martes, 3 de novembro de 2020

a incesante conversa de Agostinho

de Agostinho e do resto de bispos da tardoantigüidade esperábase que fosen seminatores Verbi, sementadores da Verba de Deus. el mesmo, durante o seus anos como bispo de Hipona (396-420) puido ter pronunciado máis de 6000 sermóns.

cando agora os lemos podemos estar certos de que nom son textos coidadosamente reeditados, como si faría Ambrosio, lémolo a el e as súas verbas, tal e como o oíron por primeira vez. os membros ricos das congregacións que visitaba pagaban expertos estenógrafos que rexistraron todo o que saía da súa boca.

de todo ese torrente de verbas probabelmente nom sobreviva máis dun 10%. os copistas medievais abreviaron moitos dos sermóns orixinais porque só lles interesaban certos fragmentos. buscaban a súa teoloxía, nom a súa Africa. a miúdo, moitos deses sermóns estaban alagados de cores locais e para monxes que vivían na Europa gótica séculos máis tarde sería realmente difícil comprender certas alusións que contiña aquel material. para eles a Africa de Agostinho, agora musulmá, sería e parecería infinitamente remota.

un francés, François Dolbeau, descubriu hai pouco unha serie de sermóns que están 'intactos',seguramente tal e como saíron da boca do sabio, copiados num mosteiro medieval de Maguncia. sermóns sem modificar, completos e cheos de detalles da vida daquel tempo.

unha das facetas máis interesantes que trasladan estes escritos é o eco da voz das congregacións que Agostinho visitaba, o populus que en cada ocasión tiña diante. aquelas reunións nunca se sabía como ían rematar. no curso do servizo cristián, o sermón antecedía ao drama supremo da eucaristía, xusto antes da procesión solemne na que os leigos levaban as súas ofrendas ata o altar.

nom había un púlpito elevado nim bancos que estableceran límites claros. e os congregados estaban de pé, podían moverse dun lado a outro ao seu antollo. probabelmente se apiñaban, se era un orador interesante, fronte á ábsida, en torno á parte lixeiramente máis elevada, para escoitalo. o orador tamén podía baixar ao medio da xente ou optar por quedarse na ábsida, lixeiramente elevado sobre eles.

Agostinho improvisaba bastante e nom sempre os seus 'diálogos coa multitude', como os teñen denominado, tiveron éxito. o 22 de xaneiro de 404 nunha basílica de Carthago con capacidade para 2000 persoas foi un dos días nos que houbo problemas. quixo baixar da ábsida ao altar para predicar desde alí pero algúns consideraron oportuno subirse ao borde da ábsida para escoitalo e velo mellor e a Agostinho nom lle gustou o xesto.

volveu á ábsida e gardou silencio en sinal de protesta e desgusto. quixo que entre el e a xente mediara unha distancia prudente e os que estaban no altar, no centro da basílica, protestaron. fixeron como se facía no circo ou na area. berráronlle, 'segue coa misa!'. o mesmo que dicir que xa nom querían escoitar o seu sermón.

ao día seguinte volveu predicar alí e reprendeu aos que o reprenderan a el o día anterior, pero tampouco o respectaron. as basílicas cristiás de Africa nom eran inmunes á democracia provisional dun populus tardorromano. a posibilidade de conflito sempre palpitaba. unha maioría de cidadáns pobres podían empurrar e mofarse do seu clero, podían protestar contra os ricos. coma se facía desde os bancos do teatro ou da arena.

neste contexto Agostinho improvisaba, adaptaba de xeito constante a súa voz ao ánimo que detectaba nos seus públicos, un sentir que podemos percibir detrás das súas verbas. imaxes e anécdotas cotiás. oímos só un lado dunha conversación incesante. pero tamén os sentimos a eles e a elas.

fragmento de Brown, Peter Through the Eye of a Needle (2012) - capítulo 21 - tradución e adaptación por @xindiriz

Ningún comentario:

Publicar un comentario