lunes, 15 de septiembre de 2014

603

triente de ouro de Witerico
ceca ELIBERRI
www.maravedis.net
marzo: o embaixador bizantino Lilius, enviado onde Cosroes II, chega a Dara, onde lle comunican que será declarada a guerra contra Phocas.

Phocas ordena a Germanus, gobernador de Dara, que tome Edessa, onde Narsés se ten rebelado contra el, e este pide axuda a Cosroes II.

primavera: Liuva II enfróntase no propio pazo real de Toletum a unha rebelión ariana encabezada novamente por Witerico, que conta co apoio de gran parte da aristocracia. Nun combate o rei perde a man dereita, é capturado e executado polos rebeldes. Witerico, novo rei, fíxase como obxectivos expulsar os bizantinos e restaurar o arianismo.

xullo/agosto: Axilulfo sae de Mediolanum e asedia, coa axuda de auxiliares avaros, Cremona.

batalla de Degsastan: Aethelfrith, rei de Bernicia, vence as forzas combinadas de Strathclyde baixo Áedán mac Gabráin de Dalriada, establecendo a supremacía definitiva dos anglos na parte norte de Britannia.

Bonifacio (futuro bispo de Roma), nomeado apocrisiarius por Gregorio I.

a dinastía Sui mina o poder do turco Tardu instigando disensións entre turcos occidentais e orientais. Tardu, khagan occidental, é asasinado e sucedido por Heshana Khan, fillo seu, que impón fortes tributos ao pobo tiele.

abril, 7: Axilulfo, influído por Teodelinda, abandona o arianismo polo catolicismo e é bautizado, xunto co seu fillo Adaloaldo, na catedral de Monza, onde se instala a ‘coroa de ferro dos lombardos’.

a nova estabilidade en China baixo Wendi fai aumentar as zonas de cultivo e tamén progresa a tecnoloxía naval.

decembro: Shōtoku impón un novo sistema xerárquico na administración en Xapón que lle permite manexa con habilidade os clans máis poderosos e inserilos nun código de honor e obediencia ao poder central.

o monxe de Hibernia Offo funda a abadía de Schuttern en Alemaña.

agosto, 21: Cremona tomada polos lombardos. Axilulfo tamén toma Padua e Mantua, sendo repartidos os territorios destas cidades entre os ducados de Brescia e Bergamo.

setembro, 13: Mantua tomada polos lombardos; a fortaleza de Vulturnia réndese sen combate.

setembro: alcánzase unha tregua entre o exarca de Ravenna e os lombardos.

Gostun, soberano búlgaro.

agosto, problemas entre Comentiolus (magister militum Spaniae) e representantes eclesiásticos hispanos (Ianuarius, bispo de Malaga, un crego dependente deste e Stephanos, bispo de Illiberris), depostos e exiliados, causan o envío do defensor Xoan desde Roma. Había unha petitio por parte de Ianuarius, seguindo os procedementos do Corpus Iuris Civilis: Spania forma parte do exarcado de Africa, Mauretania II, e por tanto aplícanse as leis imperiais.

a causa do problema poden ser disensións dos bispos fronte á política imperial, unha posible conivencia co poder visigodo nas zonas limítrofes ou a morte de Liciniano, bispo de Carthago-Nova en Constantinopla, envelenado ab aemulis, segundo Isidoro de Sevilla.

Gregorio I escribe ao seu defensor Xoán, camiño de Hispania, para que poña orde nas condutas duns monxes da illa Cabreira, ao igual que sucede en Cerdeña: “alí onde a gravidade da culpa pide a aplicación da lei canónica, non podemos apartar a un lado o que é necesario corrixir, non sexa que, facendo ollos cegos, demos forza ás accións depravadas que, así como as encontramos, debemos de segar coa disciplina. Pois téñennos chegado novas de que os monxes do mosteiro na illa Cabrera, a carón de Mallorca, tamén unha illa (Capria insula, quae iuxta Maioricam idem insulam est ...),  obran de xeito tan perverso e teñen sometido as súas vidas a diversos crimes, que manifestan que, máis que servir a Deus, loitan, e dígoo chorando, a favor do antigo inimigo. Ti, coa autoridade que che confiren estas cartas, diríxete ao mosteiro, para informarte da vida e costumes dos que alí viven, procedendo a unha ampla investigación. Deste xeito, todo o que atopes que debe ser eliminado, tal como pide a norma canónica, terás que corrixilo impoñendo as penas correspondentes, e terás que preocuparte de informar os monxes de todo o que teñen que respectar. A túa forma de corrixir ten que servir para facer retornar os monxes ao camiño da boa vida monacal, de tal xeito que ti non sexas culpable de nada ante nós”

os datos arqueolóxicos falan dun complexo central común e unha serie de celas individuais arredor (o que permite cultos comúns e unha dedicación espiritual individual), unha zona de produción e unha necrópole, masculina e sen xoias, entre os ss. V-VII. Tamén hai restos en Conejera.

cando menos hai unha factoría de salgado de peixe e un taller de fabricación de púrpura. A comunidade debe ser bastante grande e probablemente non funcionará máis alá de 750 debido á inestabilidade política da época, con gran número de bandas de piratas.

Agostiño de Canterbury consegue que Aethelbert de Kent se bautice, o cal tamén lle permite entrar en Essex e Anglia oriental, territorios nos que o rei de Kent ten gran influencia.

Phocas trata de conter os avaros co pago dun forte tributo, o que lle vale o desprezo do exército. Ante o avance persa trata de obter apoios en occidente, recoñecendo a supremacía de Roma sobre Constantinopla, o que causa escándalo nesta cidade. Adopta medidas severas contra o monofisismo, que lle valen reaccións contrarias en Exipto e Asia Menor.

a pesar dos problemas e da gran diminución da poboación, as grandes avenidas de Roma seguen abertas. Moitos edificios públicos monumentais son dedicados a novos usos: cemiterios, vertedoiros, …

as importacións de produtos (envasados en ánforas) de Africa e o leste, inda que diminúen, seguen a chegar á capital.

neste ano prodúcese a última mención do Senado (aclamando as estatuas de Phocas e a súa dona Leontia) como tal pero a administración pública civil segue a funcionar, dirixida polo exarca de Ravenna. De todas maneiras, o gran poder romano é xa o bispo de Roma.

No hay comentarios:

Publicar un comentario