturas das Escrituras, era imprescindible, así como o
ter pasado polos diferentes oficios e estadios eclesiásticos, como ser
ostiario, lector, diácono, salmodista ou presbítero. Finalmente, na fortuna
final, alúdese ao xeito de nomeamento no que non se inclúe o nomeamento polo
rei, que nalgunhas ocasións antes se tiña practicado e que logo sería habitual.
Por fin, o canon establece que a consagración se debe facer en domingo.
ARCE, JAVIER Esperando a los árabes. Los visigodos en Hispania (507-711), pp. 261-267
adaptado por xindiriz; non se inclúen notas
Ningún comentario:
Publicar un comentario