martes, 16 de xullo de 2013

493

Odoacro e Teodorico, representados
nas Crónicas de Nüremberg, 1493
commons.wikipedia.org
Albinus e Eusebius, cónsules.

Hunulfo, irmán de Odoacro, e que ocupara importantes responsabilidades no imperio oriental, morre durante o asedio de Ravenna, cazado por arqueiros.

febreiro, 25: logo dun asedio de dous anos e unha outra batalla perdida, Odoacro accede a negociar con Teodorico.

febreiro, 26: os ostrogodos bloquean Classis.

marzo, 5: o arcebispo Johannes abre as portas de Ravenna ás tropas de Teodorico, que entra na cidade.

marzo, 15: nun banquete no que se celebraba a paz, Odoacro é personalmente asasinado, á vista de todos, por Teodorico. Segue a masacre dos partidarios do esciro.

Teodorico exercerá a autoridade en Italia como representante imperial pero conseguirá grandes marxes de autonomía. Ao parecer, ao contrario de Odoacro, Teodorico respectará o pacto co emperador deixnado que os romanos estean suxeitos á lei romana e o sistema xudicial propio. Os godos, mentres, vivirán baixo as súas propias normas e usos.

Teodorico alíase cos francos casando con Audofleda, irmá de Clodoveo e tamén procura alianzas cos godos, vándalos, burgundos e turinxios. Adopta o rei herulo e casa fillas e sobriñas con outros reis.

os ostrogodos aséntanse basicamente no val do Po e non entran en contacto coa poboación do dur. Teodorico admira a civilización romana e respecta  a súa administración e as súas leis. A capital foi establecida en Ravenna e a combinación entre administración romana e o exército ostrogodo fan esta estrutura practicamente indestrutible.

Ravenna adquirira un novo centro monumental nestes anos, con igrexas e palacios e Teodorico propúxose contribuír a esta tendencia a seguir monumentalizando a cidade. Reconstrúe e embelece o palacio que herda de Odoacro, que será tamén o lugar onde se centralice a administración de Italia.

Teodorico restaurará antigo monumentos e construirá novos, como un acueduto e dúas instalacións de baños públicos.

preséntaselle (como os dirixentes doutros regna en territorio imperial) o dobre problema de contentar á maioría romana, mentres segue a conservar a lealdade dos seus homes, dos que depende a súa posición. Hai a complicación adicional de que os romanos eran católicos, mentres que a maioría ostrogoda (como a maioría de grupos xermánicos) era ariana. Teodorico concedeu completa tolerancia de culto aos católicos, pero construíu templos de culto ariano.

a catedral ariana en Ravenna (a Anastasia) e a basilica gothorum teñen desaparecido, pero a Apolinar Novo e o baptisterio ariano inda testemuñan a alta calidade das construcións no seu período.

a corte de Teodorico moverase tamén a Verona e Ticinum, para manter o contacto cos continxentes asentados na proximidade de ambas cidades. Tamén nestas construíu palacios e outros edificios públicos.

os búlgaros atravesan o Danubio; Anastasius decide reparar os muros longos (que recibirán o nome “de Anastasius”) en Constantinopla, de 56 quilómetros de lonxitude, orixinalmente construídos por León I.

guerra isaura: Claudiopolis, antiga cidade de Capadocia é asediada e capturada polos romanos. Os isauros bloquean os pasos montañosos pero Xoán o Xiboso gaña unha batalla decisiva contra os rebeldes.

coa lealdade do outro xefe franco, Sixeberto, Clodoveo da outro paso expansivo e desexa someter os alamanes.

Gundobado, logo de acabar co seu irmán Godomaro, tamén derrota e aparta ao rei de Valentia, Chilperico II, cuxa filla, Chrodechilda, casa con Clodoveo.

Chrodechilda era católica e Clodoveo era pagán. Ela trata de persuadilo de que se converta ao catolicismo pero sen éxito inicial. Teñen un fillo e ela pide permiso para bautizalo pero o neno morre. Teñen un segundo e volve enfermar o neno, Chrodechilda reza por el e cando se recupera Clodoveo accede, impresionado polo “poder curativo” da oración, tanto a bautizalo a el como a si mesmo.

realmente, a decisión de Clodoveo quizás se sustentara máis ne forxar unha alianza cos católicos, a maioría da poboación; mentres que o resto de xefes xermánicos e as súas tropas eran todos arianos, e por tanto sempre tiñan problemas de adaptación e asimilación.

data probable da batalla de mons Badonicus en Britannia: a dinastía Ui Neill loita polas reliquias de Patricio co reino de Airgialla (Anais dos catro Amos).

Xiao Wen Di comeza adoptar políticas de sinicización así coma outro tipo de reformas. Casa con Feng Qing.

Ningún comentario:

Publicar un comentario