lunes, 14 de octubre de 2013

Próspero escribe a León no (case) final de Roma

encontro entre León Magno e Atila
fresco de Rafael Sanzio (1513-1514)
a comezos do s. XVI Rafael Sanzio e a súa equipa de colaboradores pintaban nas estancias vaticanas a entrevista entre Atila e o papa León I que, segundo Próspero de Aquitania, tivo lugar en 452. Próspero editou a última versión da súa crónica en 455, difundida durante o pontificado de León. Para entón Atila xa morrera, pero non o seu protector, o propio papa.

a idea segundo a cal tiña sido o bispo de Roma, coa divindade que o protexía, o verdadeiro axente histórico que impediu a entrada de Atila na cidade do Tíber acabaría ten grande éxito. Próspero non podía nin imaxinar que o episodio ía ser levado ao cine e que o ían ver miles e miles de persoas nas salas de proxección, primeiro, e nas emisións de televisión, despois. Pero non.

para decepción de moitos espectadores Atila non liquidou o imperio romano. Nin sequera sabemos o alcance daquela entrevista, en calquera caso mantida con máis personaxes ilustres da política romana do momento. Logo da entrevista (452), houbo emperadores en Occidente durante case un cuarto de século. Iso si, a idea dunha ameaza externa, dun enorme perigo conxurado pola intervención dun líder relixioso causou furor e foi moi cedo asumida por quen desexaba labrar ese campo.

a crónica de Próspero transmite un apego especial ao papado, concretamente á figura de León, baixo o que ascendera dentro do clero romano. A loita contra as herexías e, xunto a iso, a idea de que a ortodoxia relixiosa debía estar liderada polo bispo de Roma son o sustento ideolóxico da súa crónica. Despois de todo, o propio Próspero tiña batallado pola defensa das doutrinas de Agostiño fronte a outros cregos, bispos e monxes de Gallia, a súa terra natal, ao punto que radicalizou enormemente as posicións do de Hippo Regius, no contexto xeral de polarización do pensamento teolóxico que se producía en Gallia, sobre todo desde os 420s, coa recepción dalgúns dos ensaios de Agostiño sobre a graza.

este fundamento teolóxico, radicalizado, está na base de calquera referencia que poidamos expurgar en Próspero. Polo tanto, non pode estrañar que, ao final do texto, a mensaxe que tratara de inculcar nos seus lectores fora precisamente que era o papa quen podía facer algo pola humanidade, e non tanto o emperador. A mensaxe non era nada menor. A suposta intervención de León ante Atila, a fin de salvar a cidade de Roma dos hunos, era contraposta directamente coa que pouco despois introducía sobre o saqueo que levaron a cabo os vándalos na cidade do Tíber en 455, pese a que León se tiña reunido tamén con Gaiserico.

esta idea da superioridade do eclesiástico sobre o civil, da súa capacidade de manobra, que Próspero exemplifica con León, é unha auténtica alternativa ideolóxica ao sistema dos emperadores como referentes políticos, cando menos no marco da creación cronística. E enlaza directamente coa proposta dalgúns textos haxiográficos escritos entre finais do s. V (a Vida de Xermanus de Auxerre) e moi a comezos do VI pero sobre protagonistas do V (a Vida de Epifanio de Pavía, a Vida de Severinus do Noricum o a Vida de Xenoveva de París).

Próspero presenta a Gaiserico baixo a imaxe do perseguidor, situando o relixioso por encima de calquera outro dos planos posibles. Algo semellante sucede co tema de Atila. Tras referir a vitoria das tropas coordinadas por Aetius, nas que había numerosos pobos entre os que destacaron os godos, Próspero cita a entrada de Atila e os seus exércitos en Italia. Próspero conclúe o relato do episodio co cumio pretendido, que non é outro que o enxalzamento do seu heroe, o papa. En tal disposición de feitos, e tras pintar a situación como caótica –a pesar da vitoria do ano anterior–, a entrada resolve o asunto coa decisión de León, apoiado sempre e en todo momento pola divindade, quen xunto con Avieno e Trigetio formou unha delegación que marchou a entrevistarse con Atila que, encantado coa reunión, decidiu parar a guerra e, tras prometer a paz, deixou Italia. Próspero, interesado nos asuntos relixiosos como eixo do discurso cronístico, sitúa aquí o liderado de León como elemento decisivo, como auténtico axente histórico.

e, o que me parece máis importante, a entrada, sen dúbida rechamante para os seus elitistas legentes contemporáneos, aproveita o impacto que Atila tiña podido ter para eses grupos de Gallia (da que procedía o autor e en cuxas rexións campara a heteroxénea masa militar “huna”) e de Italia (na que entrara Atila) para colocar a mensaxe que realmente lle interesa: son os líderes relixiosos os chamados a asumir o liderado nun momento tal.

a escena do encontro entre Atila e León causou un gran impacto na tradición cristián, e evidentemente resultou moi suxestiva para os defensores do papado de Roma como institución de referencia. Non pode estrañarnos que tivera a importancia que séculos despois lle daría Rafael, cando a pintou nunha das súas composicións para as estancias vaticanas, por encargo de Xulio II, primeiro, e León X, despois. A idea dun papado forte fronte a outras potencias encontraba en escenas coma esta un referente ideolóxico e de lexitimidade nada desprezable. En fin, o que Próspero ensaiou en 455 na última edición da súa crónica non é moi diferente do que farán os haxiógrafos de finais do s. V (Constancio de Lugdunum) ou os primeirísimos do s. VI (Enodio ou Euxipio), buscando a preeminencia do líder relixioso por encima de calquera liderado terreal que, nestes últimos casos, xa non era o dos emperadores, cando menos en Occidente.

entrada feita con elementos tirados do libro e páxinas seguintes. procurouse respectar ao máximo o orixinal pero mudáronse cousas para ter un texto final minimamente fiado e coherente.
unha salvedade importante: escribimos León I e non León Magno.
tradución e deturpación por @xindiriz
Santiago CASTELLANOS En el final de Roma (ca. 455-480), 2013; p. 15, pp. 208-209, e pp. 292-293

No hay comentarios:

Publicar un comentario