jueves, 21 de agosto de 2014

584

Authario, rei lombardo
crónica de Nuremberg, 1493
en.wikipedia.org
Eborico é deposto e confinado nun mosteiro por Andeca, que casara con súa nai, e é novo rei dos suevos en Callaecia.

Leovixildo toma finalmente Hispalis e Hermenexildo refúxiase en Corduba, pero seu pai tamén a toma; negocia o perdón desde unha igrexa e é desterrado a Tarraco. Leandro tamén é desterrado. Ingunda foxe cun fillo varón de ambos a Africa.

Gontran restitúe os territorios en torno a Marsella ao seu sobriño Childeberto II e renova con el unha alianza. Chilperico, que teme un ataque combinado, refúxiase en Cambrai co seu tesouro e fai que reparen os muros da cidade.

Chilperico I ten un fillo varón, Clotario, a quen “fixo educar no seu dominio de Vitry-en-Artois a fin de que non lle acontecera ningunha desgraza se se lle vía en público e puidera morrer” (Gregorio de Tours); nestas poucas palabras temos como se desenvolve a vida privada na época: ao rei acáballe de acontecer algo de suma importancia, un fillo varón, nada sobre a nai, cuxo nome é dubidoso, tal vez unha concubina, e tan pronto como nace envíao onde unha nodriza da cidade (Cambrai) ao campo. Hai que ocultar a infancia e vivir en privado para evitar as ameazas do mundo exterior. A vida privada é amor, violencia, anguria e morte.

Childeberto II parte a Italia, financiado polos bizantinos, para atacar os lombardos. Os duques lombardos sométense e tamén lle pagan un tributo e Childeberto retírase. Mentres, Chilperico aproveita para recuperar París.

segunda embaixada do senador Elpidius onde Bayan; conclúen un tratado de paz.

primavera/verán: embaixada bizantina en Persia. O xeneral Xoán Mystacon é substituído por Philippicus, cuñado do emperador, nomeado magister militum per Orientem, quen recruta tropas e fortifica Monocarton.

verán: os avaros son vencidos por Comentiolus logo de que estes penetren ata os ‘muros longos’ de Thracia.

Creoda funda o reino de Mercia.

incendio de Bourges.

Muhammad (14 anos) participa cos seus tíos nos combates que enfrontan o seu clan co beduíno Hawazin.

final de setembro/ inicios de outubro: o único fillo vivo de Chilperico (Gregorio de Tours: ‘Nerón e Herodes do noso tempo’) é Clotario e el mesmo tamén morre ao regresar dunha cacería en circunstancias misteriosas cerca de Chelles, quizás por instigación de Brunequilda ou da propia Fredegunda.

setembro: Rigunthis, filla de Chilperico e Fredegunda, parte de París cun gran tesouro a Hispania para casar con Recaredo. Na primeira parada que fai a expedición desaparece parte da escolta con todo o que son capaces de roubar. En Tolosa, o duque Didier, logo de saber do asasinato do rei, faise co resto das riquezas. A princesa é devolta a súa nai.

Fredegunda faise co tesouro real de Neustria, foxe a París con Clotario (catro meses) e pide a protección de Gontran para os dous. Gontran chega a Paris cun exército para garantir o trono de Neustria a seu sobriño contra as ambicións de Childeberto II, tamén sobriño, que reclama en Meaux a súa parte de Neustria.

o recen nado pasa a ser Clotario II de Neustria, baixo a tutela de Fredegunda e Gontran pero notables como o bispo de Rouen expresan dúbidas sobre que Clotario sexa realmente fillo de Chilperico; Fredegunda fai matar este bispo e que outros xuren a lexitimidade do neno.

os britanos vencen a Ceawlin de Wessex en Fethanleigh, onde morre o irmán do rei, Cuthwine.

Berta, filla de Chilperico, casa con Ethelberto de Kent, pagán, pero que permite que ela conserve a súa fe e leve sacerdotes con ela a Britannia.

os duques lombardos séntense ameazados logo da invasión franca e elixen rei a Authario, fillo de Clef, un mozo xa ben experimentado no combate, que residirá en Ticinum.

Mauricio, coa axuda de Pelaxio II e o apoio pagado dos francos (50000 solidi), logra conter os lombardos e asegura o dominio dunha porción de territorio, o exarcado de Ravenna. A capital da fronteira é salvada coa axuda da flota imperial.

outubro, 4: Pelaxio II describe a situación en Roma a Gregorio, apocrisiarios en Constantinopla: “tan grandes son as calamidades e tribulacións que sufrimos pola perfidia dos lombardos a pesar das súas solemnes promesas que ninguén as podería describir ... O imperio atópase nunha situación tan crítica que, a non ser que Deus prevaleza no corazón do noso pío señor para que mostre aos seus súbditos a piedade que sinte e lle dea un comandante ou un xeral, estamos perdidos. Xa que o territorio que rodea Roma está completamente indefenso e o exarca escribe que non pode facer nada por nós, sendo el mesmo incapaz de defender a zona de Ravenna (...)”. A carta de Pelaxio contén a primeira mención ao exarcado, que supón na práctica recoñecer as conquistas lombardas. Un exarcado é unha provincia de fronteira militarizada, organizando o que queda de Italia nunha unidade defensiva.

Pelaxio pide que Gregorio interceda ante o emperador para salvar a situación contra os lombardos. Mauricio envía a Smaragdus con un exército e o título de exarca. Sen embargo, o título, que confire poderes teóricos ilimitados, depende na práctica dos recursos militares dispoñibles, e estes son insuficientes para diminuír o poder lombardo, pero si abondan para consolidar o exarcato.

outono: Philippicus devasta as chairas de Beth Arabaye, próximas a Nisibis.

os avaros ocupan (por pouco tempo) Singidinum e Viminatium e asedian Thesalónica.

Kubrat, primeiro khagan búlgaro mencionado polo seu nome nas fontes.

Yang Jiang prepara a conquista del sur, constrúe catro silos para asegurar o abastecemento da capital, Chang'an, establece as primeiras conexións por barco co sur e asina acordos cos turcos para garantir a paz no norte. Tamén constrúe un enorme canal navegable que desenvolve o comercio e o abastecemento de auga, pero tamén servirá para rápidos movementos de tropas.

decembro: Gondovaldo volve a Gallia e proclámase rei en Brives, pero o nacemento de Clotario réstalle novamente posibles adeptos. Retírase a Comminges.

No hay comentarios:

Publicar un comentario