lunes, 18 de agosto de 2014

581

mosteiro de Montecassino, reconstrución
www.oneonta.edu
Leovixildo reprime unha sublevación dos vascóns e funda Victoriaco para celebralo.

Zotto de Benevento asedia Neapolis pero non a pode conquistar, destrúe Aquinum e captura Venafrum, cuxo clero fuxe cara Neapolis; ataca e saquea Montecassino e os monxes beneditinos que sobreviven foxen a Roma pero pasado o perigo volven ao lugar para reconstruír o mosteiro.

Taspar Qaghan asedia Chersonesos Taurica (Ucraína), no mar Negro, e a súa cabalería segue a saquear as estepas de Crimea (ata 590).

febreiro, 13: Yang Jian, emparentado por matrimonio coa dinastía Zhou, executa a Jing Di (8 anos) e 58 parentes máis en Chang’an, e funda así a dinastía Sui. Adopta o nome de Wen Di. En principio foi un golpe incruento pero tivo que enfrontarse inmediatamente a unha rebelión encabezada por Gao Jiong, e só despois de derrotalo puido consolidar a súa posición. O obxectivo é agora conquistar o sur e unificar China.

Hormizdas IV declara a guerra aos bizantinos. O seu xeneral Bahram Subin vencera os turcos un ano antes.

Mauricio derrota a Bahram Subin en Constantina. A raíz disto, Bahram Subin é humillantemente destituido.

Mauricio, apoiado polo ghassánida al-Mundhir III, non logra conquistar Ctesiphonte. Mauricio acusa de traizón a Mundhir, quen é enviado a Constantinopla para ser xulgado. Tiberio II trátao con respecto e permítelle a el e á súa familia vivir nunha residencia confortable.

al-Un’man IV, fillo de Mundhir, rebélase contra os bizantinos, pero estes acaban co reino como tal entidade.

morre Gogon e os novos conselleiros de Austrasia encabezados por Aegidius, bispo de Reims, e co acordo de Ursion, Berthefriedo e Gontran Boson rompen o tratado con Gontran e asinan unha nova alianza con Chilperico I, polo que Childeberto II (11 anos) é recoñecido como herdeiro seu. Loupo, duque de Champaña, fiel a Brunequilda, debe fuxir onde Gontran. A xente de Austrasia non concorda coa nova alianza.

Enius Mummolus rompe con Gontran e retírase a Avignon, baixo a protección de Childeberto.

Childeberto de Austrasia confía ao duque Gundulf a conquista da rexión de Marsella e reinstaurar ao bispo Teodoro, quen estaba en conflito co prefecto de Gontran Dynamius, que o fixo prisioneiro. Gundulf consegue o seu obxectivo pero cando marcha Dynamius consegue de novo que a cidade se revolva contra o control de Austrasia e a favor de Gontran.

o duque Didier entra en Aquitania por encargo de Chilperico, que aproveita a discordia entre Childeberto e Gontran para apoderarse de Agenais e Perigord, posesións de Gontran.

Chilperico envía ao duque Bladastes contra os vascóns ao sur dos Pirineos. Derrotado, deixa que as tropas sobreviventes se vaian libres.

Aella conquista Deira dos britanos e faise rei.

morre Arslan Tobo-Khan (Taspar) e o seu sucesor Shetu Baga Ishbara enfróntase cos turcos occidentais baixo Qara-Chrui Turk Bogiu, o que supón a fin do primeiro reino turco unificado.

comeza o interregno no imperio turco ao haber varios candidatos ao trono: Talopien (o candidato do khagan morto), Ishbara (o candidato de Kurultay) e Tardu (yabgu occidental). Ishbara logra imporse.

Mauricio escribe o strategikon, un tratado de arte militar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario